Category: Sen clasificar

Indignante: o goberno local regalou ás mulleres sets de manicura nos actos do 8M.

  • Á entrada do Acto de Homenaxe ás Mulleres de Ribadumia, o goberno entregou a cada muller un detalle consistente nun set de manicura.
  • Indignante elección do detalle, sexista, misóxino e denigrante.
  • A concelleira de igualdade debe dimitir de inmediato.

  Dende Somos Ribadumia non quixemos distorsionar os actos e actividades que neste mes se realizaban en toda a comarca con motivo do Día Internacional da Muller, pero unha vez pasada a maior parte de actividades, debemos por de relevancia un feito tan alucinante como indignante.

   O pasado 13 de marzo tivo lugar, dentro das escasas actividades programadas polo goberno local para conmemorar o 8M, un acto de Homenaxe ás Mulleres de Ribadumia. Non imos entrar a valorar o acto, de por si retorcido ata convertelo nun absurdo, pero non podemos deixar pasar por alto algo que pasou nel.

   Á entrada dese acto o goberno local entregou un detalle ás mulleres asistentes (só ás mulleres) . Cal foi a nosa sorpresa e indignación ao comprobar que o detalle en cuestión era un set de manicura. Dende a nosa formación non podemos saír do noso asombro ante o feito de que nun acto público, e para máis inri nun relacionado co 8M, onde os discursos, as accións e toda a simboloxía debería xirar ao redor do moi necesario empoderamento feminino, do camiño cara a rotura dos teitos de cristal e acadar cotas de igualdade en todos os ámbitos, o goberno de David Castro, que conta cunha concellería de igualdade, regala ás mulleres un set de manicura, que ten a mesma carga simbólica denigrante que regalar unha plancha da roupa, unha fregona ou un xogo de sarténs.

   Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar estes comportamentos sexistas e misóxinos, que afondan nunha imaxe estereotipada e denigratoria da muller asimilándolle uns roles que non se corresponden cos dunha sociedade igualitaria. E menos podemos aceptar estes comportamentos, na liña do que promulgan no estado forzas de ultradereita que queren ás mulleres relegadas á cociña e ás tarefas do fogar e cría de fillos, no goberno local de Ribadumia, que xustamente debería traballar para dende o político eliminar estes estereotipos e ideas prefixadas do papel da muller na sociedade, e traballar para darlle a volta a esa visión.

  Ademais, o goberno local non ten escusa. Se a concelleira de igualdade non ten capacidade para asumir as bases e principios da loita feminista, ou non sabe como enfrontar este tipo de accións, conta con todo o apoio, ademais do persoal de servizos sociais de Ribadumia, do CIM mancomunado, e con concelleiras e alcaldesas comprometidas e con conciencia feminista en toda a comarca. Mesmo hai libros de temática feminista na Biblioteca Municipal. E dende logo, en Somos Ribadumia, que tivemos a responsabilidade desas áreas na lexislatura pasada, convertendo a Ribadumia no referente para a comarca que xa non é, sempre estivemos dispostos a colaborar neste tipo de cuestións.

  Este despropósito non é un erro puntual, é unha mostra máis da carga ideolóxica deste goberno, que se suma a actitudes e accións políticas ao longo da lexislatura. Dende o controvertido cartel do 8M, que ía estar segundo o goberno en redes toda unha semana e durou 24 horas, á renuncia de 115.000€ en axudas para plans de igualdade, e da maior parte de outros 13.000€ este ano para plans de loita contra a Violencia de Xénero, que o goberno ocultou dos orzamentos, e anteriormente chegando a desacreditar o Punto Morado que sendo Oubiña concelleiro se colocou na Festa do Viño, ou a anulación do plan de apoio e axuda a vítimas de violencia de xénero Conta Comigo Ribadumia.

  É evidente para nós que o goberno de David Castro, e en concreto a concelleira de igualdade, Sofía Núñez, non ten o máis mínimo interese nas cuestións das que é responsable, e que ademais  fai ostentación duns principios ideolóxicos totalmente alonxados do feminismo, por moito que despois se enchan á boca, ela e o resto do goberno local, nós actos públicos ou cando encontran un micrófono diante do que falar. Polo tanto, e logo desta última acción, totalmente inaceptable, indignante denigrante para as mulleres, consideramos que a concelleira de igualdade debe dimitir de xeito inmediato, ou debe ser cesada.

