O centro de saúde de Ribadumia, cun so médico e recortes nos días de atención de pediatría.

- Ribadumia non se salva da política de recortes da calidade sanitaria do PP
- Unha vez máis non se está cubrindo a baixa dunha das dúas facultativas.
- O Sergas está procedendo ao traslado paulatino do servizo de pediatría a Cambados.
- Animamos á veciñanza a poñer reclamacións cando non os atendían correctamente, ou lles alonguen os prazos para as citas.
- David Castro segue desaparecido da función política.
O Partido Popular non cede na súa liña política sanitaria, cuxo obxectivo claro é a degradación da calidade da atención sanitaria, en concreto a atención primaria. O noso concello non queda fóra desa liña de actuación, coa diferencia de que en Ribadumia o PP ten o apoio tácito de David Castro, que ante os grandes problemas do noso concello ponse de perfil e garda silencio para evitar confrontar co goberno autonómico.
O centro de saúde de Ribadumia leva días cunha das súas facultativas de baixa, baixa que non se está cubrindo provocando a saturación do servizo de atención unha vez máis co perigo que iso pode ter no caso dunha emerxencia, ademais da merma na calidade na atención á nosa veciñanza co retraso acumulado das citas médicas presenciais, unha situación que non se mitiga coa atención telefónica, un mecanismo que o goberno de Feijóo nos colou coa escusa da pandemia e que non só mantén, se non que pretende reforzar cunha app para realizar as consultas vía telemática, vendendo como modernidade unha degradación da calidade da atención sanitaria.
Por outra banda, o servizo de pediatría tamén está padecendo as consecuencias dos plans da Xunta. O pediatra, compartido co concello de A Illa, xa reduciu as horas de atención nestes dous concellos trasladándoas ao centro de saúde de Cambados. Un traslado de horas que o que oculta e o paso paulatino da atención pediátrica de Ribadumia e a Illa a Cambados. Algo que nos consideramos inadmisible.
Dende Somos Ribadumia seguiremos traballando contra este recorte na calidade de atención sanitaria no noso concello, favorecendo e apoiando as medidas de protesta que se desenvolvan, insistindo ante o Sergas para que se nos manteñan os servizos de atención primaria e en xeral plantando cara na defensa dunha sanidade pública e de calidade. Pedimos a David Castro que deixe de poñerse de lado ante os problemas da veciñanza e asuma dunha vez as responsabilidades do seu cargo.
Por último, pedirlle á veciñanza que non renuncie aos seus dereitos, que poñan reclamacións por escrito nos centros de saúde e nas oficinas de atención ao paciente cada vez que non os atendan correctamente, lles deán prazos longos para as citas, ou calquera outra deficiencia que sufran na atención sanitaria.
One comment