Category: Sen clasificar

Humanizar, dotar espazos públicos e favorecer o acceso á vivenda, as nosas prioridades para Barrantes.

  • Barrantes precisa dun plan de xestión urbana global, que solucione todas as problemáticas.
  • Imos pular pola reforma integral (de verdade, non outro parche) ou a construción dun novo colexio.
  • Dotaremos  prazas de aparcadoiro, eliminaremos os semáforos, melloraremos a seguridade visita e dotaremos os espazos que entidades ,  veciñanza e Concello precisan.
  • Realizaremos axustes  no PXOM,  outras medidas para favorecer a construción ordenada, e crearemos vivenda pública, adquirindo edificios sen rematar ou a través do traballo con outras administracións.
  • Unificaremos o núcleo de Barrantes con Ribadumia e as comunicacións internas para facilitar os desprazentos dentro do concello.

  O núcleo de Barrantes, e parte de Ribadumia, concentra máis da metade da poboación do noso Concello, e o crecemento acelerado vivido nos tempos previos á crise do 2008 trouxo parello un saco de problemas, aos que debemos dar solución, e de maneira urxente.

  As nosas propostas para o núcleo de Barrantes non son novas. De feito, neste aspecto o noso programa de goberno apenas tivo modificacións nos últimos catro anos, debido á que o goberno inmobilista de David Castro non realizou ningún avance. Tal como explica o noso voceiro e candidato, Enrique Oubiña, “David presentouse ás eleccións no 2019 cun proxecto que segundo el xa era unha realidade e catro anos despois, non só non fixo nada, senón que mudou a súa proposta inicial dúas veces e no medio perdeu 1’3 millóns de euros, unha barbaridade de fondos que ben xestionados permitirían hoxe ter outro núcleo”.

   Non podemos perder máis fondos nin seguir dando tombos con propostas de ida e volta que logo non se concretan en nada. Ademais os problemas de Barrantes exceden a situación do colexio. Por ese motivo nos temos claro que debemos desenvolver políticas urbanísticas en dous terreos: a situación do Colexio, e os problemas do resto do núcleo.

 Con respecto ao colexio, o punto de partida está nas intencións da Xunta. A día de hoxe non consta ningunha proposta da Consellería de Educación de facer un novo colexio, senón que pretenden seguir parcheando o actual. Dende Somos Ribadumia apostamos polo realismo e o pragmatismo. Se o PP da Xunta – o de Ribadumia nin está nin se lle espera –muda de idea e propón un colexio novo, dotaremos os terreos necesarios, onde sexa máis convinte, pero se como estamos vendo a Xunta ten intención de manter o colexio na ubicación actual, loitaremos dende o goberno local porque se realice unha reforma integral, e non máis parcheados. Unha loita que non se prevé curta no tempo, pero que daremos. Se xa antes conseguimos dende a oposición un investimento de 800.000€ , dende o goberno lograremos o obxectivo de ter un colexio en condicións. “E mentres damos esa loita, seguiremos traballando no resto de problemas. Hai que gañar espazos para o propio colexio e para a veciñanza, levar de volta as actividades de conciliación á contorna do colexio, e que a cativada estea nun espazo seguro dende que chegan ata que se van, sen ter que transitar como agora polo medio dos autobuses e coches. E dende logo hai que solucionar o problema de ter instalacións compartidas co Umia, e mellorar outras instalacións como o pavillón.

  E isto lévanos ao segundo terreo de traballo: o problema de espazo e seguridade viaria no núcleo de Barrantes. A nosa proposta é coñecida, sacar o campo do Umia do centro e recuperar para a veciñanza todo ese espazo, onde se poderán dotar  zonas verdes, aparcadoiros e instalacións varias, dende un pavillón en condicións a un edificio que albergue a escola de música e locais sociais para diferentes colectivos.

Máis aló desta proposta, que é unha proposta no medio prazo pois require tempo para verse completada, hai que revisar o ordenamento de todo o núcleo. Apostar por rúas de sentido único, crear prazas de aparcadoiro, eliminar os semáforos en favor de outras medidas máis efectivas de calmado do tráfico, e en xeral favorecer que dentro do noso maior núcleo as persoas se movan a pé, e con toda a seguridade que sexa posible. E estas son as nosas solucións no curto e mesmo no inmediato prazo. Dixémolo fai catro anos e reafirmamonos agora: se gobernamos cando remate o verán non haberá semáforos en Barrantes, pero teremos máis seguridade nas rúas”. Unha mellora substancial do urbanismo que traeráb detras melloras para a cidadanía e para o comercio e a hostalaría, que se verán favorecidas pola existencia dun núcleo amable, onde as persoas se despracen andando, pero tendo os coches preto.

