Pedimos a intervención inmediata da Xunta ante o gromo no DomusVi de Ribadumia

• No centro xeriátrico traballan moitas persoas do noso concello, e preocúpanos a posible dispersión do virus polo noso municipio.
• Pedimos que á Xunta interveña de xeito urxente no centro e medidas de contención.
• Agardamos de David Castro unha postura máis firme, e poñemosnos a disposición do Concello para apoiar as medidas que sexan precisas para lograr unha actuación eficaz por parte das institucións públicas.
Que no xeriátrico propiedade do DomusVi sito no noso concello antes ou despois teríamos un gromo de covid-19, era algo que todo o mundo daba case por seguro. Por iso non nos colle de sorpresa que acontecera.
Dende o noso punto de vista, sen ánimo de polemizar, e coas cautelas necesarias, consideramos que encontrarse de socato con vinte casos é un indicativo de que as medidas de seguridade e prevención no centro eran claramente insuficientes, algo que as propias traballadoras é familiares das residentes viñan denunciando dende o inicio da pandemia, á par doutro tipo de reclamacións, relativas as condicións laborais e á atención das persoas que residen nese centro. Polo tanto, neste aspecto non compartimos as opinións favorables do noso alcalde gabando a suposta boa xestión da dirección da empresa, anque queremos pensar que foron máis un intento de non crear alarma que non un pensamento real de David Castro.
Por outra banda, sen deixar de lado que no xeriátrico residen 138 persoas actualmente, persoas que hai que recordar que son maiores pero que non por iso teñen menos dereitos, nin se deben tratar como mercadoria, nin merecen menos atención que calquera outra persoa, se non máis ben ao contrario, estamos moi preocupados pola incidencia que a enfermidade poida ter nas traballadoras do centro. A nivel local, non podemos deixar de lado que moitas desas traballadoras viven en Ribadumia e en concellos limítrofes, e que se non se poñen en marcha de xeito inmediato tarefas de control preventivo sobre esas traballadoras e o seu entorno, corremos o risco de que os casos fora do xeriátrico se disparen e leven ao noso concello a unha situación complexa.
Por estes motivos pedimos á Xunta de Galicia que interveña de xeito inmediato no xeriátrico, que estableza as medidas que sexan precisas para por freo ao gromo dentro e fora do centro. Neste aspecto agardamos do noso alcalde que amose firmeza na defensa da nosa veciñanza, o cal inclúe a usuarias e traballodoras do xeriátrico, e poñémonos a súa total disposición para apoiar ao goberno ante as instancias superiores e na posta en marcha das medidas que dende o concello se poidan establecer.