Enrique Oubiña logra o compromiso do xerente do EOXI de evitar que o centro de saúde se quede con un so médico.

  • A baixa por xubilación da facultativa quedará cuberta no mes de novembro.
  • Ata entón, o xerente asumiu o compromiso de manter con médicos desprazados o servizo cuberto, evitando que o centro de saúde volva quedar con un único facultativo. 

Esta maña Enrique Oubiña, xunto a outros membros de Somos Ribadumia mantivo unha reunión co Xerente do EOXI, José Ramón Gómez, co obxectivo de falar dos problemas no servizo de primaria que dende o verán son continuos no centro de saúde.

50856898_1524041051073611_75557038901428224_o

Enrique Oubiña, Lorena Rodriguez e Ricardo  Fontán ,  xunto á doutora Margarita Vidal e varias veciñas e veciños durante unha das concentracións realizadas en fronte ao centro de saúde.

  Nese aspecto a xerencia do EOXI admitiu problemas para cubrir as baixas e as vacacións, tanto nos médicos de familia como no pediatra, motivados pola falta de facultativos e pola situación xeral da Sanidade e a saturación no verán. En particular no caso do pediatra compartido con A Illa, o xerente da EOXI confirmou que non conseguen encontrar ningún especialista interesado en cubrir esa praza, polo que o servizo vaise seguir cubrindo con facultativos desprazados. Para Oubiña “é evidente, e así llo expuxen e estivemos de acordo, que se a praza non é atractiva debido a súa mobilidade ou as súas características, algunha contrapartida haberá que ofertar, pero hai que solucionar o problema. En calquera caso o xerente asumiu o compromiso de tratar de que o servizo se siga mantendo nas mellores condicións posibles ata que se poida cubrir a praza”.

   Tamén en relación  co servizo de pediatría deixamos claro que podemos aceptar problemas puntuais, pero que non imos aceptar recortes no servizo, esencial para a nosa veciñanza, pero tamén para poder medrar como concello. Explicaba Oubiña “a relación entre crecemento poboacional e servizos públicos é directa, polo que mantivemos unha interesante charla sobre as consecuencias de recortar en médicos, máis aló da calidade de servizo que é primordial, e de alonxar os servizos da cidadanía, para o desenvolvemento de concellos como Ribadumia. Unha visión que o xerente non tiña, e fixémoslle ver que as nosas protestas, pasadas presentes e futuras non teñen que ver con quen estea no goberno da Xunta, se non con solventar os problemas do noso concello. ”

   Outra cuestión é a baixa da facultativa que en agosto se xubilou. A este respecto ó xerente escoitou as queixas expostas por Oubiña polos problemas que esa baixa ocasionou e segue ocasionando, con numerosos días onde o centro de saúde se queda con unha única médica, unha situación que coincidimos en que non era aceptable. Unha vez falado das particularidades do noso concello e da situación actual, coa baixa da medica xa xubilada sen cubrir, Oubiña logrou do xerente dous compromisos,  tal como explicaba ao remate da xuntanza, “por un lado o xerente garantiunos que a praza vai quedar cuberta en novembro. E por outro lado, o xerente asumiu o compromiso de que o servizo ata que a praza estea cuberta se manteña desprazando  outros facultativos, e que Ribadumia non fique cunha única médica, provocando a saturación do servizo e os problemas que xa sabemos. O xerente tivo a decencia de non mentir e deixounos claro que na súa man estaba tentar que non houbera días sen atención, pero que ata a ocupación da praza algún día podería ocorrer que non fora quen de dispoñer dun médico, pero cando menos temos a seguridade que se non todos, a maioría dos días, imos ter o servizo cuberto, e unha atención normalizada, e a partir de novembro xa volveremos ter dous médicos traballando con normalidade.“

Enrique Oubiña valorou positivamente a xuntanza. “o alcalde David Castro di que pasou por aquí e que conseguiu un número de teléfono, algo que nin sequera sabemos se é certo pois non contestou ao escrito que presentamos preguntando polas supostas xuntanzas. Outros veñen a facerse fotos. Nos onde uns e outros din que non hai nada que facer,  conseguimos, con diálogo, pero tamén dicindo as cousas con claridade,  solucións para os problemas da nosa veciñanza.”

