Primeiro foron cartas de aviso. Agora xa son cartas se providencia de constrinximento, co 10% de recargo.
David Castro deixa á veciñanza abandonada ante unha situación creada polo seu goberno.
A falta de axilidade do goberno local leva á veciñanza a ter que recorrer as facturas a título particular.
Dixemos no seu momento que se o goberno local non andaba áxil a revisar as remesas de facturas que se lle enviou a Augas de a Galicia como impagadas, os veciños ían ter que facer fronte aos pagos duplicados ou a recorrer as facturas pola súa conta, e xustamente é o que esta pasando.
A Atriga, seguindo o proceso establecido, comezou a remitir a todas as persoas as que lles había chegado fai unhas semanas a carta advertindo da existencia dunha débeda por recibos de canon de auga e saneamento impagados, as correspondentes cartas de pago, co 10% de recargo sobre os recibos debidos e coa ameaza do 20% a quen non pague dentro dos prazos.
Isto está acontecendo porque un mes despois de coñecerse o problema, o goberno de David Castro aínda non solventou a situación. David Castro, facendo gala da súa desidia habitual, deixa correr o tempo e non dotou os recursos necesarios para que dun xeito áxil e rápido se puideran revisar os preto de 4.000 recibos que segundo datos ofrecidos polo Concello se enviaron de maneira errónea a Augas de Galicia. E como é normal, nin a Axencia Tributaria Galega nin Augas se Galicia van paralizar o proceso de cobro mentres o goberno, que é quen ten a responsabilidade de corrixir o erro, corrobore que están pagados ou non pagados.
E aínda que dende a Xunta aseguran que ninguén vai pagar os recibos se xa os pagou no seu momento, a realidade é que a día de hoxe boa parte da nosa veciñanza figura como deudora con Augas de Galicia, e só teñen tres alternativas, non pagar agardando que a situación se aclare arriscándose a unha cantidade maior de recargo e ao cobro vía embargo, pagar e agardar que a administración remate por devolver os cartos, ou presentar recurso ante as facturas xustificando o seu pago anterior.
Dende Somos Ribadumia lamentamos o silencio e inoperancia de David Castro, que se limita a deixar á veciñanza ao pairo. É totalmente inaceptable que a veciñanza teña que facer fronte economicamente a un problema creado polo Concello, ou no seu caso dedicar tempo e molestias a presentar un recurso, e é máis inaceptable que no canto de reforzar a oficina tributaria municipal para poder solucionar o problema canto antes, dende o goberno se dedique a deixar pasar, remitindo á veciñanza a Augas se Galicia ou a Atriga, evitando responsabilizarse da situación. E dende logo, non podemos aceptar que a determinada veciñanza que vai ao Concello a preguntar por esta cuestión, se lle inste a poñer unha reclamación por rexistro, reclamacións que non están sendo respostadas.
Pedimos ao goberno local que deixe de mirar para outro lado ante os problemas da veciñanza. E pedimos que se asuman responsabilidades políticas pola xestión da facturación, non porque se cometera un erro, senón por intentar tapalo ocultandolle o problema á cidadanía, e por non reaccionar en tempo e forma poñendo as solucións pertinentes enriba da mesa e os recursos para levalas a cabo antes de que a veciñanza teña que facer fronte a esas reclamacións.
A oficina de Turismo de Ribadumia mantén unhas condicións deplorables.
A técnica debe aguantar temperaturas de máis de corenta grados á sombra, sen auga corrente nin aseos.
A Deputación subvenciona unhas instalacións que non cumpren os requisitos requiridos.
Nunha visita rutinaria feita polo noso voceiro á Oficina Local de Turismo para interesarse polos datos de visitantes do que levamos de verán, Oubiña declarouse nada máis chegar estupefacto, pois “encontrámonos cunha oficina que é un inferno na terra, coa traballadora aguantando temperaturas próximas aos corenta grados dentro do local xa antes do mediodía e sen tan sequera contar con acceso a auga corrente”.
Interesándonos máis a fondo pola situación da oficina de Turismo, que sabiamos que non era das mellores, pero que dende o goberno se nos había trasladado que se fixeran algunhas melloras, puidemos comprobar como esas melloras non chegaron a facerse e a instalación segue a manterse nun estado moi precario, tendo a traballadora unhas condicións case infrahumanas e coas propias instalacións – unha caseta de madeira que supera os dez anos sen apenas mantemento – en estado case de derrube, coa madeira apodrecida e chea de fungos.
Comezando polo máis básico, é totalmente inaceptable que David Castro manteña a unha persoa traballando nesas condicións, aguantando temperaturas de máis de corenta grados á sombra, sen apenas ventilación no local, nin auga corrente, nin aseos, ata o punto de que esa persoa depende para as súas necesidades máis básicas de que o bar do outro lado da estrada estea aberto, e da humanidade dos seus propietarios. .
