O equipo de David Castro aproba novas taxas mentres nega bonificacións para o comercio e hostalería.

  • A ordenanza municipal aprobada o pasado xoves incluía taxas de nova aplicación polo abastecemento da auga.
  • Haberá que pagar o mantemento do contador, de 6€ a 16€, e inda que non se consuma auga haberá que pagar igualmente.
  • David Castro non quixo incluír bonificacións de ningún tipo sabendo que este pleno era o último por prazos legais para facelo.

   O pleno ordinario do pasado xoves era, por prazos legais, a última posibilidade de aprobar modificacións nas taxas municipais. Polo tanto, como explica Oubiña era a oportunidade, dado que non se fixo antes, de poñer enriba da mesa melloras ou exencións nas taxas municipais de cara a un 2021 que vai ser complicado. Sen embargo o goberno optou por facer xusto o contrario prevendo no regulamento e na actualización da ordenanza taxas de próximo cobro”.

   Tal como Oubiña explicou no pleno dende Somos Ribadumia estamos de acordo en que os servizos municipais deben estar regulados, por iso valoramos como positivo que se elaboren e leven a pleno os regulamentos que polos motivos que foran non estiveran redactados. Tamén compartimos a posición de facer axustes cada certo tempo nos existentes, como xa se fixo con varias ordenanzas na lexislatura pasada.

   O que non compartimos é a maneira de actuar do actual equipo de goberno que unha vez máis, presenta un regulamento, como fixo no caso da gardería municipal, a todo correr e sen marxe para poder facer unha avaliación correcta do que se propón nin plantexar alternativas. Algo que non tiña porque acontecer se, como explica Oubiña “cando comezaron co proceso de elaboración do documento, segundo eles fai seis meses, tiveran contado coa oposición para ir facendo aportacións ou traballando sobre un texto inicial”.

   Indo ao regulamento e ordenanza  en cuestión, ambos documentos introducen modificacións  sobre o funcionamento actual con novos tramos ou as relativas ao contador da auga, sobre o cal o goberno decidiu incluír un imposto, que vai supoñer entre 6€ e 16€ máis ao ano en concepto de alugueiro. Unha taxa que ademais penaliza aos comerciantes e as empresas, cando o contador é do mesmo tipo en todos os casos. Este imposto entrara en vigor proximamente, pois o regulamento tamén establece que a vida útil dos contadores se limita en 12 anos, co cal máis da metade dos contadores municipais van ter que ser modificados en breve, adaptándose as novas disposicións, e o resto vai ter que asumir igual o custe do cambio de contador, pois o goberno xa preveu na norma a actualización a contadores con sistema de telelectura, un avance positivo e necesario, pero que se lle vai cargar ao peto dos veciños e veciñas de Ribadumia.

A taxa de alugueiro dos contadores.

Por outra banda, o regulamento establece que aos contadores que non conten, ou sexa, que non teñan consumo de auga, se lles aplicará a media dos últimos doce meses ou no seu defecto a media dende a alta. Na práctica se unha persoa deixa o seu domicilio un tempo, ou se ten o servizo de auga municipal como apoio a unha traída particular, terá que pagar inda que non consuma. Máis grave vai ser no caso dos negocios de hostalería por exemplo, onde un bar que por calquera motivo estea pechado un varios meses sen dar de baixa o recibo, vai ter que pagar como se estivera funcionando a pleno rendimento, e para o caso de darse de baixa logo terá que pagar a alta. Isto é “unha barbaridade manifesta. Non chega con ter que pagar a conexión, polo contador e polo canón da Xunta, que ademais o noso alcalde pretende cobrar pola auga aínda que non se consuma”.

O documento está pragado de incoherencias, como que a taxa de enganche só se estableza para vivendas domésticas, é non se inclúa  no documento a taxa de enganche para baixos comerciais ou empresas, nin para outros usos cando si se recoñece a obriga de pago no regulamento. Ou que se incluía a obriga de pagar o contador pero non a taxa correspondente, que de facto provocara que se poidan cobrar a cada veciño unha cantidade distinta. E así varias incoherencias entre o regulamento e a ordenanza.

 Tampouco establece a norma ningún tipo de fórmula que avance no consumo responsable ou que recoñeza cuestións concretas coas que convivimos no noso concello, como as piscinas e os xardíns comunitarios das urbanizacións, ou mesmo privados. E isto é particularmente grave porque “ata o de agora non había regulamento, só a ordenanza de taxas. Pero agora hai regulamento e o concello está obrigado a actuar conforme a ese regulamento, que non permite que as urbanizacións nin os particulares usen a auga municipal para nada que non sexa o consumo de vivenda, ou sexa que só se pode beber, cociñar e lavar. Soa ridículo, pero con está norma tal é como a plantexou o equipo de goberno, non poden nin regarse as prantas dun balcón”.

O único que esta norma establece correctamente é a posibilidade de privatizar o servizo, abrindo así a porta a que empresas privadas xestionen o un ben primordial, o da auga, que ao noso entender nunca debería ficar en mans privadas. Ademais, esta maneira de favorecer posibles privatizacións supón un cambio de criterio con respecto ao goberno anterior, onde estabamos presentes, que era o da remunicipalización paulatina de servizos.

Nulo apoio ao comercio e hostalería local.

Ademais, debemos lamentar que o goberno local, na actual situación derivada da pandemia da covid-19, non tivera a sensibilidade de propoñer bonificacións de ningún tipo. No noso concello algún local de hostalería xa se viu obrigado a pechar temporalmente por non poder facer fronte aos custes de manterse aberto coas limitacións impostas pola Xunta, limitacións que non sabemos en que momento poden ir a máis e obrigar como noutros concellos ao peche total da hostalaría ou mesmo do comercio.

Isto demostra a total falta de capacidade de xestión do goberno local, que non foi quen de poñer en marcha ningunha medida de apoio ao comercio local que fora efectiva nestes meses de pandemia, e que non solo iso, se non que tendo a oportunidade de establecer bonificacións para o ano próximo, que vai ser moi difícil, non solo non o fai, se non que coloca impostos novos”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s