Category: Sen clasificar

Usa David Castro os recursos públicos para ir en contra de traballadoras do Concello?

  • O goberno local presentou recurso contra unha sentenza favorable a unha traballadora municipal xa xubilada.
  • Dita sentenza confirma o dereito desa traballadora a unha baixa e posterior xubilación por accidente laboral, cuestión aceptada pola mutua e o INSS , e que de xeito inaudito o goberno rexeita no seu recurso.
  • De confirmarse o uso dos recursos municipais para perxudicar a unha traballadora estaríamos ante un caso de abuso de poder e uso indebido de fondos públicos moi grave.

    Usa David Castro os recursos públicos para ir en contra de traballadoras do Concello? Esa é a pregunta que quedou no aire logo de que no pasado pleno municipal o alcalde ribadumiense fora incapaz de respostar a unha sinxela pregunta formulada por Enrique Oubiña : “cales son os motivos polos cales o concello presenta recurso contra unha sentencia xudicial  favorable a unha traballadora municipal ? ” .

  Para entender esta situación é necesario retroceder ata o ano 2018, cando unha traballadora do concello tivo un accidente laboral. A cuestión xerou un conflito pola tipoloxía da baixa, as consecuencias físicas derivadas da mesma  e posterior xubilación da traballadora que rematou no xulgado. Hai que incidir en que neste tipo de conflitos as persoas afectadas deben presentar denuncia xudicial contra a empresa – neste caso  o Concello – , a mutua correspondente  e o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), de tal xeito que o xulgado determine cal debe ser a situación da traballadora e determinar as responsabilidades económicas ou doutro tipo. Neste caso a sentenza resultou favorable á traballadora determinando como feito probado o accidente laboral e as consecuencias físicas posteriores así como o dereito á baixa por accidente laboral e posterior xubilación. Ata aquí unha situación como a que viven milleiros de persoas cada ano.

  A sorpresa veu porque logo da sentenza, unicamente  o concello,  das tres partes denunciadas inicialmente precisamente a que non ten nada que gañar ou perder nesta cuestión, presentou recurso. Na nosa agrupación tivemos constancia desta estraña circunstancia, e logo de facer diversas consultas legais, o concelleiro Oubiña, no pasado pleno plantexoulle esta cuestión a David Castro. “E resulta que ante a pregunta sinxela de cales eran os motivos de recorrer esta sentenza, David Castro negouse a respostar, primeiro querendo aparentar que non estaba ao día da cuestión, logo querendo cargar a responsabilidade aos servizos xurídicos e algún outro argumento que non se sostiña  para,  finalmente, ante a insistencia  pola miña banda para que se me aclarara a cuestión, acabar gardando silencio”. Con todo, ao final Oubiña logrou o compromiso por parte do alcalde de que se solicitaría de xeito inmediato un informe aos servizos xurídicos que xustificaran esta actuación, aínda que dende Somos Ribadumia temos moi presente o vello refrán de que “o que paga ao gaiteiro manda tocar a tonada”, por ese motivo solicitaremos acceso a toda a documentación existente para que poida ser analizada polos nosos propios servizos xurídicos.

  A gravidade desta situación vese acrecentada polo propio recurso, onde se solicita literalmente, “se declare que a baixa por incapacidade temporal iniciada o 10 de maio de 2018 deriva en enfermidade común, coa conseguinte desestimación da demanda”. Para Oubiña isto é “xogar co pan dunha familia”, pois na práctica o que solicita o recurso é que se lle modifiquen as condicións  da baixa que derivou na xubilación por accidente laboral, provocándolle un importante perxuicio económico a unha persoa que traballou para o concello durante case tres décadas, ademais de negarlle un dereito recoñecido sobre o cal nin o goberno local nin David Castro teñen , por ética política,  nada que opinar. Co aliciente de que a propia mutua e o INSS consideraron correcta a sentencia e desistiron de calquera recurso, deixando ao goberno local como única parte interesada en negarlle a esta persoa unha baixa e unha pensión que todos os demais aceptan como xusta.

As incertezas que xorden.

   Pola nosa banda temos a confianza de que nos próximos días esta situación se aclare e non pase de ser un malentendido, e no seu caso se houbo unha actuación incorrecta por parte dos servizos xurídicos se corrixa.

