Somos Ribadumia pídelle ao alcalde que asuma as súas responsabilidades con respecto ao servizo de atención primaria.
- As recollidas de sinaturas son moi positivas, pero xa se demostrou que non son suficientes para poder resolver este problema que se repite cada ano .
- David Castro, como alcalde, ten que deixar de ocultarse detrás da veciñanza e dar a cara con firmeza ante un problema que pode acabar por darnos algún desgusto.
- Paula Verao esixirá a petición de Somos Ribadumia solucións no parlamento.
A situación do noso centro de saúde, que un ano máis volve quedar en cadro por mor dos recortes que dende a EOXI, que actúa auspiciada pola Consellería de Sanidade e o Partido Popular, se esta sometendo a todo o servizo de atención primaria, non pode quedar a expensas dunha recollida de sinaturas.
A medida, anunciada a bombo e platillo como se fora a táboa de salvación do noso centro de saúde, e que xa se tomou o ano pasado, é unha medida positiva en canto que busca a implicación da nosa veciñanza na defensa dun dereito tan fundamental como o de recibir unha correcta atención sanitaria publica e de calidade, e de feito o noso voceiro asinou onte como un veciño máis, pero non pode servir para suplir as funcións do goberno municipal.
David Castro xa o ano pasado, pasando por enriba do concelleiro de sanidade, no canto de solicitar unha xuntanza co xerente do EOXI, e mostrarse firme nas reivindicacións, usou esta medida da recollida de sinaturas como pantalla para ocultarse e non ter que plantarlle cara ao Partido Popular nin ao xerente do EOXI, e de feito chegou a declarar que se amosaba comprensivo cos problemas que lle trasladaban dende a EOXI, dando máis validez ás escusas do Sergas que importancia ás necesidades da nosa veciñanza. Ademais, a recollida de sinaturas é un proceso que leva tempo, un tempo que non temos e durante o cal seguiremos sen facultativos e sen unha calidade de atención mínima, e en calquera caso, temos comprobado que o Sergas non destaca por escoitar nin solucionar as queixas dos usuarios, polo que preocúpanos que o resultado desta medida, se non se complementa con outras actuacións de carácter político, poida ser, ao igual que no 2018, bastante pobre e diferente do logrado no 2017, cando a intervención e presión directas de Enrique Oubiña, que leva anos amosando o seu compromiso ca defensa da sanidade pública, provocaron que a xerencia reconsiderara a súa postura e que en Ribadumia se cubriran as vacacións dos facultativos.
En Somos Ribadumia somos conscientes de que a maneira de actuar do EOXI non é algo especifico de cara a Ribadumia, se non que forma parte dun plan amplo do Partido Popular para desprestixiar a sanidade pública, desmellorando os servizos máis básicos. Pero tamén somos conscientes de que a funcións dos alcaldes non é agocharse detrás dos veciños se non dar a cara e actuar, como están facendo alcaldes como o de Catoira, o da Illa ou o de Meaño, por citar alcaldes da comarca de diferentes cores políticas, pero que priorizan os problemas da súa veciñanza como corresponde, e non buscan escusas para agocharse detrás de cortinas cidadás.
Por ese motivo, pedímoslle a David Castro que deixe de querer quedar ben con todo o mundo, que dea a cara e que actúe como corresponde a unha persoa do seu cargo, facendo fronte a quen corresponda para defender os dereitos da nosa veciñanza.
Tamén queremos animar ao alcalde, ante a gravidade da situación, a que convoque a xunta de voceiros municipal, e busque formulas de actuación política conxunta, algo para o que Somos Ribadumia estivo, está e estará sempre disposta, e que una as diferentes forzas políticas nunha loita que é de todos.
Pola nosa banda, como non somos moi optimistas coas actuacións do goberno municipal nin do Sergas, e como os días van pasando sen que esta problemática se solucione, imos solicitar unha xuntanza urxente coa xerencia do EOXI para que nos aclaren cal é a situación e cales son os plans e prazos que manexan para cubrir a praza de facultativa que se xubila este mes e, de ser o caso , esixir coa firmeza que lle falta ao noso alcalde que en Ribadumia teñamos unha asistencia sanitaria de calidade. Tamén solicitamos a colaboración de Paula Verao, deputada de En Marea que xa se comprometeu a rexistrar esta mesma semana iniciativas para instar á Consellería de Sanidade a solucionar os problemas do noso centro de saúde.
Por último, queremos animar a nosa veciñanza a ser participes desta loita, non solo participando nas recollidas de sinaturas, se non tamén cubrindo as follas de reclamación do centro de saúde e dos hospitais cando haxa algún problema, atraso coas citas, etc, pois son moi importantes a hora de poder facer unha valoración real da calidade do servizo, e aportan uns datos que nin o Sergas, nin o PP nin Feijoo poden desmentir.
One comment