Máis de un ano despois de advertilo, os parques infantís seguen abandonados, e os nenos feríndose cos elementos deteriorados.

- As instalacións infantís están cada día en peor estado, con elementos desgastados, rotos, ou nalgún caso con puntas á vista.
- O tobogán que en setembro do 2019 estaba danado e provocaba feridas nos nenos segue hoxe sen reparar.
- Xa se feriron varios nenos, e cónstannos varias queixas, pero o concello non actúa.
- Non se fai mantemento nos parques, pero as partidas económicas do orzamento non chegan.
En días pasados o noso concelleiro, realizou unha rolda de inspección polas once zonas de xogos instaladas no noso concello, e a súa conclusión foi que “en todos os parques infantís nótase estado de abandono de fai tempo, cos elementos cheos de verdín, sen lavar nin manter, con varias pezas deterioradas, e algunhas con roturas que poden ocasionar feridas aos nenos e nenas que xogan neles ou mesmo caídas dende unha certa altura. E non están en peor estado gracias ao traballo de anos anteriores, nos cales fomos mudando pezas de madeira por materiais plásticos máis resistentes que non se desgastan con tanta facilidade como a madeira”.
Esta situación de abandono foi denunciada xa no verán do pasado 2019 , ao comprobar como o equipo de goberno que entrou logo das eleccións mudaba o procedemento de mantemento preventivo establecido por Enrique Oubiña e Pepe Lede na súa etapa, que implicaba que cada verán se facía unha posta a punto completa, reparando e renovando todo o que estivera en mal estado. Con todo, “unha vez que en setembro do ano pasado se produciron varios incidentes con nenos feridos, situación que puxemos de relevancia, era de agardar que o goberno local actuase e tivese conta de revisar os parques e facer as reparacións pertinentes. Mais non foi así.”
Dáse a circunstancia que, ademais de varias táboas desprendidas con puntas á vista que o propio Oubiña retirou para evitar sustos, un dos elementos que está nun peor estado, é o mesmo tobogán que produciu feridas a varios nenos da unitaria de Lois que seguen sen repararse, a pesar de que no seu momento o concello a través das súas redes sociais dixera, citamos textualmente: “na reunión veciñal que mantivo o alcalde e concelleiros na Casa de Cultura de Lois xa se dou conta dunha obra que se acometerá no recinto escolar e no cal tamén está incluído o parque. Para Enrique Oubiña “se xa era inaceptable que ante a evidencia de que hai mobiliario en mal estado e ferindo a nenos, a resposta fora que nalgún momento se ía acometer unha obra, e non a solución inmediata ao problema, moito máis inaceptable é que case ano e medio despois destas declaracións e da realización de dita obra, os xogos do parque segan no mesmo estado”.
Dende Somos Ribadumia presentamos esta maña un escrito solicitando do goberno a revisión inmediata de todos os parques infantís e a reparación ou substitución de todos os elementos danados.
Non podemos deixar de lamentar esta desidia do goberno municipal, totalmente inxustificable, nun ano onde ademais os parques infantís estiveron pechados varios meses. Para Oubiña “hai que comezar a preguntarse en que gasta o concello os nosos cartos, en concreto as partidas de mantemento das instalacións públicas, pois á vista está que para esas tarefas non se destina, e aínda así houbo que aprobar o mes pasado unha modificación de crédito de 65.000€ dos cales 15.000€ supostamente foron para reparacións de parques e xardíns.”.
One comment