Category: Sen clasificar
Ribadumia amosa a súa cara máis gris nesta Semana Santa gracias á nula acción do goberno de David Castro.

- Nula promoción turística nas redes e na web municipal.
- O auditorio pechado, sen axenda cultural ou de actividades en toda a semana.
- No Facebook do Concello en Semana Santa: fútbol, fútbol e fútbol.
- As sendas fluviais e as zona nas verdes, un ano máis, abandonadas.
Pasou a Semana Santa, e dende Somos Ribadumia avaliamos a xestión do goberno local na promoción turística e na organización de actividades que neses días puideran dar vida ao noso concello e proporcionar alternativas de ocio a nosa veciñanza e atraer visitantes. Ademais debido ao parón da pandemia, esta Semana Santa foi a primeira á que o goberno de David Castro se enfrontou cun mínimo de normalidade dende que ten a maioría absoluta.
E tal e como explica Oubiña “primeiro exame e primeiro suspenso a todos os niveis. Ribadumia foi en Semana Santa un aparcadoiro para a xente que fixo a ruta da pedra e da auga ata a Armenteira, ou zona de paso dos peregrinos, pero nada máis. E o goberno local non aportou ningún tipo de actividade que puidera atraer ao noso concello a unha parte das miles de persoas que visitaron a nosa comarca na primeira semana de tempada alta en condicións dende o inicio da pandemia, nin as que pasaron polas nosas sendas fluviais”.
Non houbo axenda de actividades de ningún tipo, o auditorio permaneceu pechado e non houbo nin un só acto cultural; nula promoción do comercio e da hostalería locais, ningunha actividade de promoción turística, nin sequera nas redes sociais ou na web. Nada.
Esta desidia “contrasta co apoio desesperado que o goberno local fixo a un evento deportivo que tivo lugar dende o xoves ao domingo en Ribadumia. No Facebook do Concello, que David usa como se fora o del, contabilizamos 18 publicacións, moitas delas conexións de vídeo en directo, da fase clasificatoria do AF7, un evento por certo privado. O que non se mirou nas redes sociais do concello foi unha soa publicación animando a visitar o noso concello, promovendo os nosos espazos de interese, ou a gozar das bondades da nosa hostalaría. Só fútbol, fútbol e máis fútbol”.
Hai que remarcar que no ámbito deportivo estas semanas están tendo lugar varios eventos importantes para os clubs locais, aos que o goberno local non dedica a máis mínima atención. Por outro lado, só tres días antes de iniciarse a fase clasificatoria do AF7, a trinta metros de onde tivo lugar este evento, no auditorio celebrouse o VIII Festival de Bandas de Música Infantís, organizado pola Agrupación Musico Cultural de Ribadumia, e o goberno local non deu ningún tipo de cobertura nas redes, nin moito menos conexións en directo. “Todo isto deixa en evidencia que as prioridades de David Castro teñen moito que ver coas súas paixóns persoais e as súas ansias de gloria e de fotos entregando trofeos, e moi pouco co apoio ás entidades e clubs locais”.
Por outra banda, se falamos do único movemento de persoas que se detectou no noso concello, centrado nas sendas fluviais dos ríos Armenteira e Umia, temos que lamentar que nin sequera neses espazos deramos boa imaxe. “O operativo especial que o goberno dixo que puxera en marcha días antes da Semana Santa, consistiu en unicamente dúas persoas con sendas desbrozadoras, ás que malamente lles deu tempo a cortar a herba, unha vez máis de maneira esaxerada, da parte ribadumiense da Ruta da Pedra e da Auga. Máis aló de cortar a herba, non houbo ningún tipo de acción de mantemento, e o resultado foi unha imaxe bastante deplorable, con elementos apodrecidos ou rotos, e as botellas de auga que unha vez foron trampas para velutinas colgando das polas. E iso nese tramo, porque o resto de sendas fluviais, que suman o triple de quilómetros, quedaron esquecidas por completo, , ao igual que o resto de zonas verdes do noso concello, ata o punto que as papeleiras levan semanas sen baleirarse”.
Por outra banda, hai que por de manifesto que dende a creación das sendas fluviais, a maior parte do movemento de persoas que no día da Romaría das Cabezas atravesaba á ida e á volta o centro de Barrantes, co conseguinte movemento económico, paulatinamente foise desviando por esas rutas, ata o punto de que este ano apenas se notou o efecto desta data, e iso que en Ribadumia era tamén xornada festiva.
