Pedimos ao goberno que manteña os criterios de coidado medioambiental nas sendas fluviais do concello que impulsamos no anterior goberno.

wp-1590574576131.jpgAs limpezas que se están levando a cabo na ruta da pedra e da auga están deixando desprotexidas as ribeiras das canles fluviais.
Na lexislatura anterior, establecéronse criterios de limpeza e mantemento coidadosos co medio ambiente, que melloran a calidade ambiental, a estabilidade do terreo nas ribeiras e o atractivo turístico.
En días pasados o goberno local reactivou aos equipos de mantemento dos espazos públicos. Unha medida que dende o noso punto de vista vai retrasada, pois as condicións xa o permitían, e a nosa veciñanza leva xa dende o inicio da desescalada usando as nosas sendas fluviais para saír a pasear e facer deporte, e tíñase que ter posto a atención neses espazos antes.

   Con todo, o que máis nos está preocupando é a maneira na que se está procedendo as labores de mantemento. Como se nun xardín particular se tratara, estase procedendo ao desbrozado sen ningún coidado máis que o de deixalo todo totalmente arrasado nalgunhas zonas chegando coas desbradoras ata a capa de auga. Algo innecesario, pois é suficiente con despexar o paso do camiño, pero que ademais supón un auténtico atentado medioambiental.

   En verbas do noso voceiro, Enrique Oubiña, “hai que recordarlle a este goberno que non están limpando ao redor da piscina de ninguén. Tanto os ríos e regatos como as súas ribeiras son espazos de vida, debe manterse o manto vexetais desas ribeiras, porque ademais de albergar vida animal, dan protección tamén á vida acuática, que non vota nas eleccións pero supón unha importante riqueza medioambiental que se destrúe se nos dedicados a actuar nos espazos naturais como nos xardíns particulares”.

   Se o goberno non quere escoitar nestes aspectos a Somos Ribadumia podería cando menos falar cos colectivos medioambientais e informarse sobre a importancia do coidado dos medios acuáticos, que xa sofren moito pola presenza continua de persoas, pero que sen esa protección vexetal acaban por transformarse en ermos, simples regatos de auga sen vida.

   Ademais, deben terse en conta outras cuestións. Manter a capa vexetal e o arbolado, permite asentar o terreo nas ribeiras, e evita os corrementos de terra e que os ríos vaian comendo espazo, e tamén incide, máis aló do ambiental, no mantemento das propias sendas, que aguantan mellor as riadas do inverno, como se leva comprobando dende que na lexislatura anterior impuxemos eses criterios de coidados, sendo exemplares.

   E por último, está a cuestión da imaxe turística. Para Oubiña “case parece unha tomadura de pelo que haxa uns paneis informativos con fotos e textos falando da importancia da flora se ribeira, e logo a poucos metros toda esa flora estea arrasada e non se poida ver nada máis que o amosado nas fotos dos paneis, que por certo a pesar das nosas queixas seguen feitos un desastre e sen coidado ningún. A imaxe que se levan as persoas que visitan o noso concello agora mesmo dubido moito que sexa a dun concello comprometido co medio ambiente e coa protección do medio natural”.

Pedimos ao goberno que amplíe as bonificacións fiscais ás empresas, e as faga públicas.

  •  As bonificacións sobre a taxa do lixo que se están comunicando vía correo, non están chegando a todas as empresas.
    Estas bonificacións son a todas luces insuficientes, e ademais non teñen en conta a perda de clientela e de carga de traballo de traballo dos negocios que non estiveron obrigados a pechar.
wp-1589268844736.jpg

Enrique Oubiña  durante un acto público.

“Dende Somos Ribadumia en primeiro lugar queremos felicitar ao goberno de IR por haber sacado por fin a cabeza do buraco, facernos caso e poñer en marcha algunha medida de apoio ás empresas do noso concello. Non cabe dúbida de que todo o que se faga é positivo”. Así se expresaba Enrique Oubiña ao ter coñecemento a través dun empresario do concello das bonificacións nas taxas do lixo que o goberno de David Castro está comunicando vía correo postal aos comercios e empresas ribadumienses.

Porén, para Oubiña “co que non podemos estar tan de acordo é co escurantismo á hora de xestionar unhas medidas que ao ir aplicadas sobre taxas municipais deben do mesmo xeito facerse públicas, non xestionarse de xeito privado”. Máis aló da democracia e das obrigas legais, o que nos preocupa é que esta maneira de actuar, en segredo, sen máis comunicación que unha carta que pode quedar no buzón das empresas días se os seus propietarios durante o confinamento non se achegan polo negocio ou non revisan o correo. E “que no caso de empresas amigas se lle sume a este esforzo comunicativo unha chamada de teléfono do Partido tampouco nos parece un bo síntoma de funcionento igualitario coas empresas do noso concello”.

   Con respecto á medida concreta, unha bonificación de 100% do recibo do segundo semestre do 2019 para os negocios pechados dende o 14 de marzo, e do 25% dese mesmo recibo para os que tiveron que pechar entre o 30 de marzo e o 9 de abril, sendo un avance e unha axuda, tampouco nos parece como para botar foguetes, tendo en conta as posibilidades económicas do concello de Ribadumia.

