Posible neglixencia de David Castro ao non ter contratados os seguros de responsabilidade civil obrigatorios.

  • David Castro confirmou que hai unha cuestión persoal contra esa traballadora.
  • Non existen informes xurídicos previos que avalen a presentación deste recurso, nin acordos de goberno nin edictos de alcaldía. Foi decisión particular do alcalde que ocultou publicamente.
  • Pleno bronco pragado de faltas de respecto e falsidades, no que David Castro evitou confirmar se o Concello conta con todos os seguros de responsabilidade civil.
  • O goberno négase a retirar o recurso presentado contra a sentenza da traballadora por medo a unha indemnización que debería estar asegurada.

   Calquera que pensara que no pleno deste xoves David Castro aclararía as dúbidas relativas á situación da traballadora contra a que o concello mantén un proceso xudicial consumindo recursos municipais e que daría as explicacións pertinentes,  non só levaríase unha desilusión, se non que ademais sairía con máis incertezas das que podía ter á entrada.

  O pleno, tal como remarca Oubiña “xa comezou mal. Sen comunicarllo á oposición David Castro apareceu nun pleno á porta pechada, nun espazo ademais bastante limitado, cun avogado ao que sentou no medio dos seus concelleiros como se fora un máis dos del, que non era o letrado que asinou os informes xurídicos neste caso, nin quen leva o proceso xudicial, nin sequera quen asiste normalmente ao concello, e cun coñecemento do caso ademais limitado”. Oubiña plantexou unha cuestión de orde ao considerar que o pleno non era un xuizo nin se ía discutir o proceso xudicial en si, se non a actuación política, e que para o caso se debía ter informado á oposición e concretar esa presencia porque “de falar de ter apoio xurídico eu igual preferiría que estivera a persoa que leva o caso, ou preferiblemente, á vista dos propios informes, unha asistencia legal externa” pero David Castro tiña moi claro que o xoves o que tocaba era xogar ao despiste e que a presencia doutro avogado no salón de plenos que non pagara el podía ser un problema. E por outra banda, estaba clara a intención de montar un teatrillo, pois este tipo de actuacións resolvense nas Comisións Informativas, que o alcalde se negou a facer para poder montar o seu circo.

   O debate estivo marcado polo ton bronco de IR. David Castro, único responsable das cuestións de persoal municipal, delegou a palabra no seu ariete habitual, Pilar Martínez, evitando así ter que dar a cara  e as explicacións pertinentes. A concelleira cumpriu a súa función de embarullar e desviar a atención con ataques e saídas de ton tan fora de lugar que toda a oposición lle recriminou nalgún momento a súa actitude, pedíndolle que mantivera as formas. Para Oubiña “ era evidente que ademais da táctica de embarrar para non ter que falar dos asuntos importantes, viñan desgustados pola cuestión do escudo do Concello, e entendo que  é un fastidio que che saquen as cores publicamente, pero iso non é escusa para comportarse desa maneira cando se está nun espazo democrático como un pleno municipal.”

   Con todo, dende os partidos da oposición plantexáronse as cuestións centrais do debate, que era dilucidar se hai perigo de que o concello, se non mantén a súa actuación xudicial, teña que facer fronte a algunha indemnización importante. David serviuse do avogado, pero “se pretendía que ese señor lle dera a razón levouse un bo chasco, porque o avogado tentou favorecer os argumentos de IR, pero non se moveu unha coma do exposto nos seus informes”. Con todo, quedou claro que a traballadora, se se lle concede a baixa por accidente, podería  reclamar ao concello por dúas vías. O avogado aclarou  que no caso de reclamar un recargo das prestacións, debería demostrar que o concello incumpriu a lei ou tivo algún comportamento neglixente, e el mesmo admitiu que iso era moi difícil toda vez que o accidente non derivou en ningunha actuación da inspección de traballo. No correspondente á Segunda vía, a través da cal a traballadora podería reclamar unha indemnización por accidente ao que tería que facer fronte o concello, resulta que ese tipo de cuestións deben estar aseguradas, polo que a priori o Concello tampouco tería que facerlle fronte.

En resumo, máis alo do interes do avogado por facturar, non hai motivo razoable para presentar ese recurso, pois o Concello actuou correctamente e ademais está segurado para o caso de que a traballadora reclame o que lle corresponde por dereito. Ou non é así ?

Os silencios de David Castro.

  Neste punto foi onde xurdiron as dúbidas, que David Castro evitou con moito coidado e bastante ruído aclarar. Oubiña plantexou claramente que se o alcalde declaraba que todos os seguros estaban en regra e se o concello estaba seguro de ter actuado correctamente e sen neglixencia algunha pola súa parte, estaba disposto a retirar a moción. Os outros partidos da oposición plantexaron as mesmas dúbidas pero a resposta foi a mesma en todos os casos. O silencio e o desvío da conversa cara outras cuestións.

  Polo tanto, no canto de aclarar deixou no aire a posibilidade de que as cousas con respecto as causas dese accidente “ non estean tan claras como se presupoñía. Pola nosa banda, no que atingue a cuestións de seguridade laboral e da reclamación que puidera vir por ese lado entendemos polas características do accidente e as explicacións aportadas que a pesar do silencio do alcalde o Concello está cuberto, e esa traballadora podería chegar a reclamar pero sen posibilidades de que o xulgado lle dera a razón. A cuestión está na outra vía, porque co seu silencio David Castro deu a entender  que o concello non contaba cando foi ese accidente con todos os seguros que debería ter, unha irresponsabilidade pola súa parte que obrigaría ao concello a facer fronte a unha posible indemnización, é ademais importante.”.

  Dende Somos Ribadumia temos claro que a cuestión con esta traballadora ten moito de persoal, como quedou claro polas referencias a outras cuestións relacionadas con ela e os comentarios que David Castro e a súa voz delegada fixeron ao largo do pleno, e polo feito demostrado, que David Castro negou contradecindo á súa Concelleira e á propia secretaria, de que non existen informes xurídicos previos que avalen a presentación do recurso, nin edicto de alcaldia nin acordo de goberno, polo que a decisión tomouna o alcalde a nivel particular, e ocultouna publicamente, o cal xa é moi grave, pero é que ademais plantexar que David Castro teña actuado con total irresponsabilidade ao non asegurarse, dentro das súas competencias, de que a situación legal do Concello fora a correcta, concorrendo nunha completa deixadez de funcións, é totalmente inadmisible, pase o que pase nas salas do xulgado, e debería asumir responsabilidades políticas.

Oubiña declarouse sorprendido por este xiro nos feitos, que de demostrarse poría en  cuestión ao alcalde a todos os niveis, demostrando unha deixadez  pola que terá que responder toda a veciñanza, por que el dende logo do seu peto non o vai pagar, xa o deixou ben claro”.

Deixar un comentario