Enrique Oubiña: “política barata é aproveitar calquera situación para castigar a certos traballadores ”.

  • Dende o primeiro momento amosamos o noso apoio ao goberno nestes momentos difíciles, pero tamén pedimos que as actuacións do goberno foran, ademais de legais, exemplares.
  • É totalmente inadmisible que se teña proposto coller estes días como vacacións, como tamén que haxa persoas na casa que  descoñezan se van poder gozar das súas vacacións no seu momento  ou as están perdendo.
  • Pedimos medidas locais de apoio aos autónomos e pequenas empresas.
WhatsApp Image 2020-03-18 at 10.56.59

     O pasado mercores o Diario de Arousa recollía a confirmación de que hai varios traballadores do Concello de “vacacións”, ao mesmo tempo que o alcalde tira de legalidade e escúdase na súa habitual ausencia de responsabilidade, sen perder a oportunidade de desprezar o traballo de Somos Ribadumia, para xustificar que se lle recorten dereitos a certos traballadores.

 

  Dende que a mediados da semana pasada a crise do corona virus provocou o inicio da paralización do país, dende Somos Ribadumia estivemos atentos a que decisións se tomaban dende os ámbitos políticos, amosando publicamente e en privado todo o noso apoio neste aspecto ao goberno municipal e tamén aos traballadores e traballadoras do concello, que son as pezas fundamentais para o funcionamento do concello calquera día do ano, pero moito máis nestas circunstancias.

  Amosamos o noso apoio, pero como explicaba esta maña Enrique Oubiña,  “ tamén expresamos que nestes momentos de moita incerteza, o goberno local debía ser modelo de exemplo a seguir en todos os aspectos, dende a prevención aos mecanismos laborais que garantan que ningún traballador  pague as consecuencias dunha situación sobrevida”.

  E todo isto expresámolo  a semana pasada, indo por diante do goberno local que como ven sendo habitual dende que non nos teñen con eles carece de calquera iniciativa propia, algo que  tamén tivemos que denunciar cando vimos que todos os concellos levaban días informando a cidadanía en duro contraste co goberno silencioso  de David Castro. E mentres nos dicíamos que había que ser exemplares  e , naquel momento onde inda non se decretara o estado de crise, pediamos ao concello que facilítase a conciliación familiar dos traballadores, tal como explica Oubiña “ o goberno local dedicábase , digamos,  augurar  a algunhas persoas a formalización dun ERTE se non collían vacacións. Co resultado de que varias persoas solicitaron vacacións forzosas  o pasado venres.”

   O pasado luns presentamos un escrito por rexistro – que ata hoxe non habíamos feito público pois esperabamos que o goberno collera o recado e non fixera falta dicir máis – pedindo xa de xeito formal responsabilidade e exemplaridade, que se informará correctamente a cidadanía,  que se fóra moi coidadoso coa xestión laboral desta crise, e se nos trasladara en que situación quedaban os traballadores do concello, algo polo que seguimos agardando. Enrique Oubiña “xa tiña coñecemento de que había persoas na casa de vacacións, así como da xuntanza do goberno do domingo á tarde para analizar a cuestión e da xuntanza mantida cos traballadores do concello a media mañá do luns. Pero debo dicir que para min foi unha sorpresa de que non se rectificara a situación das persoas que están de vacacións forzosas”.

   A diferencia deste goberno co anterior, é que no anterior Somos Ribadumia exercía de palanca e evitaba certos desmáns, como cando Oubiña bloqueou as intencións de IR de aprobar en pleno unha RPT sen consensuar con ninguén , que ademais era pouco menos que escravista. Agora hai unha maioría absoluta dun partido moi  amigo de usar as ameazas veladas – ou non – como ferramenta para atar en curto aos traballadores, e así se está vendo o que se está vendo, algo que nos preocupa especialmente.

   Ademais,  o goberno utiliza como argumentos para xustificar a súa actuación, primeiro a descalificación cara a nosa formación, e logo afirma que está agardando que estancias superiores decreten cómo actuar, cando iso significa precisamente confirmar a situación que nega, e  actuar cunha total falta de conciencia social, nun momento onde moita xente se enfronta a  unha situación laboral complexa e cando o  goberno local debería ser un referente neste aspecto.

   Para Oubiña “é totalmente inadmisible que os traballadores e traballadoras deste país paguen as consecuencias dunha crise que nos chegou forzosamente, e que o noso goberno local actúe deste xeito, non ten xustificación ningunha. Un concello non é unha empresa que da noite para a maña se quede sen carga de traballo e ingresos económicos, e se actúa como tal, é a mala fe e con clara intencionalidade. E que  logo  saian as ventás a aplaudir non é un eximente”.

