David Castro, un alcalde mal pagador que oculta os datos da súa xestión ante a Xunta de Galicia e o Estado.

Un ano máis, Ribadumia non presenta os seus números ante o Consello de Contas.
• Xa tivo retidos fondos por non facer as cousas ben, agora sigue poñendo en perigo multitude de axudas doutras administracións.
• O período medio de pago a provedores xa supera os 60 días.
• E mentres, as axudas aos colectivos seguen sen convocarse, seguimos tamén sen orzamento e co Concello á deriva.

David Castro sigue dando mostras do completo descontrol no que ten instalada a xestión municipal, poñendo en risco e paralizando a entrada de fondos doutras administracións pola súa desidia, e prexudicando ás empresas que dan servizo ao Concello.

Como advertimos en varias ocasións, a Conta Xeral de cada exercicio non se está mandando en prazo ao Consello de Contas, ente que fiscaliza a xestión económica dos Concellos. Pero non só iso. A realidade é que David Castro non remite ningún dos informes que dende o órgano de fiscalización se lle require. De feito, Ribadumia aparece no último “Informe de fiscalización das obrigas de remisión de información das entidades locais de Galicia e avaliación do entorno de control: control interno, contratos e convenios”, relativo aos exercicios 2019 e 2020, como un dos Concellos que non trasladou eses informes.

Recentemente, a principios de abril, o Consello de Contas volveu requirir novamente diversos informes económicos ao Concello de Ribadumia, pero non consta que o goberno enviara resposta.

O problema de todo isto, máis alo da falta de transparencia na xestión dos cartos que son de todos e todas as veciñas de Ribadumia, está nas consecuencias. En xaneiro advertimos de que o Concello levaba dous meses con preto de 200.000€ retidos por non cumprir coas súas obrigas cara o Ministerio de Facenda. Se está situación se mantén Ribadumia podería perder centos de miles de euros en axudas. A David Castro non parece preocuparlle, nin lle deben doer os cartos que non son del, pero dende a nosa formación si estamos preocupados, xa non so por esta maneira de facer as cousas, senón polo que poida ocultar tanta opacidade cos números.

Período medio de pago de máis de 60 días.
E a nosa non é unha preocupación baseada unicamente na ocultación dos datos. O período medio de pago a provedores segue subindo. No último ano o período medio de pago duplicouse, pasando dos 33 días do cuarto trimestre de 2022 aos 61 días do cuarto trimestre de 2023. En 2017, estando nós no goberno, ese dato era de 8 días.

Para aclarar, no ano 2017 as empresas que traballaban para o Concello cobraban os seus servizos ou subministros, de media, no prazo dunha semana , a finais do 2023 as mesmas empresas teñen que agardar dous meses de media para cobrar.

Sen orzamentos e sen axudas para entidades e clubs.

Outra cuestión a remarcar é a falta de orzamento, necesario para facer fronte aos investimentos que o Concello queira levar a cabo, e para outras cuestións, como a actualización das nóminas dos traballadores municipais por exemplo. Tampouco se poden ampliar as partidas para axudas a colectivos ou para emerxencia social, por exemplo, nin sequera se pode ampliar o que se destina á Festa do Tinto que terá lugar en tres semanas, e que ten que solventarse coa partida de 2022 que xa nese ano non foi suficiente sendo preciso sacar cartos doutros eventos culturais, unha circunstancia que agora David Castro pretende ocultar.

En resumo temos ao Concello coas mans atadas e cos fondos limitados polo definido no último orzamento, o do ano 2022, que xa non era ningunha marabilla nin daba moito marxe para mellorar nada.

Sobre este inxustificable retraso debemos lamentar que aínda por enriba da desidia na xestión, haxa que soportar as tomaduras de pelo é o “cachóndeo” co que o alcalde se toma este tipo de cuestións. Dende o inicio de lexislatura David Castro anunciou cando menos en catro ocasións plenos extraordinarios onde entre outras cousas iría o Orzamento, primeiro o do 2023, despois xa o do 2024 pero de todos eses plenos anunciados e comprometidos, non se celebrou ningún. Que saiba o señor Castro que ninguén lle cree xa ese tipo de promesas, pero que poñerse no pleno a elucubrar sobre futuros plenos que ou non ten pensado celebrar ou é incapaz de xestionar, supón altarlle ao respecto aos membros da corporación, que, cando menos no caso de Sergio Soutelo, non van aos plenos a pasar a tarde.

