Pedimos que se desinfecten os espazos públicos de xeito periódico.

  • O goberno local solo acometeu unha única desinfección de espazos públicos e contedores de lixo ao principio do estado de alarma.
  • A autorización para que as crianzas poidan saír vai repercutir nun aumento do tránsito e uso dos espazos públicos, polo que se deben dispor medidas preventivas.

 A autorización do estado de saír aos máis cativos da casa a pasear unha hora ao día, vai ter consecuencias directas no confinamento no que levamos xa máis de corenta días. A primeira é o aumento do tránsito  de persoas nos espazos públicos. Está autorización vai ter previsiblemente máis repercusión nas zonas urbanas, onde nenos e adultos conviven  en pisos sen espazos privados exteriores.

IMG_20200424_180541

Concellos como Poio ou Cambados acometen de xeito diario a desinfección dos seus espazos públicos.

O goberno de David Castro, dende o inicio do estado de alarma, á diferencia de moitos concellos, non considerou necesario desinfectar de xeito periódico os espazos públicos, e en verbas de Enrique Oubiña “non imos valorar de momento as medidas tomadas polo goberno local, anque é evidente que desinfectar unha única vez espazos exteriores non ten validez máis aló das primeiras horas”.

   A nova situación, coa autorización de saída das crianzas, que previsiblemente nas próximas semanas irá acompañada doutras medidas de retorno paulatino á normalidade, dende o noso punto de vista ten que ir acompañada de medidas extraordinarias de prevención, neste caso de desinfección continuada dos espazos públicos.

  Por ese motivo está mañá presentamos un escrito no concello solicitando que se proceda á desinfección de xeito periódico dos espazos públicos do concello, das zonas de paso, parques, accesos a edificios públicos e negocios abertos,  beirarrúas nos núcleos urbanos, para axudar a manter a raia o número de contaxios, a batalla principal nesta guerra contra o coronavirus.

Captura escrito 14

Somos Ribadumia apoiamos xunto a máis de 150 organizacións o manifesto ‘UNIDADE e SOLIDARIEDADE fronte ao COVID-19’.

wp-1587540466903.jpg

  •  O manifesto que se publicou por primeira vez o 1 de abril pasou, en pouco máis de 15 días, de reunir a 20 organizacións a máis de 150.

O pasado domingo 19 de abril publicouse por terceira vez o manifesto “Para gañar ao COVID-19 necesitamos UNIDADE e SOLIDARIEDADE” asinado xa por 130 personalidades, 150 organizacións e máis de 10.000 persoas.

Entre os asinantes atópase o director de cinema Pedro Almodóvar, que asina xunto a outros directores como Rodrigo Sorogoyen, que cultivou 7 Goyas con ‘O Reino’ na edición dos Goya do ano pasado. Xunto ás personalidades que xa asinaran nas outras dúas edicións do manifesto – como Antonio Resines, José Sancristán, Julieta Serrano, Elvira Lindo, Javier Mariscal, Lucía Etxebarría, ou Juan Diego Botto – aparecen outras como o escritor Javier Cercas, o poeta Benjamín Prado, Fermín Cabal, o novo presidente da SGAE, ou as actrices Vicky Pena e Natalia Roig.

Ademais, a científicos destacados como Rafael Matesanz e Juan José Badiola, únese a firma de profesionais como José María Martell, director do Instituto de Ciencias Matenáticas, José Antonio Caballero, científico do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial ( INTA) ou Román Reyes, presidente do Euro- Mediterranean University Institute ( EMUI).

Pero a novidade principal desta terceira publicación do manifesto é a adhesión de máis de 150 organizacións que apoian o texto. Somos Ribadumia asinamos o manifesto xunto a organizacións como a Unión Democrática de Pensionistas ( UDP), o Consello Xeral do Traballo Social ( CGTS), Mujeres Xuristas Themis, a Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans e Bisexuais ( FELGTB), a Confederación de Consumidores e Usuarios ( CECU), a Rede de Medios Comunitarios ( ReMC), Nova Canarias ou Nagusiak en Euskadi.

Entre os asinantes hai decenas de organizacións feministas, como o Forum Feminista de Madrid ou WILPF España (Liga Internacional de Mulleres pola Paz e a Liberdade), de organizacións da España Baleirada como as Escolas Campesiñas de Segovia, cristiás, como o Movemento Rural Cristián, de mozos como Saó ou as JOC, ademais de gran cantidade de medios, xornais dixitais e radios comunitarias. Tamén asinaron organizacións empresariais, como a Confederación Intersectorial da Pequena e Mediana Empresa de Cataluña ( COPYME – Cataluña), ou a Asociación Nacional de Empresarios do Transporte ( ANET-España), e plataformas de traballadores cun papel crucial nesta crise como a de Auxiliares de Axuda a Domicilio de Asturias ou a de Técnicos Sanitarios C1, que se unen á Asociación en Defensa da Sanidade Pública de Madrid.