   Dende Somos Ribadumia lamentamos que o noso goberno se comporte como á peor das empresas. Imos analizar moi detidamente todo o que acontece no concello, e tamén as accións políticas, e chegado o caso legais,  que se poidan derivar de determinadas actuacións. Tamén temos a confianza de que, logo do balbordo creado, o goberno local rectifique a situación das persoas que traballan no concello, e garanta que ninguén se vaia ver prexudicado por esta situación, que non sabemos canto vai durar.

   Mentres tanto, insistimos en pedir á veciñanza calma e paciencia. Non saír da casa se non é imprescindible, para entre todas e todos controlar e limitar a propagación do coronavirus, e poder recuperar a normalidade canto antes.

   Pola nosa banda, máis alá do exposto, solicitamos ao goberno local que tome medidas de reforzo das políticas sociais, sobre todo se a situación de prolonga , e tamén de carácter económico para apoiar as empresas, especialmente aos pequenos autónomos, como a bonificación completa dos tributos locais neste ano e posteriormente medidas de reforzo. Nós, estamos coas persoas, agora máis que nunca.

escrito covid

Lamentamos a falta de compromiso real co feminismo do goberno local.

  • Os actos ao redor do Día da Muller limítanse ao mínimo establecido pola concellería de Enrique Oubiña na pasada lexislatura.
    Apenas se lles da repercusión e o goberno mantén un perfil baixo, sen medidas políticas.
    A algúns actos ou xestos, como a postal conmemorativa, rebaixouselle o perfil feminista.
    Vergoñenta situación durante s Gala de Homenaxe as Mulleres do noso concello.

wp-1584096612625.png   Dende Somos Ribadumia seguimos moi de preto as actuacións do goberno municipal, o cal nos permite comprobar como, tristemente, cuestións onde o noso concello era pioneiro e punta de lanza comarcal, como a loita feminista ou contra a violencia de xénero, perden peso na acción de goberno, que pouco a pouco vai recuperando as vellas posturas das dereita, moi reacia a recoñecer o movemento feminista.

   O primeiro exemplo tivémolo cando o goberno local puxo en dubida o punto morado contra a violencia de xénero implantado por Oubiña na Festa do Tinto do ano 2019, con criticas a ese servizo – que durante os tres dias de festa non visitaron nin unha sola vez – e mesmo poñendo trabas ao pago das facturas.

   Coa chegada do Dia da Muller, celebrado o pasado 8 de marzo, puidemos comprobar como efectivamente, o feminismo do goberno local se nos volve, en palabras de Enrique Oubiña, “un feminismo de garrafón cada día máis augado, cun descurso que se vai asentando pouco a pouco, tentando que non nos deamos conta, nos argumentos da extrema dereita.”

  A dinámica de actos e actividades que se estableceu na pasada lexislatura, na cal a área de Oubiña multiplicou os investimentos e converteu o noso concello nun referente, é o claro exemplo do que estamos a dicir. Non se veu na axenda de actividades deste 2020 o máis mínimo interese de innovar nin de darlle un peso especifico nin relevancia, que fixera ir a máis o movemento creado en anos anteriores. Para comezar a comunicación e promoción de todos os eventos reduciuse ao mínimo. A lectura do manifesto foi disimulado na presentación dunha exposición, tan interesante como oculta, pois así como Oubiña traia ese tipo de exposicións e actos á casa consistorial, para que as vira o maior numero de xente posible, o goberno actual colocouna no auditorio, un bo lugar, pero cunha afluencia de publico mínima, o cal tamén serviu para que a lectura do manifesto pasara totalmente desapercibida, e nin sequera se subiu as redes.

   Pero o máis grave, en verbas do propio Oubiña “é o cambio no discurso. Na lexislatura pasada tomamos a iniciativa de poñer á muller no centro dos actos e actividades. E incluímos detalles de importante simbolismo, como por exemplo mandar unha postal ás mulleres do concello para recoñecerlle o seu traballo e a súa función primordial na nosa sociedade. Agora esa mesma postal perdeu todo o seu peso simbólico e xa solo é unha maneira cara de anunciar un acto, tanto que xa nin sequera se lle manda ás mulleres do concello, se non a “todos os veciños/as”. Non imaxino un discurso máis próximo ás posturas do PP e de VOX.”

Bochorno na gala de homenaxe ás mulleres de Ribadumia.