Dende Somos Ribadumia “ levamos tempo dicindo que hai que avanzar na promoción do noso concello, non quedarse no que se fixo na lexislatura pasada,, poñendo en valor todo o que temos que é moito máis que as sendas fluviais, e apostar por aportar alternativas, con actividades e eventos que animen ás persoas que nos visitan a ficar unhas horas en Ribadumia, e deixar cartos nos negocios locais. Pero iso leva tempo, e require de xestión e recursos, e David Castro, lamentablemente prefire deixar ao pairo a xestión municipal, e só se move para ir a Fitur a facerse fotos con Gonzalo Durán, e así nos vai”.
Dende Somos Ribadumia temos claro que segundo se acheguen as datas das eleccións David Castro vai tratar de poñer todo bonito, tanto as zonas verdes como os parques infantís. Para nós isto supón un lamentable desprezo pola nosa veciñanza, que paga impostos para poder gozar dos seus espazos públicos calquera día do ano, non só cando se acheguen as eleccións, e poñemos en valor, contra esta maneira desleixada de actuar, a xestión que durante a lexislatura pasada, con Enrique Oubiña e Pepe Lede levando as áreas de Urbanismo, parques e xardíns, se fixo de das mesmas, unha xestión que ata a oposición naquel momento acabou por valorar positivamente.

Un contundente informe do Defensor do Pobo deixa en evidencia a David Castro.

- O Defensor do Pobo emite un informe que tumba todos os argumentos cos que David Castro pretende bloquear o dereito de Enrique Oubiña a acceder ao rexistro municipal.
- O informe deixa claro que Enrique Oubiña ten dereito a consultar o rexistro, ata o punto de que nin sequera precisa a autorización da alcaldía.
- Pedimos a David Castro que desista de entorpecer o noso traballo e cumpra coa legalidade, tal como lle recomenda o Defensor do Pobo.
O pasado venres chegaba ao Concello e a Somos Ribadumia un informe do Defensor do Pobo claro e conciso en relación ao acceso ao rexistro que David Castro mantén bloqueado dende fai ano e medio.
(Podes consultar o informe completo aquí)
Porque a cousa ven de atrás. En concreto dende que a principios de outubro do ano 2020 Oubiña solicitou acceso ao rexistro municipal. A negativa de David Castro dende o primeiro momento a que o noso voceiro poida acceder a esa información rematou por desembocar nunha solicitude de amparo ante o Defensor do Pobo. Esa solicitude foi aceptada e un ano máis tarde, logo de media ducia de manobras dilatorias por parte de David Castro, este organismo emitía o seu informe. Tal como explica Oubiña “nese momento David Castro saíu todo fachendoso anunciando que o Defensor do Pobo había informado en contra nosa, cando o único que fixo ese organismo foi clarificar a legalidade e os dereitos e obrigas dos cargos públicos a este respecto, así como as fórmulas correctas para solicitar e acceder a este tipo de información sen xerar dúbidas , o argumento co que David Castro estivo enredando un ano, pedindo informes a canto organismo encontrou tentando inutilmente que algún lle dera unha xustificación coa que evitar que exercera os meus dereitos como concelleiro”.
Tal é así, que un mes despois de pecharse ese expediente en outubro de 2021, e logo de que comunicaramos ao Defensor do Pobo que Oubiña seguía sen poder acceder ao asento de entradas e saídas do rexistro municipal, o Defensor do Pobo abriu un novo expediente, dentro do cal, logo de varios intentos dilatorios de David Castro, ese órgano emitiu un informe que non deixa lugar a dúbidas.
O informe emitido polo Defensor do Pobo tumba todas as escusas que David Castro puxo para non darlle acceso a Oubiña á información municipal, dende a suposta sobrecarga do persoal municipal a un suposto problema informático, e deixa ben claro nun extenso documento onde repasa toda unha serie de artigos legais e sentencias xudiciais que Oubiña, en calidade de cargo electo, ten dereito a acceder a ese tipo de información, ata o punto de que nin sequera debe pedir autorización á alcaldía para facelo. No só iso, senón que o propio informe afea as actuacións dilatorias de David Castro, e recoméndalle en base á legalidade vixente – o Defensor non pode obrigalo – que dea acceso inmediato a Enrique Oubiña á información solicitada.

O silencio de David Castro.