Por outra banda, cabe reseñar que seguen sen convocarse as axudas a entidades e clubs. Isto é totalmente inaceptable, e a Concelleira de Contas debería pedir desculpas públicas e se non o soluciona de maneira inmediata, dimitir. A convocatoria destas axudas non require de nada máis que un acordo en Xunta de goberno, ou un edicto de alcaldía, pois as bases están xa aprobadas dende o ano 2016 , e a partida económica da aie dependen figura no orzamento, aínda que sexa prorrogado. Así pois, estas axudas non se convocan porque ao alcalde e á Concelleira responsable non lles da á gaña. Nin máis, nin menos. E iso é un ataque cara os colectivos do noso Concello.

Confírmase que o desfile de entroido non contaba cos permisos necesarios.

  • A documentación entregada confirma a ausencia de permiso da Garda Civil.
  • A autorización da Deputación non entrou por rexistro.
  • Esiximos responsabilidades e desculpas públicas por acusarnos de mentir cando quen mentiu foi o goberno.
  • Entregar a documentación en pleno non paraliza o proceso xudicial, por non entregar todo o  que se solicita.

   Neste pasado Pleno David Castro pretendeu paralizar ou facer decaer un proceso xudicial iniciado polo noso partido ante a súa negativa a entregar diversa documentación, facendo entrega da mesma no propio Pleno.

   Sobre a documentación entregada, moito teremos que falar, pero de partida diremos que non se entregou todo o solicitado, e polo tanto seguiremos pola via xudicial.

   Porén,  hai un tema que queremos comentar en relación a unha das solicitudes de documentación ás que respondeu en Pleno. En concreto ás relativas ao desfile de entroido.

  Unha vez analizada a documentación entregada resulta que todas as declaracións feitas neste Pleno e no anterior, onde se aseguraba que ese desfile contaba con todos os permisos e seguros,  e que o evento contou con toda a seguridade necesaria, resultaron ser falsas.

  Coa documentación na man, e logo das declaracións da propia Concelleira d e Contas, o desfile de entroido non contaba coa autorización pertinente e necesaria da Garda Civil. Si se fixo unha solicitude, pero non consta que a Garda Civil emitira unha resposta, polo tanto non existe esa autorización. E polo tanto o desfile fíxose sen ese permiso.

  Situación similar pasa co permiso da Deputación, que foi asinado o 9 de febreiro, o dia hábil anterior á cabalgata, pero non chegou a entrar no rexistro do Concello. Descoñecemos o motivo, ou se o Concello por erro obviou entregar esa documentación concreta, pero compre recordar que o que non entra por rexistro oficialmente non existe nin conta a efectos legais. Cos papeis, na man, a autorización da Deputación non chegou.

   Consta entre a documentación aprobada que protección civil axudou no evento cun equipo de 12 persoas. Tendo en conta as características do desfile, recordemos que ocupando un carril enteiro dunha estrada de dous carrís e tráfico abundante, non nos parece nin que fora suficiente nin que limitarse a controlar o tráfico dos cruces fora nin de lonxe a única medida necesaria. Isto non é responsabilidade do corpo de Protección Civil, e responsabilidade de quen organiza o evento e establece as medidas de seguridade. Como dixemos, cando menos dende o noso punto de vista, a falta de medidas físicas que evitaran que os nenos e nenas, e tamén os adultos, invadisen por accidente o carril de circulación, supuxo por en risco a integridade física dos participantes do desfile.

  No Pleno, a concelleira de contas encheuse moito a falar de que habíamos creado certa alarma social acusándonos mentir por dicir que o goberno organizou este evento sen os permisos necesarios cando non era correcto. Pois si que era correcto.

  E polo tanto esiximos responsabilidades políticas ante este feito tan grave, e no caso concreto da Concelleira de Contas, unhas desculpas públicas ante o noso Concelleiro e o noso partido, por acusarnos de mentir e crear alarma social, cando a que mentiu,. ademais en dous plenos distintos, foi ela, tal como queda demostrado. 

  Quen organizou e levou a cabo un evento de maneira chapuceira e sen contar cos permisos pertinentes foi o goberno local, quen mentiu foi o goberno local e quen creou alarma social poñendo en perigo a integridade física de nenos e adultos, foi o goberno local. Dende Somos Ribadumia, que para empezar non gobernamos, limitámonos a exercer o noso papel na oposición que inclúe fiscalizar a labor de quen si goberna,   aclaramos que unicamente puxemos en dúbida a existencia de permisos cando o goberno local bloqueou o acceso á documentación,  e agora entendese o por que dese bloqueo, que tivemos que romper acudindo a un xulgado.

David Castro admite que a modificación do PXOM ten como obxectivo legalizar a construción dunha nave.

Argumentos contraditorios, dando a entender que xa actuou en dúas ocasións para dar a volta a sentenzas da APLU pero negando o evidente.
• O máis claro argumento de David Castro “esta modificación busca adaptar á realidade a situación desa zona porque o que está no Plan Xeral non é o que se ve alí ”. Efectivamente.
• David Castro non aclara porque a documentación obvia a nave ao tempo admite a súa existencia.
• Un ano para corrixir os erros pero David Castro non corrixiu nada, o mesmo tempo que a APLU leva sen responder a un recurso de reposición posto polos propietarios desa nave. Casualidade?

