Comunicado referente ao anuncio do goberno dunha demanda xudicial contra Somos Ribadumia e Enrique Oubiña.

  Logo de ter coñecemento a través dos medios de prensa da interposición por parte do goberno local de Ribadumia dunha denuncia contra o noso partido e  contra o noso voceiro, queremos deixar constancia en primeiro lugar da nosa máis absoluta tranquilidade.

  Descoñecemos o contido real da denuncia, salvo o exposto na prensa, polo que non poderemos realizar unha valoración en profundidade da mesma ata que teñamos acceso a ela, pero de partida debemos declarar que visto o publicado, dende a nosa posición parécenos inaudito que David Castro leve a súa propia xestión a un xulgado, pretendendo responsabilizar da mesma á nosa formación e ao noso voceiro. Ao fin, quen é responsable da xestión da auga municipal e da piscina pública así como do resto de instalacións  públicas do Concello son o goberno local e o alcalde, non a oposición.

  Consideramos que David Castro está abusando da súa posición de alcalde, utilizando recursos públicos para intentar poñer couto as accións da oposición. E iso é o que debe saber a veciñanza de Ribadumia: que ten un alcalde que cando non pode aportar argumentos políticos para xustificar os seus actos, non dubida en usar calquera recurso para atacar a quen o poña en dúbida publicamente, iso si, sempre cargándolle o custe ás arcas e aos recursos municipais.

  Queremos trasladarlle a David Castro que por moito que se encirre non nos vai calar. Estamos en democracia, mal que lle pese, e os partidos políticos temos dereitos, non estamos supeditados aos caprichos dun alcalde.

   Somos un partido de acción política, non estamos aquí para o postureo nin para facer política de trincheira, moito menos para facer o que dite David Castro. Imos seguir como ata agora, defendendo activamente o noso proxecto político para Ribadumia, un proxecto con propostas e con principios políticos. E non imos mudar a nosa maneira de facer política,  unha maneira que, recordemos, a David Castro permitiulle ser alcalde e beneficiarse politicamente dunha xestión que levou ao concello  de Ribadumia a funcionar durante catro anos, do 2015 ao 2019, como un reloxo suízo e a ser referente en moitas cuestións. Así pois, quede claro que seguiremos apoiando ao goberno local no que consideremos positivo, ata o día de hoxe o 90% das cuestións que se levaron a pleno contaron co noso apoio, e poñendo de manifesto o que nós consideremos unha mala xestión. E dende logo, insistimos, seguiremos como ata agora, gústelle  aos Independientes ou non, póñanse como se poñan e usen as estrataxemas que usen.

  Porque hai que remarcar que esta acción de ir ao xulgado, que entendemos ten  á súa razón de ser na proximidade das eleccións municipais, non deixa de ser unha máis que sumar nunha liña de actuación xa vella. Dende o inicio de lexislatura David Castro dedicouse, semana tras semana, pleno municipal tras pleno municipal, a bloquear e a atacar o noso traballo de cara á veciñanza, criticando que enviaramos comunicados de prensa, atacando e mesmo intentando evitar que enviaramos boletíns informativos á veciñanza e todo tipo de ataques sempre centrados, non no debate político, senón en evitar a exposición pública da súa máis que mellorable xestión. Non só iso, en ausencia de argumentos políticos, nin David Castro nin os Independientes teñen reparo algún en usar  ataques de carácter persoal contra o noso voceiro. Os vídeos dos plenos municipais teñen abundantes exemplos, ata o punto de que  o propio David Castro ten realizado declaracións tan deplorables e miserables, ademais de falsas, que  sí  deberían ser denunciadas ante un xulgado, algo ao que o noso voceiro sempre se negou para evitar facer da política local un circo.

   Para rematar, dende Somos Ribadumia queremos pedir desculpas por este espectáculo bochornoso pero involuntario ao que nos están levando os Independientes,  co que David Castro quere desviar atención dos problemas reais do noso concello. Sentimos vergoña allea, pois entendemos que ao xulgado débese ir chegado o caso por cuestións de carácter legal relacionadas coa xestión política, non polo capricho, pagado con fondos públicos, dun alcalde incapaz de enfrontar a súa propia xestión, pero temos claro algo moi ben recollido no refraneiro popular  “non as fagas, non as temas”. En Somos Ribadumia non temos nada do que preocuparnos, unicamente dos problemas da nosa veciñanza. Outros igual non poden dicir o mesmo.

