Category: Sen clasificar
Novo bloqueo de David Castro ao acceso á información municipal.

- Fai unha semana solicitamos consultar de xeito periódico o rexistro municipal.
- David Castro está bloqueando intencionadamente o noso dereito a obter información municipal.
- David Castro está comprometendo deliberadamente a posición da secretaria municipal.
“Para a correcta realización das nosas obrigas como forza política resulta vital poder acceder as entradas e saídas do rexistro municipal de xeito periódico”, así o explicaba Oubiña onte logo de achegarse ao Concello a facer uso do seu dereito ao acceso á información, que había solicitado ante a secretaría municipal previamente, “por educación e porque temos ánimo de desenvolver o noso traballo dende o respecto institucional. Porén, en realidade nin sequera temos que pedir permiso, pois o acceso ao rexistro do concello é un dereito fundamental de todos os concelleiros, sexan do goberno ou da oposición. Ademais a consulta do rexistro é algo totalmente normal”. Mais o que se encontrou no Concello o noso voceiro foi un portazo en toda regra, e á secretaria municipal actuando de parapeto, poñendo escusas e mesmo insinuando que quizais se nos negue o acceso ao rexistro.
Pola nosa banda temos claro, tal como expón Oubiña que “non imos polemizar coa secretaria municipal, nin entrar na trampa de encerellarnos cunha persoa que o alcalde está poñendo por diante para non dar el a cara, ademais forzándoa a ir moi ao limite da legalidade, co cal pode acabar por verse metida nun problema legal por ser boa persoa e non querer ter problemas no seu entorno laboral”. Dende logo, os comportamentos extorsionadores e abusivos de David Castro cos traballadores e traballadoras do Concello comeza a ser preocupante.
Nos coñecemos perfectamente os nosos dereitos, recollidos, ademais de na Lei de bases do réxime Local, no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, que nos seus artigos 14, 15 e 16 establece e regula o dereito ao acceso á información municipal dos concelleiros, e imos facer uso deses dereitos, gústelle ao alcalde ou non lle guste, e se para iso temos que tomar vías doutro tipo, non nos vai tremer a man o máis mínimo. Neste aspecto debemos admitir que pensabamos que a base de recibir notificacións da Valedora do Pobo David Castro xa tiña aprendido que non pode negarnos os nosos dereitos, mais parece que segue encirrado na mesma liña obstrucionista, o cal nos leva a pensar: “que oculta David Castro?”.
Solicitamos xunto ao resto da oposición un pleno para aclarar a situación xurídica .

- No pasado pleno Enrique Oubiña puxo de relevancia a existencia dun recurso xudicial contra unha traballadora do concello.
- As explicacións e informes achegados non aclaran cales son os intereses municipais neste asunto.
- Todos os concelleiros da oposición asinamos unha solicitude de pleno extraordinario para aclarar está cuestión.
Cando no pleno do pasado 3 de setembro Enrique Oubiña puxo de relevancia a existencia dun recurso presentado contra unha sentenza relativa a unha baixa dunha traballadora, o que agardabamos dende Somos Ribadumia era que David Castro respondera a unha pregunta sinxela: cales son os motivos específicos que xustifican que se presentara ese recurso?.
No pleno non foi posible obter unha resposta. E nin o informe que posteriormente se nos fixo chegar dende os servizo xurídicos do Concello , nin as consultas de documentación que o noso voceiro realizou na casa consistorial lograron aclarar está cuestión.
O proceso xudicial referido foi iniciado por unha traballadora, que o 24 de abril de 2018 sufriu unha caída durante a xornada laboral. A caída, que derivou nun problema nun ombreiro que finalmente non lle permitiría volver ao traballo, coincidiu no tempo con outras cuestións de saúde que tamén supoñían para a traballadora estar un tempo de baixa. De todo isto desprendeuse un conflito por dilucidar se a baixa temporal, que inicialmente se concedeu como enfermidade común, que tivo esa traballadora correspondía que fose por accidente.
O proceso xudicial seguindo o procedemento legal correspondente, conlevaba demanda contra a Seguridade Social , a Mutua e a empresa, neste caso o Concello. A sentenza foi favorable á traballadora, ao dar por probado que o motivo da baixa fora o accidente acaecido o 24 de abril do 2018. Unicamente o Concello presentou un recurso ante esta sentenza.
Cabe sinalar, e remarcar, explica Oubiña “ a conclusión a que chegamos a partir de toda a información aportada e consultada, así como das consultas profesionais externas realizadas por Somos Ribadumia, é que a sentenza non tivo ningunha repercusión para o Concello, nin económica nin de ningún outro tipo, nin a pode ter no futuro, pois a caída da traballadora non foi motivada por ningunha causa achacable ao Concello, nin se derivou ningunha inspección por cuestións de seguridade no traballo, nin se estaba incorrendo en ningunha irregularidade laboral. Así que a pregunta é: se non hai efectos para o concello, porque gastar cartos nun recurso? “.