“Calquera que entre estes días no despacho da alcaldía, notara caer a temperatura 15 ou 20 grados centígrados de golpe, gracias ao privilexio dun aire acondicionado. E aínda que David fai un uso moi irresponsable dos recursos ignorando a normativa estatal, eu non vou pedirlle que apague o aire acondicionado, pero si lle pido que trate ao persoal municipal coa mínima humanidade e coa dignidade obrigada”. Neste senso dende Somos Ribadumia estamos analizando que medidas tomar para evitar que esta situación se manteña xa máis tempo. Porque, e hai que remarcalo, esta cuestión non se está dando de maneira puntual con motivo da vaga de calor destes días. Debido ás características da caseta de turismo, a acumulación de calor é moi alta calquera día dende abril a setembro, e sen aire acondicionado, auga corrente e aseos, é imposible que unha persoa permaneza alí unha xornada laboral cun mínimo de dignidade.
Este pasado xoves, antes das doce da maña dentro da oficina de turismo rondábanse os corenta grados, unha situación que se repite todo o verán cada vez que sae o Sol.
Oficina subvencionada pola Deputación
Por outra banda, está a situación da propia instalación. A Oficina de Turismo de Ribadumia forma parte da Rede Provincial de Oficinas de Turismo “InfoRiasBaixas”, promovida pola Deputación, a través dun convenio do cal o Concello se beneficia a nivel de promoción pero tamén accedendo a axudas económicas, ata o punto que se beneficia dunha axuda do 60% do custe da persoa que está na Oficina.
Extracto das condicións que debería cumprir a oficina de turismo.
E isto chama moito a atención, porque os requisitos para poder formar parte desa rede de puntos de información turística, que conta cun regulamento de funcionamento específico, son moi concretas e rigorosas. “Analizamos as bases da convocatoria e o regulamento, e comprobamos que a oficina de Turismo de Ribadumia non cumpre nin remotamente coas condicións requiridas, nin de condicións da instalación nin de imaxe pública. Por non ter, non ten nin un mostrador ante o cal atender aos visitantes dunha maneira minimamente profesional”.
Dende Somos Ribadumia xa nos diriximos á Deputación solicitando información sobre o estado desta oficina, e para tentar aclarar que foi o que pasou, se o Concello aportou a documentación xustificativa de maneira erronea ou ten algún compromiso de actuación pendente de executarse, ou se a propia Deputación non fixo as pertinentes corroboracións, porque o que é evidente é que esa oficina está nas antípodas do que promove a Deputación.
“E agardamos que esta cuestión sirva tamén para que entidades como a Deputación vaian caendo na conta de que hai que controlar o uso dos recursos en todos os aspectos, incluída a dignidade laboral das persoas”.
O Tribunal Supremo tumbou o último intento de David Castro de negarlle pensión correspondente a esa ex-traballadora.
Esa persoa ten dereito a unha indemnización ao considerarse a súa baixa permanente como laboral, recollida no convenio colectivo.
Envainada do goberno: o xoves din que a traballadora presentou unha reclamación xudicial, pero o venres din que de momento non se presentou nada.
O Concello debería ter contratado un seguro para cubrir ese tipo de incidencias.
Logo de preguntar en varios plenos, e mesmo de realizarse un pleno extraordinario para intentar aclarar cales eran os motivos que levaron ao alcalde a perseguir xudicialmente a unha traballadora, no pleno deste pasado xoves a Concelleira de Contas Pilar Martinez – David Castro, responsable da área de persoal, ocultouse novamente detrás do seu equipo – cantou ao fin cal era a segunda causa, ademais de prexudicar directamente a esa persoa a través da súa pensión, que motivou esa persecución xudicial, que non é outro que o dereito desa traballadora a percibir unha indemnización, neste caso de 30.000€, a cal o Concello podería ter que facer fronte ao carecer do perceptivo seguro.
O noso voceiro Enrique Oubina presentara unha batería de preguntas por rexistro de cara este pleno, entre elas varias relativas a esta cuestión. O motivo foi que o pasado 16 de febreiro o Tribunal Supremo ditou a inadmisión do recurso presentado polo Concello de Ribadumia contra a sentenza que daba previamente a razón a unha ex-traballadora municipal, demostrándose así e quedando recollido documental e xudicialmente que todo o proceso xudicial posto en marcha polo Concello de Ribadumia contra esta persoa era un completo despropósito.
E cando decimos isto non o decimos por decir. Resumamos:
– A sentenza do 3 de abril de 2020 resolvía que a baixa de incapacidade temporal desa traballadora derivaba de accidente de traballo, condenando a os demandados, Seguridade Social, Mutua e Concello a asumir as consecuencias derivadas da sentenza. En principio para o Concello ningunha.
