Category: Sen clasificar

Ante as escusas da Conselleira de Educación, nós propoñemos colaboración.

escrito colexio

  • Ante o inminente inicio do curso escolar, estamos moi preocupados pola falta de solucións do goberno de Feijóo.
  • Propoñémoslle ao goberno local que ante a situación de inactividade nos centros sociais, os poña a disposición da Consellería de Educación.
  • A redución do número de nenos en cada aula según todos os expertos é unha cuestión vital para evitar novos focos e o avance dos contaxios da COVID 19.

  En menos de tres semanas está prevista a volta presencial ás aulas despois do parón provocado pola crise da COVID 19 – solventada so en parte polas clases telemáticas-  e das vacacións de verán. Ribadumia conta nestes momentos con preto de 600 nenos e nenas entre os colexios de infantil, primaria e secundaria.  De cara a enfrontar o novo curso atendendo esta “nova normalidade” , cabe ter en conta, como explica Enrique Oubiña, “que as instalacións actuais do colexio de Barrantes  e das aulas dos CRAs non permiten na maioría dos casos a distancia física suficiente entre os nenos e nenas que garanta unha maior seguridade ante a pandemia da COVID 19”.

  Dende Somos Ribadumia entendemos, “ao igual que expertos, mestres, sindicatos, asociacións de ANPAs e moitas nais e pais, que resulta fundamental que de xeito xenérico se aplique unha  diminución das ratios por aula  para garantir unha maior seguridade dos nosos nenos e nenas, mais a realidade é que as instalacións actuais do noso concello non dispoñen das aulas suficientes para garantir esa diminución de ratios”.

   Por outra banda, esta mesma semana a Conselleira de Educación, Carmén Pomar, expresaba publicamente que un dos problemas para poder reducir os ratios de alumnos por aula está precisamente na falta de espazo físico nos propios  colexios, unha situación que dende Somos Ribadumia entendemos que ten moito que ver cos recortes en materia de educación levados a cabo por esa Consellería nos últimos anos. Con todo, e sen entrar en valoracións sobre as penosas políticas de educación dos gobernos do PP, dende Somos Ribadumia consideramos que a colaboración entre administracións cando se trate de garantir a seguridade dos nenos e nenas ten que resultar indiscutible.

   Dáse a circunstancia que a nivel municipal, a  actual situación conleva a paralización da maior parte das actividades que habitualmente se viñan realizando nos diferentes locais sociais do noso concello, unha parálise que presumiblemente vai durar aínda uns meses, ata que a situación sanitaria se estabilice. Deste xeito, mentres non se poida recuperar o nivel normal de actividade municipal, o noso concello dispón de varios espazos que poderían, facendo as correctas xestións e unha boa organización conxunta, ser usados para paliar as carencias de espazo do colexio do noso municipio e permitir esa tan necesaria redución das ratios , e entendemos que o goberno de David Castro debería de xeito inmediato  poñer eses espazos a disposición da Consellería de Educación para ser usados como espazos educativos, un paso que xa deron concellos como o de Salceda de Caselas ou Gondomar.

   Por estes motivos, esta mañá presentamos un escrito no Concello “solicitándolle a David Castro que dea este paso poñendo os espazos dos que dispón o noso concello ao servizo da Consellería de Educación   nunha circunstancia extraordinaria, que require de accións deste tipo, pois máis alo das diferencias compre nestes momentos atender as cuestións importantes, e colaborar da mellor maneira posible”. 

Ante a frivolidade con que o goberno trata o problema demográfico do noso concello, datos confirmados.

empadroados

datos confirmados.  Prevese un pico de poboación, que os de IR xa adiviñaron que será de +/-50  persoas, debido á entrega dos últimos bloques de vivendas que faltaban por rematarse en Barrantes, unha situación puntual que a medio prazo solo servirá para aprazar un ano ou dous a debacle demográfica.

  • O goberno local frivolizou a través dunha mensaxe nas redes sociais sobre a perda de poboación do noso concello a conta dun artigo de prensa. 
  • Lamentamos que no canto medidas concretas de fomento do aumento de poboación é de apoio a natalidade, o goberno so aporte comentarios nas redes sociais. 
  • A deriva que no último ano tomou o goberno no uso das redes sociais tampouco nos parece a máis adecuada.

  Que o noso concello leva anos perdendo poboación, é algo coñecido e ademais un problema polo que dende Somos Ribadumia levamos tempo amosando a nosa preocupación é poñendo medidas enriba da mesa. Tamén levamos tempo lamentando a falta de iniciativa do goberno local neste eido. 