Ademais de todo o dito, hai que unificar o núcleo de Barrantes co de Ribadumia, onde temos dotacións como o centro de saúde ou o auditorio, e facelo a través das vías de comunicacións, con vías peonís e carrís bici. Pero tamen son necesarias, e así nolo están pedindo dende as zonas máis alonxadas do Concello, dar solucións de comunicación que permitan á veciñanza achegarse ao centro de saúde ou a facer xestións a Barrantes. Neste aspecto hai varias posibilidades, dende un bus interno, a un negociado cos taxis do concello, unha posibilidade que axudaría tamén noutros aspectos como xerar comunicacións co Hospital do Salnés.

 O problema da vivenda.

 Temos máis problemáticas que enfrontar. Unha de importancia é a falta de vivenda, unha falta de vivenda que afecta a todo o concello, pero que require solucións diferentes no ámbito rural que no núcleo. No respectivo ao núcleo de Barrantes, onde os servizos básicos e outros como os de conciliación existen dende fai anos, temos que enfrontar a cuestión da falta de vivenda. Barrantes é un lugar moi ben situado, é ben comunicado, motivo polo cal resulta atractivo para as novas familias. Pero a realidade é que non hai vivenda, nin para compra nin para alugueiro. Debemos pois por en marcha medidas que axuden a creación de vivenda. Para nós isto pasa por modificar o PXOM, por establecer unha política fiscal orientada á creación de vivenda, e por dotar vivenda pública, algo que nós propoñemos facer adquirindo r rematando varios edificios en construción en Barrantes. Tamén loitar coa Xunta para que dotar vivenda protexida, pero vendo a liña de actuación do goberno popular, entendemos que esa loita vai ser longa, polo que sen deixala se lado, optaremos polo práctico e poremos nós en marcha o noso propio parque de vivenda pública. A maiores disto, hai que reforzar os servizos de conciliación e dar apoio ao comercio e a hostalería, para que o dinamismo da vila favoreza o crecemento en habitantes.

  En resumo, que falar de urbanismo no núcleo non é falar de catro medidas illadas,  nin moito menos de medidas que son competencia doutras administracións que virán ou non virán. Compre un plan integral, que coñecendo os problemas expoña as solucións particulares e a todo o conxunto, e nós temos ese plan, moi ben traballado e listo para empezar a mudar Barrantes en canto teñamos a capacidade para facelo.

Un mes levamos cunha soa facultativa. David Castro garda silencio.

  • Máis dun mes levamos no centro de saúde cunha soa facultativa.
  • Gracias ao traballo de Somos Ribadumia, evitamos quedar, de momento, sen ningúnha  facultativa.
  • Unha das facultativas xa non ten previsto incorporarse, pois xubílase, pero o SERGAS non informa de cando vai cubrir esa baixa.
  • Condenados a estar de novo co persoal en mínimos todo o verán, e posiblemente sen pediatra.
  • David Castro cala.

    Xa máis dun mes leva o centro de saúde con unha soa facultativa, debido a que as outras dúas causaron baixa. E a situación non pinta que se vaia a solucionar pronto, pois unha das facultativas xa se xubila. As consecuencias as mesmas de sempre, citas a quince ou vinte días, o centro de saúde sen médicas cando a que está ten que saír a unha urxencia, e todos os incómodos de estar, a efectos prácticos, sen case servizo. E todo isto co SERGAS caladiño. Nin informan dos problemas, nin aportan solucións.

   Dende Somos Ribadumia queremos remarcar que se aínda hai unha facultativa, é gracias ao traballo feito que nos permitiu lograr a terceira praza. De non ser por ese logro, quizais agora estariamos falando dun centro de saúde pechado.

  Ademais, como dixemos no seu momento, seguimos co temor de que a actual pediatra acceda a unha das prazas ofertadas polo SERGAS noutro centro de saúde e quedemos de novo sen ese servizo, primordial no noso concello

 O noso voceiro, Enrique Oubiña “pregúntome onde está David Castro. O cartel coa súa cara está colocado nas farolas diante do centro de saúde, pero esa é toda a noticia que temos del, que tanto ía loitar pola sanidade”. Os feitos son que mentres a nosa veciñanza está sen médicas e sen atención sanitaria, David Castro en vez de estar reclamando solucións ao SERGAS, dedica o seu tempo a facerse fotos entregando trofeos, participar en eventos privados  como o AF7 e a facer campaña.

  Dende a nosa formación temos claro que se queremos ter unha atención sanitaria digna e de calidade, teremos nós que loitar por ela, como ata o de agora. E remitímonos aos feitos: dende lograr que se cubriran as baixas a lograr o terceiro médico. Agora seguimos presionando para que se cubra o servizo, pero temos un tapón, que se chama David Castro, candidato do PP. 

Unha aposta real e seria polo deporte local.

