Alertamos dunha situación económica límite: máis de dous millóns de débeda e empresas de Ribadumia sen cobrar

Resumo dos datos económicos de Ribadumia

Uns 130.000 euros en facturas pendentes con empresas de Ribadumia.

O período medio de pago alcanza os 126,15 días.

Máis de dous millóns de euros en facturas pendentes fóra de prazo e 700.000 euros de débeda viva sen explicacións suficientes.

Esiximos responsabilidades políticas, unha auditoría externa e o pago inmediato aos provedores locais.

   Dende Somos Ribadumia alertamos da grave situación dos pagos do Concello e do prexuízo que está causando aos pequenos subministradores, empresas e autónomos, na súa maioría do propio municipio. Son negocios que cumpriron co seu traballo, adiantaron gastos e seguen agardando a que o Concello lles pague. David Castro está trasladando os problemas de liquidez municipais a quen ten menos marxe para soportalos.

   No Pleno do 4 de novembro deuse conta dun período medio de pago de 126,15 días. Ao responder ás preguntas presentadas por escrito polo noso voceiro, Sergio Soutelo, Vanesa Jorge cifrou en aproximadamente 130.000 euros as facturas pendentes de pago con empresas de Ribadumia, segundo a estimación de Tesourería exposta no Pleno. O que está en xogo é o diñeiro de negocios locais e das familias que viven deles.

Facturas sen cobrar e negocios que teñen que seguir pagando

   Cada factura sen cobrar resta liquidez a unha empresa que ten que pagar materiais, salarios, cotizacións, impostos e os seus propios provedores. Para un pequeno negocio, acumular estes atrasos pode significar recorrer ao crédito, asumir xuros, aprazar investimentos ou quedar sen marxe para afrontar un imprevisto. O dano pode estenderse á súa actividade e ao emprego que sostén.

   O Concello non pode financiar o seu funcionamento a costa de deixar sen cobrar a quen lle presta servizos. É especialmente grave que esta situación afecte ao tecido de pequenas empresas de Ribadumia. Esiximos que pagar polo traballo realizado sexa unha prioridade efectiva do goberno municipal.

Gráfica do período medio de pago

   Os datos citados no Pleno amosan un empeoramento continuado: 81,05 días de período medio de pago no primeiro trimestre de 2026, 96,36 no segundo e 126,15 no terceiro. Ante esta evolución, a concelleira volveu falar dunha «falta de liquidez puntual». Para Sergio Soutelo, a explicación xa non se sostén: «Unha falta de liquidez puntual, se se produce todos os días, non é puntual, é permanente».

Un ano despois do anuncio do asesor

   A promesa de traballar nunha solución tampouco é nova. Xa o 29 de outubro de 2025 reclamamos explicacións sobre a contratación dun asesor externo para a área económica. O alcalde xustificou aquel apoio coa formación do persoal e a mellora do funcionamento do departamento, asegurando en Pleno que «en poucas semanas contamos ter resoltos todos os problemas». Máis dun ano despois, os atrasos seguen sen resolverse e o período medio de pago continúa empeorando.

   No Pleno, Vanesa Jorge volveu mencionar a contratación de formación externa e anunciou traballos para mellorar os fluxos de caixa e coordinar cobros e pagos. Pero non concretou cando cobrarán as empresas nin que redución dos atrasos se compromete a conseguir. Repetir que se está traballando non paga unha soa factura.

   Á vista destes resultados, Sergio Soutelo resume así a súa valoración: «Cartos tirados os destinados a ese asesor». Esiximos que David Castro explique canto se gastou, que traballo se realizou e que mellora efectiva se conseguiu. As empresas levan demasiado tempo escoitando escusas mentres seguen sen cobrar.

   Algo non cadra no discurso da concelleira. Fala de persoal mellor formado, pero en esencia é o mesmo persoal que no ano 2016. Como pode ser que coas mesmas persoas se pasase de pagar en oito días a precisar máis de catro meses? Para nós non é un problema de persoal, senón de xestión política. A comparación histórica debe lerse tendo en conta que a metodoloxía do indicador cambiou en 2018.

Gráfica da débeda viva

700.000 euros de débeda viva sen explicacións

   Esiximos explicacións sobre os aproximadamente 700.000 euros de débeda viva comunicados no Pleno. Non nos constan operacións de crédito aprobadas polo Pleno que expliquen esta cantidade. David Castro debe identificar a orixe das operacións, a documentación e os acordos ou resolucións que as autorizaron, os seus vencementos e os custos que supoñen para o Concello. A débeda viva non debe confundirse coas facturas pendentes de pago.

