Lamentamos que David Castro non nos deixe máis opción que ir a un pleno extraordinario

- Este xoves terá lugar un pleno forzado pola oposición para debater as actuacións do goberno nun conflito cunha traballadora.
- A documentación aportada e a terquedade de David Castro poñen moi en dúbida a actuación municipal.
- Completa falta de vontade de diálogo. Nin sequera se convocou a Comisión Informátiva para tratar a cuestión e tentar aclarar a situación antes de chegar a pleno.
Este xoves, vinte días despois de solicitalo e no límite legal, terá lugar se o goberno non pon remedio á situación un pleno extraordinario para valorar as actuacións do goberno local no desenvolvemento dun conflito cunha traballadora.
Recordamos que esta situación parte da reclamación dunha traballadora na definición dunha baixa, cuxa sentencia, supostamente sen consecuencias para o Concello, foi recorrida polo goberno de David Castro nunha actuación moi discutible, ou que cando menos xera moitas dúbidas.
Dende Somos Ribadumia insistimos en que o obxectivo era e segue sendo aclarar se había motivos xustificados para meter ao concello nos custes de alongar un proceso xudicial e para ir en contra dunha traballadora. Hai que remarcar que as evasivas de David Castro en pleno e a falta de documentación aclaratoria son os motivos polos cales se solicitou ese pleno e tamén informes complementarios que puxeran negro sobre branco a actuación municipal.
Unha vez achegada e analizada toda a documentación, seguimos mantendo moitas dúbidas sobre esa actuación, que polo de pronto xa bloqueou unha segunda parte no proceso xudicial, onde a traballadora solicitaba que a baixa permanente na que derivou a baixa temporal fora recoñecida tamén como incapacidade por accidente laboral e non como enfermidade común, feito que podería ter repercusión directa na pensión de xubilación desa traballadora.
Temos constancia de que o goberno local está defendendo a súa postura xudicial con uñas e dentes, o que na práctica significa gastar cartos públicos nunha actuación que a priori senta un perigoso precedente. Se a isto añadimos a opacidade de David Castro, que en ningún momento se dirixiu a Somos Ribadumia para tratar de aclarar a cuestión, ata o punto de non convocar nin a Xunta de Voceiros nin Comisión Informativa previa ao pleno, liquidando o órgano de diálogo establecido formalmente e pechando todas as vías de diálogo, non temos máis remedio que aceptar que David Castro non está limpo nesta actuación.
Queremos dende aquí insistir na nosa vontade de aclarar e solucionar esta cuestión sen necesidade de chegar ao pleno nin seguir gastando cartos. Chega con que David Castro, que é o único responsable desta situación, asuma a retirada do seu recurso xudicial, é deixe de complicarlle a vida a unha traballadora, que ademais xa esta xubilada, ou no seu defecto que nos aporte unha motivación bastante máis realista é críbel que a aportada ata o momento . Se non se da nada disto, haberá pleno, e nel David Castro terá que dar a cara é explicar que anda facendo cos cartos da veciñanza, e nos se a situación non muda manteremos a nosa proposta en pleno de que se retire ese recurso, proposta que tanto David Castro como o resto de concelleiros de IR deberán votar, aclarando con ese voto tanto o tipo de persoas que son como o tipo de políticas que practican.