Somos Ribadumia aprobaremos a nosa lista e programa de goberno en asemblea aberta.

  • A xuntanza terá lugar o próximo domingo 31 de marzo, as 20:00 horas no centro social de Barrantes.
  • Entre as medidas que se van propoñer para a súa aprobación destaca a humanización completa do núcleo de Barrantes, co traslado do campo de fútbol do Umia, entre outras medidas.

10988100_647512218726503_8112803635141301498_o.jpg

   O próximo domingo Somos Ribadumia daremos o noso  seguinte paso – logo da aprobación do candidato no pasado novembro e da campaña de divulgación do noso traballo no goberno nesta lexislatura levada a cabo nas últimas semanas – que consistirá na probación da lista de persoas que acompañará a Enrique Oubiña en representación da plataforma nas próximas eleccións, e do seu programa de goberno.

   A aprobación, como no 2015, farase no transcurso da asemblea aberta, onde a veciñanza que o desexe poderá participar e opinar libremente, así como facer aportacións ó programa de goberno ou mesmo sumarse á lista electoral.

  Tanto no que respecta á lista electoral como ó programa, a Comisión Executiva elaborou unha proposta a partir da cal conversar e consensuar ambas cuestións. No relativo á lista a proposta inclúe, como no 2015, persoas de diferentes ámbitos e pensamentos políticos, outras que proceden de movementos sociais e outras que non definidas ideoloxicamente, pero desexan aportar a este proxecto.

   En canto ás propostas do programa de goberno, o documento de base segue facendo fincapé na política social, base fundamental de Somos Ribadumia, continuando coa liña marcada durante este mandato, pero tamén aborda outras problemáticas, como a saturación do núcleo de Barrantes, ou a necesidade de mellorar en aspectos como o turístico, ou a relación cas entidades culturais, sociais e deportivas, e tamén fomentar a vida no rural e o desenvolvemento de alternativas agrarias como solucións o despoboamento e á falta de oportunidades laborais. Unha aposta importante será dar unha solución global o núcleo de Barrantes, optando pola humanización de todo o espazo, e o traslado do campo de fútbol do Umia, co obxectivo de recuperar para toda a veciñanza todos os terreos que agora ocupan esas instalacións e solventar de xeito definitivo tanto o problema de falta de espazos do colexio  e de seguridade viaria nesa zona, como a necesidade de dispoñer de equipamentos municipais onde ademais de espazos públicos para desfrute da veciñanza, se poidan aloxar entidades como a escola de música ou a  ANPA, e outras entidades que levan anos solicitando espazos.

   Dende Somos Ribadumia queremos facer fincapé no noso convite a participar á toda a veciñanza. Somos a única forza política que traballa de xeito aberto e favorece que as persoas participen nos debates e nas decisións que toma. Neste caso ademais da lista de persoas que conformaran a candidatura, aprobarase  un programa  que con toda seguridade vai ser o documento que rixa o desenvolvemento político do concello nos próximos catro anos, e queremos contar coa participación da cidadanía, como xa fixemos con diferentes colectivos cos que levamos semanas mantendo xuntanzas,  que axudan a dar forma á nosa proposta.

cartel asemblea marzo

Ribadumia, concello  exemplar en políticas de igualdade.

  • O departamento de servizos sociais nesta lexislatura multiplicou por catro os investimentos en políticas de igualdade e conciliación familiar.
  • Dos 13.000€ que se gastaron no 2014, pasouse a máis de 56.000€ investidos no 2018.

   O longo desta semana dende Somos Ribadumia lanzamos unha campaña a favor do empoderamento feminino, a través de varios vídeos gravados por mulleres de Ribadumia, onde falan da necesidade de defender os seus dereitos tanto a nivel laboral como social, e de unirse na súa defensa. Unha campaña que tivo unha boa acollida por parte da nosa veciñanza, pero tamén máis alo das fronteiras do noso concello, sendo compartida por mulleres de todo o país.

  Pero máis aló deste tipo de campañas, e da nosa presencia en diversos actos reivindicativos, dende Somos Ribadumia temos claro que ademais de palabras fan falla feitos. Neste sentido vimos de publicar esta mañá a través da nosa canle de youtube, como peche á campaña iniciada este pasado luns, un vídeo onde Enrique Oubiña explica cales foron as melloras que ó longo deste mandato realizamos a través da concellería de Servizos Sociais nas políticas de igualdade e conciliación familiar.

   Neste sentido cabe destacar o importante incremento, tanto nos servizos de conciliación – coa creación da escola de verán, e o aumento no número de xornadas que a escola de ocio funciona para cubrir os períodos vacacionais, así como o número de prazas – como nas accións a favor da igualdade e contra a violencia de xénero, con importantes campañas no colexio,  e o longo do ano con todo tipo de accións, tanto de carácter formativo, como a  través do movemento social. Charlas sobre empoderamento, pero tamén con carácter informativo para axudar as mulleres que desexan emprender, ou sobre diferentes cuestións laborais que lles afectan directamente. Actos e iniciativas reivindicativas, campañas de prevención e contra a violencia de xénero e  iniciativas de apoio os fillos e fillas das vítimas de violencia, melloras nos servizos de igualdade, apoio á creación de novos colectivos … Unha lista longa, que supuxo pasar dos 13.000€/ano que se investían no 2014, aos máis de 56.000€ que se investiron no 2018, cifra que aumenta ata superar os 60.000€ se se inclúen as partidas de axudas as escolas de verán doutras entidades e a entidades sociais como ESMAR ou GOTAS, e que supuxo que Ribadumia se convertera nun referente no que respecta a políticas de igualdade en concellos pequenos.