– O Concello de Ribadumia foi a única parte que interpuxo recurso contra esa sentenza. O recurso foi desestimado confirmando a sentenza anterior, e por suposto obrigando ao Concello a asumir as costas xudiciais (550€). Nesa sentenza os maxistrados deixan moi claro na redacción dos fundamentos de dereito que o propio recurso presentado polo Concello se basea en argumentos excesivamente xenéricos, que non se sosteñen, ou plantexan cuestións fora da función do tribunal. Ou sexa, que o recurso non tiña soporte legal.
– O concello seguiu insistindo cun recurso de casación ante o Tribunal Supremo (600€ de entrada), recurso que o 16 de febreiro pasado foi desestimado nunha sentenza contundente que, resumindo, deixa claro que o concello expuxo uns argumentos que non se sostiñan por ningún lado, quedando patente unha vez máis que os recursos presentados son unha fuxida cara adiante. Por certo que aos 600€ de presentar este último recurso haberá que sumar as costas as que debera facer fronte o concello, ao final só este último intento de sacarlle a traballadora o que lle corresponde rondará polo baixo os 2.000€.
As preguntas de Oubiña estaban enfocadas en parte a determinar os custes deste proceso xudicial, e foi na resposta a estas preguntas cando Pilar Martinez declarou que o proceso xudicial aínda está aberto porque falta resolver unha última parte, onde a traballadora, en base ao convenio colectivo no que se enmarca e o seu artigo 80, solicita a indemnización que lle corresponde pola súa incapacidade permanente. Este anuncio foi posteriormente matizado ante un medio de prensa dicindo que de momento non hai presentada ningunha demanda, aínda que contan con ela. A isto hai que decir que se contan coa demanda é porque David Castro insiste en negar a unha traballadora o exercicio dos seus dereitos e quere bloquearlle o acceso ás indemnizacións que legalmente lle corresponden, indemnizacións que se David Castro fixera ben as cousas nin sequera tería que asumilas o Concello.
Oubiña, que non puido asistir ao pleno por motivos de forza maior, declarou unha vez visualizado o pleno que “esa traballadora ten recoñecida xudicialmente unha incapacidade laboral, que nin a Seguridade Social nin a Mutua negan, e David Castro vai a por ela de fronte, primeiro querendo negarlle a pensión que lle corresponde, e agora querendo impedirlle acceder á indemnización que tamén lle corresponde e que está perfectamente recollida no convenio colectivo. É inmoral e indecente”.
A cuestión de fondo, máis aló da guerra persoal de David Castro contra esta persoa, que ten a súa orixe nun desacordo en cuestións de traballo, está en que se a traballadora acaba indo ao xulgado e este finalmente, como é previsible pois a traballadora xa ten recoñecida a súa incapacidade por motivos laborais, dita sentenza favorable á traballadora, o Concello deberá afrontar unha indemnización que roldará os 30.000€, tal e como fixo público Pilar Martinez . Dita indemnización a priori non debería supor un problema para o Concello porque como decimos suponse que ese tipo de cuestións deben estar aseguradas, pois así o recolle o convenio colectivo no seu artigo 80, artigo que regula as indemnizacións e a obrigatoriedade de telas aseguradas. “Non debería ser un problema pero dase a circunstancia de que cando acaeceron os feitos que deron lugar á baixa desa traballadora, o “gran xestor” David Castro non contratara os seguros regulamentarios, polo que é máis que probable que por culpa da incompetencia para o goberno do responsable único deste tipo de cuestións, a veciñanza de Ribadumia vai ter que facer fronte a esta indemnización”.
Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar o tratamento que se lle deu no pleno á persoa afectada, tentando poñela como unha estafadora que quixera roubarlle ao Concello cando so é unha persoa exercendo o seu dereito a unha indemnización laboral, nin tampouco podemos aceptar as actitudes de David Castro, que no canto de asumir o seu erro e evitarlle á veciñanza máis custes dos necesarios, arrancou nunha fuxida cara adiante que ao final pode supor un custe económico moitísimo superior.
Pedímoslle unha vez mais que deixe de tirar os cartos en avogados e que asuma que esa persoa ten uns dereitos recoñecidos e que asuma tamén os seus erros de xestión e que se faga cargo politicamente das consecuencias e dimita como alcalde de Ribadumia, porque un alcalde non pode usar desa maneira os recursos públicos, nin avergoñar ao noso Concello facendo o ridiculo nos tribunais, e porque sobre todo, un alcalde non pode actuar con tal nivel de irresponsabilidade e deixadez, incumprindo regulamentos que son vitais para a económia do Concello arriscándose a indemnizacións de miles de euros por non contratar un misero seguro.