 Dende Somos  Ribadumia queremos  agradecer  que nos atenderan, inda que tardaran tanto, e que o xerente tivera a deferencia de dedicar máis tempo a falar de buscar solucións que a expoñer escusas. Isto todo non saca que o desmantelamento do sistema de saúde pública siga adiante, dado que é unha cuestión ideolóxica que solo o pode parar dun xeito definitivo un cambio no goberno da Xunta que expulse ao PP. Pero mentres isto non acontece, en Somos Ribadumia seguimos atentos e traballando, e se podemos lograr que en Ribadumia se manteñan os servizos teremos cumprido o noso obxectivo a nivel local,  e se outros concellos se seguen mobilizando na loita pola defensa dun servizo de atención primaria digno e de calidade, ao final estamos seguros de que entre todos lograremos cambios de actitude e de liñas políticas importantes.

 

Somos Ribadumia ante as próximas eleccións estatais e a actual inestabilidade política.

IMG_9482

 Ao igual que outras moitas plataformas cidadás do noso país, Somos Ribadumia nacemos en 2015 para dar acollida a  unha pulsión da cidadanía, que dende o 15M – ou incluso antes – estaba pedindo un cambio nos xeitos de facer política. Dende o primeiro momento definímonos como unha plataforma de ámbito municipal, aberta e transversal, onde todo o mundo que coincida coa nosa visión da política ten cabida sen importar a súa procedencia ou preferencias a hora de votar noutras citas electorais.  Para garantir a nosa independencia acordamos legalizarnos como partido político, anque mantemos a estrutura asemblearia e aberta. Gracias a nosa maneira de actuar, conseguimos conformar un grupo cohesionado, con persoas de distinta procedencia traballando en prol duns obxectivos comúns, un traballo que deu durante a pasada lexislatura onde participamos no goberno municipal, un excelente resultado, logrando avances en cuestións que van dende a transparencia do goberno ata a política social, poñendo ao noso concello de referente en varios eidos.

   Como forza de ámbito municipal, somos conscientes das nosas limitacións políticas, e da necesidade de ter apoios nos parlamentos para poder facer fronte a moitas das dificultades da nosa veciñanza, en especial as derivadas de decisións políticas superiores. Nese aspecto a colaboración, sempre dende o respecto á independencia das partes,  dende o 2016 con En Marea permitiunos que diversos problemas, como os derivados do progresivo desmantelamento da sanidade pública, tiveran eco alí onde podían resolverse. Dende logo en Somos Ribadumia temos moi presentes as deputadas e deputados que viñeron en máis dunha ocasión a preocuparse polos nosos problemas, así como temos presente o silencio, o abandono  mesmo o maltrato ao que nos someten outras forzas políticas, algunhas  con máis representación e ostentando gobernos superiores, como o Partido Popular.

  Poren, nos non somos parte nin estamos integrados en En Marea nin, moito menos, na partición formada por Unidas Podemos e Anova, que no parlamento galego colleron o nome de Grupo Común da Esquerda. Unha cuestión que consideramos importante resaltar, pois a nosa independencia política é a base do noso funcionamento.

  De feito,  dende o noso  punto de vista a evolución de  En Marea dende o seu nacemento, que xa non foi coa formula que dende moitas plataformas desexabamos, foi pouco a pouco camiñando cara unha sorte de despropósito político, acumulando leas internas e escándalos varios, que acabou por provocar a súa fisura. Se a todo isto sumamos o resto do panorama a nivel estatal, o que nos encontramos é que no canto de camiñar cara a unidade da que tanto falan uns e outros actores políticos, camiñamos cara unha división cada vez maior, que ademais está provocada polas loitas de poder político e non por cuestións ideolóxicas. Anque esta división tamén afecta á dereita, o ridículo das forzas progresistas tanto nacionalistas ou galeguistas como as de ideario mais centrista, incapaces no noso pais de chegar simples acordos para concorrer a unhas eleccións forzadas pola irresponsabilidade, agora mesmo roza o surrealismo. debido precisamente a esa división,  retornamos pouco a pouco,  gracias a unhas  forzas que se dicían rupturistas, ao bipartidismo e ao punto no que nos encontrabamos xusto antes do 15M. Con todo, a este respecto, queremos  salientar que esta situación, anque sexa  complexa e en certos aspectos o comportamento dos dirixentes políticos nos parezan  inmaduros, non deixa de formar parte do funcionamento democrático, ao que corenta anos despois do fin da ditadura  aínda parece que nos estamos acostumando, e por iso é moi importante que toda a cidadanía participe activamente a través do voto, apoiando á forza política que consideren que mellor os representa.