David Castro volve  ameazar cos xulgados para meter medo á veciñanza que se queixa publicamente.

  • David Castro ameaza con levar ao xulgado a Somos Ribadumia por facerse eco das queixas da veciñanza e dunha situación de posible risco para saúde das persoas. Iso si, concello fondos municipais.
  • O alcalde aporta datos parciais, obviando os datos dos días nos que houbo queixas veciñais.
  • David Castro pretende meter medo á veciñanza para que non se queixe publicamente.
  • Para David Castro a culpa de todo tena Enrique. Mala xestión da auga pública? A  culpa é de Enrique. Hai unha avaría na piscina? A culpa é de Enrique. Catro días coa auga da piscina collendo verde sen facer nada? A culpa é de Enrique.
  • Recordámoslle a David Castro que Enrique Oubiña a día de hoxe non é alcalde.

  A maneira que encontrou David Castro de saír ao paso das queixas veciñais polo estado da piscina e polas variacións de cloro na auga da rede pública foi,  como sempre, culpar de todo a Somos Ribadumia e a Enrique Oubiña. E tamén como sempre, na súa resposta está a confesión da mala actuación do goberno local.

    Nun comunicado emitido esta fin de semana, os Independientes acusan a Oubiña e a este partido de todos os males, ameazando con acudir ao xulgado. E faino David Castro escusándose en que as analíticas que se fan de maneira habitual non detectaron nada anómalo. O que David Castro non explica é que as analíticas non teñen máis validez que a do momento no que se fan. Tampouco fixo públicos David Castro os parámetros de cloro na auga, e limitouse a decir que o pasado 8 de xullo os parámetros eran normais. Non dixo se eran así de normais o 25 de xullo, ou ou 26, ou o 28, días nos que se produciron as queixas. Tampouco aportou os datos de niveis de cloro. O único que fixo David Castro foi ameazar con ir ao xulgado porque dende Somos Ribadumia nos fixemos eco das queixas veciñais.

  Dende Somos Ribadumia non estamos preocupados por esas ameazas. Preocúpanos máis a saúde da nosa veciñanza e a realidade dos feitos. Cando comezamos a recibir chamadas de persoas preocupadas porque a auga parecía saír dos grifos sen clorar e con sabor a terra, decidimos comprobar empiricamente se había variacións na cloración da auga. O resultado dos test de cloro realizados de xeito diario entre o luns e o venres da semana pasada, sen ser exactos en canto a cantidade de cloro na auga, si deixaron patente que entre o luns e o mércores – cando emitimos o comunicado relativo á cuestión – os niveis de cloro eran moi cercanos a cero, de feito os test marcaban como inexistente a presenza de cloro, cando o mínimo debería ser segundo o Real Decreto 140/2003 de 1 ppm. A partir do mércores, curiosamente, eses niveis foron subindo exponencialmente ata superar as 3 ppm no venres.

   Dende Somos Ribadumia temos claro que esa suba no nivel de cloro, tivo moito que ver con que se fixera público que a veciñanza estaba preocupada polos cambios que notaban na auga dende facía xa días.

   Algo parecido pasou coa piscina. David Castro dixo que este pasado venres viñeron inspectores de Sanidade analizar a auga. Non dixo que viñeron porque houbo denuncias de persoas usuarias da piscina. Dixo tamén que as analíticas deran correctamente e que  “as augas xa se atopan en perfecto estado e están completamente aptas, cos indicadores normais e sen ningunha turbidez”.  Dende Somos Ribadumia temos claro que se “xa son aptas”, e porque antes non o eran. En verbas de Oubiña “David Castro o que ten que facer para tranquilizar as nais e pais que van a piscina non é publicar os datos da auga da piscina do venres logo de reparar a avaría, que solo faltaría que ese día a auga non estivera correcta. O que ten que publicar son os parámetros dos días anteriores, e aclarar se a auga verde que tivo a piscina todos eses días era apta ou non apta para o baño, porque senon o era David Castro actuou con total neglixencia ao manter a piscina aberta”.

