Ante a evolución da covid-19: autoconfinamento.

  • Os datos de evolución da pandemia no noso concello non están sendo positivos.
  • Pedimos á cidadanía que á vista da situación actual, opte na medida do posible polo autoconfinamento.
  • Debemos axudar a dar volta á situación canto antes.
  • Disto saímos entre todas e todos, con responsabilidade individual e colectiva.

   Dende Somos Ribadumia, vendo como está evolucionando a situación no noso concello, pasando en un mes de cero a vinte e dous casos activos, cunha subida nos tres últimos días exponencialmente alta, consideramos necesario facer un chamamento á responsabilidade e ao coidado individual e colectivo.

   A veciñanza de Ribadumia leva demostrando nesta pandemia un sentido da responsabilidade exemplar, e a mellor proba diso foi a baixa incidencia coa que enfrontamos o nadal, pero é evidente, á vista dos datos actuais, que non foi suficiente.

Tamén se fai evidente que os bandazos do goberno autonómico e as decisións tomadas nas últimas semanas en todos os aspectos, sen afondar nelas, non deron máis resultado que o que todos menos Alberto Nuñez Feijóo prevíamos, o aumento desorbitado de casos e posiblemente a perda de control sobre a pandemia.

Na situación actual, e ante a incertidume e o aumento de casos, só nos queda pedirlle á nosa veciñanza que siga dando exemplo como ata o de agora, pero reforzando as medidas de precaución, evitando saír da casa salvo para o máis imprescindible, e facelo sempre respectando de xeito escrupuloso as medidas que xa todos coñecemos: careta, desinfección de mans e distancia social. Só sendo responsables a nivel individual poderemos manter de maneira colectiva a enfermidade a raia.

  A saúde e evitar contaxios e mortes é o primeiro. Porén, queremos tamén pedir que non esquezamos que do noso comportamento non só depende a evolución da pandemia, tamén outros moitos aspectos, como a resistencia do comercio local e da hostalaría e o resto de empresas pequenas, para os que pedimos todo o apoio canto sexa posible, sempre na medida das posibilidades de cada quen. Sabemos que hai moito cansancio, logo de case un ano de medidas de todo tipo, e que estes pasos atrás son descorazonadores, pero queremos  achegar tamén unhas verbas de ánimo, na seguridade de que unidos como sociedade seremos quen de saír adiante.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s