O Tribunal Superior de Xustiza tumba o recurso de David Castro contra unha traballadora do Concello.

- A sentenza do T.S.X. de Galicia desestimando o recurso do concello é contundente.
- David Castro segue sen confirmar se o Concello conta con todos os seguros de responsabilidade civil ou se pola contra as posibles indemnizacións terán que saír dos fondos municipais.
- Pedimos a David Castro que abandone esta persecución e asuma as consecuencias da súa xestión.
Dende Somos Ribadumia vimos de ter coñecemento de que o recurso presentado polo Concello contra unha sentenza favorable a unha traballadora municipal, foi desestimado pola Sala do Social da Coruña do Tribunal Superior de Xustiza.
O fallo do TSX de Galicia, ao que tivemos acceso, é moi contundente nas súas argumentacións, e aínda que pode ser obxecto de recurso, á vista do exposto no mesmo agardamos que o goberno de David Castro desista na súa teima de ir contra esta muller.
Para Oubiña “ o fallo, máis aló da súas conclusións, demostra por unha banda que contra do que o alcalde nos quixo facer crer o goberno local foi a única entidade das tres implicadas que presentou recurso contra a sentenza que recoñece a esa muller o seu dereito a que a súa baixa se recoñeza como motivada por accidente laboral. Polo tanto a primeira conclusión é que David Castro mentiu ás forzas da oposición e á cidadanía. Por outro lado, os maxistrados deixan moi claro na redacción dos fundamentos de dereito que o propio recurso presentado polo Concello se basea en argumentos excesivamente xenéricos, que non se sosteñen, ou plantexan cuestións fora da función do tribunal. Así pois, da lectura do texto desprendese que o goberno local presentou un recurso “á desesperada” sen ter razóns de peso nin xustificación legal”.
O custe das mentiras de David Castro.
Con todo, dende que sacamos á luz esta cuestión, no económico xa tivemos que facer fronte aos custes dun pleno que nos vimos na obriga de solicitar por mor dos silencios de David Castro, incapaz de falar coa oposición dunha maneira normal nin moito menos de aportar de maneira voluntaria explicación algunha sobre ningún tema, pero menos sobre este tan delicado. Ademais disto o Concello de Ribadumia deberá facerse cargo dos custes do recurso, 550€, e se David Castro insiste na súa teima como mínimo outros 600€ por recorrer este fallo, e a todo isto hai que sumarlle os custes da avogacía do Concello, que xa tiña orzamentados para o 2020 12.000€. Ademais de todo o dito, falta por saber se cando este proceso remate, no caso de ter que cumprirse as indemnizacións previstas no Convenio Laboral, estas quedaran cubertas polo seguro que obrigatoriamente debería terse contratado no seu momento ou se, pola contra, por unha neglixencia de David Castro imos ter facer fronte a miles de euros con fondos municipais.
En calquera caso, dende Somos Ribadumia pedimos a David Castro que deixe dunha vez esta persecución a unha muller que ten perfecto dereito a cobrar a pensión que lle corresponda por unha vida de traballo, que aclare cal é a situación real do Concello nesta cuestión e que asuma as responsabilidades políticas da súa xestión.