Evitar que a situación se agrave e poñer datas aos pagos

   Advertimos tamén das consecuencias que tería unha nova retención de fondos do Estado. En 2024 xa denunciamos cantidades retidas por incumprimentos das obrigas de información económica. Se se repetisen os incumprimentos que legalmente poden dar lugar a retencións, o Concello podería quedar temporalmente sen esas entregas: menos diñeiro dispoñible, máis presión sobre os pagos e maior risco de prolongar a espera dos provedores e dificultar o funcionamento dos servizos municipais.

   A responsabilidade de evitar ese escenario e resolver os atrasos corresponde ao goberno. A propia explicación de Vanesa confirmou que o alcalde ordena os pagos e participa na sinatura das transferencias. David Castro debe responder pola xestión económica do Concello e polos seus resultados.

   Consideramos esta situación inaceptable e esiximos responsabilidades políticas e a dimisión da concelleira responsable das contas municipais, para que outra persoa asuma esa responsabilidade e dea a volta á situación.

   Esiximos o pago inmediato das facturas pendentes, comezando polos provedores e empresas locais. Esiximos unha auditoría externa que explique a situación e permita elaborar un plan para recuperar a normalidade económica. E esiximos que se explique a onde están indo os cartos.

Denunciamos o quinto intento de modificar o PXOM á medida dunha nave ilegal

Fotografía da nave e mensaxe de Somos Ribadumia: nave ilegal, quinto intento de modificar o PXOM e esixencia de igualdade de trato.

• Cinco intentos para legalizar unha nave que non paga unha soa taxa municipal.

• O goberno deixa caer o trámite de 2024 coas alegacións da oposición e da veciñanza sen responder.

• Defendemos unha ampliación industrial seria, útil e acorde ás necesidades reais actuais e de futuro, e igualdade no cumprimento da lei.

   Dende Somos Ribadumia denunciamos que David Castro volve insistir na modificación puntual nº 5 do PXOM coa mesma finalidade que levamos anos cuestionando: facilitar a legalización dunha nave construída sen licenza en terreos que non permitían ese uso. Este é xa o quinto intento de sacar adiante unha operación que, ao noso xuízo, pon o planeamento municipal ao servizo dun interese particular.

   O goberno deixou caer a tramitación aprobada inicialmente en maio de 2024 coas alegacións presentadas pola oposición e pola veciñanza sen responder. Para nós, volver empezar nestas condicións é unha manobra para evitar dar resposta a esas alegacións e seguir perseguindo o mesmo obxectivo. Reiniciar a tramitación non borra as advertencias realizadas nin as responsabilidades políticas de quen leva anos impulsando esta actuación.

Cinco intentos e anos de preguntas sen responder

   A historia desta modificación está recollida nas nosas comunicacións públicas. Xa en novembro de 2023 explicamos as tres tentativas ligadas aos plenos do 4 de maio, do 7 de setembro e do 2 de novembro dese ano. O goberno acabou recuando nas tres ocasións; na primeira, o asunto nin sequera chegou a incorporarse á orde do día. O cuarto intento desembocou na aprobación inicial do 2 de maio de 2024. Agora asistimos ao quinto.

   As alegacións son un instrumento de participación e control que merece unha resposta motivada. David Castro ten que aclarar as cuestións formuladas pola oposición e pola veciñanza: retomar a tramitación non o exime de dar explicacións sobre as decisións políticas anteriores.

   Esta sucesión de intentos consume tempo de traballo e recursos públicos. Esiximos que o alcalde detalle canto custou todo este proceso e por que, despois de tantos anos e intentos, segue sen ofrecer unha explicación convincente do interese público desta ampliación concreta.

A nave que non figuraba na documentación

   As advertencias de Somos Ribadumia veñen de lonxe. En novembro de 2023 publicamos unha relación dos antecedentes documentais, coas actuacións do SEPRONA e da APLU e o coñecemento municipal das obras. En xaneiro dese ano, a APLU xa ditara unha resolución que declaraba as obras incompatibles co ordenamento urbanístico e ordenaba a súa demolición e a reposición dos terreos.

   A pesar da existencia da nave, a documentación daquela modificación describía o ámbito como carente de edificacións. Ademais, a propia promotora xa invocara ante a APLU a modificación do PXOM en tramitación como vía para legalizar a actuación. Estes antecedentes explican por que levamos anos denunciando que se pretende adaptar o planeamento a unha construción realizada fóra da legalidade.