 En realidade David Castro o único que busca coas ameazas de xulgado e con eses titulares dramáticos é meterlle medo á veciñanza para que non  exprese publicamente as súas queixas, ou para que non se dirixían a nós cando o goberno local os ignore, como pasou a semana pasada e como leva pasando a maior parte desta lexislatura. Pola nosa banda, como xa dixemos non temos a máis mínima preocupación por esas ameazas, pero pedímoslle a David Castro que se quere andar facendo o ridículo nos xulgados, por favor o faga pagando el, non usando fondos públicos, pois a veciñanza non ten culpa de que el intente tapar con artificios as vergoñas da súa xestión.

  Á veciñanza de Ribadumia por suposto animámola a expor sempre as súas queixas por rexistro no concello e a facelas públicas se o consideran, pois teñen todo o dereito do mundo. Sobre todo cando esas queixas teñen que ver coa saúde pública.

Por último, recordarlle a David Castro que estamos en democracia, que a veciñanza ten dereito tanto a queixarse como a facelo publicamente, do mesmo xeito que os partidos de oposición temos o dereito, e mesmo a obriga moral e ética, de denunciar calquera situación que consideremos que pode supor un perigo para a cidadanía  ou que supoña unha mala xestión dos recursos públicos.

E unha vez máis, Enrique Oubiña non é a día de hoxe o alcalde de Ribadumia,  o alcalde e responsable da xestión do Concello é David Castro.

Lamentable estado da ruta da pedra e da auga en plena tempada alta.

  • Vallas e bancos rotos, elementos tirados de calquera maneira, papeleiras sen repoñer entre outras deficiencias.
  • Situacións de perigo e de seguridade para as persoas, con vallas enriba de pontes rotas cos travesaños suplidos por cintas de plástico.
  • Unha vez máis  o corte de herba esaxerado e sen atender a criterios medioambientais.
  • En pleno verán, a imaxe de Ribadumia é de total abandono.

  As persoas que visiten as nosas sendas fluviais non só encontraran unha oficina de turismo tercermundista e a unha técnica abafada de calor.

  Estes días puidemos comprobar como a imaxe das nosas sendas fluviais, sobre todo o tramo ribadumiense da Ruta da Pedra e da Auga, presentan un estado de mantemento moito máis que mellorable.

  De feito, a falta de mantemento destas sendas vense arrastrando dende que David Castro iniciou a súa andaina en solitario no goberno local no 2019. En verbas de Enrique Oubiña, “o malo de non facer nada, e que as cousas que polo que sexa, o paso do tempo ou actos de vandalismo, están mal, despois empeoran, e a imaxe do noso concello empeora tamén”.

    Esta semana, no pico da tempada alta de turismo, achegámonos a comprobar se o goberno había feito algo. E a imaxe é francamente lamentable. O único que o goberno fixo dende o 2019 foi cortar a herba, e nin sequera iso fixo ben. Unha vez máis fíxose un corte de herba ata o nivel da auga, arrasando toda a flora e con ela a fauna fluvial. Un atentado medioambiental en toda regra.

  Máis aló diso, o mobiliario de madeira segue o seu proceso de podremia sen que ninguén faga nada. Faltan papeleiras e partes de vallas, retiradas polo concello na primavera do ano pasado e que non foron repostas. E o resto do mobiliario non foi atendido no máis mínimo, polo que agora loce podre, tirado por calquera lado, mesmo na canle do río, e en xeral dando imaxe de abandono.

  E por si era pouco, as botellas que se usaron en anos anteriores como trampas para velutinas, seguen colgadas das polas das árbores, ou no fondo do río.

  A desidia é tal que “nunha das pontes onde a senda cambia de ribeira, a valla de seguridade de madeira, que é a única protección ante caídas ao río, está rota, e o goberno tivo a ben retirar as pezas rotas, pero no canto de substituílas puxéronlle cinta plástica, co risco que iso leva para as persoas”. A situación desa ponte xa saíu a relocer en pleno municipal, pois en Semana Santa un neno estivo a piques de caer ao río ao apoiarse nunha baranda apodrecida que cedeu, baranda que en xullo seguía no mesmo sitio, e igual de podre. “E se xa era lamentable que ao goberno teñamos nós que decirlle que hai unha valla podre que é un perigo, moito peor nos parece que en vez de arranxala, saquen as pezas rotas e poñan unha cinta, e o deixen así”.