A cuestión é que para o Concello non, pero si pode ter efectos este recurso, de provocar un cambio nesa sentenza, na situación da propia traballadora, que actualmente ten aberta outra causa para tentar que o xulgado determine que a Incapacidade Permanente que se derivou desa baixa, sexa tamén, en toda lóxica, declarada como baixa por accidente e non por continxencia común. A sentenza podería ter, de saír favorable á traballadora, repercusións na súa pensión de xubilación.
En resumo. “O concello presentou un recurso ante unha sentenza xudicial que non lle afecta no máis mínimo. Unha sentenza tan clara que nin a Seguridade Social nin a propia mutua puxeron en dúbida, nin moito menos formalizaron un recurso. Porén, ao recorrer dita sentenza, o Concello está xogando, voluntaria ou involuntariamente, coa pensión dunha traballadora municipal.”
Dende Somos Ribadumia queremos pensar que ou ben non se nos transmitiu correctamente a información, ou houbo un erro na xestión deste asunto, por que a alternativa posible resultaría dunha extrema gravidade.
Está é a posición de Somos Ribadumia. O resto de partidos da oposición chegaron a unha conclusión similar, por ese motivo consideramos que era preciso solicitar un pleno extraordinario, e en paralelo un informe da secretaría-intervención municipal, e tratar de aclarar está cuestión.
Pola nosa banda temos confianza en que o informe solicitado nos aporte a xustificación desta actuación dun xeito claro, ou no seu defecto que nos próximos días David Castro rectifique e dea orde de retirar ese recurso. Nese caso retiraremos a solicitude do pleno. Porén, de non ser así, e se o informe solicitado non aclara as dúbidas, no pleno proporemos que se vote a retirada dese recurso.
Solicitamos a David Castro que cumpra coas súas obrigas e atenda ao Umia C.F.

Temos constancia de que a dirección do Umia leva semanas tentando reunirse co goberno, recibindo silencio e aprazamentos por resposta.
- Dende o Umia indican que descoñecen os protocolos de actuación previstos polo Concello, coa casuística particular de que o campo de A Bouza compártese cos nenos do colexio.
- Lamentable falta de comunicación do goberno coas entidades deportivas.
Na tarde de onte a directiva do Umia club de fútbol poñíase en contacto con Somos Ribadumia preocupados por varias cuestións. A máis importante xira ao redor das instalacións deportivas de A Bouza, que esta entidade comparte co CPI Xulia Becerra Malvar, ante o inicio das actividades, tanto escolares como deportivas. Dende o club indicáronnos que ao longo das últimas semanas tentaron reunirse co goberno local para, ademais de tratar outras cuestións relativas a súa entidade, se lles aclarara cales van ser os protocolos de seguridade que o goberno vai aplicar nas instalacións que comparten co centro educativo, pavillón e campo de fútbol, así como os propios que lles afectan como entidade deportiva que utiliza unhas instalacións municipais, e que deberían coordinarse entre as ambas institucións.
Porén, parece que ao alcalde estás cuestións non lle parecen urxentes nin importantes, á vista das complicacións que esta entidade está tendo nas últimas semanas para lograr ser recibida polo alcalde, unha misión imposible a pesares de que o presidente se dirixiu persoalmente a el en varias ocasións. A cousa chegou ao punto de que a directiva do club, que precisa respostas de xeito inmediato para poder por en marcha a súa actividade, non tivo máis remedio que forzar a situación presentando unha solicitude formal con carácter de urxencia.
Pola nosa banda estamos moi preocupados pola situación, e ao igual que este club deportivo descoñecemos que vai facer o concello, a parte de parches improvisados como o visto estes días no entorno do colexio. Para Oubiña, “ a esta situación, que xa de por sí crea inquedanza, non se lle pode facer fronte agochados detrás dunha barreira. O alcalde e o goberno local teñen as súas responsabilidades e deben actuar, traballando en conxunto co resto de entidades, organizando e planificando as actuacións, dotando os medios e tentando crear espazos o máis seguros posibles nas instalacións públicas”.
Logo do falado onte co Umia C.F., esta maña “presentamos un escrito solicitándolle ao alcalde que se reúna de xeito inmediato con esta entidade. Pedidos tamén que se nos traslade copia dos protocolos sanitarios e de actuación previstos para todas as instalacións municipais, aínda que temos a sensación de que o noso alcalde deixou de elaborar documentos fai tempo”.
Por último, non podemos deixar de remarcar que nas últimas semanas estamos recibindo moitas queixas polas falta de comunicación do goberno de David Castro con diferentes entidades e persoas. Un xeito de actuar lamentable, e unhaala dinámica que agardamos o alcalde corrixa no curto prazo.
Lamentamos a chapuza e improvisación nas actuacións de mellora na seguridade do acceso ao colexio de Barrantes.
- O colexio leva seis meses pechado, pero o goberno decide facer actuacións de maneira improvisada no seu acceso o mesmo día de inicio das clases, xerando problemas de seguridade.
- A demarcación dunha zona de acceso segura, parcial e limitada a uns tubos e cadeas de plástico, parécenos unha chapuza.
- O próximo inicio das obras de reforma teñen moi preocupada a dirección do colexio e a ANPA.
