Novo ridículo de David Castro: designa espazo libre de tabaco un parque infantil.

- As ansias electoralistas xóganlle outra mala pasada a David Castro.
- David Castro designa un parque infantil, onde está prohibido fumar dende 2011, como zona libre de fume.
- Máis cartos tirados.
- Pedimos á Xunta de Galicia que controle mellor a xestión e o destino dos fondos para campañas deste tipo.
As ansias electoralistas veñen de xogarlle outra mala pasada a David Castro. Este pasado xoves tivemos constancia pola prensa de que David Castro sumou ao Concello de Ribadumia a unha campaña da Xunta de Galicia que busca establecer unha rede de parques libres de fume, seguindo a estela de campañas anteriores mais centradas en espazos como as praias. Pero cal foi a nosa sorpresa que o primeiro parque que o goberno local designa como espazo libre de fumes, resulta ser un parque infantil, en concreto o parque de A Piolla, no Couto de Arriba.
Tal como explica o noso voceiro, Enrique Oubiña “dase a circunstancia de que nos parques infantís está prohibido fumar dende o 2 de xaneiro de 2011, tal como establece a lei 42/2010, do 30 de decembro, que expón moi claramente no seu artigo 7 que esta prohibido fumar nos recintos dos parques infantís e áreas ou zonas de xogo para la infancia, entendendo por tales os espazos ao aire libre acoutados que conteñan equipamento ou acondicionamentos destinados especificamente para o xogo e o esparcemento de menores. Polo tanto, David Castro pretende prohibir fumar nun lugar onde xa está prohibido fumar dende fai doce anos.”
O obxectivo da Xunta, que é quen aporta o material para identificar os espazos libres de tabaco, é que vaian sumando aos espazos onde xa está prohibido fumar novos espazos públicos. Primeiro a campaña centrouse nas praias, agora nos parques públicos, pero obviamente iso non inclúe os espazos onde a lei xa non permite fumar, como os parques infantís. Así pois, David Castro non so fai o ridículo, anunciando na prensa e a bombo e platillo un novo espazo libre de fume cando xa leva así doce anos, ademais estraga recursos. “Aínda que non moitos. Porque se a cousa non era bastante absurda, faltaba por ver como se aplica na práctica a campaña. Neste caso cun cartel de lona, tamaño A3, ou sexa, non moi grande e cun soporte bastante endeble, polo que seguramente non dure moito. E por se era pouco visible, o concello colocouno medio agochado detras dun taboleiro e alonxado varios metros da entrada do parque, non vaia ser que alguén o lea. Ademais o cartel non ofrece ningún tipo de información, nin nada máis alá da sinal indicativa de espazo libre de fume. En resumo, que un pai ou unha nai que decidira saltarse a lei que prohibe fumar nese parque, aínda tería que entrar co pitillo na boca no mesmo e andar uns metros antes de topar o cartel. En conxunto, esta actuación, propaganda incluída, é un absurdo tan grande que non sei nin como definilo”.
Dende Somos Ribadumia convidamos ao goberno local a deixar de estragar recursos públicos e de ridiculizarse na prensa. En Ribadumia existen espazos públicos que se poden incluír dentro desa campaña, así que instamos a David Castro a que se realmente quere que o noso concello teña os seus espazos verdes, e outros espazos públicos, libres de fume, cousa que dubidamos moito, cando menos actúe correctamente e decrete como corresponde como libres de fume espazos parques, prazas e outros espazos onde actualmente si se pode fumar, e por suposto que cumpra cos compromisos de información e sensibilización que tamén son obrigatorios para os concellos adheridos a esta campaña.
Tamén enviaremos á Xunta de Galicia un escrito solicitándolle que controle mais e mellor o destino dos fondos e recursos dedicados a estas campañas, para que estas cousas non pasen.