O informe chegou o pasado venres. Dende entón David Castro, que faltoulle tempo semanas atras para ir correndo á prensa á falar dunha suposta queixa interposta ante o Defensor do Pobo da que hoxe aínda non temos constancia ou para emitir comunicacións con información falsa e deturpada do contido de reunións coa Valedora do Pobo, non tivo tanto apuro por ir aos medios e colgar nas redes o contido deste informe, nin para asumir as súas responsabilidades.
Pola nosa banda, seguimos traballando. “O mesmo venres, unha vez recibida a comunicación do Defensor do Pobo, púxenme en contacto coa Secretaría Municipal, para informarlle que á vista do informe, que despexa calquera dúbida, e en particular deixa claro que o goberno local non pode interferir no exercicio dos meus dereitos, en canto a miña situación laboral mo permitise, pasaría polo Concello a consultar a información tal e como a teño solicitada”.
Dende Somos Ribadumia non agardamos que David Castro teña a deferencia que debería de comunicarlle a Oubiña que unha vez aclarada a cuestión non porá máis atrancos, que sería o correcto, pero si agardamos que non haxa máis problemas. Porque dende logo, se David Castro persiste en bloquear o traballo do noso voceiro, chegados á este punto non nos quedaría máis opción que acudir á vía xudicial, unha vía que vimos evitando dende o principio, sabendo que sería máis rápida que andar meses enleados co Defensor do Pobo, para evitarlle ás arcas municipais os custes deste tipo de accións.
“David Castro que non se trabuque con nós. A nosa senda é a do diálogo, pero esa senda ten marxes. Senón nos deixa máis opción que acudir á vía xudicial para defender os nosos dereitos e para poder realizar o noso traballo, farémolo. E será David Castro o que teña que explicarlle á veciñanza de Ribadumia os seus actos e o custe dos mesmos, tanto no económico como de imaxe pública”.
A hipocrisía de David Castro: ilumina o Concello de azul mentres recorta o convenio con BATA.

- Logo de intentar liquidar o convenio con BATA, o goberno di que se solidariza con este colectivo.
- Pedimos menos hipocrisía e máis acción política, e que David Castro recupere o convenio anterior con BATA, promovido no 2016 por Enrique Oubiña.
- En política falan os feitos: con Oubiña ampliouse o convenio con BATA, con David Castro recortouse ao mínimo. E a Concelleira de política social, desaparecida.
Unha nova data relevante, e un novo exemplo do goberno hipócrita que temos en Ribadumia, máis pendente da propaganda que de gobernar para a veciñanza e de avanzar no apoio aos colectivos máis desfavorecidos. .
O pasado sábado celebrouse o Día Mundial do Trastorno do Espectro Autista, este ano co lema “unha feliz viaxe pola vida”, a, través do cal se pon o foco no dereito das persoas con TEA e das súas familias a gozar dunha vida feliz. E o Concello este ano, a diferencia do ano pasado, onde pasou a data por alto, decidiu sumarse en parte ás campañas de concienciación deste día nas redes sociais e alumeando a casa consistorial de azul.
Dende o noso partido, por suposto estamos a favor de calquera campaña deste tipo e, de feito foi con Oubiña de Concelleiro que se comezaron a realizar accións deste tipo, pero estamos máis a favor de que as administracións e as forzas políticas que as xestionan foran máis alá das campañas de concienciación, e no caso do goberno local ribadumiense agradeceriamos que David Castro fora algo menos hipócrita.
De partida xa non foi ben a campaña nas redes, onde tiveron que mudar de foto de perfil ata tres veces en tres horas porque aparentemente non acertaban coa foto correcta, e realizaron unha publicación bastante discutible e discutida -e en parte corrixida posteriormente – por errónea ao tratar ás persoas con TEA como persoas que “padecen esa enfermidade”, cando xa fai anos que non se considera dese xeito senón como un trastorno ou unha condición neurolóxica.
Pero máis aló disto, nós queremos poñer o foco na acción política, porque dende a nosa formación entendemos que en política os que falan son os feitos e as medidas políticas. E o goberno de Ribadumia cos seus feitos vai no camiño contrario ao que pretende vender.
O concello de Ribadumia leva dende o ano 2012 colaborando con BATA, unha entidade que traballa pola integración deste colectivo. No ano 2016, con Oubiña ao cargo de política social, o Concello aumentou o convenio de nove meses ata convertelo en anual, dando así un importante paso na integración destas persoas, que de facto pasaron a formar parte do equipo de xardinería municipal.