    Neste escenario, dende Somos Ribadumia temos claro que o noso camiño segue a ser o que nos marcamos no 2015, definido pola aceptación, o dialogo e a ética política, poñendo sempre as persoas no seu conxunto por enriba dos intereses de partido e dos personalismos. Tamén temos moi claro que a día de hoxe ningunha das forzas que din recoller o espírito do 15M e agrupar ao municipalismo di a verdade nin nos representa nin moito menos fala por nos, nin En Marea que debe decidir como enfrontar o seu futuro logo dos bandazos dados e de abandonar a  súa idea orixinal que era ser espello do municipalismo,  nin moitísimo menos Galicia en Común – Grupo Común da Esquerda –  que en realidade non ten nada de común e menos de galega, e solo é unha marca branca de Unidas Podemos e polo tanto pouco ou nada ten que ver co movemento municipalista.

   Dende Somos Ribadumia queremos anunciar polo tanto  a nosa posición allea a todo o que esta acontecer no ámbito político galego e estatal.

    Traballamos polo ben das persoas que viven no noso concello dende a humildade de ser unha forza local, e nese aspecto seguimos mantendo a vontade de colaborar con outras plataformas municipalistas similares a nos  como vimos facendo a nivel comarcal dende o 2015, asinar pactos puntuais con outras forzas cando sexa necesario polo ben da nosa veciñanza, así como colaborar con aquelas deputadas e deputados que seguen estando ao noso lado e se preocupan polos problemas do noso concello. Pero como forza municipal, e sempre respectando as posicións particulares das persoas que forman parte de Somos Ribadumia, non queremos saber nada do actual circo político.

  Non somos alleos aos retos do futuro máis inmediato, como a loita contra as consecuencias do cambio climático ou unha máis que predicible recesión económica, nin aos actuais: o cada vez maior declive da calidade de vida da maioría social, a perda de dereitos, o desmantelamento progresivo da sanidade, da educación, da industria, de dereitos laborais que conlevan a precarización da vida e paralelamente a caída da natalidade , e tamén a falta de oportunidades  para a xente moza que da como resultado  a emigración. Cuestións  unhas dependentes das decisións de Madrid outras do goberno autonómico,  pero que nos afectan de xeito directo aos concellos. Neste senso, de cara a próximas citas electorais, se ante a falta de forzas nas que confiar temos que buscar opcións para estar presentes nos centros de decisión política, traballaremos – e de feito xa o estamos facendo –   con forzas similares a nos e con movementos sociais, e non desbotamos traballar con outras forzas máis amplas que encaixen a través da súa practica política nos nosos principios, pero sempre dende a igualdade de condicións.

  En calquera caso nos non estamos sometidos as urxencias electorais, nin temos particular presa nin moito menos ambición polas cadeiras ou tan sequera por participar en procesos máis alo do ámbito municipal. O que fagamos será sempre seguindo os nosos principios e as decisións que se tomen en asemblea. Imos ao noso ritmo, non paramos, pero tampouco corremos máis do que nos dan as pernas.

  O noso único obxectivo, que é o único polo que traballamos,  é mellorar a vida das persoas que viven en Ribadumia.

Reclamamos melloras na seguridade viaria no núcleo de Barrantes.

 Durante a pasada campaña electoral, dende Somos Ribadumia asumimos o compromiso en caso de gobernar de que en setembro deste mesmo ano o núcleo de Barrantes no tería semáforos, e que a cambio habería outras medidas de calmado do trafico máis seguras para os peóns, e tamén para os vehículos.