   Por se era pouco, para completar este retroceso inda nos quedaba a bochornosa situación vivida durante a Gala do pasado domingo, onde se organizou como complemento a actuación dunha cantante “ que non solo  se fixo acompañar dun home, nun xesto organizado dun xeito torpe que deturpou por completo o sentido e significado da propia gala e do propio traballo da artista dando a impresión de que precisaba o complemento masculino, se non que inda por riba tivemos que escoitar supostos chistes do tipo, cito literalmente, “cando se celebra o día do home traballador?” e todo tipo de situacións moi propias das vellas actuacións que xogaban cos roles de xénero, de certo éxito fai anos pero totalmente fóra de lugar nos tempos actuais e menos aínda nunha gala como a do pasado domingo”. Dende Somos Ribadumia a este respecto entendemos que as pouco acertadas expresións que escoitamos durante a actuación non son responsabilidade directa do goberno, pero tamén consideramos que para que iso non pase hai que coidar máis a organización deste tipo de eventos así como as actuacións que se traen.

  Lamentamos que o goberno local, que nin sequera estivo presente en algunha das concentracións que tiveron lugar na comarca neste 8M, -non falamos xa de organizar unha concentración no concello – non estea pola labor de apoiar con firmeza a loita feminista, que é a loita pola defensa dos dereitos das mulleres a ser consideradas iguais aos homes en todos os aspectos da vida, dende os laborais aos sociais, e que prefira abrazar os argumentos da dereita máis rancia no canto de manter a Ribadumia como o exemplo que foi ao longo da lexislatura pasada.

Con todo, na outra cara da moeda, queremos unha vez mais agradecer a labor do CIM comarcal, responsable das actividades realizadas en torno ao 8M, que seguen facendo unha imprescindible labor ao longo de todo o ano.

Dende Somos Ribadumia pedimos tranquilidade á veciñanza, e exemplaridade ao goberno local.

  •  Pedimos á nosa veciñanza que non caia no alarmismo esaxerado, pero que siga os consellos no respecto ás medidas de prevención.       
    Solicitamos ao goberno local que sigas as recomendacións en cuestións de prevención, e tamén que dea exemplo facilitando a conciliación familiar ante medidas como o peche de colexios.

  Dende Somos Ribadumia, como é lóxico,   seguimos  moi estreitamente todo o que está acontecendo ao redor do coronavirus.
Sen entrar a valorar as medidas que se están tomando dende os distintos ámbitos, temos que expresar a nosa preocupación ante a tentación de por en marcha medidas que sexan máis propagandísticas que efectivas. Polo que queremos facer un chamamento ao sentido común ante esta crise.

   Neste aspecto esta mañá a Xunta de Galicia decretou o peche dos colexios a próxima semana. A medida pode supoñer un problema de conciliación familiar, e sen outro tipo de medidas que favorezan esa necesaria conciliación pode acabar sendo máis un caos que unha solución. Dende o noso punto de vista o goberno central debería marcar as pautas e as autonomías deberían coordinarse con él para evitar dar paus de cego, ou poñer en marcha solucións parciais que acaben sendo un problema máis que outra cousa.

   Pero en calquera caso, no ámbito local, que é o que nos compete, queremos pedir do goberno local que sexa exemplar. En primeiro lugar que siga rigorosamente as medidas que se propoñan dende as entidades sanitarias, e tamén que axude á difusión das medidas que poidan axudar á cidadanía na prevención do contaxio , ou como actuar se se ten sospeita del, algo que outros concellos xa levan días facendo. Damos por feito que se vai actuar, e por ese motivo facémoslle saber ao goberno de David Castro que conta con todo o noso apoio.

   Pero ademais de tomar medidas de prevención, tamén é preciso dar exemplo noutros eidos, como axudando a facer visible a importancia do compromiso como sociedade ante esta situación. Por ese motivo pedímoslle ao goberno local que, se non considera reducir a actividade municipal ao mínimo, que sería o máis lóxico, cando menos reforce as medidas preventivas nas institucións e facilite a conciliación familiar aos traballadores e traballadoras do concello que se vexan afectados por outras situacións, como os peches dos colexios, sendo así exemplo para o resto de empresas e institucións.

   Pola nosa banda non queremos caer en alarmismos innecesarios, e pedímoslle á nosa veciñanza que tampouco ceda a eles. Si queremos incidir en animar a poboación a seguir os consellos en materia de prevención que marcan as institucións sanitarias, e sobre todo antepoñer o sentido común. Estamos seguros que , tal como todas as institucións declaran, esta situación é extraordinaria, pero pasaxeira, e a mellor maneira de levala e mantendo a calma e a normalidade.

