Somos Ribadumia estamos para apoiar á nosa veciñanza, voten a quen voten.
- Lamentamos as declaracións de David Castro, usando unha situación particular, e moi sensible, para atacar a unha familia e á oposición.
- Somos Ribadumia desmarcámonos totalmente desta maneira de facer política.
- Todo o noso apoio a esa familia, aos residentes do centro DomusVi, as familias e as traballadoras e traballadores do centro nestes momentos tan difíciles.
Á vista das declaracións feitas na tarde de onte por David Castro, que cando quere si que sabe usar os medios municipais para artellar roldas de prensa, vémonos na obriga de realizar algunhas aclaracións.
Con respecto á familia de Leiro que o pasado mércores perdeu o contacto cunha familiar a raíz dun traslado dende o centro DomusVi a outro situado en Vigo, Somos Ribadumia,explica Oubiña “ tal e como é a nosa obriga como forza política pero, sobre todo, como persoas, amosamos privadamente e dende o momento que tivemos coñecemento do sucedido, o noso apoio a esa familia; dirixímonos a eles, e ofrecemos a axuda que dentro das nosas limitacións puideran necesitar, para entre todos lograr que tiveran novas da persoa que nese momento estaba en paradoiro descoñecido”.
A este respecto, mais aló dunha breve nota de apoio á familia subida ás nosas redes, dende o noso partido non emitimos ningún comunicado ao respecto desta cuestión, nin fixemos ata agora declaracións formais. Foi David Castro quen convocou unha rolda de prensa para falar e politizar esta cuestión.
Non imos por en dubida a versión da familia nin entrar en valoracións dese tipo; moito menos acusar como fixo David Castro a un fillo e unha filla de mentir nunha situación semellante. Pero “parécenos totalmente inaceptable que se tal e como declarou aos medios, o alcalde sabía a onde se habían trasladado aos enfermos do centro ribadumiense, non tivera chamado a esta familia para explicarllo e tranquilizalos”.
A obriga de David Castro, como alcalde era poñerse ao servizo desa familia, e usar os recursos municipais e a autoridade do seu cargo para poder darlle respostas a esta situación, e tranquilidade a esa familia. Porén, “mentres un fillo, loxicamente desesperado por non saber nada da súa nai, acudía á prensa en busca da axuda, e mentres o centro xeríatrico permanecía intervido polo SERGAS, o alcalde daba unha rolda de prensa xunto á delegada da Xunta no propio Concello falando do folla redonda”. Nin el nin a delegada da Xunta, que pasaron moi por enriba pola situación do xeriátrico, deron explicación ningunha do que estaba acontecendo coas persoas trasladadas, nin cal era o seu estado, a pesar de que o propio alcalde declarou despois que estaba ao tanto.
Somos Ribadumia estamos ao servizo da veciñanza ribadumiense, con independencia de que a quen vote cada quen. “Parécenos totalmente lamentable que David Castro non tivera a decencia de preocuparse pola situación desta familia unicamente porque algúns dos seus membros forman parte dunha formación política distinta da súa. Queremos recordarlle a David Castro que el é alcalde de todos e de todas ,non solo dos seus.”
Artellar unha rolda de prensa na casa consistorial, para atacar a unha familia que está pasando por un momento tan delicado, sen noticias dunha persoa maior con problemas de saúde e con covid-19, sen terse dirixido a ela en ningún momento, “é a cousa máis miserable que vimos en anos neste concello. Que este ataque viñera dado por pertencer a un partido político foi xa o colmo da situación, e sentimos vergoña allea”. Pola nosa banda, desmarcámonos desa maneira de actuar, e pedímoslle a David Castro que abandone ese camiño e recupere a cordura.
Victoria non é un bulto, é unha muller, e a súa familia dende o mércores non tivo noticias do seu estado de saúde ata esta mañá. Alegrámonos, e así llo transmitimos á familia, que a situación se reconduza, e agardamos que tanto esa muller como o resto de pacientes se recupere, e que poidamos canto antes volver a ter certa normalidade no centro xeriátrico.
Mentres, estamos moi preocupados pola situación de DomusVi. Moi preocupados polas persoas que residen alí e polas súa familias; moi preocupados polas traballadoras e traballadores do centro, sometidos a unha presión moi forte. Por iso non podemos valorar positivamente o silencio do SERGAS, nin o obscurantismo co que se esta levando esta cuestión, en particular no que respecta as familias das persoas enfermas, que teñen dereito a saber en que situación están os seus seres queridos en cada momento. E por iso pedimos transparencia, que se explique que esta pasando. E pedimos recursos para poñer freo ao contaxio da covid-19 dentro destes centros. E pedimos que a Xunta actúe primeiro dentro dos xeriátricos, pero despois que tome medidas contra as direccións das empresas xeriátricas que limiten os recursos e as medidas de seguridade aos seus traballadores e residentes.