A dobre vara de medir de David Castro: nada para a cultura, todo para o fútbol (que non para o deporte).

  • O alcalde abre o auditorio para eventos futbolísticos, pero manteno pechado para actividades culturais.
  • A biblioteca pechada, e o Concello perdendo subvencións pola incapacidade do goberno local para xestionar a cultura.

No pasado pleno púxose de manifesto a incapacidade do goberno local para realizar unha correcta xestión da cultura, que para Oubiña “aínda que máis que de incapacidade, igual  habería que falar dun claro desprezo pola promoción cultural, e non sei que será peor”.

   A biblioteca leva pechada dende o inicio da pandemia, nos últimos meses cun horario limitado a un par de horas diarias para que as persoas usuarias collan ou deixen libros, sen poder acceder á instalación nin facer uso dela para ningunha cuestión das habituais, como estudar ou traballar. Esta fórmula limitada, única na comarca onde por exemplo o Concello de Meis ven de ampliar o horario da súa fai uns días, e moi rara de ver en Galicia, polo de pronto, ademais de bloquear o acceso a unha instalación pública as usuarias da biblioteca,  pode provocar a perda da subvención para a compra de libros por non cumprir os requisitos de tempo mínimo de apertura ao público, que haberá que sumar a perda, cando menos parcial, da axuda para a campaña da Xunta “ler conta moito”.

  Hai que remarcar que “o uso deste tipo de instalacións a Xunta non o prohibiu,  restrinxiuno ao 50%, e que ademais a biblioteca ribadumiense xa conta con espazos de estudo separados e establecer ese uso limitado, xunto ao resto de medidas hixiénicas resultaría sinxelo”. De feito, como diciamos  case ningunha biblioteca pública renunciou a estar aberta, unha vez pasado o período de restricións totais, do mesmo xeito que os concellos da contorna fixeron un esforzo para organizar actividades alternativas, mantendo na medida do posible as actividades de promoción da lectura.

E non so o resto de bibliotecas están abertas e traballlando en formulas alternativas de promoción da lectura. Esta semana déronse a coñecer os premios María Moliner, un concurso gubernamental de proxectos de animación á lectura para municipios de menos de 50.000 habitantes, que premia a 310 proxectos de toda España. Pois mentres en Ribadumia temos a biblioteca pechada e nin sequera figuramos entre as 30 bibliotecas galegas que se presentaron a estes premios , outras como a do Grove ou a de Catoira, reciben recoñementos, e fondos públicos.

Para Oubiña “resulta decepciónante ver como o traballo positivo de catro anos atrás se tira pola borda nuns meses  pola falta de empatía e ganas de traballar de quen forma parte do goberno local. E non hai escusa posible. É inaceptable que os xóvenes poidan ir á escola ou a universidade, pero non poidan usar a biblioteca pública para estudar ou para conectarse á rede, máis cando moitos estudantes teñen que desenvolverse á distancia; ou que o concello teña as oficinas de atención ao público abertas, algunhas delas de tamaño moi reducido, pero a biblioteca que si dispon de espazo suficiente e pode usarse con moita mais seguridade estea pechada”.

 O auditorio pechado, pero depende para que.

Situación similar é a que vive o auditorio. Permanece sen actividade segundo David Castro por cuestións sanitarias. “Unhas cuestións sanitarias que a David Castro non lle impediron dar autorización para o seu uso para a retransmisión do sorteo da Copa do Rei. Unha dobre vara de medir que nos parece lamentable, non porque nos moleste que se usara o auditorio para estas cuestións – todo o contrario: remarcamos que nos parece correcto que se usara o auditorio para transmitir o sorteo da copa do rei – , senon porque non pode ser que se poida ver un sorteo pero non se poida proxectar unha película, ou traer unha peza teatral, pretendendo que hai unha situación de risco cando está máis que demostrado que coas medidas adecuadas os  espectáculos culturais son moi seguros”. Ademais David Castro actuou con total falta de respecto cara o resto de colectivos culturais do concello, os que non se lle permite o uso de instalacións municipais dende o inicio da pandemia.