Foi o goberno de David Castro o que posteriormente pretendeu liquidar este convenio o ano pasado e deixar fora de Ribadumia a este colectivo. Ao final, gracias á presión pública e da nosa formación, e a que David Castro non é capaz de xestionar co persoal existente o mantemento das zonas verdes do Concello, rectificou en parte, e mantivo o convenio, pero reducido a metade.
A finais do verán pasado dende Somos Ribadumia presentamos unha moción para recuperar o convenio anual, que os Independientes tumbaron chegando a poñer en dúbida o traballo desas persoas, e no debate orzamentario deste ano volvemos insistir, e os Independientes volveron rexeitar a nosa proposta a pesar de verse obrigados pola situación insostible das zonas verdes a realizar contratos puntuais con esa entidade, argumentando que BATA funciona como unha empresa e que polo tanto xa non é unha entidade que traballe pola integración. Escusas absurdas que en todo caso só serven para visibilizar unha posición política de desprezo cara este colectivo e a verdadeira cara dos Independentes, que non queren a BATA en Ribadumia, nin moito menos persoas desas características traballando no Concello.
Para Oubiña “luces azuis acéndeas calquera, sobre todo dende que o goberno local puxo uns focos led alumeando a fachada do concello é so hai que darlle a un botón para que muden de cor. Pero non hai foco capaz de tapar a hipocrisía, a demagoxia, e o desprezo de David Castro polas persoas con TEA. Que se deixe de tanto aparentar, e que demostre con feitos o que predica”.
Dende Somos Ribadumia insistimos en pedir a recuperación do convenio anual con BATA, un trato digno e integrador para esas persoas por parte do goberno local, e menos hipocrisía política. E dende logo volvemos pedir que se asuman responsabilidades políticas a todos os niveis. As redes sociais do Concello, cando non se usan para facer campaña partidista énchense de mensaxes confusas ou claramente erróneas, que dan unha pésima imaxe do noso Concello e nalgún caso crean un xustificado malestar, e iso é inaceptable.
David Castro reparte cortauñas no Día da Muller e a culpa é de Enrique Oubiña.

- Os argumentos usados para xustificar que nun acto do Día da Muller se regalaran cortauñas ás mulleres, están totalmente fora de lugar.
- Tanto David Castro como Sofía Núñez volven agóchanse detrás doutras concelleiras.
- Recordámoslle a David Castro que é alcalde dende o 2015, e polo tanto o máximo responsable de todo canto acontece no goberno local dende ese ano.
- Pésima imaxe pública do noso Concello a nivel estatal.
Á vista das declaracións verquidas nunha canle de tv e nas redes sociais polos Independientes, non nos queda outra opción que aclarar un par de cuestións, e de paso facer algo de pedagoxía cos Independientes, que é evidente que isto do feminismo quédalles, como todo o relacionado coa política, algo grande.
No ano 2018, o goberno que tiña ese momento Ribadumia, do que David Castro, a pesar de que agora non o recorde, e a maior parte do equipo actual dos Independientes formaban parte, tomou a decisión, certamente por iniciativa do noso voceiro Enrique Oubiña que era tamén responsable das áreas de política social, de modificar o enfoque que dende o goberno local se viña dando nos últimos anos ao Día da Muller e aos actos e actividades que se celebraban con motivo do 8M, e levouse a cabo a través de varias accións.
En primeiro lugar modificouse o acto de homenaxe ás mulleres, despolitizandoo logo de moitos anos de uso partidista do PP, e establecendo unhas bases obxectivas que permitían que cada ano unha muller recibira un recoñecemento simbólico extendido a todas as mulleres de Ribadumia. E este acto complementouse con dúas accións simbólicas máis, que buscaban recoñecer e por en valor o papel da muller na sociedade. Tal como explica Oubiña “Por unha banda estableceuse o envío cada mes de marzo dunha postal a cada fogar ribadumiense, onde se recordara e se recoñecera a labor das mulleres. Non podemos esquecer que a maioría das mulleres do noso concello non participa nos actos ou actividades que se poidan levar a cabo cada ano, pero non por iso teñen un papel menos relevante na vida e na sociedade, nin se debe recoñecer menos. E ademais consideramos nese momento que era positivo realizar accións que axudaran a que as mulleres tomaran conciencia plena do seu papel na sociedade, en particular aquelas que polas súas circunstancias non teñan moito tempo para pararse a pensar nestas cuestións.
