David Castro insiste na súa persecución a unha traballadora municipal.

- O goberno local solicitou presentar recurso de casación ante a sentenza do TSXG.
- David Castro non cede e segue usando recursos municipais para resolver cuestións persoais e para dilatar os prazos evitando asumir responsabilidades políticas.
Dende Somos Ribadumia vimos de ter coñecemento, para a nosa sorpresa, de que o Concello, por orde de David Castro, solicitou presentar recurso de casación para unificación de doutrina, contra o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestimaba o recurso presentado polo concello contra a sentenza favorable a unha traballadora que reclama que unha baixa medica lle sexa recoñecida como baixa por accidente laboral, que recordamos que ten repercusión directa sobre a súa pensión de xubilación, ademais doutras indemnizacións recollidas no convenio colectivo correspondente.
Dito recurso, en caso de ser aceptado a trámite, resolverase dende o Tribunal Supremo de Xustiza de España, en Madrid. Para iso, o Concello deberá presentar unha sentenza por un caso xudicializado con sentenza firme que sexa igual en todas as características ao referido, pero con fallo xudicial diferente, e será o Tribunal o que en primeiro lugar deberá fallar se a sentenza presentada para a unificación de doutrina reúne as condicións, e de ser así establecer o criterio que considere, dándolle a razón ao Concello ou negándolla.
Realizar este tramite, ademais dos 600€ que o Concello tivo que dispor de entrada para poder inicialo, terá un custe de miles de euros, e segundo as nosas consultas realizadas con varios profesionais -que coincidiron en non recomendar esta acción – resulta complexo e será difícil que prospere.
Ademais, tal como explica Enrique Oubiña de novo topámonos con que nin o INSS nin a Mutua correspondente viron necesidade de actuar ante o recurso, asumindo a sentenza e as consecuencias que lles poida carrexar, e so o Concello, o único que a priori non ten nada que perder economicamente, segue nesta carreira, que máis ben debemos denominar persecución contra unha muller, que se para o alcalde remata ben significará que esa muller quedara cunha pensión reducida nun 30% , e non estamos falado precisamente de pensións de miles de euros, falamos de cantidades que marcan a diferencia entre vivir con dignidade ou non, anque esas cousas a David Castro pouco lle importan”.
Dende a nosa formación temos claro que o que David Castro busca é prexudicar a esta persoa todo canto sexa posible, algo que non podemos nin asumir nin aprobar. Como tampouco podemos aprobar que para resolver as súas cuítas persoais co persoal municipal David Castro utilice os recursos do concello, que “senta un precedente moi perigoso que mete presión ao persoal municipal, que vive con asombro e certa incertidume o desenvolvemento deste asunto, coa sombra de que poida pasarlle algo parecido a calquera. E eu témome que, se lle colle o gusto, o noso alcalde poida ter a idea de usar os mesmos mecanismos para atacar a calquera veciño que o contraríe”.
Por outra banda é evidente que o medo a ter que afrontar dende as arcas municipais unha indemnización de varios miles de euros por mor da súa falta de xestión é outro motivo polo cal David Castro tenta dilatar este proceso todo canto lle sexa posible. Mais dende aquí queremos pedirlle que reflexione sobre como está actuando. Non querer asumir un erro en política, nin as súas consecuencias, por moito que o vexamos a diario non é nin ética nin moralmente aceptable, pero que para ocultalo non se teña reparo en xogar cos dereitos laborais e coa dignidade dunha muller parécenos dunha gravidade absoluta. Pedímoslle a David Castro unha vez máis que rectifique, que ceda nesa persecución, que explique cal é a situación real do Concello e o que debe afrontar, e que asuma as consecuencias políticas dos seus actos.