   No noso comunicado do 4 de maio de 2024 xa recollíamos que David Castro defendía a modificación como unha adaptación do planeamento á realidade existente na zona. O problema é precisamente que esa realidade inclúe unha nave construída sen licenza. A súa existencia non xustifica, por si soa, que se modifique o PXOM para intentar regularizala. O alcalde ten que explicar que necesidade colectiva atende esta actuación e por que esa solución debe promoverse cos recursos de toda a veciñanza.

Desigualdade de trato co silencio cómplice do alcalde

   Denunciamos tamén un agravio para as empresas do polígono: mentres as instaladas nas demais naves pagan os seus impostos, a nave levantada ilegalmente non paga unha soa taxa municipal. Esta situación mantense co silencio cómplice de David Castro, que continúa promovendo a modificación do PXOM para facilitar a súa legalización.

   Esiximos igualdade de trato. Quen cumpre as normas e contribúe ás arcas públicas non pode ver como se dispensa ese trato de favor a quen construíu sen licenza. David Castro ten que explicar por que permite esta situación e que actuacións vai adoptar para facer cumprir as obrigas municipais coa mesma esixencia a todas as empresas.

Unha ampliación industrial ao servizo de Ribadumia

   O noso concelleiro Sergio Soutelo xa propuxera en 2023 separar a parte da ampliación cuestionada e avanzar nas restantes modificacións que puidesen contar con acordo. Esa proposta amosa a disposición de Somos Ribadumia a traballar nunha ordenación útil para o municipio. Levamos anos reclamando que as decisións urbanísticas se fundamenten nas necesidades de Ribadumia e se expliquen con toda a documentación enriba da mesa.

   Defendemos unha ampliación industrial ben planificada, con accesos e servizos adecuados, superficie aproveitable e posibilidades reais de acoller novas empresas e crear emprego. Defendemos tamén que as empresas que cumpren as normas e tramitan as súas licenzas reciban un trato xusto. Facilitar unha solución á carta para quen construíu sen os permisos necesarios transmite unha mensaxe inaceptable a quen si cumpre.

   Esiximos a David Castro respostas ás alegacións da oposición e da veciñanza, explicacións sobre os custos e sobre o abandono da tramitación anterior, e unha proposta de desenvolvemento industrial que acredite o seu interese xeral. Esiximos tamén que se fagan cumprir as obrigas municipais desta nave coa mesma esixencia que ás demais empresas. Despois de cinco intentos, o alcalde ten que asumir a responsabilidade das súas decisións. En Somos Ribadumia seguimos rexeitando que o PXOM se utilice para facer un favor urbanístico a unha empresa particular.

Comparativa da postura de David Castro en 2016 e 2026 sobre a represa de Cabanelas e denuncia da ausencia de licenza municipal.

Esiximos a David Castro explicacións sobre a represa de Cabanelas

David Castro: que cambiou desde 2016? A obra da represa de Cabanelas non conta con licenza municipal.

• O Goberno municipal segue sen aclarar que control urbanístico exerceu sobre unha obra que, segundo a documentación consultada, non conta con licenza municipal.

• Somos Ribadumia reclama tamén que se aclare a polémica votación da moción conxunta presentada co PSOE.

   Dende Somos Ribadumia esiximos ao alcalde, David Castro, que explique que cambiou desde 2016, cando o Concello que el mesmo presidía se opoñía á construción da represa no río Umia, ata a actualidade, na que o Goberno municipal defende a súa permanencia.

   Esta foi unha das principais cuestións formuladas polo noso portavoz, Sergio Soutelo, durante o Pleno extraordinario do pasado 29 de outubro.

   En febreiro de 2016, o propio Concello emitiu un informe desfavorable á construción da represa, tal e como recollía Canal Rías Baixas. Naquel informe advertíase da alteración do curso do río, das posibles consecuencias nas zonas inundables, dos prexuízos para o medio ambiente e a práctica do piragüismo, así como da incompatibilidade da actuación co planeamento urbanístico vixente ante a ausencia dun plan especial.

   Dez anos despois, a represa está construída. Que cambiou desde aquel momento? Que fixo o Concello para defender a posición que mantiña en 2016?

   Durante a súa intervención, Sergio Soutelo lembrou que Somos Ribadumia leva anos advertindo desta situación, solicitando información, presentando escritos por rexistro e reclamando actuacións para intentar evitar que a obra chegase a executarse.

   O alcalde coñecía as nosas advertencias cando comezaron os traballos, incluso a través de comunicacións presentadas no propio Rexistro municipal.

   Pero unha das cuestións fundamentais que puxemos sobre a mesa foi a situación urbanística da represa.

   A obra conta cunha autorización de Augas de Galicia, pero na documentación municipal á que tivemos acceso non consta licenza do Concello nin unha explicación de por que non sería necesaria.

