Novo bloqueo de David Castro ao acceso á información municipal.

- Fai unha semana solicitamos consultar de xeito periódico o rexistro municipal.
- David Castro está bloqueando intencionadamente o noso dereito a obter información municipal.
- David Castro está comprometendo deliberadamente a posición da secretaria municipal.
“Para a correcta realización das nosas obrigas como forza política resulta vital poder acceder as entradas e saídas do rexistro municipal de xeito periódico”, así o explicaba Oubiña onte logo de achegarse ao Concello a facer uso do seu dereito ao acceso á información, que había solicitado ante a secretaría municipal previamente, “por educación e porque temos ánimo de desenvolver o noso traballo dende o respecto institucional. Porén, en realidade nin sequera temos que pedir permiso, pois o acceso ao rexistro do concello é un dereito fundamental de todos os concelleiros, sexan do goberno ou da oposición. Ademais a consulta do rexistro é algo totalmente normal”. Mais o que se encontrou no Concello o noso voceiro foi un portazo en toda regra, e á secretaria municipal actuando de parapeto, poñendo escusas e mesmo insinuando que quizais se nos negue o acceso ao rexistro.
Pola nosa banda temos claro, tal como expón Oubiña que “non imos polemizar coa secretaria municipal, nin entrar na trampa de encerellarnos cunha persoa que o alcalde está poñendo por diante para non dar el a cara, ademais forzándoa a ir moi ao limite da legalidade, co cal pode acabar por verse metida nun problema legal por ser boa persoa e non querer ter problemas no seu entorno laboral”. Dende logo, os comportamentos extorsionadores e abusivos de David Castro cos traballadores e traballadoras do Concello comeza a ser preocupante.
Nos coñecemos perfectamente os nosos dereitos, recollidos, ademais de na Lei de bases do réxime Local, no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, que nos seus artigos 14, 15 e 16 establece e regula o dereito ao acceso á información municipal dos concelleiros, e imos facer uso deses dereitos, gústelle ao alcalde ou non lle guste, e se para iso temos que tomar vías doutro tipo, non nos vai tremer a man o máis mínimo. Neste aspecto debemos admitir que pensabamos que a base de recibir notificacións da Valedora do Pobo David Castro xa tiña aprendido que non pode negarnos os nosos dereitos, mais parece que segue encirrado na mesma liña obstrucionista, o cal nos leva a pensar: “que oculta David Castro?”.