David Castro antepón os cartos á seguridade dos nenos.

- Bloqueou o debate dunha moción para dotar de filtros HEPA as aulas dos colexio, plan madruga, e outras instalacións municipais.
- As nenas e nenos seguirán condenados a ir ao colexio con abrigo e mantas gracias a David Castro e a Alberto Núñez Feijóo.
- Tampouco quere oír falar de mellorar a situación nos edificios municipais.
Para o pleno do pasado xoves Enrique Oubiña presentou pola vía de urxencia unha moción (que podedes consular completa aquí) dirixida a lograr que a Xunta instalase filtros HEPA nas aulas do colexio e do CRA, e que o Concello fixera o propio onde lle corresponde, aulas do plan madruga e comedor escolar, biblioteca, edificio do Concello e de servizos sociais e tanatorio, como mínimo.
A moción facía unha exhaustiva exposición onde se explicaba que a colocación destes filtros é recomendada polos máximos órganos científicos do mundo, incluído o CSIC, máxima autoridade científica do estado español. Tamén se recomendan no denominado Protocolo Harvard, o máis completo protocolo de prevención da covid, elaborado por varias comunidades científicas e considerado a referencia a ter en conta.
O que se propoñía para a súa aprobación – e que está reclamando moitas ANPAS en todo o país – era instar á Xunta de Galicia a dotar as aulas dos colexios destes filtros, para tal como explica Oubiña, “evitar ter que abrir de xeito continuado as ventas dunhas aulas nas que a día de hoxe xa hai nenos que van con mantas, e aínda non chegou o frío”. Tamén se propoñía que o Concello asumira as súas responsabilidades nos espazos municipais, dotando filtros HEPA nas aulas do plan madruga e comedor e na biblioteca – para o caso de estar aberta- , espazos onde se reúnen grupos de nenos e nenas a diario. Acompañando esta proposta incluíase a de que o concello, se a Xunta non daba pasos neste sentido, asumira de xeito subsidiario a instalación deses filtros, “pois garantir a seguridade e situación saudable dos nenos e nenas, que tamén o de seus pais e nais e sobre todo dos seus avos e avoas, o sector mais débil ante a covid e outras enfermidades respiratorias, non debería ser unha cuestión que deixar a espensas da loita de competencias”.
A maiores diso tamén se propoñía dotar os espazos públicos municipais que permanecen abertos, concretamente Concello, edificio de Servizos Sociais e tanatorio. “Hai que ter en conta que por estes espazos, que son bastante reducidos, pasan ao longo da semana moitas persoas, e moitas delas dunha idade que xa os sitúa como persoas de risco”.
A moción presentouse pola vía de urxencia debido a que dende Somos Ribadumia estivemos agardando algún movemento da Xunta ata o último momento. Ao presentarse de urxencia ao inicio do pleno debía debaterse e votar se se aceptaba a urxencia. “Cal foi a nosa sorpresa cando David Castro negouse a deixarme intervir para defender a urxencia da moción, e sen dar ningún tipo de explicación pasou directamente a votación, que non saíu adiante porque os concelleiros e concelleiras de IR, por certo pais e nais todos eles, non o permitiron” .
Dende Somos Ribadumia lamentamos este atraco democrático, pois non permitir a defensa dunha moción é algo inaudito nos plenos municipais desta comarca. Ademais é a primeira vez neste concello que non se permite que unha moción de urxencia entre no pleno. Se o que pretendía David Castro con ese acto de chulería era evitar que se falara deste tema informámoslle de que imos asegurarnos de que todas as nais e pais coñezan a súa postura nesta cuestión.
Pero o que máis lamentamos é non poder debater a moción e buscar a maneira de chegar a un acordo nunha cuestión tan importante, que require esforzos e medidas extraordinarias. “Onte quedou claro que para Somos Ribadumia os nenos e nenas deste concello son unha preocupación primordial, mentres que o único que lle importa a David Castro e dar apoio á Xunta Galicia, a quen puxo como referente a ter en conta ignorando todo tipo de directrices doutras institucións superiores e poñendo como escusa a cuestión económica cando o custe desta proposta é sobradamente asumible, bastante mais asumible e barato que os 65.000€ que si se aprobaron nunha modificación de crédito feita para que as concelleiras poidan pagar as facturas da súa xestión descontrolada ”.
E todo isto no mesmo que día que Feijóo nun exercicio de demagoxia ao máis alto nivel emitía unhas directrices que ignoran todos os informes científicos e condenan aos nenos a pasar frío todo o inverno.
Dende Somos Ribadumia seguiremos defendendo o dereito das nosas nenas e nenos a ir a un colexio que teña unhas condicións dignas, saudables e con garantías sanitarias. E imos a seguir defendendo o dereito das nosas veciñas e veciños a que cando teñan que acudir a un edificio público, poidan ter algunha garantía sanitaria máis que unha simple ventá aberta.