A  inacción de David Castro e o abandono do PP volven deixar a Ribadumia fora dos  orzamentos da Xunta.

  • A proposta de orzamento autonómico volve a deixar a Ribadumia sen ningún investimento relevante.
  • Grandes carencias, como o lamentable estado do CPI Julia Becerra Malvar, ou a creación dun Punto de Encontro Familiar non son prioritarios para o PP.
  • David Castro garda silencio, aliñándose cun PP local carente de capacidade para xestionar actuacións para Ribadumia coas capas superiores do seu partido.

orzamentos

A proposta do orzamento da Xunta de Galicia, presentada a semana pasada, non trae ningún tipo de novidade para o noso concello. E non será porque Ribadumia non teña carencias.

A primeira delas, tamén con toda seguridade a máis importante, é o estado lamentable que dende fai anos ten o colexio de Barrantes. A pesar de todas as promesas que escoitamos ao PP no ano 2015, tanto en boca de Salomé Peña, voceira naquel momento do PP local, como de Román Rodríguez, que era o Conselleiro de Educación, e a pesar dunhas supostas negociacións do noso alcalde coa conselleira actual – que nos cheiran a conto – a realidade é que o goberno Popular na Xunta de Galicia dende aquel ano non moveu un euro, salvo para a renovación da calefacción. Unha inversión positiva, pero que resulta algo irrisoria se temos en conta que o obxectivo era lograr unha mellor eficiencia e aforro enerxético, algo difícil de lograr se como é o caso a calor escapa por todas as esquinas.

Dende Somos Ribadumia consideramos lamentable que o goberno do Partido Popular vaia no ano 2020 destinar fondos por un valor próximo aos 16 millóns de euros para realizar actuacións en 26 centros de ensino infantil, primario e secundario, e nin un solo euro ao colexio de Barrantes. Non dubidamos da necesidade deses investimentos, pero non podemos obviar que o CPI Julia Becerra Malvar é o colexio máis antigo do Salnés, que a día de hoxe a pesar de ampliacións feitas en distintos momentos, segue saturado de nenos, e que a estrutura principal e máis antiga, logo de máis de cincuenta anos aínda non percibiu ningunha reforma de calado importante, e as feitas, como o cambio de ventás, so serviron para aumentar a humidade e a condensación dentro do colexio, ou sexa aumentar a insalubridade do espazo.

Por outra banda, a proposta de orzamento do Partido Popular tampouco especifica como vai a Consellería de Infraestruturas facer fronte ao compromiso que supostamente adquiriu co alcalde David Castro para compensar á veciñanza de Ribadumia por ter pagado as obras de mellora de seguridade viaria no lugar de A Costa en Leiro. Unha obra que no seu conxunto chegou aos 100.000€, sen contar o custe da senda peonil, dos cales o goberno da Xunta ía facer fronte a unha parte aproximada do 60%, pero que ao final, gracias a pésima xestión de David Castro – que primeiro tragou co 40% da obra, para ao final asumir o 100% – acabamos pagando na súa totalidade a cambio da promesa dun investimento do que seguimos sen saber nada.

Nin rastro do tan necesario Punto de Encontro familiar (PEF).

Nun aspecto máis amplo tamén debemos lamentar o nulo interese do Partido Popular por dotar á comarca do Salnés dun Punto de Encontro familiar. Neste caso o desinterese é compartido por PSOE e BNG, que están máis interesadas en facer campaña política que en solicitar do goberno popular investimentos necesarios para as persoas que viven na nosa comarca, así como por IR, que trata o tema da loita contra a violencia de xénero de perfil, tal como estamos comprobando co paso das semanas. Hai que recordarlles a todas esas forzas que na comarca púxose o ano pasado en marcha unha campaña impulsada por ESMAR, que é unha entidade de apoio as vítimas de violencia de xénero por certo con base en Ribadumia, que foi apoiada por unanimidade en todos os plenos municipais da comarca, polo que non é de recibo que agora todas as forzas políticas o esquezan, nin que o PP comarcal non loite nin sequera por traer a nosa comarca cuestións que aprobou nos concellos, e que son moi necesarias.

O silencio cómplice de David Castro.

A realidade é que un ano máis Ribadumia non existe para o goberno autonómico do Partido Popular. O que non se entende é que unha semana despois de terse publicado o documento coa proposta orzamentaria, o partido que goberna Ribadumia garde silencio absoluto. Un silencio que non por habitual ten xustificación, salvo que David Castro teña outros intereses dentro do Partido Popular, algo cada día máis evidente se atendemos as compañías das que se rodea o noso alcalde. En calquera caso, constátase unha vez máis, como aconteceu cos problemas mantidos coa atención primaria, que a postura morna e mansa que o actual alcalde mantén cara o goberno do Partido Popular, está supoñendo graves prexuízos para a xente que vive no noso concello. Gracias a ese trato “amable”, as veciñas e veciños non solo teñen que mandar os seus fillos ás peores instalacións educativas de toda a comarca, se non que ademais deben facer fronte con fondos municipais aos favores que David Castro lle fai ao PP, perdendo importantes partidas económicas que poderían dedicarse a outro tipo de cuestións, moito máis necesarias ou, no seu caso, atender ás competencias municipais.

Dende Somos Ribadumia temos claro que non estamos na política para asentar unha carreira dentro dun gran partido, e que os nosos obxectivos son lograr melloras na vida do conxunto da cidadanía que vive no noso concello. Por ese motivo imos por en marcha unha serie de iniciativas para tentar que o Partido Popular rectifique as súas previsións e inclúa partidas para elaborar un proxecto de reforma do colexio, ou como mínimo para facer fronte as cuestións máis urxentes, así como para dotar á comarca do Salnés dun PEF.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s