A mesma falta de respecto que mantén con outras entidades deportivas, as que ou ben non lle concede as xuntanzas que solicitan, ou ben actua con total falta de decoro institucional aparecendo, como no caso do recente Descenso do Umia – de caracter internacional – unicamente para a entrega de trofeos.

  Dende Somos Ribadumia pedímoslle ao goberno local que recapacite sobre como está actuando e volva á senda establecida na lexislatura pasada. E por suposto, que deixe de desprezar a cultura, abra a biblioteca e dea contido ao auditorio.

O goberno de David Castro non respecta os protocolos de seguridade nas actividades de conciliación.

  • Os protocolos definidos pola Xunta non se están cumprindo.
  • Nin grupos reducidos, nin separados por idades, nin con monitores suficientes, entre outras deficiencias.
  • A xestión do plan madruga e da escola de ocio é de competencia integramente municipal. Polo tanto responsabilidade de David Castro.

  Unha das problemáticas en cuestións de xestión municipal derivadas pola pandemia da covid-19  ten relación cos protocolos que e o estado e a Xunta marcaron para poder facerlle fronte dende as institucións. En concreto a Xunta de Galicia, como entidade competente na nosa comunidade en cuestións sanitarias, estableceu varios protocolos no relativo a actividades culturais e de lecer, así como para as actividades relacionadas coa conciliación familiar, que en Ribadumia realiza o Concello, en concreto co plan Madruga e a escola de ocio. Son protocolos complexos, pero tamén moi claros, que se poderán compartir ou non, pero deben cumprirse.

   No pasado pleno ordinario, o 5 de novembro, Enrique Oubiña preguntou á concelleira responsable da xestión das actividades de conciliación, Mar Rey, se estaban cumpríndose os protocolos estipulados pola Xunta de Galicia. A concelleira en cuestión non respondeu á pregunta pero o alcalde si o fixo asegurando que si se estaban cumprindo eses protocolos. Para Oubiña “o alcalde mentiu descaradamente. Calquera que se achegue á escola de ocio pode comprobar como os protocolos, que falan de grupos reducidos de nenos separados por idades, non se cumpren. Catro monitores -cando están todos, que tampouco é habitual – para medio cento de nenos resultan insuficientes. Tampouco se cumpren os protocolos en cuestións de uso dos espazos: os nenos entran e saen pola mesma porta cando deberían usar portas diferentes, os grupos non están separados fisicamente e nin sequera se cumpren as tarefas de limpeza impostas nesas aulas”.

   Dende Somos Ribadumia somos conscientes de que os protocolos son complexos, e poden resultar cansiños ou mesmo algo incoherentes nalgunhas circunstancias. Tamén somos conscientes de que cumprir eses protocolos conleva un custe económico. Porén, se David Castro considera que os protocolos non son correctos, ou que o custe económico resulta inasumible para o Concello, o que debe facer é expresalo publicamente e dirixirse as autoridades pertinentes, pero o que non pode facer é deixar de cumprir coas súas obrigas, nin moito menos mentirlle á veciñanza e en concreto as nais e pais deses nenos.

  Dende Somos Ribadumia pedímoslle ao goberno local que poña especial atención no respecto polas medidas de prevención da covid-19, que non é unha cuestión para tomarse a broma.

Estamos preocupados pola situación no xeriátrico.

  • Apenas  hai información e os datos son confusos.
  • Preocúpanos a vida das persoas e a situación laboral dos traballadores de DomusVi e os trasladados do SERGAS.
  • O alcalde, que mantén o seu silencio cómplice, nin está  nin se lle espera.

   A situación no xeriátrico de Ribadumia é máis  preocupante cada día que pasa. Os últimos datos aportados – no momento de redactar este artigo – falan de 73 residentes contaxiados e 29 traballadores. Esta semana reportáronse ademais, por desgracia, as primeiras 4 defuncións.

