Ultimatum da Valedora do Pobo a David Castro.

  • Negativa reincidente de David Castro a dar explicacións á Valedora do Pobo pola  a súa obstrución continua ao traballo de Somos Ribadumia.
  • A Valedora ameaza con considerar hostil e entorpecedor ao goberno de IR, podendo chegar a súa nefasta xestión ao parlamento.
  • Lamentable imaxe pública do noso Concello.

  Se fai un par de semanas o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia poñía en entredito a xestión de David Castro cunha sentenza que daba a razón a unha traballadora municipal, esta semana encontrámonos con que é a propia Valedora do Pobo a que chama a capitulo de maneira contundente ao alcalde ribadumiense.

   A orixe desta chamada de atención, cuxa denominación especifica é “recordatorio de deberes legais” está nun dos seis expedientes que David Castro ten abertos nesa entidade a instancias de Somos Ribadumia e motivados pola súa negativa a entregar a documentación que lle solicitamos, por non realizar os plenos ordinarios segundo establece a lei e por bloquearnos o acceso ao rexistro municipal.  Un bloqueo completo ao traballo da oposición e aos funcionamentos democráticos que a Valedora do Pobo non pasou por alto, ao aceptar a trámite as nosas queixas, reclamando do Concello as pertinentes explicacións. Explicacións que David Castro leva eludindo dende  o inicio da lexislatura, usando todo tipo de subterfuxios para evitar cumprir coas súas obrigas, e que nos levan ao punto actual, cunha carta onde se lle require ao goberno local para que cumpra coas súas obrigas de xeito inmediato, baixo ameaza de que esta cuestión chegue ao parlamento, que podería valorar tomar medidas para a reposición dos funcionamentos democráticos no  noso concello.

  Tal como explica Oubiña  “os funcionamentos democráticos non se establecen á carta, nin segundo o criterio do alcalde. Eses tempos quedaron moi atrás. Agora temos uns mecanismos que garanten que a veciñanza e as forzas de oposición teñan acceso ao funcionamento do goberno,  que debe seguir uns criterios de transparencia moi concretos e esixentes. David Castro pensa que con transformar os plenos municipais en teatriños e aparentar xa lle vale, pero a cousa non vai así. E non é que o digamos nós,  agora tamén llo está dicindo a Valedora do Pobo”. 

A transparencia en tempo e forma.

  Compre remarcar que a cuestión concreta pola que neste caso pedimos amparo á Valedora do Pobo refírese á negativa de David Castro de entregar diversa documentación, e a facelo dentro dos prazos que establece a lei. E que o que a Valedora reclama non é esa documentación, se non que o goberno local aporte as explicacións pertinentes por non tela entregado en tempo e forma, unha explicación que o goberno local nega a pesar de térselle reclamado ata en tres ocasións.

  Con outras queixas anteriores polo mesmo motivo dende alcaldía optouse por xogar ao despiste e dilatar os prazos, poñendo escusas e chegando ao extremo de enviar a documentación que nos solicitabamos á propia Valedora do Pobo en lugar de a quen lla solicitou, sempre no último día, logo de presentada a queixa e chegados varios requirimentos desa entidade, logrando que polo medio pasaran varios meses, para  logo montar un paripé nos plenos municipais, facendo pasar por funcionamento transparente algo que é todo o contrario, pero “aínda que tente enganar á nosa veciñanza, coa Valedora do Pobo non lle cola. Porque do que se trata é de que ante unha solicitude de información ou documentación de calquera tipo, hai uns prazos legais nos que debe respostar. Todo o demais son escusas,  trampas ao solitario e titulares de prensa que agora se volven contra o alcalde, que queda como un incompetente”.

   Somos moi conscientes de que o que realmente preocupa a David Castro é que dende Somos Ribadumia estamos facendo un bo traballo, e por ese motivo se dedica a poñernos paus nas rodas.  Porén, a  nós o que nos preocupa “é saber que é o que nos oculta David Castro, os motivos polos cales non nos permite o acceso ao rexistro municipal nin entrega a documentación que lle solicitamos. Non sabemos que quere tapar con tanta paixón, pero en calquera caso nos imos seguir cumprindo coas nosas obrigas. E xa é hora de que el cumpra coas súas”.

Lamentable imaxe pública do noso concello.

   E é que a actitude de David Castro, completamente fora de lugar nun goberno municipal, “lévanos a que así como na lexislatura anterior o noso Concello destacaba polo seu funcionamento democrático, e pola súa transparencia e actitude colaborativa coa oposición e coa veciñanza, agora destaque xusto polo contrario, dando unha imaxe pública lamentable, cun goberno obstrucionista, que non acepta a crítica a ningún nivel, e ademais  somete a bloqueo calquera intento de acceder a unha  información que debe ser pública”.

  Unha imaxe que nos avergoña como concello ante outras institucións e administracións públicas, demostrando unha neglixente xestión municipal, e que pode xerar moitas dúbidas á hora de establecer mecanismos de axuda de diversos tipos debido ao escurantismo co que o noso alcalde se encirra en actuar.

   Por iso dende Somos Ribadumia pedímoslle a David Castro que mude de actitude, asuma que debe ser transparente e cumpridor nas súas funcións, recupere o bo trato coas forzas da oposición e deixe de queimar pontes. Pola nosa banda, como xa demostramos apoiando aquelas medidas que consideramos positivas, e aportando en moitas cuestións, imos seguir traballando en positivo para mellorar a vida no noso concello. O que non imos permitir é que o alcalde pretenda recortarnos dereitos e bloquearnos na nosa función.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s