Amosamos a nosa preocupación pola situación do xeriátrico.

  •  O brote de Sarna pon en evidencia a xestión do xeriátrico.
    As explicacións aportadas por Sanidade e pola dirección do centro ata o  momento non nos parecen suficientes, e manteñennos preocupados.
    Todo o noso apoio ás traballadoras e traballadores nas súas reivindicacións, e as persoas afectadas e as súas familias.
  • Unha vez máis, David Castro cala.

O primeiro que dende Somos Ribadumia queremos transmitir é o noso apoio as persoas que se viron afectadas pola situación que se esta dando no xeriátrico e ás súas familias.

   Tamén queremos amosar todo o noso apoio á plantilla de traballadoras do centro xeriátrico, pois entendemos que están defendendo os seus dereitos como traballadoras, moitas delas ademais veciñas do noso concello, pero que ademais defenden tamén a correcta atención das persoas que residen nese centro, que ante os últimos acontecementos  queda en entredito por mor da política empresarial da entidade propietaria do xeriátrico.

   Para nos é evidente que hai unha relación directa entre a situación de funcionamento que as traballadoras denuncian e a situación sanitaria que se está vivindo, cun brote de sarna que a día de hoxe nin sequera sabemos nin o seu alcance certo nin se foi posible que se trasladara fora do centro, algo que nos parece sumamente preocupante – máis á vista das informacións que falan de dúas traballadoras contaxiadas – , por moito que esta sexa unha infección sinxela de controlar e que non supoña a priori un problema grave para a poboación.

   As informacións achegadas dende Sanidade e a empresa tampouco nos parecen nada esclarecedoras neste momento, pois son contraditorias en canto ao número de persoas afectadas, e non aclaran se o brote quedou totalmente illado dentro do centro ou hai posibilidade de que se extendera no exterior, nin explican como puido ser posible que unha infección dese tipo se propagase nun entorno que se presupón controlado e con medidas de seguridade e hixiene adecuadas.

   Non somos alarmistas e entendemos que nos próximos días esta situación quedará totalmente resolta, pero iso non quita que haxa que esixir responsabilidades e actuacións ante unha empresa que leva meses no foco de atención por situacións similares noutros centros, así como polo falecemento dunha das persoas residentes a finais do 2018, que tamén se relacionou coa escaseza de persoal, motivo polo cal a familia da persoa falecida puxo o caso en mans da lei. Dende Somos Ribadumia pedímoslle a Sanidade que unha vez a situación quede totalmente controlada e resolta, se tomen as medidas correspondentes coa empresa propietaria do xeriátrico, que dende o noso punto de vista comeza cunha auditoría exhaustiva que clarifique como puido ser posible que se dera esta situación, e cal é a situación real na que esta funcionando este centro, en que condicións está traballando o persoal, se se toman as medidas de prevención e de hixiene necesarias en todos os aspectos, e se a atención das persoas residentes é a adecuada, e que no seu caso, se tomen as medidas que sexan necesarias, así como que se lle apliquen á empresa as sancións que para estes casos se estipulen.

 

   Mentres, o noso alcalde cala. 

  Ante o silencio do goberno local, que como ven sendo habitual non se expresa sobre nada do que é importante, presentamos un escrito está mañá preguntando polas xestións que se puideran ter feito dende o ente local, e pedíndolle que, se non se fixo nada , se tome a iniciativa, se pidan os informes pertinentes dentro das capacidades municipais, e se inste a Sanidade a actuar con claridade nunha cuestión que pilla ao noso concello de cheo, pois así como unha enfermidade que hoxe é menor que se contaxia por solo contacto foi quen de poñer en xaque ao centro, non sabemos que podería ter pasado se falásemos dunha enfermidade doutro tipo ou cunha capacidade contaxio maior.

Tamén lle pedimos ao goberno local que aclare se apoia as traballadoras e traballadores do xeriátrico, unha postura que o alcalde non parece moi interesado en aclarar. Para Oubiña “o noso alcalde non pode poñerse de lado. Ten que decidir: se está coa plantilla e cos usuarios do centro ou se está coa dirección da empresa; se está coa veciñanza que mira sorprendida e preocupada como dun día para outro no corazón de Ribadumia aparece un foco de infección, que mañá pode ser outra cousa de máis gravidade, ou se está do lado dos empresarios que non teñen miramentos en recortar en medios e persoal para garantir beneficios”.