  • Completamos unha rolda de conversas con todos os colectivos deportivos.
  •  As problemáticas son comúns: deficiencias e falta de mantemento nas instalacións, problemas de espazo, unha, xestión desequilibrada dos recursos, a  redución de fondos das axudas económicas e unha discriminación dos eventos municipais en favor dos privados.
  • As nosas propostas: aumento inmediato das partidas das liñas de subvención, modificación das bases e convenios por actividade para garantir unha axuda económica mínima e a celebración dos eventos de relevancia, melloras no mantemento e dotación das instalacións que faltan.
  • Hai que eliminar a competencia desleal entre concello e empresas deportivas, dar apoio coa burocracia da administración tanto a clubs como a colectivos que traballan na federación de novos deportes, caso do pole dance, con presencia e moita aceptación no noso Concello.

    Dende Somos Ribadumia  vimos de manter unha rolda de conversas coas entidades deportivas do concello, pois aínda que a nosa relación con elas xa eran fluídas e tiñamos as nosas propostas traballadas dende fai tempo, sempre hai axustes que facer e novas situacións.

  As xuntanzas  serviron para a confirmar as problemáticas que son vellas: instalacións desfasadas ou que se quedan pequenas, caso do campo de A Bouza en Barrantes,  falta xeralizada de mantemento e limpeza, a falta de actualización das partidas das axudas aos clubs, e as diferenzas entre o apoio a eventos privados e os eventos organizados por clubs locais. Pero tamén hai novos retos aos que  David Castro non quere facer fronte, como a existencia dun terceiro club de fútbol coas súas necesidades, o Xuventude de Sisán, ou o crecemento do Club Ciclista Ribadumia, que precisa dunhas instalacións mínimas que agora non ten. Tamén existen novas realidades, como o caso do pole dance, os deportes libres ao aire libre, e tamén é preciso revisar a axenda de actividades municipais para evitar conflitos con empresas privadas do noso concello.

    Dende Somos Ribadumia tomamos boa nota das vellas é das novas realidades, e expuxemos as nosas propostas, algunhas das cales xa as vimos defendendo toda a lexislatura.

  En primeiro lugar, comprometémonos a aumentar a partida destinada as axudas a través das bases de maneira inmediata, algo posible ao non ter aínda orzamento, e a poñer ao día todas as instalacións existentes, e mellorar a limpeza. Isto inclúe aos pabillóns, algúns dos cales están nun estado lamentable, ou presentan problemas de condensación dende fai anos. Máis aló disto, e dunha revisión das bases moi necesaria para adecualas as novas realidades do Concello, cremos que é necesario deixar de marear aos clubs co apoio aos diferentes eventos que organizan, e tamén mudar o desequilibrio que hai entre o apoio a eses eventos e o que se da a outros como o AF7.

  A nosa aposta é asegurar a través de convenios dúas cousas: por unha banda unha cantidade mínima de axuda anual para a actividade deportiva xeral, diferenciada das axudas existentes que teñen o peso na promoción das bases deportivas. Por outra banda protexer o apoio económico do Concello aos eventos de relevancia que aconteza no concello, e rematar co mareo ao que David Castro somete aos clubs de maneira continua. Esta fórmula tamén aforra burocracia tanto ás entidades como ao Concello.

  Máis aló do económico, hai que dar solución aos problemas de espazo e de falta de instalacións que teñen os clubs. A mala planificación de gobernos anteriores fai que ante a chegada de novos clubs e disciplinas deportivas as instalacións actuais, que costaron millóns de euros, non sexan suficientes, e ademais as instalacións que hai non son ampliables por falta de espazo físico, e no caso do campo de A Bouza, o uso compartido e a situación en pleno centro urbano son problemas engadidos. A nosa aposta é clara: hai que facer unha nova instalación deportiva, que sexa suficiente e que teña visión de futuro e capacidade para aumentar a axenda de deportes.  Ademais disto asumimos o compromiso de dotar dunhas instalacións mínimas en Leiro ao Club Ciclista Ribadumia.

    Ademais destas propostas, tempo claro que hai que atender a outras cuestións. Hai que apoiar a colectivos como o do pole dance, que están no trámite da súa federación como deporte. Tamén hai que promover que as actuais escolas deportivas deán paso a novas entidades deportivas que aporten variedade de opcións, e hai que revisar a axenda de actividades que oferta o concello, pois está moi desfasada e entra en conflito coas empresas que nos últimos anos se instalaron no Concello, mentres obvia novas realidades, como a práctica deportiva ao aire libre que cada día ten máis adeptos e require de instalacións públicas, como xaulas de calistenia, por exemplo, ou pistas tipo pump track, para deportes de corte máis urbano, que hai que realizar, pero con criterio, non poñelas en calquera lado para xuntar cuns votos seguindo a moda do momento.