Onte levantámonos coa sorpresa de que, despois de tres anos agardando porque David Castro aceptara realizar a obra proposta por Enrique Oubiña no 2017 para mellorar a seguridade de acceso viario ao colexio, ver aos obreiros do concello traballando nesta cuestión.
Dende o noso punto de vista, partindo de que calquera actuación de mellora no acceso ao concello é ben recibida, temos que lamentar a completa improvisación e unha actuación que so se pode definir como chapuza.
Tal como explicaba Oubiña “o colexio leva pechado seis meses, sen embargo non foi ata onte, primeiro día de colexio, que o concello decidiu mandar aos obreiros a facer esta “artistada” de traballo. Ademais, meteron a maquinaria na area de aparcadoiro dos autobuses estorbándolle para as súas manobras, sen delimitar as áreas de traballo e permitindo a nenos, nais e pais pasar polo medio da obra, cos perigos que calquera pode imaxinar”.
Aínda que nos alegra que por fin se actuara temos que lamentar o limitado e inadecuado da actuación, que non pasa de ser un parche para quedar ben. Para Oubiña “no concello consta, como xa se dixo en varias ocasións, un plano coa obra que se debería facer, delimitando, coa correcta demarcación, sinalización e pintado horizontal, a zona de acceso dende a baixada dos autobuses ata a entrada do colexio. O traballo feito onte limítase a colocar unhas varas de pvc cunha cadea de plástico nunha zona de paso, pero non garante o acceso seguro nin ao colexio nin evita en modo algún a perigosidade das manobras dos autobuses. Iso é literalmente como pintar un paso de peóns ata a metade da vía unicamente: absurdo.”
Ademais disto, a actuación feita consistiu en colocar unhas varas de pvc pintadas, unidas cunha cadea de plástico, e todo nun formato de poñer e sacar, que queremos interpretar que ten o obxectivo de deixar libre o espazo fora do horario lectivo, anque non sabemos a razón, e no Umia C.F. descoñecian que se fora realizar esta actuación, polo que tampouco a puideron valorar. O que ninguén sabía tampouco as once da mañá era quen se vai ocupar de realizar a instalación pola maña ou a recollida ao final da xornada escolar, pois entendemos que será deste xeito, porque temos seguro que eses tubos como fiquen colocados un par de dias e noites, van tardar pouco en desaparecer.
Como explica Oubiña “e o que ninguén pareceu pensar neste goberno de postín que temos, é que na situación actual xa non solo hai que garantir acceso seguro ao colexio, se non tamén ao campo de fútbol, e polo tanto convén que esa zona de paso sexa permanente, por non falar de que se debería ordenar a zona de aparcadoiro”.
Pola nosa banda deixar claro que a actuación non pasa de ser unha versión cutre, limitada e posiblemente inútil da proposta que realizou no seu momento Enrique Oubiña, e para a que mesmo se chegara a comprar o material, que agora apodrece no almacén municipal.
Sobre o inicio do curso escolar e a reforma do colexio.
Outros temas que Enrique Oubiña tratou coa ANPA e coa dirección co colexio nesta semana foron as cuestións de seguridade neste inicio de curso, e como van afectar as obras previstas a vida escolar. Sobre a primeira cuestión no noso colexio a situación é como no resto de colexios galegos, con mais incertezas que seguridades, pero a dirección xestionou os seus recursos o mellor posible para adecuarse as cambiantes directrices da Xunta, priorizando a seguridade das crianzas. Con todo, dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados pola parte que afecta ao concello, pois inda que temos constancia de que se van reforzar os servizos de limpeza, o concello non aclarou de que maneira se vai enfrontar está situación, nin que repercusións pode ter no resto de instalacións municipais. “E a vista do que o alcalde lle respostou a Pepe Lede no pleno cando preguntou por esta cuestión, todo apunta a que o concello vai insistir nun formato baseado na improvisación, algo que nos preocupa sobremaneira, pois non esta a cousa para improvisar, e tempo de organizar correctamente estas cuestión houbo abondo. Que con dúas concelleiras ingresando 900€ ao mes non teñamos mellores nin máis claras solucións tamén di moito do noso goberno”.
Por outra banda, tanto a dirección do colexio como dende a ANPA a estas alturas, xa cun contedor de obra ao carón do centro educativo, seguen sen saber as actuacións concretas que se van acometer, e ninguén lles amosou o proxecto final. Esta mesma maña o director do colexio nos contaba que descoñecía como se van solventar cuestións como a retirada do amianto, algo delicado sometido a normas de seguridade moi estritas, e que a empresa adxudicataria lle comunicou que as obras se van ter que realizar durante o horario escolar, algo totalmente inadmisible, mais se como se dixo a través da prensa, as obras inclúen actuacións nas aulas.
Pola nosa banda, “como o alcalde xa declarou que el non vai buscarse conflitos de ningún tipo co goberno do PP e polo tanto deixa as nais e pais tiradas, tomamos de novo a iniciativa e diriximos un escrito ao novo conselleiro de educación para solicitarlle que mantivera unha xuntanza coa comunidade educativa, se explicara o proxecto a realizar e se lles tivera en conta antes de poñer a piqueta a traballar”.