   Por iso, o noso portavoz preguntou polas inspeccións municipais realizadas e polas medidas adoptadas durante a execución da obra.

   Porque non entendemos que aos veciños se lles esixan permisos e todo tipo de documentación mentres que, nunha actuación destas dimensións sobre o río Umia, seguimos sen saber que control urbanístico exerceu o Concello.

   Non abonda con trasladar as responsabilidades aos técnicos ou a outras administracións. O Goberno municipal tamén ten que explicar a súa actuación.

   Durante o debate, o Goberno escudouse na necesidade de garantir o abastecemento de auga á illa da Toxa e nas competencias doutras administracións para opoñerse á retirada da represa.

   A moción presentada conxuntamente polo PSOE e Somos Ribadumia xa contemplaba buscar unha alternativa de abastecemento que permitise retirar a represa sen comprometer a subministración de auga.

   Non estabamos pedindo que o alcalde fose cunha máquina a derrubar a represa. Estabamos pedindo que se buscasen solucións, que cada administración asumise as súas responsabilidades e que se recuperase a continuidade fluvial do Umia.

   Ademais, a propia Xunta de Galicia recoñeceu deficiencias no funcionamento da estrutura e no paso previsto para os peixes, o que reforza a necesidade de actuar.

Unha votación que tamén merece explicacións

   No momento de votar a moción produciuse unha situación que consideramos necesario aclarar.

   Nunha primeira votación, varios concelleiros do Partido Popular levantaron a man cando se solicitaron os votos favorables. Posteriormente, a votación repetiuse sen que, ao noso entender, se explicase formalmente o motivo nin se aclarase a situación creada.

   Desde Somos Ribadumia defendemos que a primeira votación debe ser tida en conta e reclamamos que a Secretaría municipal aclare o procedemento seguido e o resultado que corresponde recoller na acta.

   O resultado dunha votación non pode quedar sometido á confusión nin resolverse sen unha explicación formal.

Seguiremos defendendo a recuperación do Umia

   Dende Somos Ribadumia queremos deixar clara unha cousa: a nosa preocupación polo río Umia non comezou cando a represa xa estaba construída.

   Levamos anos advertindo, preguntando e reclamando actuacións para evitar chegar a esta situación.

   Agora esiximos ao Goberno municipal que explique que cambiou desde 2016, que actuacións realizou durante a execución da obra e que medidas está disposto a impulsar para recuperar o río.

   Como defendeu o noso portavoz, o importante non é que gañe Somos Ribadumia, o Partido Popular ou calquera outra formación política.

   Isto vai dos veciños, dos pescadores, dos piragüistas e de todas as persoas que queremos recuperar o río Umia.

   Porque defender Ribadumia tamén significa defender o noso río.

PROPOÑEMOS ESTUDAR A CREACIÓN DUN CEMITERIO MUNICIPAL EN RIBADUMIA

• Unha alternativa pública para as familias sen sepultura propia.

• Un servizo complementario aos seis cemiterios parroquiais.

Desde Somos Ribadumia presentamos unha moción para que o Concello inicie o estudo de viabilidade dun cemiterio municipal de titularidade pública. Queremos que Ribadumia planifique este servizo e valore unha alternativa de enterramento para toda a veciñanza, con especial atención ás familias que non dispoñen dunha sepultura ou dun panteón familiar.

Ribadumia conta con seis cemiterios parroquiais, pero carece dun cemiterio municipal. Recoñecemos o importante labor social e comunitario que estes espazos veñen desempeñando desde hai décadas. A nosa proposta busca ampliar as opcións dispoñibles e atender as necesidades presentes e futuras da poboación, desde o diálogo cos seus titulares e o respecto á súa autonomía.

Unha resposta ás necesidades das familias

A realidade social do noso concello foi cambiando. Hai familias que chegaron doutros municipios ou doutros países e levan anos formando parte da vida de Ribadumia sen contar cun lugar propio de enterramento. Esta situación tamén pode afectar a familias ribadumienses de varias xeracións. Consideramos que o Concello debe coñecer esta realidade e anticipar solucións para evitar dificultades engadidas nun momento tan delicado como o falecemento dun ser querido.

Defendemos unha alternativa pública con criterios de acceso transparentes, obxectivos e non discriminatorios, respectuosa coa diversidade de crenzas e coa liberdade de conciencia. O estudo deberá ter en conta a demanda de nichos, sepulturas e columbarios, así como as necesidades futuras da veciñanza.

