Enrique Oubiña será o candidato de Somos Ribadumia á alcaldía.

  • Foi a única persoa que presentou candidatura ao proceso de elección de candidato, sendo ratificado pola Comisión Executiva de Somos Ribadumia do día de 31 de Outubro de 2018.
  • Enrique Oubiña leva 7 anos de Concelleiro na corporación municipal de Ribadumia, os últimos 4 formando parte do goberno municipal, asumindo responsabilidades nas áreas de Servizos Sociais, Sanidade, 3ª Idade, Obras e Urbanismo.

   A Comisión Executiva de SOMOS RIBADUMIA celebrou unha xuntanza o pasado 31 de Outubro para, entre outros puntos, avaliar o proceso aberto para a designación de cabeza de lista de Somos Ribadumia para as eleccións municipais do próximo ano 2019.

   Na Asemblea Xeral celebrada o 13 de Setembro, aprobábanse as bases e calendario do proceso, establecéndose un prazo de mes e medio para que todos aqueles colaboradores de SOMOS RIBADUMIA que quixesen postularse para encabezar a candidatura electoral o fixeran, baixo as únicas condicións de asinar o cumprimento dos estatutos e código ético. Tamén se estableceu que no caso de existir unha única candidatura quedaría automaticamente esta proclamada. Rematado o prazo, os secretarios de garantías informaron que só se presentara a candidatura de JOSE ENRIQUE OUBIÑA LAGO, polo que quedou proclamado candidato e cabeza de lista de SOMOS RIBADUMIA.

CANDIDATURA

Acta de proclamación.

  Dende a Comisión Executiva valoramos esta candidatura e o feito de que non se presentaran outras, como un refrendo dos colaboradores e colaboradoras de SOMOS RIBADUMIA á persoa de Enrique, sendo considerado como o candidato ideal para encabezar a lista tanto pola súa traxectoria, como pola valoración positiva do traballo realizado nestes últimos  anos no equipo de goberno do Concello de Ribadumia.

   Con está designación de candidato, e coa recente sinatura do acordo de colaboración con EN MAREA, para que Somos Ribadumia forme parte da estrutura das mareas municipalistas que se están a organizar ao longo de toda Galicia para optar as alcaldías, a Comisión Executiva tamén inicia os traballos de cara a conformación da candidatura e elaboración dun Programa Electoral. Para esta última cuestión está previsto un proceso participativo, para o que se prevé contar coas aportacións das asociacións e entidades do Concello, así como de todos aqueles veciños e veciñas que desexen participar para deseñar un proxecto político para mellorar Ribadumia. A idea final é establecer un programa de goberno, unificado e cohesionado, que non se limite a unha suma de propostas, se non que sexa a guía do goberno para próxima lexislatura municipal, onde estamos seguros de que Somos Ribadumia vai ter un papel relevante.

 

JOSÉ ENRIQUE OUBIÑA LAGO.

img_20160426_122840

   José Enrique Oubiña Lago é natural de Ribadumia e residente en Barrantes. Leva 8 anos de Concelleiro, dende o 2011, data na que entrou na corporación encabezando unha candidatura e converténdose no líder da oposición fronte ao goberno popular de Salomé Peña, cunha maneira de traballar que destacou polo alto grao de propostas e pola busca de acordos nas cuestións municipais máis importantes. Logo das eleccións de 2015, nas que encabezou a candidatura de Somos Ribadumia, forma parte do goberno municipal, como Tenente alcalde e asumindo responsabilidades en áreas como Servizos Sociais, Sanidade, 3ª Idade, Obras ou Urbanismo. En todas estas áreas son de destacar no político o seu carácter resolutivo, a súa implicación e traballo, e a súa lealdade tanto os principios de Somos Ribadumia e as decisións da súa asemblea como ao pacto asinado coas outras forzas coas que Somos Ribadumia comparte o goberno. Tamén participou na fundación e é membro activo de EN MAREA.