Comunicado relativo ao AF7

  • David Castro abandona aos clubs deportivos municipais mentres apoia eventos privados.
  • A vista do resultado no ano 2019, consideramos que ese evento non aporta beneficios ao noso Concello.
  • David Castro ocultou ao pleno que se ía repetir este evento no debate orzamentario.
  • Non hai partida económica para el, e non sabemos o que lle vai custar as arcas municipais.
  • David Castro garantizou o apoio a este evento privado, e negouse a garantizar o apoio a outras probas, como baixada do Umia ou o Ciclocross, organizadas por entidades locais.

Este pasado venres tivemos constancia, unha vez máis polos medios de prensa e non a través das canles de comunicación política, como o Pleno Municipal, a Xunta de Voceiros, ou a Comisión Informativa de Deportes, de que o Arousa Fútbol 7 vai ter lugar por segunda vez no campo de A Senra en Ribadumia.

  De partida queremos dicir que a nosa posición é totalmente allea á cuestión deportiva, sobre a que nada hai que dicir, pois nese aspecto ó evento esta fora de toda dúbida. Nós falamos  dende a perspectiva política e de beneficios ou non para o conxunto do noso concello e para as seis entidades deportivas que actualmente conviven en Ribadumia.

   Para Oubiña a nova non sorprende. Cando o pasado 3 de marzo debatemos o reparto de axudas a entidades o AF7 xa estivo presente, e aínda que David Castro non quixo admitir que xa estaba negociada a repetición deste evento, coas súas verbas e a súa defensa férrea dun evento que no 2019 foi un completo fiasco deixounos claro que este ano imos volver tirar cartos nun evento que a Ribadumia quedou claro que non lle aporta gran cousa”.

  Ese evento, que no 2019 tivo un custe para a veciñanza de máis de 13.000€, foi tal como expresou Oubiña no pleno un fiasco económico e de imaxe social, sobre todo para a hostalería local, á que se lle vendeu este evento como un maná de clientes, animandoos a encher os almacéns e neveiras, pero que despois resultou un Bluf de primeira orde, pois aínda que no campo houbo público, esa asistencia non repercutiu nos negocios locais.

   Dende o noso punto de vista non é razoable que o goberno local  estea  apoiando este tipo de eventos,  que non hai que esquecer que teñen carácter privado e con ánimo de lucro, ao mesmo tempo que se manteñen conxelados os fondos para os clubs deportivos do Concello. E menos que se apoie a eventos que non aportan apenas nada a Ribadumia, máis aló duns titulares na prensa deportiva.

   Ademais, David Castro volve actuar con total obscurantismo en relación a un evento que vai ter lugar en instalacións municipais, e que vai supor un investimento público, que se oculta a cidadanía. No pleno David Castro volveu ocultar que estaba previsto este evento, e ocultouno tamén nos orzamentos, ao non incluír ningunha partida para facerlle fronte. É máis, a partida para eventos deportivos, só conta con 12.000 €.Non sabemos de onde vai sacar David Castro os cartos para facer fronte ao AF7, sexan moitos ou poucos, pero pareceríanos lamentable e totalmente inaceptable que se sacaran da partida de eventos deportivos, que seguramente nin sequera sexan suficientes para facer fronte á axuda que van precisar as probas deportivas, profesionais e federadas, que van organizar este ano varias entidades  do noso concello como o descenso do Umia, a proba de ciclocross, ou a proba de rallies. Os fondos municipais, e isto para nos é innegociable, deben ir prioritariamente ás actividades organizadas polas entidades locais”.

  David Castro, unha vez máis, abandona o goberno para centrarse en apoiar as súas paixóns persoais, as súas ansias por saír nas fotos e os seus intereses partidistas. Ademais faino creando malestar e discordias entre os clubs deportivos. Non sentou nada ben que no último pleno David Castro negárase primeiro a aumentar as partidas de axudas aos clubs deportivos, “porque os cartos son os que son e dan para o que dan”, e tamén se negara despois a comprometer os fondos suficientes para garantir a celebración do descenso do Umia e do Ciclocross -que xa na segunda edición vai ter categoría internacional – coa mesma escusa, pero agora poña o que faga falta para un evento organizado por unha entidade de fora do concello e privada, e ademais focalizando a actividade nas instalacións que utiliza unha entidade concreta, que xa nos últimos anos se esta notando como prioritaria para o goberno local, pois ten todo luxo de atencións mentres outras instalacións e entidades se deixan de lado, ou como no caso do Umia C. F. son directamente atacadas dende o goberno local, con proxectos que os prexudican gravemente.

   A nosa posición segue sendo a mesma que no 2019. Máis aló de que consideramos que ese evento non ten sentido en Ribadumia, se hai 13.000€ para pagar un evento privado, ten que haber fondos para axudar aos eventos que organicen as entidades locais, pero sobre todo ten que haber fondos para mellorar unhas partidas que levan conxeladas cinco anos, e que son moi necesarias para esas entidades.

