A Xunta está mandando reclamacións  de ata 600€ polo canón da auga e vertedura dos anos 2015 a 2019.

  • Están chegando facturas do ano 2015, 2016, 2017, 1° semestre do 2018 e 2° semestre do 2019. E con recargo do 5%, que pode chegar ao 20%.
  • Caos absoluto na xestión do cobro da auga e o saneamento.
  • Pedimos a David Castro que aclare que está pasando.

 Dende Somos Ribadumia vimos de ter constancia de que a Xunta está mandando cartas a unha boa parte da nosa veciñanza reclamando pagos polo  canón da auga e o coeficiente de vertedura de anos e semestres que van dende o 2015 ao 2019, con importes que van superar os 600€.

  E non entendemos o motivo. Tal como explica Oubiña “os impostos da Xunta van incluídos nas facturas que emite o Concello. Se se pagaron esas facturas, os canóns da Xunta tamén están pagados. Se non se pagaron o Concello debería ter reclamado esas facturas, cousa que non pasou. Polo tanto ou ben a Xunta está duplicando cobros, ou ben o Concello ou incluso a ORAL cometeron  algún erro na súa xestión. Erro que agora vai pagar a veciñanza, con recargo de entre o 5% e o 20%”.

   Pola nosa banda puxémonos en contacto coa Oficina de recadación da Xunta e confirmaronnos que efectivamente están mandando cartas dese tipo, en dous lotes, un reclamado o pago de canón de auga e coeficiente de vertedura dos anos 2015, 2016 e incluso 2017, e un segundo lote que está aínda pendente de envío, correspondentes co primeiro trimestre do ano 2018 e segundo trimestre do ano 2019. Tamén nos confirman que a actuación para eles é totalmente normal, correspóndense co proceso habitual ante situacións de impago, e que non consta que o Concello advertira de ningún erro nas facturacións. Pero resulta que os casos dos que estamos tendo coñecemento son de veciñas e veciños que aseguran ter todos os pagos ao día, mesmo nalgún caso domiciliado bancariamente, polo que se o Concello emitiu as facturas correctamente eses pagos están realizados. “Entón que pasa aquí? Esqueceuse o concello de pagarlle á Xunta o que lle correspondía? As cartas están chegando sen aviso previo por parte do Concello, que sería quen debera reclamar se hai impagos ou como mínimo informar se xorde algúnha cuestión, que os Bandos non están só para anunciar os viaxes do imserso. David, como sempre, ante os problemas garda silencio agardando que ninguén se dea conta”.

   Dende Somos Ribadumia estámoslle pedindo á veciñanza que nos consulta por este tema que corroboren que as facturas foron ou non pagadas no seu día. Se están pagadas é un erro de fácil solución, pero senón se pagaron entón non deben unicamente os canons da Xunta, senón tamén as taxas municipais, co cal non se explicaría a inacción do Concello. Pero está resultando complicado porque o período 2015-2019 estivo sometido a diversas problemáticas, por un lado un erro na lectura dos contadores, que provocou unha facturación errónea que houbo que corrixir, e por outro lado o cambio de sistema cando se municipalizou o servizo, polo que a veciñanza entre facturas mal emitidas, as correccións, unhas que foron pola ORAL e outras que xa chegaron polo concello, xunto á modificacións nos prazos de facturación e modelo, teñen algo de lío.

   E tampouco no concello parece ser que estean axudando moito. Temos coñecemento de persoas que que foron ao concello a informarse do que estaba pasando e a única resposta que recibiron foi que houbera un fallo na transferencia de datos cando se municipalizou o servizo. “Pero ese non pode ser o problema, menos logo de catro anos de servizo municipalizado. Os contadores están nas portas das casas e o Concello é o responsable de identificar aos propietarios se hai erros nese aspecto. E dende logo se os recibos están domiciliados, pouco erro de identificación pode haber. Ademais, se a Xunta reclama o canon da auga, que se establece en base ao consumo da vivenda, é porque o Concello pasou o detalle dese consumo”.

  Sexa como for,  as facturas están chegando. E nós pedímoslle a David Castro que explique publicamente que está pasando, se houbo un erro ou non e no seu caso aclare cal. E se o problema é da Xunta que faga as xestións pertinentes para solventar unha situación que de partida está dando sustos de entre 300€ é 600€, e cuns recargos que temos a sospeita de que os veciños os van ter que asumir sen ter culpa de nada.

David Castro afirma que o Concello recorta os setos e peches vexetais das fincas de toda a veciñanza.