    Porén,  a negativa de David Castro a contestar ás preguntas de Oubiña, así como as súas formas no pleno non nos deixan nada tranquilos. Para Oubiña “ é evidente  que algo non se nos quixo contar, pois ninguén se cree que o noso alcalde, que ten liña directa co avogado do Concello, que tamén o é do seu partido dende a súa creación, e unha persoa da súa total confianza, non estivera perfectamente ao tanto da situación e dos seus porqués. E iso xera moitas incertezas”. Unha actuación destas características, presentando un recurso a unha sentenza xudicial sen motivo xustificado poría de relevancia o uso de recursos públicos de xeito particular por parte do alcalde, que é quen decide se estas cuestión se levan a cabo ou non, algo totalmente inadmisible, que podería ter repercusións políticas e incluso legais. Ademais plantexaríanse serias dúbidas sobre o trato dado a determinadas  traballadoras e traballadores do concello, o cal nos levaría de novo aos peores anos dos gobernos do PP, cando no concello había dous tipos de traballadores: os  “seus” e os “outros”, situación coa que rematamos ao entrar nós no goberno no 2015, pero que, ante estes feitos e  á vista de certos debates vistos ultimamente  nas redes sociais, hai que crer que quizais volveu establecerse no goberno local”.

   Estamos moi preocupados por todo isto, e por ese motivo “imos manter toda a cautela ata que a situación se aclare, dando un voto de confianza en que a cuestión teña unha explicación razoable. Mais  en caso contrario valoraremos as accións a tomar, tendo moi claro que dende o noso punto de vista os dereitos das persoas no seu conxunto, en particular os dereitos sociais e laborais, son algo sagrado, con independencia das súas ideas, e non imos permitir que o goberno local actúe de parte e sen causa xustificada contra ningún persoa, sexa traballadora municipal ou calquera outra veciña ou veciño” .

Queixas pola falla de limpeza nas instalacións municipais.

  • Dende a organización dun dos campus de verán informan de que durante o mes de agosto o concello non se fixo cargo da limpeza do pavillón onde se realiza.
    Outras entidades tamén criticaron a mala xestión da limpeza en diversas instalacións municipais.
    Preocúpanos que ante o inminente inicio do curso escolar goberno local, que ten as competencias na limpeza do colexio, non actúe coa necesaria previsión. 

  Nas últimas semanas vimos comprobando como a xestión municipal no relativo á limpeza das instalacións municipais, en particular as que se están utilizando para os campus de verán ou son compartidas con entidades e clubs, xera críticas e queixas por parte de usuarios e organizacións.
Dende Somos Ribadumia entendemos que a situación é complexa e que hai unha sensibilidade cidadá con respecto ás medidas de precaución e de hixiene moi elevada. Por ese motivo non entendemos que o goberno local non actúe con máis dilixencia e evite situacións como a do pavillón de Sisán, onde se realiza un dos campus de verán, cuxos organizadores denunciaron que os equipos de limpeza municipal non pasaron no mes de agosto, obrigándolles a asumir eles mesmos esas tarefas por responsabilidade.

Tanto nese caso como no resto de instalacións, debemos recordarlle ao goberno local que, por moito que pretenda fuxir das súas responsabilidades obrigando ás entidades a asinar documentos pretendidamente exonerantes, as instalacións municipais seguen pertencendo ao concello, e as obrigas de correcto mantemento e limpeza tamén.

wp-1599041576961.jpg

Ás críticas e queixas pola limpeza súmanse a inacción durante todo o verán ante a situación na praia fluvial de Cabanelas, de competencia municipal, que xerou conflitos entre os deportistas de O Muiño e as persoas usuarias da desa zona de esparcemento, motivadas basicamente pola falla de correcta sinalización e delimitación dos espazos, un problema vello pero que este ano se veu agudizado polo aumento de persoas que ante o peche da piscina optaron por usar a zona fluvial.

En xeral, este verán quedou en evidencia que a política de “ botar balóns fora” de David Castro crea máis problemas dos que soluciona, polo que emprazámolo novamente a recuperar senda do goberno responsable da lexislatura pasada. Un goberno que, agora vese con total evidencia, tiña coa man de Enrique Oubiña outro carácter, enfrontaba os problemas e plantexaba solucións.

Para a nosa formación, ver como se enfrontan dende o goberno os problemas derivados da covid 19 ten unha gran importancia, e preocúpanos especialmente, pois ante a chegada do novo curso escolar, o goberno non está xerando ningunha confianza ao respecto de como se vai facer fronte ás necesidades de limpeza das instalacións. Descoñecemos se hai algún planeamento específico ou se se elaborou algún tipo de protocolo, nin como vai afectar ao resto de instalacións municipais un máis que previsible aumento das horas dedicadas ao colexio. Ao goberno xa lle transmitimos en diversas ocasións a nosa vontade de colaborar e axudar, pero dado que David Castro se nega aceptar a nosa axuda, e insiste en manter unha actitude opaca e obscurantista, máis preocupado da crítica que lle poidamos facer que de solventar problemas, cando menos agardamos que deixe de improvisar sobre a marcha e actúe cun mínimo de previsión, ante un reto que non é nada pequeno, e que vai requirir unha gran capacidade de xestión, esa que ata o de agora non se notou.