Para Oubiña Mentres estamos a piques de perder unha aula do CRA pola falta de nenos, motivada en gran parte pola desidia dun goberno incapaz de xestionar e de aportar servizos ao noso rural , o noso alcalde anda polos campos de fútbol. Iso xa o dí todo”.

David Castro recolle nun documento formal a compra dunha propiedade que non chegou a realizarse.

  • (podes acceder aos documentos dos que falamos neste artigo aquí e aquí. Nós SI somos transparentes).
  • Durante a análise dos documentos do Plan Ágora, Enrique Oubiña descubriu un que xera moitas dúbidas.
  • David Castro chegou a recoller documentalmente como xa realizada a compra dunha propiedade privada e mesmo a redactar un proxecto de obras enriba dela, cando esa compra non está feita.
  •  O goberno local négase a dicir quen mandou redactar ese documento, nin quen o redactou, aínda que é evidente. 

  David Castro, logo de moitos meses ocultando o que estaba facendo,  veuse obrigado a dar explicacións o pasado 25 de febreiro por todo o relativo ás dúas subvencións perdidas que sumaron un total 529.000 €. Pero entre as poucas explicacións que Enrique Oubiña conseguiu sacarlle logo de cinco horas e media de pleno, houbo unha cuestión que non logrou aclarar: a existencia dun proxecto, en concreto unha memoria descritiva completa, coas obras previstas, planos e valoración económica, que daba por feita a compra dunha parcela que en realidade aínda non se produciu, nin parece que se vaia producir, pois o orzamento para este ano non recolle nada nese senso.

   Para contextualizar, este proxecto, que conta cos rexistros do Concello como parte do expediente pero non ten sinatura de ningún técnico, elaborouse antes de realizarse a solicitude do Plan Agora, e de feito toda a memoria descritiva coincide verba por verba coa documentación presentada na solicitude desa liña da Deputación, esta si asinada polo arquitecto municipal, en todo salvo nunha pequena parte. E esta pequena pero importante  parte é a que chamou a nosa atención.

   Ambos proxectos definen tres zonas de actuación: o entorno do colexio, a zona onde está a sede de protección civil e unha terceira zona no tramo de actuación da rúa Condesa. Na memoria asinada polo arquitecto, na páxina 6,  onde se describen as zonas de actuación, en referencia á Zona 3, , recordemos, o tramo da rúa Condesa, aparece a seguinte reseña: A actuación será completada nunha futura fase coa adquisición, por parte do Concello, dun terreo que da fronte cara a Rúa Condesa e que lindan polo fondo co recinto escolar (concretamente coa zona de entrada ao CPI Julia Becerra Malvar), de tal forma que se poida utilizar como espazo seguro para aparcamento de vehículos. Pero na memoria descritiva sen asinar, ese parágrafo, que nese documento figura na páxina 3, é diferente , e aparece deste xeito: “O terceiro espazo ( Z.3) é a leira que dá fronte á Rúa Condesa, RECENTEMENTE ADQUIRIDA POLO CONCELLO, e que linda polo fondo co recinto escolar, concretamente coa zona de entrada ao colexio Julia Becerra”.  Ademais, esta memoria descritiva sen asinar inclúe realizar obras na parcela supostamente adquirida, en concreto “o proxecto contempla a demolición da edificación e muros existentes e a urbanización da parcela deixando espazo para a futura construción dunha edificación de usos múltiples en baixo e planta”.

  Temos entón que como plantexamento para o Plan Ágora, o goberno local de partida daba por feito a compra dunha propiedade sen que esta tivera acontecido. Isto, de chegar a mandarse á Deputación, suporía un caso grave de falsidade documental, pois esa propiedade non é que non estivera comprada, que non o está aínda hoxe, senón que non existía aberto ningún proceso para executar esa compra, que debe obrigatoriamente pasar por pleno municipal e ter dotación orzamentaria. Polo tanto o goberno mandou redactar un proxecto en base a unha realidade falsa. Ademais compre recordar que as Administracións obrigan aos concellos a ser propietarios legais dos terreos nos que se realizan obras para dar financiamento.