  “David Castro decidiu xustificar o seu trato de favor a unha familia próxima ao seu partido, dicindo que o recorte de setos e peches vexetais a particulares é algo habitual que se lle fai á maior parte da veciñanza”. (Podedes leelo aquí )

 Ante estas declaracións, dende Somos Ribadumia preguntámonos cal é o proceso que hai que seguir para que o Concello pase a recortarnos os setos aos que non imos na súa lista. E gustaríanos que David Castro aclararse os mecanismos, onde hai que facer a solicitude, os prazos, as condicións, etc.. E isto é moi importante, porque casas e fincas con setos e peches vexetais en Ribadumia aínda hai unhas cantas, e un servizo desas características por forza terá moita demanda.

   É evidente que as declaracións de David Castro son un despropósito sen sentido ningún. Pero aproveitamos para recordarlle a David Castro que usar recursos públicos para favorecer a particulares pode ser considerado polas instancias legais como un caso claro de prevaricación. Recordámoslle tamén que o Concello non da servizos a particulares, nin agora nin antes, ou cando menos non mentres nós estivemos no goberno ou co noso coñecemento. Como aclara Oubiña, “Unha cousa e que un operario ande limpando un camiño e recorte unhas vides ou unha ponla que sobresae, e outra moi distinta facer unha actuación  como a de onte recortando un seto ao completo actuando sobre unha propiedade privada. Isto último, sen a xustificación adecuada resulta inadmisible”.

 David Castro debería medir mellor as declaracións que fai á prensa, e non dicir cousas destas características, nin argumentar con despropósitos. Porque David Castro non negou que se estivera dando trato de favor a esa familia. “Di que mentimos, pero ao mesmo tempo admite que décimos a verdade”.

  Pero mentres David Castro perde o tempo con declaracións fora de lugar e se dedica a facerlle labores de xardinería e veciños particulares, a realidade é que os espazos verdes do Concello, eses onde sí ten competencias e obrigas o goberno local, están nun estado lamentable a maior parte do ano.

David Castro usa recursos públicos para podar os peches das propiedades de certas persoas.

  • En pleno centro de Barrantes e con total descaro, traballadores municipais limparon o peche dunha propiedade privada.
  • A propiedade pertence á familia de xente das lista de IR.
  • Mentres, o resto da veciñanza recibe cartas do Concello ordenado limpezas e ameazando con multas.

  A media mañá e en pleno centro de Barrantes, operarios do Concello de Ribadumia por orde de David Castro limparon un muro particular cuxa maleza comezaba a invadir a beirarrúa.

Dende Somos Ribadumia vémonos na obriga de denunciar estes feitos, que son un exercicio de trato de favor e de moita cara dura por parte de David Castro. Tal como explica Oubiña, “o normal cando un propietario ten un peche verde que invade a vía pública, é requirirlle para que recorte o seto ou faga o que considere para deixar a vía pública libre. Non se manda a operarios municipais a limpar as propiedades de ninguén, e cando se fai é por unha causa moi concreta é xustificada, e pasando o cargo ao propietario antes ou despois, pero aquí non falamos deses supostos nin moito menos se lle vai cobrar nada á propiedade. Isto é sinxelamente, facerlle un favor a unha familia amiga”.

   Porque dáse a circunstancia de que a propiedade pertence á unha familia vinculada a IR, con persoas que forman parte das súas listas, o cal convirte este acto nun exercicio de partidismo político dos máis graves, o estar actuando o goberno en favor dunha persoa da súa lista.

  David  Castro xa non se molesta en disimular as súas actitudes caciquís e partidistas, favorecendo aos seus en todo mentres deixa ao resto do concello no máis absoluto abandono. E non esquezamos que coa chegada do verán, chegan tamén as cartas do Concello á veciñanza que ten as fincas ou os montes algo descoidados, con ameaza de multa incluída. “E mentres David usa os recursos públicos para atender aos seus, o resto temos que facelo nós, ou en moitos casos, sobre todo a xente maior, pagar a quen faga os traballos”.

  Este comportamento é completamente inaceptable, é esiximos explicacións públicas e que o goberno asuma responsabilidades políticas ante estes comportamentos e tratos de favor.

David Castro non quere asumir que a xestión da Festa do Tinto tivo erros importantes.

  • David Castro, unha vez máis, non sabe nada, non fixo nada, non é responsable de nada.
  • Nega ser responsable do operativo seguridade da Festa do Tinto.
  • Houbo altercados, algún moi grave, pero para David Castro a festa foi todo marabillas porque veu moita xente.

 As declaracións verquidas por David Castro no relativo á Festa do Tinto non teñen xeito nin dereito.

