25.000€ en placas de numeración de vivendas: un despropósito.

- O goberno de David Castro anunciou a bombo e platillo o gasto de 25.000€ en placas para as numeracións das vivendas.
- Dende Somos Ribadumia consideramos que é unha maneira innecesaria de tirar os cartos, cando hai outras urxencias como apoiar ao comercio e hostalería locais.
A nova de que o goberno local pretende gastar 25.000€ nunhas placas de identificación, unha vez remate o proceso de renumeración do rueiro municipal para nos é un exemplo de política populista no peor sentido, usando fondos municipais para dar saída a ideas peregrinas que buscan a foto fácil, pero que teñen moi mal encaixe no noso concello, e que tampouco aportan nada.
Dende Somos Ribadumia podemos entender que se queira dar unha imaxe homoxénea á numeración das vivendas, pero convén por de relevancia os problemas que esa idea, ademais dun custe desorbitado, ten dende o noso punto de vista. Tal como explica Oubiña “en primeiro lugar hai que ter en conta que o que pode parecer adecuado nun entorno rural, no urbano pode non selo, e viceversa. Ademais o concello non pode obrigar aos veciños que non o desexen a colocar esas placas, polo que pode darse o caso de que moitas queden sen poñer, ou sexan substituídas polos propietarios das vivendas mais adiante por outras mais acordes ao seu gusto. A isto hai que sumar que incluso puidera darse algún problema en edificios afectados por patrimonio, como as reitorais, ou algún dos pazos e casas grandes do noso concello. Por non falar da necesaria previsión de cara a vivendas que aínda están sen construír, ou no seu defecto que haxa que facer placas ex profeso no seu momento, co seu custe“.
Ademais, esta iniciativa do goberno local nin sequera é novidosa, pois xa outros concellos como o de Cangas do Morrazo as puxeron en practica, cos resultados expostos máis arriba. Por iso que dende Somos Ribadumia defendemos a formula usada anteriormente de pintado, que pode realizarse tamén coa mesma imaxe que o que se pretende colocar, por resultar non so máis económica, se non ademais moito mais respectuosa co medio ambiente, mais duradeira e que facilmente pode ser cuberta, se un veciño o desexa, por outro tipo de placa.
25.000€ de remanente do estado que poderían ir a outras cuestións máis necesarias.
Cando a cuestión da renumeración de rúas se levou a pleno, esta actuación non se comunicou nin propuxo, nin moito menos foi sometida a votación. Dáse a casualidade de que fai uns días, facíase público que a liquidación definitiva dos tributos do estado van deixar en Ribadumia 23.559€, polo que “ e fácil entender que David Castro topou con estes cartos e no canto de buscarlle un bo uso, como por exemplo dotar as aulas e edificios públicos de filtros HEPA, decidiu darlle saída a través desta medida, que o que busca realmente é silenciar en parte as numerosas voces de queixa que a renumeración do rueiro municipal levantou, tanto pola molestia que conleva o cambio de numeración, como por como se fixo o traballo, sen unha boa comunicación, uns prazos de consulta escasos, e movendo os marcos de moitas aldeas e lugares, nun intento de homoxeneizar con moi boa intención pero que supón un auténtico atentado patronímico”. Dende o noso punto de vista eses fondos estarían moito mellor empregados se o goberno local deixara de opoñerse a todo canto propoñemos, e creara unha liña de axudas directas ao comercio e a hostalería, ou se fixera un investimento en condicións en campañas de apoio ao consumo de proximidade. Esta maneira de actuar, que non deixa de ser pura propaganda, pois as placas non van aportar nada á nosa veciñanza, son unha mostra máis do devalo negativo que a xestión municipal leva enfilando nos últimos meses, que como resultado está deixando as primeiras marcas visibles en forma de parques e instalacións públicas en mal estado, e con investimentos peregrinos, decididos de un día para o seguinte, nunha atmosfera de completa improvisación diaria, sen estudos de ningún tipo nin planificación nin modelo de concello.
Fotos fora de lugar e irresponsables.
Unha cuestión paralela ten que ver co anuncio desta medida, “e a maneira irresponsable que tivo o noso alcalde de poñerse para a foto, posando cun veciño, que xa non era un xuvenil precisamente, sen gardar as distancias de seguridade, e sen máis protección que unha careta de uso básico, nun momento onde as mensaxes que se deben mandar son as de extremar as precaucións”. Dende Somos Ribadumia entendemos que o trato diario cos veciños fai moi difícil manter as distancias que serían desexables. Pero unha cousa é iso, e outra chamar á prensa para facerse unha foto que era totalmente innecesaria e nin sequera coidar a imaxe que se transmite. Agardamos que en ocasións futuras David Castro sexa consciente das obrigas do seu cargo, que inclúen dar unha imaxe seria e responsable, máis ante circunstancias como as que estamos vivindo estes meses.