   Todos os indicadores din que detrás desta crise sanitaria vai vir unha importante recesión económica, que vai supoñer perda de postos de traballo, pero tamén de ingresos nos comercios, na hostalería e en moitos dos negocios do noso concello. Por ese motivo, sen desmerecer as medidas tomadas, queremos insistir unha vez máis na necesidade de por en marcha de xeito urxente medidas de calado no apoio ao comercio, a hostalería e as pequenas empresas do noso concello que axuden a evitar peches e despidos.

  Remata Oubiña “ se David quere seguir comportándose como un meniño pequeno e mal criado, alá el, pero cando menos que cumpra coa súa función de goberno e poña os recursos municipais ao servizo de quen máis o necesita, agora e nos próximos meses”.

Pedimos a David Castro que cumpra a lei e restitúa a democracia no concello de Ribadumia.

  • O alcalde non convocou ningún pleno ordinario dende novembro. 
    As funcións da oposición e o funcionento democrático están totalmente secuestradas polo goberno local.
    David Castro segue bloqueándolle o acceso á información á oposición.
    Acudimos á Valedora do Pobo, e non desbotamos outras medidas legais.

   Dende Somos Ribadumia asistimos con moito asombro pero sobre todo con moita preocupación ao soterramento do funcionamento democrático no noso concello. Tal como explica o noso voceiro “os concellos, e o noso non é menos, teñen establecidos uns funcionamento democráticos a través dos cales a cidadanía representada polos partidos participa na toma de decisións e xestión do Concello. Eses funcionamentos están regulados por lei, e ningún alcalde, por moita maioría que teña, pode saltarse a lei”.

   O órgano de decisión democrática que representa a todo o concello é o Pleno municipal. Dito Pleno tal como marca a lexislación vixente debe ser convocado ordinariamente e celebrarse como mínimo cada dous meses. En Ribadumia, por acordo plenario, as sesións deben ter lugar o primeiro xoves dos meses impares. Poren, o pleno de Ribadumia leva sen convocarse de xeito ordinario dende novembro do pasado ano, tres plenos que tiñan que terse celebrado e que non facelo supón “unha ilegalidade fragrante na que o noso alcalde actúa de xeito reincidente e sen escusa, pois non esquezamos que a potestade de convocar os Plenos ordinarios é exclusiva do alcalde”.

   Dende Somos Ribadumia fomos moi transixentes ata o de agora, pero máis aló do obrigado cumprimento da lei, un concello non pode estar tanto tempo sen realizar plenos municipais nin convocar aos órganos democráticos establecidos, como a Xunta de Portavoces. Hai que sinalar que máis aló dun pleno en decembro para axustar os desbaraxustes do goberno a través dunha modificación de créditos, e outro para o sorteo das mesas electorais en marzo, tampouco houbo plenos extraordinarios que permitiran aliviar en parte a paralización municipal.
Porque tal como explica Oubiña “David Castro está actuando dun xeito ditatorial, como se fora o amo é señor de Ribadumia, pero ademais no medio disto deixa o Concello completamente paralizado, sen orzamentos, sen aprobarse as liñas de axuda a entidades culturais, sociais e deportivas, sen aprobarse investimentos e obras, e unha serie de cuestións que deben someterse á consideración das forzas políticas representadaa e por extensión do pobo ribadumiense”. 

 Pola nosa banda, esta mañá presentamos un escrito no concello pedindo que se recupere o correcto funcionamento democrático. Porén “como no noso escrito non expoñelos nada que o alcalde non coñeza, e sabemos que os plenos non se convocan por puro interese do David Castro, remitimos tamén unha queixa á Valedora di Pobo, e se á situación non se rectifica daremos os pasos necesarios noutros ámbitos, pois o noso alcalde nom pode estar por enriba da lei”.

  Opacidade municipal.
Ademais desta inadmisible situación de parálise municipal, o goberno de David Castro segue encirrado en bloquear o acceso á información municipal ás forzas da oposición. Esta situación foi posta en coñecemento da Valedora do Pobo en marzo, tal como se explicou no seu momento. Este mes pasado vímonos na obriga de enviar outra reclamación, pois o goberno segue sen respostar a ningunha das solicitudes de información variada que levamos feito dende Somos Ribadumia. Neste caso “O señor alcalde négase á aportarnos información relativa á problemática creada pola súa penosa xestión do procedemento administrativo das multas de aparcadoiro,  que tivo como resultado que a varias persoas lle chegaran acumuladas ata sete multas xuntas”. Ambas reclamacións foron admitidas a trámite, e aínda que o Covid-19 ralentizou os procesos administrativos, en pouco tempo recibiremos as resolucións que non nos cabe dubida obrigarán ao goberno de David Castro a rectificar e entregar aquelo que tanto interese ten en ocultarlle a cidadanía de Ribadumia.