E isto complementábase cunha segunda acción o día do Acto de Homenaxe as Mulleres de Ribadumia: a entrega dun detalle na mesma liña, axudar a través dalgo meramente simbólico á creación dunha conciencia social e colectiva – esta era a clave – de empoderamento feminino”.
No ano 2018 ás mulleres que asistían a ese acto, por todo o dito, efectivamente entregóuselle un pequeno agasallo recordándolle de paso a importancia do seu papel na sociedade, “cousa tamén moi importante, porque se senón se recoñece o papel da muller, e se a muller non asume ese papel e o seu significado, non será fácil recoñecer por fin e dun xeito real, a través de políticas e avances sociais, os seus dereitos en todos os ámbitos da vida”.
Ese agasallo foi un pequeno colgante. No ano 2019, optouse por algo igual de simbólico, unha peza de tea dunha cor que encaixara na gama de cores, dende o rosa ao violeta escuro, que simbolizan as diferentes loitas das mulleres. A peza escollida foi un fular, pois ten o mesmo papel simbólico que as habituais pulseiriñas ou lazos, pero dentro dun auditorio daría maior visibilidade e reforzaría a mensaxe que se pretendía dar. E ademais non é unha peza exclusivamente feminina.
Nada se fixo no 2018 e 2019 ao azar. Todo este tipo de actividades e accións fixéronse logo de darlle moitas voltas, de traballalas ben e de valoralas co persoal de servizos sociais e do CIM, que entenderon a idea que se quería trasladar dende a concellería que dirixía Oubiña e deron todo o apoio a esta maneira de actuar.
A nosa pregunta, logo de explicar isto é: que simboloxía transmite un cortauñas, e ademais entregado unicamente ás mulleres nun acto do 8M???
Para nós, tal como explica Oubiña, a resposta é “Ningunha, e en todo caso ningunha boa. Os Independientes transformaron un acto de enorme carga simbólica nun aguinaldo de Nada con carga machista e denigrante para as mulleres. E ademais facendo gala da súa completa ignorancia, saen na tele usando o socorrido argumento de “e Enrique facía o mesmo”. O mesmo non, parecido e á vez moi distinto. Por suposto que entregamos un foular e un colgante, pero fixémolo por un motivo e obxectivo moi concreto e traballado, asesorados polo CIM e o persoal de servizos sociais, non compramos a primeira cousa que topamos no catalogo que nos parecía que podía quedar ben e sumar votos”.
Dito todo isto, temos que lamentar que David Castro actuara con total covardía, ocultando a súa responsabilidade con actitudes e declaracións que dan vergoña allea, saíndo nunha canle de nivel estatal – por segunda vez en menos dun ano, a primeira foi polas festas na súa casa en pandemia – dicindo que ese set de manicura era algo que habían escollido as concelleiras dando a entender nun exercicio de puro machismo que o feminismo é cousa de mulleres, e que el non tiña nada que opinar. Tamén hai que lamentar que Sofía Núñez se oculte da opinión pública, e teña que ser outra concelleira a que faga declaracións ante a prensa.
Sobre outras cuestións, como sacar a relucir as declaracións da ministra de igualdade, cuxo partido non garda ningunha relación con Somos Ribadumia, pouco podemos opinar. Pero dende logo temos moi claro que unha cousa é sexualización de determinadas cores ou xoguetes nas idades infantís, e o debate que poida darse sobre iso, que nos parece moi interesante, e outra moi distinta o uso dunha cor como representación dun colectivo ou da loita social deste. Lamentable, pero tamén moi definitorio, que a muller que leva as redes de Independientes por Ribadumia non coñeza nin entenda esas diferenzas.
En resumo, por segunda vez o noso Concello sae na prensa a nivel estatal por mor das malas actuacións dun alcalde desnortado, que se cree por enriba do ben e do mal, e que pensa que todo canto el faga está ben feito, e que se recibe criticas o malo é sempre o que critica, nunca unha mala actuación súa, ata o punto de buscar culpables en todas partes menos no espello.
Pola nosa banda so podemos insistir en pedir responsabilidades políticas ante uns feitos que deixan quedar a Ribadumia, catro anos despois de ser un referente en políticas a favor da igualdade e da muller, nunha posición de vergoña.