  Dende Somos Ribadumia queremos deixar constancia da nosa preocupación por como se está xestionando a situación do xeriátrico ribadumiense. Unha vez que a Xunta se fixo cargo era de agardar un confinamento estrito que puxera coto aos contaxios, pero estes suben case cada día. Ademais os datos aportados pola Consellería chocan con outras informacións que aportan familiares e persoal sanitario e que fan sospeitar que posiblemente a situación sexa máis grave do que se están contando. Por ese motivo o primeiro que queremos pedir dende a nosa formación é que a Consellería clarifique a situación neste centro. Tamén nos gustaría que se explicara o motivo de que se  trasladen persoas dende o xeriátrico ao hospital do Salnés, cando nese hospital non hai UCI, e cal é a situación dos pacientes trasladados a outros centros.

   Por outra banda estamos tamén moi preocupados –  e queremos ademais resaltar esta cuestión, posta en dúbida polo alcalde e algunha concelleira de IR nunhas moi lamentables e falsas afirmacións durante o pleno pasado –  pola situación dos traballadores e traballadoras do xeriátrico, tanto os habituais como o persoal trasladado polo SERGAS. Temos constancia de que a situación de saturación no centro é dramática, de que hai carencia de medios e persoal, con persoas dobrando quendas, co esgotamento acumulado e nunha situación médica moi lonxe de estar baixo  control. Queremos remarcar que as persoas que traballan nos centros xeriátricos, ao igual que o persoal do SERGAS ,non son responsables da situación que se está vivindo nin no xeriátrico de Ribadumia nin noutros do noso país. Os responsables son, nun primeiro momento as direccións das empresas xeriátricas e quen lles permite certas practicas – o goberno da Xunta -, e agora os xerentes  das áreas sanitarias e os responsables políticos,  que son os que dispoñen os medios humanos e materiais para facer fronte a esta situación, e son eses responsables os que deben dar as pertinentes explicacións e responder pola súa xestión.

  No que respecta a xestión  dende a política local, seguimos abertos a colaborar co goberno de David Castro naquilo que sexa preciso para, dende as limitadas capacidades municipais, poder axudar a mellorar a situación no noso concello. Pero non podemos obviar que  David Castro  segue mantendo un silencio cómplice coa Xunta do PP e coa dirección de DomusVi, e que se está gardando de  amosar publicamente a máis mínima preocupación por esta cuestión e por como se está xestionando dende a Consellería.  Lamentamos que a pesares das habituais conversas que se supón que mantén coa Xunta – ao igual que o resto de alcaldes da comarca – garde absoluto silencio e non aporte información actualizada nin á veciñanza nin aos voceiros das forzas políticas, aos que nin se molesta en convocar na mesa de seguimento da covid-19,  e todo mentres dedica o seu tempo a viaxar a outras comunidades para asistir a partidos de fútbol. Dende aquí queremos recordarlle que o feito de non ter competencias non quere dicir que non teña responsabilidades, e que a súa primeira obriga é estar do lado da veciñanza, o cal inclúe aos residentes do centro xeriátrico e aos seus traballadores así como do resto do Concello, e como mínimo requirir da Consellería de Sanidade que aporte datos fiables de cal é a situación da nosa veciñanza e do centro xeriátrico, situación que ademais nos mantén en código vermello, coa incerteza do que poida pasar nos próximos días. A este respecto os concellos veciños manteñen actualizados os datos municipais de xeito diario, mentres que o único que o noso alcalde aportou a esta cuestión foron caatro minutos nunha máis que discutible rolda de prensa,.

  Dende Somos Ribadumia queremos aproveitar para lanzar unha mensaxe de tranquilidade, pero tamén da necesidade de manternos dentro dos parámetros da responsabilidade colectiva, para poder permanecer  dentro dunha situación de relativa calma, e evitar que a situación derive en medidas máis estritas.

Volvemos insistir: urxen medidas de apoio ao comercio local e a hostalaría.

  • Presentamos por rexistro unha batería de medidas de apoio ao comercio e hostalería.
  • Tamén solicitamos un plan para loitar contra a fenda dixital nos escolares.
  • Presentamos unha batería de case 30 propostas de cara aos orzamentos do 2021.
  • Pedimos ao goberno que abandone as posturas de confrontación e de ataque, e acuda á vía do diálogo.