  E ante a pregunta de “e de onde van, saír os cartos? “ a resposta é clara: de traballar e xestionar ben, pero de partida, para parte do proposto chega con poñer no orzamento de maneira concreta o que David Castro gasta sen control, e para os investimentos máis importantes, chegaría con pedir, e despois non perder, subvencións . Xa perdemos a posibilidade de acceder a máis de 8 millóns de euros; con lograr a cuarta parte deses fondos chegaría para afrontar os investimentos de maior tamaño que se expoñen aquí.

Lamentamos á polémica cun colectivo local polo concurso de fotografía da Festa do Tinto.

  • Parécenos unha completa falta de sensibilidade, de educación e de respecto por un colectivo non haberse comunicado con esa asociación que durante anos organizou actividades encadradas na festa.
  • David Castro segue pasando por enriba das entidades sociais, e creando polémicas polas súas formas.
  • E xa postos, lamentamos á falta de ambición  e de novidades no 50 aniversario da nosa festa máis emblemática, e propoñemos que pase a estar xestionada por un Patronato ou Fundación.

    Dende Somos Ribadumia debemos lamentar a polémica creada ao redor dun concurso de fotografía. Non imos entrar na cuestión, que a propia asociación afectada explicou moi ben. Dende a nosa posición, consideramos que David Castro evitaría está situación, a poucas semanas da festa, con diálogo e falando as cousas, en vez de andar a pisar o traballo de outros sen miramentos.

Vaia por diante todo o noso apoio a ese colectivo, como a todos os demais.  Os desprezos de David Castro cos colectivos que non están dirixidos por xente da súa contorna non son novos. Nesta lexislatura en varias ocasións tivemos que por de relevancia desplantes a varias entidades deportivas e culturais, tal como recolle a hemeroteca e o rexistro do Concello. Pero aínda non fai moitos días que a Asociación Herminio Barreiro, que se cansou de determinadas cuestións e decidiu paralizar temporalmente a súa actividade quedando así Ribadumia sen asociacións de carácter cultural,  lamentábase nas redes sociais de levar dende setembro de 2021 agardando a ser recibidos por David Castro.

  Dende o noso punto de vista resulta moi triste que David Castro teña estas actitudes partidistas. Os colectivos, todos eles, deben ser respectados e apoiados, e un alcalde non debería ter esas actitudes de desprezo, ir ao choque con eles ou manterlles conxeladas as axudas para empurralos a desaparecer, que é o que leva facendo catro anos.

Sobre a festa.

  Aínda que preferiamos non valorar a L Festa do Viño Tinto do Salnés é das variedades autóctonas ata logo de que tivera lugar, non podemos deixar de por de relevancia a nula novidade, coa salvedade dun concurso de tapas e o concurso de fotografía envolto en polémica, que nin novidade é. A andaina  posta en marcha no seu día por Enrique Oubiña sendo concelleiro de política social, xunto aos concertos de grupos locais e as actuacións na carpa, tamén impulsadas polo noso partido, foron case ás únicas novidades en oito anos. E neste 50 aniversario agardabamos, sobre todo despois do anuncio feito por David Castro na pasada edición prometendo unha festa para o recordo, algo máis de chicha, algún concerto de nivel, algunha actividade con certa relevancia (un concurso fotográfico cun único premio de 100€ tampouco é un algo que poida crear espectativa, por poñer un exemplo), pero o máximo ao que chegou este goberno foi a un grupo “tributo” a Joaquín Sabina, que aínda sigue vivo e para o caso  ten un caxé que se podería valorar.

 Que David Castro declarase que non quería organizar unha festa de máis calado para que “ despois a disfruten  outros “( a festa terá lugar na semana seguinte ás eleccións) tampouco nos parece moi correcto. Se non conta gañar ás eleccións pois que marche xa, pero ata  que pasen ás eleccións e se elixa un novo alcalde, o cargo, se non dimite, teno el, e debe actuar en consecuencia.

   Cómpre recordar que aínda que a festa está sustentada por un grupo de persoas voluntarias, a responsabilidade e a xestión económica é a todos os efectos é do Concello. Tamén o financiamento se fai en gran medida con fondos públicos. A este respecto temos claras as nosas propostas: a Festa ten que pasar a estar xestionada por un Patronato ou unha Fundación, que agrupe a Concello é ao sector vitivinícola, pero tamén hostaleiros é comerciantes, é debe ser profesionalizada, non pode ser que a festa máis importante do Concello, que move máis de 100.000€ de fondos públicos, estea a espensas da boa vontade ou mesmo da saúde ou cuestións particulares dun grupo de voluntarios, que poden cansarse ou causar baixa deixando a festa no aire, e iso sen falar cuestións de seguridade xurídica. E dende logo, se chegamos ao Concello, resarciremos a pobreza desta edición na seguinte.