O goberno emitiu un comunicado desentendéndose do problema, sen confirmar se as facturas emitidas son correctas ou erróneas.
Declara estar ao tanto, pero non toma ningunha medida para solucionar a problemática.
David Castro abandona á veciñanza unha vez máis.
Pedimos a David Castro que actúe e colabore con Augas de Galicia, axilizando á revisión das facturas.
A actitude de David Castro, desentendéndose do problema parécenos totalmente inaceptable, pois, como explica Enrique Oubiña “ tal como el mesmo declarou o Concello foi quen cobrou á veciñanza os cargos correspondentes, entremediando así con Augas de Galicia, polo que o primeiro que o señor que ostenta a alcaldía de Ribadumia debe facer é aclarar se os veciños teñen eses recibos pendentes de pago ou non, e en caso de que estea todo correctamente pagado, actuar ante Augas de Galicia para corrixir a situación. Unha situación da que á vista dos datos que o propio goberno trasladou, David está moi ao tanto, aínda que ata o de agora non moveu un dedo”.
Dende Somos Ribadumia vémonos na obriga de mostrar o noso desacordo coas formas e coa actitude tomada polo goberno local e por David Castro ante a situación que está vivindo a nosa veciñanza, recibindo reclamacións por diferentes períodos de consumo de auga e de saneamento dos últimos anos, cando se supón que esas taxas xa foron pagadas.
Datos confusos.
O goberno declarou estar ao tanto da problemática e ter falado con Augas de Galicia, pero en Somos Ribadumia preguntámonos de que falaron e cando foi iso. De partida “ é evidente que David Castro pretendía manter silenciada a situación, e que se fixo algo foi gracias a que dende Somos Ribadumia, unha vez máis, fixemos pública a situación. Pero ademais de actuar tarde, tampouco parece que fixera moito máis que mandar un mail, e xa me parece moito, pois nin sequera os datos aportados están ben”.
Os datos que se fixeron públicos foron estes: 3.830 recibos reclamados. Pero o goberno explicou , nun exercicio matemático difícil de comprender , que deses 3.830 hai 1.623 reclamacións de menos de dez euros, 3.600 entre 10 e 100 euros e hai 230 recibos con débedas de máis de 100 euros -incluídas 20 por enriba do 600€- . Con estes datos a nós saennos 5.453 recibos en reclamación, 1.623 máis dos que di o goberno local ou no seu caso Augas de Galicia, que tampouco está claro.
Pero é que ademais dende o goberno informan que “unicamente” serían 1.800 os recibos cuxa reclamación estaría xustificada. Se iso fora así, o primeiro que hai que preguntar é porque motivo o goberno non actúa para aclarar con Augas se Galicia a situación dos recibos correctamente pagados, e evitar que sexan os propios veciños os que teñan que reclamar, pois o propio goberno sabe e pode demostrar moi facilmente os pagos efectuados nos últimos anos.
O segundo que debería aclarar David Castro é como como pode haber tal cantidade de recibos pendentes de pago e dende fai tanto tempo tendo mecanismos de cobro corrente e de xestión de impagos,, e que fixo o goberno local todo este tempo para cobrar eses recibos. “ E hai que ter en conta que se os canons da Xunta están sen cobrar, a parte do Concello tamén, e dende o ano 2015”.
Desprezos á veciñanza.
Se toda a situación non fora bastante confusa, aínda tivemos que aguantar que o goberno local pretendera restarlle gravidade ao asunto dicindo que a maioría das reclamacións son por cantidades pequenas e que só unha pequena parte supera os 600€. “Pedímoslle a David Castro que teña menos soberbia e máis respecto. Sexan 600€ ou sexan 50 céntimos de euro, son cargos que lle están chegando á nosa veciñanza, aos que poderán facer fronte ou igual non, que non todo o mundo cobra un segundo salario de 1.500€ como cobra el. E ademais, falamos de cargos supostamente erroneos emitidos por unha administración pública. Sexa responsabilidade de Augas ou do Concello, a nosa veciñanza o que debe recibir é unha desculpa, non un desprezo clasista”.
Pola nosa banda, visto o panorama, onte mesmo comunicámonos con Augas de Galicia, co obxectivo de que nos aclarasen os motivos polos cales se están emitindo eses cargos. O que nos comunicaron foi que asumen que tivo que haber algún tipo de erro, e que estaban á espera de que o Concello cotexara os supostos recibos impagados. “Así que o que toca é pedirlle ao señor Castro que asuma as súas responsabilidades e axilice esa revisión, pois aínda que dende Augas teñen o compromiso de paralizar os cobros unha vez comprobadas as facturas, mentres iso con pase, o proceso de cobro á través de facenda sigue o seu curso e os días pasan”.