Pola nosa banda, vistas estas últimas declaracións de quen ostenta a alcaldía de Ribadumia, vémonos na obriga de facer unha serie de puntualizacións. De partida reafirmámonos, como xa dixemos, no noso agradecemento e boa valoración de todas e cada unha das persoas traballadoras ou voluntarias que participou na organización da Festa. Parécenos moi lamentable que David Castro pretenda usar a esas persoas como escudo, como nos parece moi lamentable o vitimismo do que fai gala tan alegremente. Quede claro que en ningún momento falamos do traballo feito por esas persoas, se non das actuacións de quen toma as decisións, que non é outro que David Castro, que como sempre pretende que el non ten nada que ver con nada do que acontece.

  Resulta do máis lamentable que David Castro defina como éxito a Festa do viño. Non pode ser un éxito unha festa onde acontece unha violación a unha menor, e tanto da canta xente viñera. E non pode considerarse un éxito unha festa onde quedou patente que a escasa presenza policial favoreceu que houbera altercados violentos. Como non pode valorarse positivamente a labor dun Punto Morado que ninguén sabía que estaba alí e que  por ese motivo, non porque non pasaran cousas, non atendeu a ningunha muller, con independencia de se o traballo das profesionais do mesmo foi adecuado, algo que se da por descontado.

Estamos sorprendidos porque David Castro afirme que el non pediu a presenza da Garda Civil. Non é algo menor, porque se pretende que el non ten nada que ver, entón está afirmando que a Festa non contaba con ningún operativo de seguridade coordinado coas forzas de seguridade do estado. Se fora así habería que pedirlle a dimisión porque unha festa deste tamaño non pode organizarse sen contar coa Garda Civil, máxime nun concello sen Policía Local. “obviamente non é así. A presencia policial e as actuacións da Garda Civil , que van moito máis aló de recordarlle os horarios de peche aos hostaleiros, coordínanse cada ano en cada festa. Decir outra cousa é absurdo, e por suposto que a Garda Civil fixo un control dos horarios de peche por petición de David Castro.E por suposto que aos postos ambulantes se lle deu liberdade horaria dende o Concello. Do mesmo xeito que por suposto que a escasa presenza de axentes este ano foi unha cuestión concordada co Concello, como outro anos se ten concordando unha presenza maior”.

  Pero é que aínda podemos falar máis da súa pésima xestión. David Castro e Mar Moimenta enfrontáronse, non só aos hostaleiros cuxo descontento é evidente e non algo que inventemos nós, senón que tamén se enfrontaron a toda a comunidade de veciños dun edificio que pretendían deixar illado sen acceso ao aparcadoiro do edificio sen nen sequera darlles alternativa, e colocarlles unha caseta de aseos pegadas as ventás, desprezando a eses veciños e veciñas cunhas actitudes máis que chulescas. “A base de presión o goberno medio baixou a orella corrixiu a colocación desa caseta e cedeulles aos veciños un aparcadoiro privado propiedade dun terceiro, aínda que sen ningún tipo de documento nin garantía legal, e vendéndollo aínda por enriba como un favor”.

   Non se pode dicir que o operativo de limpeza funcionou ben cando algunhas  paredes a escasos metros dos locais hostaleiros emitían uns cheiros mediado o sábado importantes, e seguiron con esa imaxe pouco soluble ata despois da festa. E non foi por mala actuación dos operarios, que fixeron o seu traballo perfectamente  tal, como, cando e donde lle mandaron, foi que o operativo de limpeza estivo mal  planificado e peor xestionado.

Podemos falar tamén de que o resultado de desprezar nos anos en que había viño a determinados produtores que querían ter un posto na carpa, deu como resultado que este ano que vez dos catorce postos habituais, só houbese dez, e deses algún duplicado, e ademais en vez de ir aumentando a presenza de viños autóctonos “legais”., vimos como se foi reducindo, pois este ano a diferenza das últimas dez edicións, non había ningún viño con etiqueta.

  Podemos falar do caos circulatorio que se montou nas primeiras horas das noites do venres e o sábado por unha falla de previsión de David Castro, ou da mala sinalización dos aparcadoiros públicos.

  Medir unha festa desta importancia e organizada por unha administración pública unicamente pola afluencia de xente non nos parece nin adecuado nin correcto.  O éxito da festa mídese na organización e xestión dos recursos, da seguridade, e da limpeza, entre outros factores. En resumo, podemos decir que a festa tivo moita afluencia de xente, si, pero do mesmo xeito o goberno local, que é quen xestiona é organiza a festa, e David Castro, que é quen en calidade de alcalde toma as decisións pertinentes, non estiveron a altura.