A Consellería de Educación e o Concello deixan de lado á ANPA e á dirección do colexio.

  • O proxecto  cuxa licitación ven de aprobarse non foi consensuado coa comunidade escolar.
  • A Consellería de Educación adquirira con Somos Ribadumia o compromiso de traballar en colaboración con ANPA e dirección do Colexio,
  • O proxecto pon en perigo a obra artística de Fernando Viscansillas. Ademais, a situación derivada da COVID 19 xera  moitas incertezas con respecto á obra e á seguridade para o alumnado.
  • Mentres a maioría dos alcaldes piden fondos para facer fronte aos custes de limpeza dos colexios, David Castro cala.

img_20191213_132653

Enrique Oubiña nunha xuntanza mantida coas direccións da ANPA e do colexio.

  Logo do anuncio da obra de reforma do colexio Xulia Becerra Malvar por máis de oitocentos mil euros, unha reforma posible gracias á presión exercida por Somos Ribadumia, dende a nosa formación  puxémonos en contacto coa dirección do colexio e da ANPA para que valoraran a actuación que se vai realizar e comprobar se tivera en conta as propostas e necesidades reais do colexio no proxecto final.

Porén, explica Oubiña “cal foi a nosa sorpresa cando tanto dende a dirección do colexio como dende a ANPA nos explicaron que nin a Xefatura Territorial nin a Consellería se puxeran en contacto con eles en ningún momento, nin para consultarlle sobre o proxecto nin para amosarlle a forma final, e que todo canto saben da obra que se vai realizar é o que saíu publicado na prensa”.

   Dende Somos Ribadumia debemos amosar a nosa indignación en primeiro lugar pola falta de palabra da Conselleira de Educación, que nun escrito remitido á nosa formación o pasado 19 de febreiro expresaba o seguinte:  “informámoslle que o proxecto para executar as obras no CPI Xulia Becerra Malvar de Ribadumia, ás que alude, está aínda en fase de redacción. Tan pronto como se dispoña del, a Xefatura Territorial da nosa Consellería en Pontevedra informará á comunidade educativa do centro, para que fagan as aportacións e achegas que estimen oportunas”. Estas declaracións para nos supoñían unha boa nova, pois se o proxecto final contaba co visto bo da comunidade escolar, pola nosa banda estariamos máis que satisfeitos, pois somos conscientes da necesidade que o noso colexio ten dunha reforma en profundidade, pero tamén de que esas reforma non se pode facer de calquera maneira. Neste aspecto, ignorar á comunidade escolar supón unha falta de respecto da Consellería cara as nais e pais do noso concello, así como cara o corpo educativo, pero supón tamén traballar a cegas, investindo unha cantidade enorme de cartos nun proxecto que quizais non solucione os problemas do colexio, ou solo o faga en parte .

54729876_1567965950014454_7047956279498637312_n

Oubiña e o artista Fernando Viscansillas charlan durante unha intervención artistica no colexio.

  Por outra banda, tampouco parece que a Consellería  fixera esforzo algún en protexer a obra de Fernado Viscansillas, unha impresionante actuación artística na zona central do colexio que “debería publicitarse e pórse en valor, pero que no canto diso vai ser destruída para colocar un ascensor. Todo un atentado cultural, cando hai outras alternativas viables, máis cun orzamento dese tamaño”.

 Ademais do expresado, a obra ,que segundo se anunciou vaise realizar durante o curso escolar, está xerando moitas inquedanza nas nais e pais, debido a inseguridade dedrivada da situación de pandemia na que vivimos e a todas as incertezas creadas ao redor do desenvolvemento do curso escolar. Que unha empresa vaia executar obras en período lectivo, e que exista a posibilidade de que os traballos se leven a cabo durante o horario de clases, sen dar a coñecer un plan de prevención nin a maneira en que iso vai repercutir no desenvolvemento escolar -non esquezamos que as obras incluen  instalacións interiores e no tellado – non axuda a aportar confianza nunha situación xa complexa.

Por todo o dito, diriximos un escrito á Conselleira de Educación, poñendo no seu coñecendo o noso malestar e o da comunidade escolar do noso concello, é pedíndolle unha rectificación, é que se reunían coa ANPA é á directiva, para valorar á obra que se vai facer no concello, recitifcando  ou incluíndo as cuestións que estes colectivos consideren necesarios.

A complicidade David Castro co PP.