O resultado electoral non nos permitiu estar no goberno, polo que asumimos o noso lugar na oposición municipal con responsabilidade. Dende esa posición, e ao pouco de producirse o cambio de goberno, tivemos que reclamarlle ao equipo de David Castro que actuara con responsabilidade e volvera poñer en marcha os semáforos que por un capricho político habían sido apagados poñendo en risco a saúde  de moitas persoas ou, preferiblemente, que dotara o centro de Barrantes doutras medidas de calmado do tráfico que aportaran mellores condicións de seguridade as mais de 2000 persoas que viven neste núcleo e os 300 nenos que cada día fan o camiño a pe ata o colexio. Aínda tivemos que agardar uns días, e varios sustos, ata que os semáforos volveron estar operativos.

IMG_20191001_190144.jpg

   Pero dende Somos Ribadumia entendemos que esta non é solución boa, e que o goberno de David Castro ten que levar a cabo melloras na seguridade viaria, así como solventar os diversos problemas que ten o núcleo máis poboado do concello. Sen embargo, vemos que non se fai nin o máis mínimo movemento neste sentido. O orzamento para este ano non recolle ningunha medida neste aspecto, salvo cuestións que veñen do ano anterior, como as obras no entorno da gardería que, tal como previamos, por si solas non serven de moito e non axudaron a aliviar o problema de trafico e seguridade nesa zona nas horas punteiras. Incluso IR agora renega doutras medidas como o necesario paso de peóns no entorno da farmacia.  Para remarcar a situación, esta semana pasada, co corte da autovía do Salnés, tivemos que ver como o trafico se saturaba, poñendo en evidencia uns mecanismos que están obsoletos e non  son suficientemente seguros.

Ademais, tal como Oubiña explicaba “a formula, tan típica do PP, de solucionar con parches e de “ir facendo” nas medidas e nas obras municipais contra a que loitamos durante catro anos, insistindo na necesidade de realizar os proxectos con visión de futuro e con coherencia, instalouse  de novo no concello en canto saímos pola porta, co resultado de que agora, por exemplo, quen pretenda acceder a Barrantes dende a autovía, terá que percorrer  toda a rúa A Torre a 30 km/h, pero logo poderá cruzar o núcleo a 50 km/h, unha situación bastante absurda,  que ademais  pon en perigo a moitas persoas, pero que o noso señor alcalde négase a ver.

  Dende Somos Ribadumia temos moi claro que o núcleo de Barrantes require unha actuación global a nivel urbanístico, pero tamén  hai pequenas medidas que se poden por en marcha de xeito inmediato, e que servirían para mellorar substancialmente a seguridade de peóns, en especial nenos e persoas maiores, moitas das cales xa defendemos durante o mandato anterior, pero sen obter o apoio dos nosos socios de goberno, que estaban a outras cousas. Como Oubiña explicaba esta maña “a semana anterior foi a semana da mobilidade e Ribadumia non estivo presente, nin vimos ao alcalde facendo ningún tipo de anuncio, sen embargo si o vimos está semana pasada, que se celebraba  a semana do deporte facendo o paripé cunha pala de tenis de mesa. Os intereses do noso alcalde son evidentes, e non inclúen a seguridade das persoas.”

   Por ese motivo reclamamos do goberno municipal que leve acabo melloras na seguridade viaria do núcleo de Barrantes, elimine dunha vez os semáforos en favor doutras medidas que garantan a  seguridade dos peóns  e  o paso de vehículos polo centro  a velocidade moderada e sen atascos. Unhas medidas, que de estar Somos Ribadumia no goberno, xa serian nunha realidade a día de hoxe.

O mal estado do mobiliario urbán provoca feridas en varios nenos.

  • O mal estado dun tobogan provoca feridas a varios nenos xusto despois de que o goberno anunciara que puxo as instalacións dos CRAs a punto. 
  • Dende Somos Ribadumia levamos advertindo de desperfectos no mobiliario urbán dende o  mes de xullo.
  • Irresponsabilidade manifesta, ao atender os avisos entregados no concello en función de quen os asine, en lugar de dar prioridade a  seguridade.

“Ao final pasou o que se vía vir.”  Así resumía na maña de onte Enrique Oubiña o acontecido no centro infantil de Lois, onde xa dous nenos se fixeron feridas por causa do mal estado dun tobogan, e onde as mestras tiveron que tomar cartas no asunto para evitar que seguira acontecendo, mentres o noso alcalde se dedica a súa actividade privada deixando o concello sen atender.