David Castro está decidido a aprobar unha recalificación de terreos en Cabanelas para tentar legalizar a nave construída de xeito totalmente ilegal – co seu silencio cómplice – e que conta cunha orde de derribo por parte da APLU, neste momento pendente da resolución ante dun recurso de reposición dende febreiro do ano pasado.

Sergio Soutelo non puido acudir ao Pleno por cuestións de causa maior, pero si estiveron presentes varios membros da Comisión Executiva , como ven sendo habitual, e dende o noso punto de vista as declaracións de David Castro deixan ben claro que o alcalde actúa de parte. Vaia por diante, que no caso de participar, Somos Ribadumia non ia votar a favor desa modificación do PXOM.

No debate desa modificación do PXOM David Castro presumiu de terlle dado a volta a dúas ordes de derribo da APLU, ademais dixo en que lugares, faltoulle dar os nomes dos veciños afectados, xustificando que dende o Concello se fagan actuacións para evitar derrubes de construcións ilegais. Unhas declaracións que pretendían xustificar o inxustificable. O que David Castro non dixo é que neses casos onde se puido actuar, tivo que requirir aos infractores para repuxeran a legalidade, que non sempre implica derrubar as construcións, de feito nos casos que se referiu o que había eran cuestións administrativas menores.

David Castro foi máis aló, pois no propio pleno deu conta de edictos de alcaldía actuando noutros casos onde , en contra de cómo se actuou en Cabanelas, si se requiriu a reposición da legalidade aos infractores e mesmo se puxeron multas coercitivas. Desta maneira nun so pleno fíxose evidente que David Castro actúa dunha maneira cando se trata de determinados veciños, con expedientes da reposición da legalidade e multas, actuara a APLU ou non, e doutra moi distinta cando o que actúa fora da lei é un amigo empresario, deixando pasar sen tomar ningún tipo de medida e chegando a modificar o PXOM para favorecer a ese empresario.

As actuacións da APLU e as non actuacións de David Castro.
Hai que remarcar que a APLU, moi áxil nas súas actuacións noutras ocasións, ten pendente dende fai máis de un ano resolver un recurso de reposición interposto polos propietarios dos terreos e da nave e muros levantados de maneira totalmente ilegal. Ou cando menos tiñao a semana pasada, cando ese órgano nos trasladou copia do expediente.

En Somos Ribadumia non sentimos desconfianza ante os diferentes órganos públicos, pero resulta chamativo este retraso, cando a resolución anterior da propia APLU, resolta cunha rapidez que contrasta coa paralización posterior, resultou contundente, pois non deixa opción á legalización da nave nin sequera no caso de que se modificara o PXOM, como se pretende.

No que non creemos en Somos Ribadumia e nas casualidades en política. E hai que dicir que resultan tamén moi chamativas as datas. O recurso de reposición referido foi posto o 22 de febreiro de 2023. David Castro anunciou o seu paso ao Partido Popular o 25 de febreiro, tres días despois. E dende ese momento a APLU ten pendente o tramite final do expediente e David Castro intentou ata en catro ocasións levar a pleno esta modificación, retirando da Orde do Día tres das catro veces, pero sen cambiar unha soa liña na documentación da modificación do PXOM. Se non se modificou nada porque se retirou dos plenos anteriores – con escusas bastante peregrinas – e porque se aprobou onte e on antes? Que foi o que mudou nestes meses?

O que David Castro non fixo dende o ano 2020 foi actuar como lle obriga a lei, ordenando e tomando as medidas pertinentes para paralizar a obra de construcións desa nave e do muro perimetral e a posterior reposición da legalidade, algo independente do que faga a APLU, como moi ben sabe o señor Castro. E ademais, tendo meses para corrixir a documentación da modificación do PXOM, unha vez que se fixo público que estaba ocultando a construción desa nave, tirou para adiante ignorando todas as advertencias de que está saíndose dos procesos legais e posiblemente caendo nun delito de prevaricación, arrastrando con el aos seus compañeiros de partido que onte levantaron a man apoiando unha modificación do PXOM moi dubidosa, pero cuxo tramite, ademais, e hai que recalcalo, non éxime das obrigas do señor Castro de actuar ante unha ilegalidade manifesta.

David Castro pretende usar o Pleno Municipal para xustificarse ante o Xulgado.

  • Na Orde do Día do Pleno inclúe tres puntos de “dar conta” referidos a Somos Ribadumia, pero oculta o contido deses puntos.
  • David Castro intenta librarse das consecuencias xudiciais de ocultarlle documentación a Sergio Soutelo.
  • Por que oculta David Castro as facturas do Xantar do Tinto, os contratos con un arquitecto externo, e outra documentación? .