   No ámbito social destaca pola súa implicación e colaboración con diversas asociacións e actividades que se organizan en Ribadumia. Na actualidade é membro da directiva da Asociación Herminio Barreiro. Esta implicación e traballo valeulle tamén o recoñecemento da Asociación ESMAR contra a violencia de xénero, que o nomeou Presidente de Honra.

   Por todo isto, dende a executiva de Somos Ribadumia compartimos a idea das nosas bases de que é o candidato ideal a alcaldía de Ribadumia e que verá recoñecida a súa labor cun considerable aumento do apoio cidadá.

Villares interésase polo plan “Conta Comigo Ribadumia” e compromete o seu apoio á loita de ESMAR por conseguir un punto de encontro familiar no Salnés.

IMG-20181019-WA0015

   Ademais de participar no acto de sinatura, Luís Villares pasou a tarde do venres en Ribadumia, acompañado do Concelleiro de Servizos Sociais, Enrique Oubiña, coñecendo o plan Conta Comigo Ribadumia, pioneiro na loita contra o maltrato de xénero. Ao longo da tarde, ademais de coñecer o plan de man do concelleiro e da psicologa responsable da formación do voluntariado e comerciantes, Villares visitou a varios dos comercios participantes e conversou coas súas responsables, que lle transmitiron o positivo e necesario da experiencia. Tamén coñeceu a algunha das persoas que forman parte do voluntariado e tomou nota da ausencia de axudas públicas para actividades de prevención neste eido, así como das trabas existentes para poder acceder as poucas liñas de axuda que hai para igualdade.

.facebook_1540035966679

   Por outra banda, logo do acto de sinatura, Luis Villares tivo a amabilidade de reunirse con representantes de ESMAR, que lle transmitiron a súa loita por conseguir un punto de encontro familiar. Logo de escoitar as explicacións e os motivos polos cales están inmersas nesta pelexa, Villares comprometeuse a propoñer nas enmendas ó orzamento do próximo 2019 unha partida especifica para a creación dese punto de encontro tan necesario na nosa comarca, así como a falar co resto de forzas parlamentarias para conseguir que neste caso as diferencias políticas non sexan un impedimento.

   Dende Somos Ribadumia queremos agradecer a En Marea o seu apoio nas demandas da xente do noso concello, xa antes da sinatura do convenio de colaboración, pero que estamos seguros que agora será máis firme, e a Luís Villares, que non debemos esquecer que é o lider da oposición e único voceiro político que ata o de agora visitou o noso concello, a súa humanidade, humildade e boa vontade para tratar con todo o mundo e atender as demandas dos colectivos do noso concello.

Somos Ribadumia e En Marea asinamos un “pacto entre iguais”.

   Onte á tarde, Somos Ribadumia asinou, no Centro Social de Barrantes, o acordo de colaboración con En Marea que dará cobertura e apoio ao espazo do Salnés para as municipais de 2019, respectando sempre a súa independencia.

.facebook_1540036526913O acto foi aberto por Ramón Mouriño, membro da Comisión Executiva de Somos Ribadumia, que incideu en que  “Somos Ribadumia no 2015 fomos determinantes para sacar ó Partido Popular do goberno e, en contra do que algunhas persoas auguraban, no pasou nada malo, nin se acabou o mundo nin o concello foi a pique. Ao contrario, agora as cousas, con acertos e con erros como é normal cando se goberna, fanse doutra maneira, e con independencia das ideas de cada quen, esta claro que a xestión do concello é outra cousa, e mellorou enormemente”.