 Non podemos esquecer tampouco que durante estes meses a Consellería tivo en David Castro un amable cómplice. Os feitos falan por si mesmos , e quedou claro que mentres Somos Ribadumia traballamos e logramos que e o goberno do PP investise cartos no noso colexio, o alcalde gardou silencio e evitou exercer presión pública nin primeiro para que o proxecto de reforma do colexio fora unha realidade,  nin  despois para que cumplira coas necesidades das nenas e nenos que van agora e que irán a el nos próximos anos. Unha posición moi cómoda na que se mantén, evitando controversias co PP pero  anotándose puntos á mínima, pois como xa fixera cando o PP rectificara e anunciara o investimento no colexio, ante o anuncio agora da licitación da obra,  estivo rápido para compartir a nova en canta rede social ten o concello, e todo isto actuando, ao igual que á Consellería, sen manter a necesaria comunicación coa comida de escolar, sen preocuparse polas características concretas do proxecto salvo o seu custo, e sen amosar a máis mínima preocupación polo desenvolvemento do próximo curso escolar, nin en como van afectar esas obras a comunidade escolar.

  Por outra banda, a diferencia da maioría de alcaldes da nosa contorna e do resto do país, incluidos algúns do PP,  David Castro non amosou nin rexeitamento nin unha mínima preocupación  ante uns protocolos que non convencen a ninguén e que están xerando protestas en todo o ámbito educativo, e que ademais aos concellos aféctalles directamente ao ter que asumir unhas tarefas de limpeza desmesuradas e cun importantísimo custe económico sen ningún tipo de axuda por parte do goberno da Xunta, custe económico que para o noso alcalde non parece ser un problema, e iso a pesares de ter reducido as partidas para mantemento do colexio no último orzamento. .

 Para Oubiña , “en termos escolares podemos dicir que en propaganda, David Castro aproba, pero en xestión  ten que repetir curso. En todo caso o que resulta máis preocupante é a súa falta de empatía  e responsabilidade ante as  cuestións que afectan ao noso concello, e que prime quedar ben ante as institucións do PP por enriba de defender os dereitos da veciñanza”.

captura escrito

escrito enviado á Conselleira de Educación, solicitandolle que cumpra a súa palabra de consensuar o proxecto de reforma do colexio coa comunidade escolar.

Lamentamos o peche anticipado da escola de verán.

  • O aumento do calendario da escola de verán municipal, para que enlazara co final e inicio do colexio foi un dos logros do anterior goberno.
  • O retraso do inicio estivo xustificado pola situación da COVID 19, máis que se peche anticipadamente non ten xustificación algunha.
  • Cónstanos queixas de nais e pais que durante dúas semanas van ter que buscar alternativas para poder conciliar.

img_20190320_121258_538-1-e1553599915424 Vimos de ter coñecemento de que a escola de verán este ano vai reducir o seu calendario, pechándose o 31 de agosto, no canto de enlazar, como era habitual nos últimos anos, co inicio do colexio.

   Hai que remarcar que a ampliación de calendario e horario entre outras melloras foron un logro do goberno anterior, participado por Somos Ribadumia e no cal Enrique Oubiña tiña as competencias de política social. Todas as melloras realizadas permitiron o aumento da demanda e que moitas nais e pais tiveran onde deixar as  súas filas e fillos durante cando menos unha parte da xornada laboral. No caso concreto do calendario da escola de verán, o obxectivo era enlazar o final dun curso escolar co inicio do seguinte, evitando que as nais e pais tiveran tempos mortos durante os cales resultaba moi difícil solucionar a cuestión da conciliación.

  Para Oubiña “era comprensible que o inicio da escola de verán se retrasara, dada a situación provocada pola COVID 19. O que non ten lóxica nin xustificación é que se peche a escola unha semana antes de tempo, deixando aos pais e nais co problema de ter que buscar unha solución ata que comece o colexio, cando o custe de manter a escola dúas semanas máis e sobradamente asumible.”

   Dende Somos Ribadumia lamentamos esta decisión do equipo de David Castro, que volve por en evidencia a súa incapacidade para xestionar  correctamente dende que non nos ten o seu carón. Pola nosa banda aproveitamos para remarcar o noso compromiso coas políticas de conciliación, ante os pasos cara atrás que está dando o goberno actual, pois non hai que esquecer que mentres nós propuxemos que de cara a este verán e este próximo curso se reforzaran as partidas económicas para poder ampliar o horario da escola de verán ás tardes e levar os servizos de conciliación – plan madruga, escola de ocio e comedor – as aulas do CRA, o goberno de David Castro preferiu recortar as partidas destinadas a conciliación familiar”.

4