   Esta semana un medio de prensa (A Voz de Galicia) sacaba un artigo onde repasaba esta situación á vista dos últimos datos do INE, e pintaba un panorama nada alentador para a comarca. Ata aquí todo dentro do normal, pois a situación é coñecida, así como a tendencia demográfica descendente, que no noso concello nos próximos anos pode traer consecuencias de carácter económico e administrativas, se o descenso de veciñanza nos leva a baixar dos 5000 habitantes. 

  Pero tal como explicaba Oubiña, “cal foi a nosa sorpresa ao encontrar nas redes sociais do concello, un enlace ao artigo mencionado cun comentario onde o goberno frivoliza e case que saca peito porque este ano pasado naceron dúas persoas máis das que morreron, un dato parcial que no cómputo xeral dos últimos anos, tal como explica o propio artigo, non supón alivio ningún da situación, máis ben ao contrario”. 

dfuncions e nacementos

  Dende o noso punto de vista ese tipo de comentarios, ademais de inapropiados nas redes sociais do concello, que deben servir para outras cuestións, supoñen un engano á cidadanía, pois á realidade no noso concello é que o número de persoas empadroadas leva anos baixando, e que o pico no censo provocado pola entrega dos últimos bloques de vivendas non muda a tendencia. Consideramos que o que ten que facer o goberno local “é por en marcha medidas que axuden a fixar poboación e aumentar a natalidade, porén o que nos encontramos son comentarios fora de lugar nas redes sociais e recortes nas partidas de conciliación familiar, que por certo foi unha das áreas que fixo que anos atrás moitas parellas novas se viñeran vivir ao noso concello, e que reforzamos na lexislatura pasada, cando nós estabamos no goberno”.  Por certo que cando falamos de medidas, non nos referimos á mendigarlle as nais que leven aos nenos á escola unitaria de Lois no último día de matricula, que case perdemos este ano coa pasividade comprice do noso alcalde, senon medidas de fortalecemento dos servizos de conciliación familiar, como levamos tempo propoñendo. 

saldo vexetativo

O saldo vexetativo no noso concello leva tendencia negativa dende o ano 1992. Nin o polígono nin o bum da construcción foron suficientes para mudar esa tendencia, pois non actuaron sobre o problema maior, que é o despoboamento do rural. Por iso son necesarias políticas como as que propoñemos dende Somos Ribadumia.

   Ademais, somos conscientes que neste caso  o goberno  tentaba -dun xeito bastante infantil – contrarrestar as cuestións de relevancia que nestes días transmitios á nosa veciñanza á través do noso habitual boletín de verán. 

   Todo isto ademais pon de relevancia o uso interesado do goberno de David Castro, que usa as redes do concello para facer campaña propia. Nós entendemos que “a liña entre a información municipal e a propaganda faise moi fina nas redes sociais, por iso na lexislatura pasada fixemos moitos esforzos en marcar as pautas de comunicación adecuadas para que as redes municipais funcionarán correctamente. Agora o que temos é unha canle de propaganda uns días, e un taboleiro de anuncios o resto do tempo.

  Agardamos que o goberno local rectifique a súa liña de actuación, se centre en resolver os problemas do noso concello e deixe de facernos oposición á oposición. 

Lamentamos as limitacións postas á Biblioteca Municipal.

horario biblioteca

  • Entendemos as limitacións derivadas da covid, pero non é razoable que non se dispuxera dunha alternativa.
  • Agardamos que o concello faga un esforzo en axudar a ANPA ante as novas necesidades do comedor escolar, e actúe con previsión na xestión dos servizos de conciliación cando comece o curso escolar.

   As limitacións que trouxo consigo a covid afectaron a moitos eidos do funcionamento municipal, e nese aspecto debemos amosar toda a nosa compresión, e entendemos que algúns servizos se viran recortados ou temporalmente paralizados, pois o concello ten as súas limitacións.

   Pero do mesmo xeito entendemos que certos aspectos, como as limitacións postas á Biblioteca Municipal non son tanto resultado da situación actual, como dunha mala planificación e xestión dos recursos.

   Ao por en marcha a escola de verán, foi necesario tomar unha serie de medidas en varios aspectos e, ao estar a Biblioteca situada no mesmo edificio – a casa de Cultura de Ribadumia – que onde se leva a cabo a escola, a necesidade de crear espazos seguros obrigou a pechar a Biblioteca. Ata aquí  podemos estar de acordo. Co que non podemos concordar é, en verbas de Enrique Oubiña “con que non se lle ocorrera ao equipo de goberno outra alternativa que non fora a de por unha hora dous días á semana para a entrega ou recollida de libros, porque a Biblioteca cumpre máis funcións que a de prestar libros”.