  E  a cousa non rematou aquí. Como as condicións da Deputación para a concesión destas axudas eran moi concretas, o goberno, polo motivo que fora – quizais caer na conta de que estaba cometendo unha irregularidade – decidiu modificar ese proxecto, eliminando a parte que afectaba a esa parcela privada. Pero a modificación, que consistiu nun recorte substancial do proxecto, ao eliminar a dotación dunha dársena de autobuses, non incluíu ningunha modificación orzamentaria. Polo tanto, a segunda cuestión : dous proxectos de obras e dimensións diferentes, co mesmo custe económico, exactamente 601.345,44 €.

É evidente pois que se falsearon os datos da memoria que se presentou para acceder ao Plan Ágora, e que a obra que se pretendía facer non custaba o que se recollía nesa memoria.

  David Castro non quere asumir responsabilidades, tal como explica Oubiña “nun exemplo de actuación bochornosa, negouse nese pleno a dicir que persoa redactou esa memoria, poñendo todo tipo de escusas absurdas como que ese proxecto pasara por moitas mans, e comprometeuse a transmitirnos en días posteriores quen había redactado ese documento. Así pois, fíxose protexer nese pleno por un avogado e un arquitecto, e ningún dos dous tiña nada que ver coa documentación da que falabamos, que forma parte do expediente da axuda solicitada ao abeiro do Plan Ágora”.

  No último pleno ordinario, este pasado 3 de marzo, Enrique Oubiña volveu preguntar por esta cuestión, e David Castro, con certa chulería, volveu a negarse a dar ningún tipo de explicación, e en concreto negouse a dicir quen redactou a memoria descritiva en cuestión. Algo que resulta absurdo, porque o documento, como se dixo é, salvo as diferenzas ditas, o mesmo que se presentou o 12 de abril á Deputación, asinado polo arquitecto municipal.

  En realidade, David Castro non quere explicar como deu por feita,  ata o punto de incluíla como parte dun proxecto,  a compra dunha propiedade privada cando esta non tivo lugar, nin os desfases entre ambos documentos, ou o feito de que dous proxectos con diferenzas tan importantes poidan ter o mesmo custe económico.

  Unha vez máis , topámonos con que temos un goberno que actúa por impulsos, mudando de parecer segundo sopre o vento, e que xestiona os recursos municipais dunha maneira moi lamentable que nos está saíndo moi cara á veciñanza de Ribadumia.

   Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados polas formas de actuar do goberno local, e do que estas teñen detrás “porque con todo isto, e queda demostrado cos feitos que vimos, David podería agora mesmo estar redactando calquera proxecto de obra incluíndo nel a propiedade privada de un ou varios veciños sen que eses veciños sexan coñecedores de nada, e sen ter a menor noticia ata que a maquinaria lles apareza diante da casa. Estas son as mans nas que estamos agora mesmo”.

   Pedimos a David Castro e a concelleira de obras que asuman as súas responsabilidades políticas nestes feitos e ante estas formas de xestionar, que son totalmente inadmisibles.

Aprobada a nosa moción para instar as oficinas bancarias de Ribadumia a dar unha mellor atención á nosa veciñanza.

  •  Á moción foi aprobada por unanimidade.
  • O goberno local asume con esta moción o compromiso de instar ás empresas bancarias que operan en Ribadumia a mellorar a atención ao público, eventos especial as persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade.

   No último pleno ordinario debatéronse dúas mocións presentadas por Somos Ribadumia e defendidas polo noso voceiro Enrique Oubiña.

  A primeira destas mocións buscaba un acordo para que o Concello, entre outras cousas, instara ás entidades bancarias que operan en Ribadumia a mellorar a atención ao público, con especial énfase na atención  ás persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade, unha atención que nos últimos anos, cos recortes nos tempos de atención e nas xestións en ventanilla, empeorou dunha maneira para nos inaceptable.

 Para Oubiña “ logo de todo o que esta acontecendo coa banca nos últimos anos, como o cobro de comisións abusivas e sen avisar que vivimos no 2020  ou o peche da Oficina de Ponte Arnelas que daba servizo a unha parte da nosa veciñanza sen que o goberno local tomara ningún tipo de medida, alegrounos ver que o goberno local apoiou a nosa iniciativa, que vai en beneficio de toda a nosa veciñanza, en particular da xente maior ou con problemas para desenvolverse  coas xestións electrónicas ou para entender determinados produtos bancarios”.

Dende Somos Ribadumia agradecemos o apoio do resto de forzas políticas, que permitiron aprobar a moción sen debate. Pola nosa banda xa temos asumido que o goberno non vai tomar iniciativas deste tipo a título persoal, pois o seu modelo de xestión baséase en facer o mínimo posible, pero cando menos agradecemos que unha vez que tomamos nós a iniciativa, como neste caso que ao goberno en realidade non lle implica nada, deán o seu voto favorable.