  Dende Somos Ribadumia pedímoslle a David Castro que deixe de xogar coa saúde física da xente, e que solucióne os problemas de seguridade de maneira inmediata. “David últimamente está indo co cántaro da seguridade das persoas á fonte de maneira moi insistente,  e se segue así acabará por romperlle e teremos que enfrontar unha desgracia. En Semana Santa case temos unha, estes días pasados case temos algunha máis pola súa desidia  no mantemento da piscina. Non se pode gobernar así”.

Queixas e preocupación da veciñanza polo mal estado da auga da piscina e da rede pública de abastecemento.

  • Levamos semanas con problemas coa auga pública, uns días apesta a cloro, e outros pola contra sabe a pozo.
  • A piscina leva días presentando un estado insalubre, e as instalacións adoecen da falta de mantemento.
  • Queixas veciñais diarias, e posibles problemas de saúde pública, pero David Castro cala, e so aparece para as fotos.

  Este verán, o primeiro ao que o goberno local debe facer fronte en solitario, pois no 2019 deixamos os traballos de xestión municipal avanzados dende a nosa formación e dende o psoe no relativo a espazos verdes e á piscina, e logo nos anos 2020 e 2021 a piscina non estivo operativa polos  condicionantes da  pandemia, está resultando un completo desastre, que ademais pode rematar, se non se corrixen ou se se repiten as situacións que estes días estamos vivindo, con problemas de saúde pública.

   Comezando polo abastecemento de auga pública, levamos semanas notando altibaixos no nivel de cloración da auga. Altibaixos que van de extremo a extremo, tanto é así, que mentres que a semana pasada o nivel de cloro da auga era tan alto que case non se podía nin beber, esta semana a auga sabe directamente a auga de pozo, e non conten absolutamente nada de cloro. Cónstanos que varias persoas chamaron ao concello para preguntar por esta cuestión, sen que ninguén aportara resposta nin tampouco solución. O problema non é menor, a ausencia de cloro no suministro da auga pode dar pe a aparición de bacterias e patóxenos, motivo polo cal no 2019 precisamente o Concello adquiriu un equipo de cloración para colocar na saída do deposito de Sete Pías, co obxectivo de garantir a potabilización da auga pública en todo o seu percorrido. Unha potabilizadora que se chegou a estar en funcionamento algunha vez, agora mesmo debe estar ou ben desconectada ou ven sen cloro no deposito, algo que descoñecemos porque no Concello non hai ninguén que sepa explicar nada e os políticos do goberno local so aparecen nos eventos deportivos, ou para as fotos da prensa. 

   Por outra banda, nos últimos días a auga da piscina tomou unha cor verdosa, acompañada de verdín acumulado en varias zonas da mesma,  que fai sospeitar de que quizais non estea nas condicións adecuadas para o baño. A pesar disto, o goberno local non mandou pechar a instalación ata que o problema que poida haber se corrixa, nin informou de nada ao respecto, e iso que  as queixas non so chegaron ao Concello, se non que se visibilizaron a través das redes sociais.

Ademais disto, as instalacións da piscina municipal e toda a contorna da praia fluvial de Cabanelas están nun estado lamentable, con abundancia de lixo, con boa parte do cespede da zona da piscina totalmente seco – e non por falta de rego precisamente pois o Concello de Ribadumia non puxo en marcha ningun protocolo de redución de uso de auga en espazos públicos – , as instalacións sen mantemento e en xeral nunha situación moi mellorable, acorde á situación do resto do Concello.

    Dende Somos Ribadumia recordámoslle a David Castro que non so é que a instalación sexa pública e ademais de pago, senón que a súa responsabilidade, e a do seu equipo, é a de velar porque as instacións dese tipo reunan as condicións óptimas para o baño e se garanta en todo momento a salubridade e limpeza da auga, e de non ser así debese actuar en consecuencia e sen agardar que haxa sustos nin problemas de maior envergadura. Pédimoslle a David Castro que se non pode garantir a salubridade da auga da piscina municipal, a peche temporalmente ata que resolva os problemas, e que actue de xeito inmediato no suministro da auga pública.