  Ao pechar a Biblioteca pechouse tamén un espazo de estudio e de traballo, así como de acceso a Internet, que moita xente, en particular a que está estudando, precisa e utiliza. Dende o noso punto de vista “tíñase que ter habilitado, obviamente con todas as medidas de seguridade, un espazo alternativo, e en Ribadumia sobran locais que no verán se poidan usar para esa función”. Somos conscientes de que esta actuación requiría quizais dotar unhas mesas e cadeiras, unha liña de Internet e trasladar uns ordenadores, pero non consideramos que  fora algo inasumible para o concello, nin moito menos. Para Oubiña “hai que ter en conta o costume, entendible nos primeiros anos da escola pero agora bastante discutible, de poñer ao bibliotecario no verán a realizar funcións de monitor de tempo libre, e que seguramente tivo moito que ver co peche da bliblioteca sen ofrecer alternativa. Non esquecemos que este ano reduciuse a partida para a escola de verán, en contra do noso criterio e nos temos claro que se en lugar de andar a entrampar os servizos do concello, se dotaran as partidas suficientemente e se xestionaran con profesionalidade, estas cousas non pasarían, e as usuarias da bilblioteca non verían recortado o seu dereito a este servizo”.

 

Os problemas que veñen co comedor escolar e os servizos de conciliación.

  Por outra banda, a crise da covid vai traer cambios noutros servizos, como o do comedor escolar. Este servizo que se xestiona dende a ANPA no próximo curso vai ter que adaptarse a  “nova normalidade”. Á ANPA xa lle comunicaron as medidas restritivas ás que van ten facer fronte. O que non parece é que o goberno de Feijóo vaia a cambiar a súa liña de actuación dotando fondos ou recursos para poder facer fronte a estas cuestións, é menos á vista das solucións que pretende impoñer nos colexios, que xa recibiron fortes críticas de sindicatos e asociacións de ANPAs. Os requerimentos de seguridade  no caso dos comedores incluirán e medidas de distanciamento entre as crianzas, grupos reducidos e outras similares, cuestións complexas tendo en conta o escaso espazo do que dispón o comedor deseñado polo PP Salomé Peña no seu día, e que provocará que haxa que organizar quendas para xantar ou buscar solucións alternativas, onde o goberno local ten moito que decir e aportar.

   Dende o noso punto de vista a desidia do goberno de Feijóo non deben pagalas nais e pais, e é na Conselleira de Educación onde deben buscarse solucións é recursos. Pero ao mesmo tempo agardamos que o concello non siga na súa liña de deixar facer e eludir responsabilidades e de evitar confrontar coa Xunta, tome a iniciativa e en caso necesario dispoña medios e recursos  para axudar a ANPA do CEIP Xulia Becerra Malvar.

   Cuestión similar é a que atingue aos servizos de conciliación -plan madruga e escola de ocio- , que nese caso son competencia municipal. Somos conscientes das dúbidas que xera o futuro inmediato, pero o goberno local debe ter previstas as solucións asumindo que con toda probabilidade vai ser necesario dispoñer de máis espazos e persoal profesional, ademais de outras medidas.

   Pola nosa banda, dende Somos Ribadumia levamos propostas dende o inicio da pandemia  preto de medio cento de medidas específicas, e aínda que o goberno de David Castro non as quixo ter en conta a pesar de que moitas delas demostráronse acertadas e necesarias, e noutros concellos resultaron moi positivas, seguiremos traballando na nosa liña de buscar solucións e “como xa expuxemos fai uns días na única xuntanza da mesa de seguimento da covid celebrada ata este momento, estamos dispostos a deixar de lado as diferencias políticas, aportar dende a nosa posición e experiencia, apoiar o traballo que se faga en positivo e tamén dar apoio dende o político e buscar consensos para por en marcha medidas concretas que permitan facer fronte a estes e outros retos que temos por diante como concello, se o goberno decide mudar a liña de actuación e optar polo dialogo coa oposición”.

 

Denunciamos o cobro irregular da taxa de conexión ao saneamento.

  • As novas familias que veñen vivir para Barrantes están indignadas polo que consideran un abuso.
  • Ata o de agora, a taxa de conexión nos bloques de vivendas cobrábaselle ao promotor das vivendas.
  • O cambio supón na práctica un novo imposto.

taxas municipais

   A taxa de conexión ao saneamento, que ten un custe no noso concello de 150,25€, é unha taxa de pago único que ata o de agora pagaban os propietarios de fincas, urbanizadas ou non,  por conectarse a ese servizo, e que estaba pensada para compensar os custes de realizar a conexión, dende o punto determinado no linde da propiedade á rede municipal de sumidoiros. Por ese motivo, tal como explica Enrique Oubiña, concelleiro de urbanismo no mandato anterior, “ tanto nos bloques de vivendas como nas fincas onde coincidían varias edificacións ou vivendas, solo se pagaba polo número de conexións no espazo público. Porque o que se paga é o enganche, non o que se ten dentro da finca”.

