A persecución a unha ex-traballadora agochaba unha posible indemnización de 30.000€.

  • O Tribunal Supremo tumbou o último intento de David Castro de negarlle pensión correspondente a esa ex-traballadora .
  • Esa persoa ten dereito a unha indemnización ao considerarse a súa baixa permanente como laboral, recollida no convenio colectivo.
  • Envainada do goberno: o xoves din que a traballadora presentou unha reclamación xudicial, pero o venres din que de momento non se presentou nada.
  • O Concello debería ter contratado un seguro para cubrir ese tipo de incidencias.

  Logo de preguntar en varios plenos, e mesmo de realizarse un pleno extraordinario para intentar aclarar cales eran os motivos que levaron ao alcalde a perseguir xudicialmente a unha traballadora, no pleno deste pasado xoves a Concelleira de Contas Pilar Martinez –  David Castro, responsable da área de persoal,  ocultouse novamente detrás do seu equipo – cantou ao fin cal era a segunda causa, ademais de prexudicar directamente a esa persoa a través  da súa pensión,  que motivou esa persecución xudicial, que non é outro que o dereito desa traballadora a percibir unha indemnización, neste caso de 30.000€,  a cal o Concello podería ter que facer fronte ao carecer do perceptivo seguro.

   O noso voceiro Enrique Oubina presentara unha batería de preguntas por rexistro de cara este pleno,  entre elas varias relativas a esta cuestión. O motivo foi que o pasado 16 de febreiro o Tribunal Supremo ditou a  inadmisión do recurso presentado polo Concello de Ribadumia contra a sentenza que daba previamente  a razón a unha ex-traballadora municipal, demostrándose así  e quedando recollido documental e xudicialmente que todo o proceso xudicial posto en marcha polo Concello de Ribadumia contra esta persoa era un completo despropósito.

E cando decimos isto non o decimos por decir. Resumamos:

– A sentenza do 3 de abril de 2020 resolvía que a baixa de incapacidade temporal desa traballadora derivaba  de accidente de traballo, condenando a os demandados, Seguridade Social, Mutua e Concello a  asumir as consecuencias derivadas da sentenza. En principio para o Concello ningunha.

– O Concello de Ribadumia foi a única parte que interpuxo recurso contra esa sentenza. O recurso foi desestimado confirmando a sentenza anterior, e por suposto obrigando ao Concello a asumir as costas xudiciais (550€). Nesa sentenza os maxistrados deixan moi claro na redacción dos fundamentos de dereito que o propio recurso presentado polo Concello se basea en argumentos excesivamente xenéricos, que non se sosteñen, ou plantexan cuestións fora da función do tribunal. Ou sexa, que o recurso non tiña soporte legal.

– O concello seguiu insistindo cun recurso de casación ante o Tribunal Supremo (600€ de entrada), recurso que  o 16 de febreiro pasado foi desestimado nunha sentenza contundente que, resumindo, deixa claro que o concello expuxo uns argumentos que non se sostiñan por ningún lado, quedando patente unha vez máis que os recursos presentados son unha fuxida cara adiante. Por certo que aos 600€ de presentar este último recurso haberá que sumar as costas as que debera facer fronte o concello, ao final só este último intento de sacarlle a traballadora o que lle corresponde rondará polo baixo os 2.000€.

 As preguntas de Oubiña estaban enfocadas en parte a determinar os custes deste proceso xudicial, e foi na resposta a estas preguntas cando Pilar Martinez declarou que o proceso xudicial aínda está aberto porque falta resolver unha última parte, onde a traballadora, en base ao convenio colectivo no que se enmarca e o seu artigo 80, solicita a indemnización que lle corresponde pola súa incapacidade permanente. Este anuncio foi posteriormente matizado ante un medio de prensa dicindo que de momento non hai presentada ningunha demanda, aínda que contan con ela. A isto hai que decir que se contan coa demanda é porque David Castro insiste en negar a unha traballadora o exercicio dos seus dereitos e quere bloquearlle o acceso ás indemnizacións que legalmente lle corresponden, indemnizacións que se David Castro fixera ben as cousas nin sequera tería que asumilas o Concello.

 Oubiña, que non puido asistir ao pleno por motivos  de forza maior, declarou unha vez visualizado o pleno que  “esa traballadora ten recoñecida xudicialmente unha incapacidade laboral, que nin a Seguridade Social nin a Mutua negan, e David Castro vai a por ela de fronte, primeiro querendo negarlle a pensión que lle corresponde, e agora querendo impedirlle acceder á indemnización que tamén lle corresponde e que está perfectamente recollida no convenio colectivo. É inmoral e indecente”. 

   A cuestión de fondo, máis aló da guerra persoal de David Castro contra esta persoa, que ten a súa orixe nun desacordo en cuestións de traballo, está en que se a traballadora acaba indo ao xulgado e este finalmente, como é previsible pois a traballadora xa ten recoñecida a súa incapacidade por motivos laborais, dita sentenza favorable á traballadora, o Concello deberá afrontar unha indemnización que roldará os  30.000€, tal e como fixo público Pilar Martinez . Dita indemnización a priori non debería supor un problema para o Concello porque como decimos suponse que ese tipo de cuestións deben estar aseguradas, pois así o recolle o  convenio colectivo no seu artigo 80, artigo que regula as indemnizacións e a obrigatoriedade de telas aseguradas. “Non debería ser un problema pero dase a circunstancia de que cando acaeceron os feitos que deron lugar á baixa desa traballadora, o “gran xestor” David Castro non contratara os seguros regulamentarios, polo que é máis que probable que por culpa da incompetencia para o goberno do responsable único deste tipo de cuestións, a veciñanza de Ribadumia vai ter que facer fronte a esta indemnización”.

  Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar o tratamento que se lle deu no pleno á persoa afectada, tentando poñela como unha estafadora que quixera roubarlle ao Concello cando so é unha persoa exercendo o seu dereito a unha indemnización laboral, nin tampouco podemos aceptar as actitudes de David Castro, que no canto de asumir o seu erro e evitarlle á veciñanza máis custes dos necesarios, arrancou nunha fuxida cara adiante que ao final pode supor un custe económico moitísimo superior.

Pedímoslle unha vez mais que deixe de tirar os cartos en avogados e que asuma que esa persoa ten uns dereitos recoñecidos e que asuma tamén os seus erros de xestión e que se faga cargo politicamente das consecuencias e dimita como alcalde de Ribadumia, porque un alcalde non pode usar desa maneira os recursos públicos, nin avergoñar ao noso Concello facendo o ridiculo nos tribunais, e porque sobre todo, un alcalde non pode actuar con tal nivel de irresponsabilidade e deixadez, incumprindo regulamentos que son vitais para a económia do Concello arriscándose a indemnizacións de miles de euros por non contratar un misero seguro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s