O primeiro paso que propoñemos é unha diagnose da oferta funeraria existente, mediante consulta e colaboración voluntaria cos titulares dos seis cemiterios parroquiais. A moción establece un prazo orientativo de seis meses para coñecer a súa capacidade, ocupación, posibilidades de ampliación e condicións de acceso. Esa información permitirá avaliar as necesidades reais e comparar solucións.

Planificar con rigor e coñecer os custos

Solicitamos un estudo de posibles localizacións e unha memoria técnico-económica que detalle o investimento, os gastos de mantemento e os posibles ingresos. A instalación deberá axustarse á demanda, prever ampliacións por fases e cumprir os requisitos sanitarios, urbanísticos, ambientais e de accesibilidade. Calquera decisión sobre a construción deberá contar previamente cos informes técnicos, xurídicos e económicos necesarios.

Propoñemos tamén abrir un proceso de información e participación veciñal, estudar as fórmulas de xestión e unha futura ordenanza reguladora, e consultar á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia sobre asistencia técnica e posibles vías de financiamento. As axudas doutras administracións poden facilitar o proxecto, pero a decisión debe partir das necesidades da veciñanza e dunha avaliación rigorosa da súa viabilidade.

Pedimos que os estudos se presenten ao Pleno e que, se a viabilidade resulta favorable, se concrete unha programación plurianual cos recursos necesarios. Queremos que o Concello planifique este servizo e ofreza unha resposta ás familias que precisan unha alternativa pública de enterramento.

PROPOÑEMOS ESTUDAR A CREACIÓN DUN CEMITERIO MUNICIPAL EN RIBADUMIA

• Unha alternativa pública para as familias sen sepultura propia.

• Un servizo complementario aos seis cemiterios parroquiais.

• Estudar a demanda e os custos antes de decidir a construción.

Desde Somos Ribadumia presentamos unha moción para que o Concello inicie o estudo de viabilidade dun cemiterio municipal de titularidade pública. Queremos que Ribadumia planifique este servizo e valore unha alternativa de enterramento para toda a veciñanza, con especial atención ás familias que non dispoñen dunha sepultura ou dun panteón familiar.

Ribadumia conta con seis cemiterios parroquiais, pero carece dun cemiterio municipal. Recoñecemos o importante labor social e comunitario que estes espazos veñen desempeñando desde hai décadas. A nosa proposta busca ampliar as opcións dispoñibles e atender as necesidades presentes e futuras da poboación, desde o diálogo cos seus titulares e o respecto á súa autonomía.

Unha resposta ás necesidades das familias

A realidade social do noso concello foi cambiando. Hai familias que chegaron doutros municipios ou doutros países e levan anos formando parte da vida de Ribadumia sen contar cun lugar propio de enterramento. Esta situación tamén pode afectar a familias ribadumienses de varias xeracións. Consideramos que o Concello debe coñecer esta realidade e anticipar solucións para evitar dificultades engadidas nun momento tan delicado como o falecemento dun ser querido.

Defendemos unha alternativa pública con criterios de acceso transparentes, obxectivos e non discriminatorios, respectuosa coa diversidade de crenzas e coa liberdade de conciencia. O estudo deberá ter en conta a demanda de nichos, sepulturas e columbarios, así como as necesidades futuras da veciñanza.

O primeiro paso que propoñemos é unha diagnose da oferta funeraria existente, mediante consulta e colaboración voluntaria cos titulares dos seis cemiterios parroquiais. A moción establece un prazo orientativo de seis meses para coñecer a súa capacidade, ocupación, posibilidades de ampliación e condicións de acceso. Esa información permitirá avaliar as necesidades reais e comparar solucións.

Planificar con rigor e coñecer os custos

Solicitamos un estudo de posibles localizacións e unha memoria técnico-económica que detalle o investimento, os gastos de mantemento e os posibles ingresos. A instalación deberá axustarse á demanda, prever ampliacións por fases e cumprir os requisitos sanitarios, urbanísticos, ambientais e de accesibilidade. Calquera decisión sobre a construción deberá contar previamente cos informes técnicos, xurídicos e económicos necesarios.

Propoñemos tamén abrir un proceso de información e participación veciñal, estudar as fórmulas de xestión e unha futura ordenanza reguladora, e consultar á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia sobre asistencia técnica e posibles vías de financiamento. As axudas doutras administracións poden facilitar o proxecto, pero a decisión debe partir das necesidades da veciñanza e dunha avaliación rigorosa da súa viabilidade.

Pedimos que os estudos se presenten ao Pleno e que, se a viabilidade resulta favorable, se concrete unha programación plurianual cos recursos necesarios. Queremos que o Concello planifique este servizo e ofreza unha resposta ás familias que precisan unha alternativa pública de enterramento.