Pedimos que se preparen medidas extraordinarias de conciliación familiar este verán e que os fondos da festa do tinto se dediquen á reactivación económica do concello.

  • Dende o inicio do estado de alarma o goberno non tomou ningunha medida de goberno que servira de alivio nin ás pequenas empresas nin á veciñanza.
  • Estamos preocupados polas crianzas; non están recibindo educación formal dun de xeito igualitario como en moitos concellos, e as limitacións impostas polo goberno central poden crear un grave problema de conciliación familiar no verán.
  • Pedimos que os fondos da festa do tinto e doutros eventos que non se van poder levar a cabo se dediquen á reactivación da economía local.

   Dende Somos Ribadumia levamos pedindo dende o inicio do estado de alarma medidas de apoio ao comercio, a pequena empresa, os autónomos e á nosa veciñanza, sen que o goberno local atendera as nosas peticións, nin tomara a iniciativa nestes aspectos.

  Porén, agora mesmo, dende Somos Ribadumia entendemos que hai cuestións que deben tomarse en conta sen máis dilación, e prever e anunciar medidas para o curto e o medio prazo, pois inda que o fin do confinamento xa se estea albiscando no horizonte, iso non vai ser o final da crise.

  Por unha banda, un problema inmediato é a situación escolar dos nenos no noso concello. Temos constancia das problemáticas xurdidas para poder articular fórmulas de ensino  a distancia, debido as desigualdades que existen en canto as ferramentas tecnolóxicas, pois non todos os nenos e nenas teñen acceso a un ordenador ou a unha rede de internet. A incapacidade do goberno local neste aspecto para actuar con rapidez e xestionar co colexio unha solución neste mes e medio que levamos de confinamento resúltanos cando menos sorprendente.

 Por outro lado na próximas semanas previsiblemente teremos unha volta a normalidade paulatina, e debemos contar que as actividades que congreguen un determinado número de persoas vaian estar limitadas durante uns meses. Unha consecuencia directa pode ser a imposibilidade de realizar determinadas actividades, como festas ou xuntanzas ou eventos deportivos, pero máis aló diso, o noso Concello pode verse na  situación de non poder realizar  campus e escolas de verán, ou de limitarse o número de nenos que poidan participar, unha situación que, se hai un retorno á normalidade laboral dos adultos, pode provocar un problema grave de conciliación familiar. O goberno local debe prever todos os posibles escenarios con tempo para articular as solucións que sexan posibles, sen embargo a día de hoxe non fixo anuncio de ningún tipo, nin comunicou ningún plan de continxencia.

   Onte presentamos un escrito no concello onde solicitabamos entre outras cousas que se tomen medidas inmediatas para atender á situación dos máis cativos, tentar salvar cando menos o que queda de curso escolar aportando os recursos necesarios para que os nenos e nenas poidan recibir un mínimo de educación á distancia, e elaborar un plan de continxencia que poida dar solución aos máis de 300 nenos que cada ano participan nos campus e escolas de verán no noso concello, en función das circunstancias que se dean.

Medidas de recuperación económica usando os fondos da festa do tinto e outros eventos.

A medio prazo, o goberno debe ter en conta os problemas do comercio e a hostalaría local para recuperarse deste golpe. Neste aspecto, unha das inxeccións económicas de máis importancia tanto para o comercio, como máis especialmente para a hostalería, e tamén para os pequenos produtores, é a festa do viño tinto do Salnés que se celebra cada ano a principios de xuño. A súa suspensión, necesaria na situación actual, supón un importante golpe económico para moitos negocios do noso concello, que se suma a situación de peche continuado e que dende Somos Ribadumia non podemos obviar. E a festa do Tinto non vai ser o único evento. O venres anunciábase tamén a suspensión da festa da Diversidade, e é máis que probable que outros eventos deportivos e culturais sigan o mesmo camiño. Este reducción na axenda de eventos  ten como contrapartida que o concello vai dispoñer de maiores  posibilidades económicas.

  No escrito presentado o venres damos conta desa situación e volvemos pedir medidas concretas de reforzo das políticas sociais, de creación de emprego e de apoio as pequenas empresas e autónomos, ao comercio e a hostalería. Unha serie de medidas que van dende a exención de impostos aos negocios e empresas do concello, e rebaixas para a veciñanza ata plans de mantemento do emprego para as pequenas empresas. Cabe recordar que os mecanismos políticos e administrativos xa existen, e mesmo algunhas partidas económicas, polo que a  aplicación é moi sinxela, solo é necesaria a vontade de actuación que de momento o goberno local non demostrou.

Mirar cara ao fúturo.

 Como o orzamento deste 2020 está aínda sen aprobar, aproveitamos a ocasión para mirar cara ao futuro e propoñer partidas económicas para levar a cabo un plan de  eliminación da fenda dixital para  as crianzas e os colectivos máis desfavorecidos, así como outras destinadas a prever orzamentariamente un plan de continxencia para emerxencias como está no futuro, garantindo así dispor de fondos de xeito automático se esta situación ou outra similar volve repetirse.

recorte esc13