   Nas últimas semanas tivemos constancia de que o equipo de goberno mudou o seu criterio, e decidiu facer unha interpretación bastante libre da normativa, aplicando a cota de enganche ás vivendas na súa primeira ocupación, con independencia de se son vivendas independentes ou comparten a conexión con outras, como acontece no caso dos bloques de vivendas. Unha situación “que non ten ningunha lóxica, salvo o de aumentar os ingresos do concello a conta da xente que descoñece as normas municipais. O resultado disto é que as persoas que compraron un piso no último ano, a diferencia das que compraron piso en anos anteriores, topáronse con que cando ían solicitar o enganche da auga, lle metían no mesmo recibo o enganche do saneamento, sen máis explicación”.

   Non conforme coa imposición unha nova taxa, dáse a circunstancia de que os promotores dos edificios de vivendas xa no seu momento pagaron a taxa de enganche, como lles correspondía, polo que o goberno local está cobrando varias veces o mesmo enganche á rede de saneamento: primeiro ao promotor,  pero logo a cada vivenda do edificio, o cal é totalmente irregular, ademais de crear un agravio comparativo co resto de vivendas, que non pagaron esta taxa e gozan do mesmo servizo. Para Oubiña “isto é como se teño unha casa nunha parroquia, e ampliolle unha altura para facer unha vivenda para un fillo ou unha filla, por exemplo, mantendo  a conexión ao saneamento existente,  pero o concello cóbrame de novo  como se fixera un enganche a maiores.  Ou como se construo un garaxe ou un alprende cun baño de servizo nunha finca miña onde xa teño unha casa e aproveito as conexións que xa teño,  e o  concello me cobra un segundo enganche. Non ten sentido ningún”.

  Esta maneira de actuar por parte do goberno local, non nos parece adecuada en ningún aspecto. Pero máis aló do xa expresado, dende a nosa formación entendemos que son momentos de promover que a xente veña a vivir a Ribadumia, non de meterlle impostos. Seguimos tendo a espada de Damocles do límite dos 5.000 habitantes pendendo sobre o noso concello, e que a xente que veña de novo conte fora que non solo non se lles favorece por vir vivir a Ribadumia, se non que -enriba de todos os custes de comprar unha vivenda nova – se lles regalan impostos innecesarios e inxustos, non é unha boa maneira de promover o aumento de veciñanza.

 

Silencio ante as queixas veciñais.

   Temos constancia de que algunhas persoas decidiron reclamar o cobro desta taxa pero, como acontecera co cobro acumulado de multas meses atrás, toparon cunha enorme resistencia por parte do goberno local, que nin contesta aos requirimentos veciñais, nin facilita de boa gaña cousas tan sinxelas como o acceso ás normas municipais que recollen as taxas e o seu xeito de aplicación. “ Atopámonos con que David Castro, que en pleno declara que contesta todos os escritos presentados pola veciñanza, ademais de non contestarnos a nos, tampouco lle contesta aos veciños que reclaman cousas que non lle gustan”.

   Tan é así, que unha veciña se puxo en contacto con nos e nos contou que primeiro alcalde e concelleiras non a recibiron, logo cando puxo a queixa por escrito non lle contestaron, logo cando foi ao concello por enésima vez e xa enfadada, nin alcalde nin concelleira de Urbanismo quixeron saber nada do tema, e derivárona a técnicos municipais que  a atenderon pero tampouco puideron facer nada máis que dar a cara polo alcalde , debido a que a decisión é estritamente política . “Como cambiaron as cousas dende fai pouco máis de un ano, cando eu persoalmente recibía a calquera veciña ou veciño que requirira atención, fora votante meu ou non, viñera de bo humor ou feito unha chispa”.

   Pola nosa banda, nós si escoitamos á nosa veciñanza, e na maña do pasado venres presentamos un escrito solicitando do goberno de David Castro unha rectificación no cobro desta taxa, que para Oubiña “ supón un novo chanzo nunha característica de David Castro que eu descoñecida : a súa capacidade para inventar impostos revolucionarios. Primeiro foi coas multas – só no primeiro trimestre deste 2020 puxéronse o 80% de todas as multas postas no 2019, un aumento brutal- e agora cólalle á xente que compra unha vivenda nova 150€  porque si”. No mesmo escrito pedimos tamén unha rectificación na xestión das queixas veciñais, e que tanto o alcalde como os concelleiros e concelleiras, dúas das cales por certo ao igual que o alcalde cobran nómina do concello, dean a cara, atendan a súa veciñanza, incluída a que non lles é próxima ou interesante, e respondan correctamente e en tempo e forma aos escritos que lles presentan.