  O mal estado das instalacións públicas, con elementos rotos ou en mal estado, así como da falta de atención dos bens patrimoniais,  foi denunciado en varias ocasións de xeito público por Somos Ribadumia, pero tamén temos advertido de outras deficiencias dun xeito máis particular, tal como explicaba esta maña Enrique Oubiña “nos actuamos con responsabilidade e en varias ocasións chamamos ao concello para que atenderan a cuestións que, sendo pequenas, poden traer problemas non tan pequenos, pero debe parecerlles que nos fan un favor arranxando calquera cousa da que nos deamos parte, así que as chamadas na maioría dos casos quedan en nada”.

  O resultado disto é que cousas que deberían terse reparado non se repararon por puro capricho político, e nesta semana co inicio da escola, varios nenos pagaron o prezo desa irresponsabilidade, pois o brazo en mal estado dun tobogan no CRA de Lois provocou feridas en polo menos dous nenos, e mesmo as mestras tiveron que facer un amaño para evitar que os cativos seguiran feríndose. 

   A este problema, súmanse as denuncias aparecidas nas redes sociais por unha fonte tirada no chan no entorno do comedor escolar en Barrantes,  e outras denuncias de mobiliario nos parques e paseos en mal estado.

  E todo isto na semana na que o goberno local, nun exemplo claro de oportunismo político, anuncia na prensa e a través das súas redes, a realización de varias actuacións que, a vista do acontecido igual non eran as máis urxentes, ademais de que nalgún caso véndense como importantes  actuacións bastante ridículas e ineficientes, como no caso do parque infantil da praza da carballeira en Barrantes, onde cun pouco de pintura venderon unha actuación importante, deixando ademais a valla referida case no mesmo estado no que estaba, oxidada e apodrecida en moitas partes.

IMG_20190915_113436.jpg

Esta é a valla na que supostamente o concello investiu 1000€

IMG_20190915_113516.jpg

E así é como está, oxidada e a podrecida por moitas partes. 

IMG_20190915_113442.jpg

 Esto con Enrique non pasaba. 

  Durante a lexislatura anterior, con Enrique Oubiña de concelleiro de urbanismo, ademais do mantemento diario e da resolución inmediata de calquera defecto que se detectase,  facíase de xeito anual unha inspección pormenorizada de todas as áreas públicas, nas zonas de impacto turístico antes da semana santa, e nas áreas infantís, que requiren unha atención moi particular, antes do inicio do verán, co obxectivo de detectar as carencias que puideran terse producido ao longo do inverno e por algún motivo  non foran advertidas, así como actuación de máis calados, como o mobiliario que debido ao desgaste tivera que ser substituido. A partir de aí establecíase un plan de actuación, orzamentábanse as actuacións que non podían ser realizadas por persoal municipal, xeralmente en conxunto para abaratar custes, e nos meses do verán procedíase a intervir onde fora preciso. Gracias a esta maneira de traballar, coa chegada da semana santa as zonas turísticas do concello contaban cunha imaxe moito máis que aceptable, e no inicio de curso  os cativos do concello encontraban sempre as instalacións en perfecto estado.

  Agora temos un goberno que funciona a golpe de prensa e de facebook, e solo actúa naquilo que pensa que lle vai dar un bo titular, ou ante queixas públicas nas redes sociais -sempre que non veñan de Somos Ribadumia -. Ademais sorprende comprobar que en lugar de resolver os problemas que tanto Somos Ribadumia como a veciñanza denuncian, o goberno usa as redes sociais para poñerse a facer campaña anunciando obras. Citamos a modo de exemplo a resposta do concello no caso do tobogan, denunciado por unha nai en Facebook: Boas noites, na reunión veciñal que mantivo o alcalde e concelleiros na Casa de Cultura de Lois xa se dou conta dunha obra que se acometerá no recinto escolar e no cal tamén está incluído o parque.  Para Enrique Oubiña “é inaceptable que  ante a evidencia de que hai mobiliario en mal estado e ferindo  a nenos, a resposta sexa que nalgún momento se vai acometer unha obra, e non a solución inmediata ao problema”.