   A segunda onda da covid-19 e as restricións derivadas dela están tendo consecuencias directas no consumo, consecuencias que afectan moi particularmente ao pequeno comercio e a hostalería, e que están poñendo en perigo a continuidade deste tipo de negocios no noso concello, ao igual que noutros moitos. As escasas medidas aprobadas polo executivo local, que contaron con todo o noso apoio, ata o momento non tiveron aceptación, e os poucos axustes feitos nas taxas, sendo positivas, que tamén apoiamos, tampouco supoñen unha gran diferencia nos resultados contables.

Porén, nos non imos mudar a nosa liña propositiva, por ese motivo esta maña presentamos por rexistro unha solicitude para que o goberno local poña en marcha, con carácter de urxencia medidas de apoio a hostalaría e ao comercio local, así como aos nenos e nenas do noso concello, sen deixar de lado as familias que están en situación máis vulnerable. Propostas serias, razoables e necesarias.

Dende o noso punto de vista urxe apoiar ao comercio local ante a campaña de Nadal e os meses seguintes, para tentar revitalizar un sector moi maltratado pola situación actual. Por iso propoñemos que o concello tome  exemplo de concellos veciños e impulse campañas de promoción e de apoio activo ao consumo local, por exemplo a través de vales desconto, sorteos ou medidas similares.

Tamén propoñemos que se cree unha liña economica directa para axudar aos custes fixos do comercio e en particular da hostalería, que co toque de queda viron moi mermada a súa actividade. E que isto se complete coa bonificación completa das taxas municipais para o ano 2021.

   Por outra banda, hai que por un ollo na situación dos colexios. A fenda dixital  é un problema que pode volverse moi grave no caso dun novo peche dos colexios, é o concello debe actuar con precisión. Ademais non podemos esquecer que este curso os custes escolares víronse incrementados polas normas de seguridade, é débense reforzar as axudas as familias con menos recursos.

Propostas orzamentarias.

Co ano 2021 a volta dunhas semanas, dende Somos Ribadumia non só pensamos no inmediato, se non tamén nos retos aos que terá que enfrontarse o noso concello no próximo ano. Por iso presentamos tamén outro escrito cunha batería de case trinta propostas orzamentarias, co obxectivos de facer fronte aos retos de futuro coa crise da covid moi presente, pero tamén asumindo que hai outras cuestións as que facer fronte. E isto ademais coa boa nova de que o remanente quedou liberado e se vai poder empregar. A este respecto, debemos amosar a nosa preocupación porque dito remanente vaia a parar a puntos de luz ou obras menores que poderían resolverse por outras vías no canto de enfocarse na mellora conxunta do noso concello. Dende logo, sería moi lamentable que o goberno local investise eses centos de miles de euros en favores políticos ou obras pensadas nos votos máis que nas necesidades do concello.

  As batería de propostas está organizada en catro bloques nos que cremos o concello debe realizar avances: a política de conciliación familiar e política social, o apoio aos colectivos e desenvolvemento cultural, moi prexudicado pola crise actual, a promoción económica local, apoio ao comercio, turismo e á creación de emprego, e o desenvolvemento urbanístico e de medio ambiente, primordiais para cumprir cos obxectivos do Pacto de Alcaldes asinado no 2019. En concreto 27 medidas, entre as que podemos destacar como exemplo un plan de becas local, reforzar os plans de conciliación e estendelos ao CRA, axudas ao comercio e á creación de emprego, a apertura dun viveiro de empresas, plans de promoción turística ou a supresión dos semáforos en Barrantes acompañada dun cambio do modelo urbanístico.

   Dende Somos Ribadumia queremos facer un chamamento ao goberno local para que abandone a postura de confrontación que mantén dende principio de lexislatura, e que nas últimas semanas se viu intensificada como puidemos comprobar con roldas de prensa fora de lugar, ou nos últimos plenos con posturas antidemocráticas, faltas de respecto continuas e actitudes chulescas, e que se sente a falar coa oposición para xuntos tentar buscar os puntos en común que tan bo resultado deron na lexislatura anterior.  A nosa aposta  foi sempre,  e seguirá sendo, o diálogo.