   Dende Somos Ribadumia estamos moi satisfeitos do traballo feito, e co importante papel que Enrique Oubiña realizou dende o seu cargo municipal, impulsando e axudando a desenvolver este traballo, e como voceiro de Somos Ribadumia, chegando mesmo a denunciar a desigualdade salarial entre homes e mulleres no parlamento europeo, e os problemas sociais que conleva. Do mesmo xeito, consideramos que esta liña de actuación municipal, impulsando iniciativas e dispoñendo de recursos,  é a que se debe manter no futuro.

O plan municipal de apoio ás vítimas de violencia de xénero “Conta Conmigo” , exemplo a seguir noutros concellos.

  • O pleno de Mugardos aprobou unha moción para dotar economicamente e poñer en marcha un plan similar nese concello.
  • Outros concellos como As Pontes tamén levaron esta iniciativa a pleno, e outros como Ponteareas ou Salceda de Caselas mostraron interese neste plan.

 

dsc_0045

Enrique Oubiña nunha charla con voluntarios/as e comerciantes partipantes no plan “Conta Conmigo Ribadumia”

  O plan “Conta Comigo Ribadumia” foi posto en marcha pola concellería de servizos sociais, responsabilidade de Enrique Oubiña, no 2018,  co obxectivo de crear unha rede cidadá de apoio as vítimas de violencia de xénero, a través de persoas voluntarias por unha banda e pola outra convertendo negocios locais en puntos seguros, e que tivo moi boa acollida, como demostran as mais de trinta pegatinas co logo da iniciativa que están presentes nos comercios do núcleo de Barrantes, e os 15 voluntarias e voluntarios que realizaron as horas de formación ofertadas dentro deste plan, e entraron  a formar parte do voluntariado ribadumiense.

 

  A iniciativa, que tivo unha importante repercusión a nivel autonómico, está no punto de mira de moitos gobernos e forzas políticas, que amosan o seu interese, chamando ó noso Concelleiro de Servizos Sociais ou visitando Ribadumia para informarse sobre o seu funcionamento, como foi o caso de Luis Villares, voceiro de En Marea, ou de Paula Vazquez Verao, deputada parlamentaria, que a finais do ano pasado visitaban o noso concello e coñecían de man dos comerciantes e de voluntarias a realidade deste plan.

   Varios foron xa os gobernos ou concelleiros de forzas políticas  que amosaron o seu interese neste proxecto, O Grove, Ponteareas, Salceda de Caselas… E algúns están dando pasos para avanzar no mesmo sentido. O Concello de As Pontes, levou en novembro por iniciativa de Xuntos por As Pontes a proposta de integrar este plan nas súas políticas de igualdade. Non saíu adiante anque o goberno local, socialista, aceptou por en marcha propostas similares.

   Quen si aprobou por en marcha un plan das características do ribadumiense foi o goberno de Mugardos, que a finais do 2018 aprobaba, a instancias de Iniciativa Cidadá de Mugardos, dotar unha partida neste 2019 e poñer este plan en marcha.

  Para Somos Ribadumia, como parte do goberno, é un orgullo ver como as iniciativas postas en marcha dende o departamento de servizos sociais  son imitadas por outros concellos, pois iso demostra que estamos a realizar un traballo positivo, que vai facilitar dalgún xeito a vida das persoas, obxectivo co cal nacemos fai agora catro anos.

Xa está en marcha a obra de humanización da rúa A Torre

img_20190212_160427_628.jpg

  • Esta obra vai permitir unha importante mellora na seguridade viaria, e a creación de novas prazas de aparcadoiro no entorno da ruta da pedra e da auga.
  • O orzamento para toda a obra será de case 300.000€.

  Fai uns días iniciáronse as obras que van permitir unha importante mellora na seguridade viaria no principal acceso ó núcleo urbano de Barrantes, a rúa A Torre. O proxecto vai ter un custe final de  291.000€, dos cales o concello solo terá que poñer en torno a 60.000€, correndo a deputación co resto do importe.

   A primeira fase das obras conleva o retranqueo dos muros dende a rotonda dos Castaños ata a entrada do casco urbano, incluíndo o muro do Pazo de Barrantes, e consisten na demolición dos existentes e na súa reconstrución mantendo as características orixinais dos mesmos. Para poder realizar esta parte e compoñer así un proxecto viable, foi preciso chegar a un consenso cos veciños implicados, aos que o concelleiro de obras, Enrique Oubiña quere “agradecerlle particularmente a súa comprensión e colaboración, que nos permitiu saír da trampa na que estabamos metidos, cun proxecto  mal redactado e sen cesións de terreos.”

   Unha vez concluída esta primeira fase darán comezo as obras correspondentes ó proxecto da Deputación de Pontevedra, que inclúe a creación de beirarrúas e franxa de estacionamento de vehículos, así como pasos de peóns elevados. Para Enrique Oubiña, que aproveitou a súa presenza no encontro das cidades das nenas e dos nenos para comentar co deputado provincial de movilidade Uxio Benitez o estado das obras e o seu correcto avance,  “esta obra supón adecentar a entrada ó núcleo de Barrantes, e favorecer a través dunhas beirarúas suficientemente anchas tanto a circulación da nosa veciñanza  como das persoas que visitan as nosas sendas fluviais, o cal pode favorecer que esas visitas se animen a dar un paseo por Barrantes e a súa contorna, algo que sen dúbida irá en beneficio do comercio e hostaleria local.”