Nesta edición do manifesto, ademais de representantes políticos como Joan Baldoví de Compromís e Román Rodríguez de Nova Canarias, incorporáronse outros como Joaquín Egea, senador de Teruel Existe, ou Jorge Marqueta, do Consello Nazional da Chunta Aragonesista.

A manifesto chama á unidade coas medidas de emerxencia tomadas polo Goberno, á unidade entre os diferentes sectores do país, especialmente os que están en primeira liña, e á unidade entre as diferentes nacionalidades e rexións, reclamando solidariedade dunhas con outras, especialmente coas que máis sofren a pandemia. Segundo os asinantes “crear división con intereses partidistas, xerar bulos e difamacións, mina a unidade e a moral, debilítanos e rebaixa as defensas que necesita a nosa sociedade contra o virus”.

Por outra banda, o texto reclama saír desta crise máis fortes e con mellores servizos públicos, especialmente a Sanidade, que demostraron ser a base das condicións de vida da maioría. Unha saída da crise que debe pasar pola redistribución da riqueza, e que esta crise non a paguen quen pagou a anterior. O manifesto esixe un proceso de industrialización, ecolóxico e que potencie o medio rural, ante a falta de capacidade de produción propia para atender as necesidades sanitarias da crise.

As persoas ou organizacións que o desexen, poden sumarse a este manifesto no seguinte enlace:

https://www.unidadysolidaridad.es

Estamos sorprendidos pola situación creada coas felicitacións de aniversario aos nenos durante este confinamento.

  • David Castro desautorizou a Protección Civil de Ribadumia para realizar esta función.
  • Algúns nenos e nenas están sendo felicitadas pola agrupación de Protección Civil de Cambados.
  • Pedimos do goberno local que acabe co escurantismo ao que ten sometida a oposición con todo o relacionado co covid-19.

  Dende Somos Ribadumia non podemos amosar máis que sorpresa ante a situación surrealista que o goberno de David Castro creou durante este confinamento, ao redor dunha iniciativa tan sinxela como a de felicitar aos nenos que cumpran anos, iniciativa que noutros concellos veciños fai xa semanas que se leva a cabo sen maior problemática.

 A iniciativa, que consiste en que a agrupación local de protección civil, nalgúns concellos como Cambados coa colaboración dunha empresa de animación infantil, se despraza ata o fogar do neno ou nena que estea de aniversario para felicitalo publicamente dende a rúa, usando a megafonía para  poñer unha canción, e dando así unha chispa de alegría  e rompendo algo coa rutina dos cativos  nestes longos días de confinamento, a priori  non presenta ningunha problemática dende o noso punto de vista a hora de poñerse en marcha no noso concello, e cónstanos que a agrupación de Protección Civil  de Ribadumia xa o propuxo no seu momento e mesmo a puxo en práctica.

Porén, tal como explicaba Oubiña, “ cal foi a nosa sorpresa cando ao enterarnos de que dende a alcaldía desautorizaron esta iniciativa e obrigaron a Protección Civil a detela, cando xa habería en lista de garda varias ducias de nenos e nenas, unha decisión da que descoñecemos os motivos e xustificacións”.  Esta situación provocou o enfado de  nais e pais, enfado que foi a  máis ante a falta de información aportada polo concello, sobre todo tendo en conta que nos concellos veciños se leva a cabo sen problemas. Con todo, a situación volveuse totalmente confusa cando fai uns días algún cativo do concello foi felicitado na súa casa, pero por persoal de Protección Civil de Cambados.

  Foi a partir deste momento cando o noso voceiro se puxo en contacto coa agrupación ribadumiense de protección civil e alí lle confirmaron  que “ eles non teñen autorización para realizar estas  felicitacións, pero se unha nai ou pai  chama á  agrupación de Protección Civil de Cambados e poden facelo, eles por suposto están encantados de axudar”.

   Dende o noso punto de vista, e tal como expón Oubiña esta situación “é totalmente ridícula, máis propia das actuacións dunha comisión de festas sen experiencia que dun goberno que pretenda xestionar cun mínimo de seriedade o  concello”. Pedimos  a David Castro que se aclare, e que permita que iniciativas como esta se realicen, por suposto dentro  sempre dos parámetros de seguridade. Pedimos tamén que, ao igual que na maioría de concellos, o equipo de goberno de David Castro abandone o escurantismo e bloqueo informativo ao que ten sometida á oposición e a propia poboación, “primeiro porque vai en contra do funcionamento democrático, segundo porque el mesmo asumiu en pleno o compromiso de contar coa oposición nos temas de importancia e terceiro porque por moito que tente actuar á calada este é un concello pequeno, e sempre será mellor que a oposición coñeza as  decisións municipais polas canles establecidas e con toda a información, que non a través da veciñanza”. A este respecto, que non se teña informado nin convocado telematicamente a xunta de portavoces nin unha soa vez, nin enviado ningún tipo de información,  parécenos do máis grave, aínda que non nos sorprende nun goberno que en menos dun ano acusa xa os signos da soberbia das maiorías absolutas.