.facebook_1540036550996 “Este acordo favorece o traballo conxunto co obxectivo de poñer fin ás políticas de recortes do PP nos concellos e mudalas por políticas para as maiorías sociais. Hoxe sumamos unha nova pinga e, pinga a pinga lograremos botar ao PP das institucións”, dixo Elena Cores, concelleira de Somos Vilanova e integrante da Coordinadora de EM nun acto no que mareantes de todo o país e da comarca felicitaron a Somos Ribadumia por dar este importante paso, e que no seu día xa deron Marea Veciñal de Culleredo, Marea Pontevedra, Somos En Marea Sanxenxo, Somos Cambados, Marea Ponte Caldelas, Lugonovo, Asamblea Cidadá de Bueu, Somos Cabanas, Xente de Rois, Son de Trives e Son de Manzaneda.

IMG-20181020-WA0000“Somos Ribadumia conseguimos ser aquelo que desexabamos, unha forza local, transversal e centrada nos problemas da nosa veciñanza, co ollo posto na visión política da esquerda e cun funcionamento horizontal e transparente, e conseguimos que a nosa maneira de entender a política se notara nas medidas e decisións tomadas neste tempo no goberno local” afondou Enrique Oubiña, voceiro de Somos Ribadumia. Tamén incidiu en que “ gracias a ese traballo, somos o referente da esquerda neste concello. Pero o ser unha forza local  necesitamos apoios noutras institucións onde non estamos representados, e nese senso  En Marea é a nosa voz no parlamento, a nosa voz e a única forza que se preocupou polos problemas da nosa veciñanza, como cando tivemos que sufrir os recorte de persoal no centro de saúde ou cando denunciamos que veciños e veciñas nosas tardaban tres anos en conseguir un grao de discapacidade que lle permitira acceder as axudas do estado. E este acordo faranos aínda máis visibles, e reforzará a nosa posición no 2019, xa non só no concello senón tamén na mancomunidade, nas Deputacións e no Parlamento”. Pola súa banda, e tralos parabéns dos representantes das mareas de todo o país, a voceira do espazo do cambio, Ana Seijas, destacou a importancia de que “hoxe, Somos Ribadumia se sume ao mar, a un mar de persoas, a un mar de ilusións para facer das nosas vilas, dos nosos pobos e das nosas cidades lugares máis habitables con políticas feitas con e para a xente, porque Hai Marea! e Hai Mareas!”, dixo antes de oficializar a sinatura do acordo.

IMG-20181020-WA0003

Luís Villares, voceiro de En Marea pechou o acto apelando ao proxecto republicano de En Marea, baseado nos principios de igualdade, fraternidade e liberdade. “Un proxecto transformador que nos fai distintos ao resto das formacións. Porque o que importa é o que temos en común e xuntarnos para rematar coas inxustizas que sofren a maioría das persoas deste país”, concluiu.

IMG_20181020_141454

 

Este venres asinaremos o convenio de colaboración con En Marea.

SomosRibadumia

Este próximo venres 19 de outubro, nun acto público que terá lugar a partir das 20:30 horas no centro social de Barrantes, e que contará coa presenza do voceiro de En Marea Luís Villares, da vicevoceira Ana Seijas, da coordinadora Elena Cores e do noso voceiro Enrique Oubiña así como da Comisión Executiva de Somos Ribadumia, ambas forzas asinaremos o convenio de colaboración de cara ás eleccións municipais do 2019.

Deste xeito, durante o acto, Somos Ribadumia unirémonos, tal como acordamos na última xuntanza, a outras moitas forzas municipalistas similares a nos, a través do matafión de En Marea, co obxectivo de sumarnos a unha rede de tamaño autonómico, que nos vai permitir afrontar a campaña electoral de mellor xeito, e tamén afianzar a nosa posición á hora de defender no parlamento e noutras institucións os intereses da nosa veciñanza.

Este acordo, permitiranos manter a nosa independencia como forza municipal, unha condición indispensable para a nosa base, dada a nosa transversalidade e o noso compromiso co ámbito local.

O acto, como todos, será de caracter público e aberto á cidadanía, e nel, aproveitaremos para facer un repaso da situación política local e dos nosos próximos retos.