   Dende Somos Ribadumia temos moi claro cales son os funcionamentos democráticos, e as normas que nos afectan a todos os concelleiros e concelleiras. David Castro parece que ou non o ten tan claro ou pretende estar por enriba desas normas e funcionamentos.

  No Pleno convocado para este xoves figuran tres puntos nos cales David Castro pretende “dar conta” de tres escritos presentados por Sergio Soutelo. Antes de entrar no contido deses escritos e dos motivos reais desta actuación do señor Castro,  hai que remarcar que Alcaldía usa o termo “dar conta”, pero a realidade é que non ten nada do que dar conta. Os escritos aos que se refire foron presentados por Sergio Soutelo en calidade de Concelleiro, e son peticións de documentación necesaria para a súa labor, algo que entra dentro do funcionamento normal en calquera Concello. Hai que remarcar que en ningún caso neses escritos se solicita dar conta de nada nin se propón nada para debater ou someter a consideración do pleno, e tampouco se trata de preguntas formuladas para ser respondidas no pleno, nin se solicita que  entregue a documentación no transcurso dun pleno. Polo tanto, non ten sentido ningún “dar conta” duns escritos presentados por un Concelleiro da oposición pedindo documentación, menos se ese concelleiro non especifica algo nese senso.

  Ademais resulta de todo ridículo que un alcalde renda contas dos traballos realizados por un concelleiro da oposición, e aínda que agradecemos a atención que David Castro pon no noso traballo, queremos deixarlle ben claro que a Somos Ribadumia no Pleno Municipal unicamente o representa Sergio Soutelo; o señor Castro non ten o noso permiso para falar no noso nome nin para facer exposicións do noso traballo.

  Compre remarcar que deses 3 escritos dos que se pretende dar conta, signifique iso o que signifique, dous deles están xa en vía xudicial por non terse entregado a documentación que neles se solicitaba. Queremos dicir con isto que logo de semanas agardando pola documentación, e recibindo escusas, optamos por acudir á vía xudicial. O primeiro resultado da nosa denuncia foi que o xulgado requiriu fai uns días ao Concello para  que aportara a documentación que considerase, e iso explica que David Castro pretenda meter con calzador eses escritos no Pleno Municipal, co obxectivo de xustificar o retraso na entrega de documentación ou quizais buscar algunha maneira de librarse de entregar esa documentación.  

Tamén hai que remarcar que estes non son os primeiros escritos que presenta Sergio Soutelo. No que levamos de mandato o noso Concelleiro leva presentados mais de 30 escritos, boa parte deles pedindo diversa documentación, que sempre se entrega tarde e logo de moitos atrancos, pero ata agora David Castro non fixo esta xogada do Pleno, que si fixo no mandato anterior en varias ocasións e sempre para xustificarse ante un terceiro, naqueles casos a Valedora do Pobo de Galicia e o Defensor del Pueblo de España.

Polo tanto, “branco e en botella”, David Castro usa o Pleno Municipal para tentar xustificar o inxustificable. A diferenza é que responder ante un xulgado non é o mesmo que responder ante a Valedora do Pobo.

  Ademais de todo isto, David Castro oculta a documentación da que supostamente vai dar conta no Pleno, e só figuran no expediente os escritos aos que fai referencia, pero non a documentación que entendemos se irá entregar neses “dar conta”. A documentación a tratar nos plenos, como temos xa expresado moitas veces, debe estar a disposición dos concelleiros de maneira integra dende o momento de convocarse o Pleno. Non facelo así supón ocultarlle aos concelleiros e concelleiras documentación que se vai tratar no Pleno, unha actuación irregular pola  cal solicitamos a retirada deses puntos da Orde do Dia, e que poderia supor a anulación do Pleno Municipal e calquera acordo que se tome nel, algo do que xa advertimos a David Castro.

   Con todo, o importante está no que David Castro pretendía  e pretende ocultar con tanta paixón. Nestes casos concretos as facturas do xantar do Tinto, os máis que probable inexistentes permisos e seguros para a realización do desfile de entroido, e diversos expedientes que van dende o contrato do alumeado e decoración de Nadal a memorias e proxectos  para realizar diferentes actuacións. Iso no relativo aos escritos dos que pretende dar conta neste Pleno, pero tamén está ocultando os contratos con determinado arquitecto externo, entre outras cousas.

   Dende o noso punto de vista só oculta algo quen non está facendo as cousas ben, pero se o obxectivo é poñernos paus nas rodas, xa lle advertimos ao señor Castro que imos defender os nosos dereitos e os do noso Concelleiro, e se temos que levar cada unha das solicitudes de documentación ao xulgado, levarémolas.