  Por suposto insistimos dende a nosa formación na nosa vontade positiva de apoiar tanto e como sexa necesario ao goberno local nesta difícil situación, pero non o podemos facer  se non se mantén un mínimo de respecto institucional e cando menos se nos informa das medidas tomadas en cada momento.

 

Pedimos que o goberno local tome medidas de apoio ao comercio e pequena empresa de xeito inmediato.

  • Outros concellos da comarca en peores condicións económicas que o noso fai días que anunciaron medidas.
  • Entre outras medidas pedimos exencións de impostos municipais, liñas económicas de axuda ao comercio e pequenas empresas e melloras no plan de axuda á contratación e autónomos.
  • Pedimos medidas de carácter social, que se garanta a seguridade das persoas que traballan en Servizos Sociais e un aumento das partidas de emerxencia.

Copia de Certo partido que se presenta as eleccións ten unha proposta para o entorno do colexio de Barrantes. Para promocionar esa proposta ese partido usa un video moi chuli... ... pero hai algo que non vos co (1)

  “Estes non son momentos de mirar para outro lado ou de agardar. Compre tomar a iniciativa”. Así se expresaba esta mañá Enrique Oubiña logo de comprobar, como unha semana despois de que a crise do coronavirus paralizara o concello e o país, o goberno local aínda non tomou ningún tipo de medida de apoio ao comercio, que con esta situación, sen poder abrir salvo casos moi concretos, está sufrindo  moito. Para Oubiña “que o noso concello, que ademais goza de boa saúde económica aínda non teña anunciado medidas, cando outros en situacións máis delicadas xa o fixeron, solo demostra a falta de capacidade de reacción do noso alcalde”.

  Dende Somos Ribadumia entendemos que os gobernos deben actuar con precaución e con responsabilidade, pero tamén que en situacións difíciles é cando se debe ver capacidade de reacción e de xestión. O Concello conta segundo o  último resultado contable – do ano 2018 -, con máis dun millón de euros na caixa, e nos entendemos que unha parte deses fondos poden perfectamente destinarse a axudar as persoas do noso concello nunha situación de emerxencia como a actual, que de prolongarse vai ter consecuencia directa nos negocios e en postos de traballo. Por ese motivo esta mañá presentamos por rexistro un escrito solicitando que o concello tomara a iniciativa e aprobara de xeito urxente unha serie de medidas, que achegamos na copia adxunta. Do mesmo xeito solicitamos que nos orzamentos deste anos se inclúan , agora con máis motivo, partidas que xa solicitamos a finais do ano 2019, e que van ser moi necesarias para incentivar a economía local cando esta crise pase.

Para Oubiña “anunciar medidas como a exencións de impostos municipais neste 2020, ou unha axuda directa para facer fronte aos custes fixos dos negocios, serviría como mínimo para aportar algo de tranquilidade a todas eses negocios que hoxe están pechados ou viron reducida exponencialmente a súa clientela, do mesmo xeito que amosar que se ten un plan de continxencia para cando todo isto pase poder axudar a reactivar a economía  do noso concello tamén entendemos que sería moi positivo”.

 Tampouco deixamos de lado ao resto de veciños e veciñas, por ese motivo no mesmo escrito pedimos que se reforcen as políticas sociais, se controle e garanta o acceso a equipos de seguridade das persoas que están desenvolvendo labouras de servizos sociais, dende o SAF ao voluntariado e protección civil que estes días velan polas familias mais desfavorecidas, e se de xeito extraordinario se aumenten as partidas de emerxencia social, e previsión dun aumento de familias en risco de exclusión se a  situación se prolonga.

   Para Oubiña “agora mesmo, máis que nunca, precisamos un gobernante que manexe o noso barco dende a alcaldía,  e tome medidas para axudar as persoas. Porque todo isto pasará máis pronto que tarde, pero todas esas persoas que están nas súa casas cos seus negocios pechados sen ingresar un euro, ou que foron despedidas dos seus traballos ou sometidas a medidas de recortes, necesitan respaldo xa agora. Nos tomamos a iniciativa, e se estiveramos no goberno estas medidas xa estarían anunciadas e tomadas. Agardamos e temos confianza en que David Castro se poña á altura”.

    Como xa expresamos en numerosas ocasións, remarcamos o noso compromiso de apoio ao goberno na toma das medidas que sirvan para axudar a nosa veciñanza nestes momentos complexos.

   Por último insistir en mandar unha mensaxe de apoio a todas as persoas que viven no noso concello. Hai que manter as medidas de precaución, e incluso reforzalas co paso dos días, sen relaxarse, para poder acelerar ao máximo o final desta situación. Somos conscientes diso, por iso tamén queremos mandar unha mensaxe de calma, pois estamos seguros de que entre todos e todas imos conseguir superar esta situación máis pronto do que pensamos, e remontar o voo unha vez pase a crise.

REXISTRO MEDIDAS