Denunciamos o lamentable estado dos paseos fluviais do Concello.
- Detectamos, entre outras cousas, que hai moitos elementos de madeira deteriorados, rotos e tirados no chan de calquera maneira, e nalgún caso con puntas metálicas ou aristas que poden provocar cortes e feridas.
- Pedimos que se proceda de xeito inmediato á reparación e condicionamento do noso maior expoñente turístico.
Esta semana dende Somos Ribadumia fixemos un repaso das nosas sendas fluviais, tanto da Ruta da Pedra e da Auga, como da senda fluvial do rio Umia, que transcorre entre Barrantes e Pontearnelas.
A situación na que se encontran deixounos moi preocupados, pola deixadez no mantemento que atopamos en todos os tramos. Ao longo de todas as sendas encontramos elementos de madeira rotos, vallas, papeleiras, mesas… algúns tirados de calquera maneira a beira do camiño ou no propio río, así como polas baixas que entorpecen o paso. Tamén temos detectado que a recollida das papeleiras non se fai con suficiente asiduidade.

Enrique Oubiña, durante o anterior mandato supervisou o correcto mantemento de todas as zonas públicas.
Compre resaltar que durante o mandato anterior, está situación non se deu, pois con Enrique Oubiña de concelleiro de urbanismo, ademais do mantemento continuado ao longo do ano, cada ano antes do verán procedíase á posta a punto de todas as contornas e espazos públicos, cuestión que se ten comunicado a través dos medios propios e de prensa no seu momento(por exemplo, aquí ). De feito, a diferencia na calidade do mantemento destas sendas con respecto aos concellos veciños era tan manifesta que no seu momento colocáronse dous paneis indicadores dos limites xeográficos do noso concello, uns paneis que para Enrique Oubiña “xa non sei se non sería mellor sacalos, visto como está todo, que solo se salva en parte polo pase periódico do tractor que corta a herba.”
O abandono actual pon de manifesto, non solo o cambio a peor nunhas poucas semanas na maneira de xestionar o concello, que demostra o papel importante que Somos Ribadumia tivo no bo desenvolvemento do concello no mandato anterior, se non tamén a valía e capacidade de organización e resolución de Enrique Oubiña na xestión das súas áreas, que evitaba estas situacións.
Onte presentamos no concello un escrito solicitando que se solucione a maior brevidade esta cuestión, pois as sendas fluviais son, tal como explica Oubiña “nestes momentos o maior atractivo turístico do noso concello, un atractivo que debe ser coidado e mimado, e de pouco nos vai valer que o noso alcalde se vaia a canta viaxe o convida Gonzalo Durán para, supostamente, facer promoción turística, se logo cando as visitas chegan topan todo tirado polo chan”.