David Castro entrampa os números do nadal.

  • Cunha partida de 20.000€ para o alumeado de nadal, agora resulta que so usa a metade desa partida, a propósito. O resto gástase noutras cuestións.
  • O alumeado contrátase a cegas, sen pedir orzamentos nin valorar os diferentes tipos de decoración. Todo queda na man dunha empresa designada a dedo.
  • Temos o alumeado máis cutre por desidia de David Castro, non por falta de recursos ou posibilidades.

As críticas xeralizadas, e que nós fixemos públicas, ao alumeado de nadal ao final lograron que David Castro, nun intento por minimizar esas críticas, encontrara as facturas e respondera, por primeira vez máis de dous anos, a un escrito noso pedindo as facturas, os orzamentos previos e todo o relativo á contratación dese alumeado nos últimos anos. E con iso destapouse a realidade da xestión do goberno local nesta cuestión, pero extensible a outras moitas. Bágoa que David Castro optara de paso polo teatro no pleno e na prensa, a descalificación e a falta de respecto, e por facer de novo oposición á oposición, esquecendo unha vez máis que o que goberna é el, ou cando menos o seu partido.

   Resulta que David Castro leva anos enganando á veciñanza co orzamento e a xestión económica do Concello.  E aínda ten a cara dura de ofrecernos un exemplo claro. No relativo ao alumeado de nadal, as partidas recollidas no orzamentos foron de 13.500 € (2019) , 15.000 € (2020) e 20.000 € (2021 e 2022). Iso foi o que David Castro dixo que ia gastar nestes anos no alumeado de nadal. Porén, o gasto real nesas partidas, foi de 21.034,50 € no ano 2019, de 22.606,37 € no 2020 e  de 22.470,71 € no ano 2021. Eses son os números oficiais. Agora a eles hai que incluírlles que David Castro por fin deunos acceso ás facturas, que demostran que a maior parte deses cartos non se dedicou ao alumeado de nadal, que so se levou 12.705€ no 2019, 13.310 € no 2020 e  13.915 € no 2021.  David Castro pretende tratarnos de mentireiros, pero nós limitámonos a traballar cos números oficiais, se resulta que o goberno local entrampa os números non é responsabilidade nosa, pero alégranos que se faga público.

Cos números na man, David Castro gastou no concepto de alumeado de nadal entre o 2019 e o 2021 66.111,58 €, pero en realidade o alumeado so custou 39.930€. O resto escorréuselle a David Castro entre os dedos, seguramente en facturas doutras cuestións de nadal que non quixo ou non foi capaz de orzamentar correctamente.

David Castro andivo a xogar cos números que lle deu á prensa para tentar minimizar o custe real do alumeado, ata o punto de “esquecer” incluir na conta o IVE, que aparece no orzamento que o Concello fixo público, e que tamén hai que pagar.

   David Castro amosou as facturas do alumeado dos últimos anos, e amosou un suposto orzamento da empresa co custe do alumeado para este nadal, cun custe de case 15.500 €, 2.700 € máis do que declarou o propio alcalde. Un orzamento que non entrou por rexistro como correspondería, polo que sempre quedara a dúbida de que fora feito a medida logo de que as criticas forzaran a David Castro a actuar facendo públicos os números. O que David Castro non aportou foron  orzamentos doutras empresas, nin deste ano nin dos anteriores, nos cales tampouco consta nada máis que as facturas, o cal demostra o que dicimos: David Castro non negocia o alumeado de nadal. Nin negocia nin busca alternativas mellores. Tal como explica Oubiña é que “de  feito, nin sequera se molesta en pedir orzamento á empresa antes de concederlle o traballo, non digamos xa pedir varios orzamentos. E iso tamén o contan os documentos. Ten razón David, os papeis din a verdade do goberno local, pero esa verdade non é a que el pensa que traslada, é a verdade dun goberno que non está máis que a cobrar liberacións.”

   A realidade pois é que cos papeis de David Castro na man, resulta “ que o goberno local ven de demostrar que leva catro anos gastando a partida do alumeado de nadal en cousas que non son o alumeado de nadal. Ou sexa, que move os cartos para outras cuestións diferentes ás estipuladas na partida   orzamentaria. Isto é como que súa nai lle dea cartos para dúas bolas de pan, e el compre unha e gaste o resto en cervexas. E aínda pretende que a veciñanza estea tranquila coa súa xestión económica”.

   Dende Somos Ribadumia non podemos amosar máis que sorpresa pola resposta e actitude de David Castro. Á vista das críticas que recibiu polo lamentable alumeado de nadal decidiu, para tentar desactivar esas críticas,  facer públicas as trampas contables que realiza. E ao facelo demostrou que a realidade  é aínda peor da que nós expuxemos. No económico porque demostra que David Castro non ten control sobre os números, e que ademais fai trampa dotando cartos para cousas distintas ás que pretende pagar. E neste caso concreto porque ademais nós  facíamos idea de que había desidia no trato coa empresa do alumeado, pero non pensamos que chegara a este nivel tan baixo. Porque o peor de todo isto é que no orzamento dota cartos, polo tanto non é un problema económico, o que nos leva a ter este alumeado tan pobre e cutre, é sinxelamente a vagancia dun alcalde que ten ao concello completamente abandonado, “ata o punto de que que nalgo como o alumeado de nadal, que non é o dunha verbena,  non se molesta nin  en falar coa empresa do alumeado e ver opcións dispoñibles para tratar de ter un concello decorado acorde aos tempos. Limítase a dicirlle á empresa que ten os mesmos cartos que o ano anterior e que fagan o que consideren. E a empresa así fai, e así nos tocan os restos dos alumeados que ninguén quere. Pouco pagas, menos levas, di o refrán.”

    Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar que como neste caso  se dean contratos a empresas  de xeito directo sen nin tan sequera pedir  un orzamento previo que explique en que  se van gastar os cartos. 

 David Castro xoga ao despiste.

David Castro saíunos o outro día falando de falta de respecto ao persoal voluntario que participa nas actividades de nadal e aos comerciantes. “ E fai esas declaracións o mesmo alcalde que engana dicindo que ten 20.000 € para o alumeado cando so pensa gastar 13.000 €. O mesmo alcalde cuxa única idea que ten de promover a actividade comercial en nadal é regalarlle aos comerciantes un anaco de felpa vermello para poñer nas portas dos comercios”.

    De David Castro non se pode a estas alturas agardar outra cousa, pero pretender mezclar as cousas desta maneira  e tentar desviar a atención usando a terceiras persoas ou colectivos é vergoñento. Pola nosa banda temos claro que nese argumentario tan absurdo e infantil non imos entrar. Dende Somos Ribadumia valoramos sempre as accións políticas e a xestión do goberno, non entrarmos nin no traballos de persoas voluntarias nin no que poida facer calquera colectivo alleo á política. Ao contrario, sempre amosamos todo o noso apoio a calquera iniciativa que se tome dende outros ámbitos diferentes ao político, e esa é outra verdade que David Castro non pode tapar cos seus contos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s