A máis de 40° e sen un mísero grifo de auga: as lamentables condicións da oficina de turismo.

- A oficina de Turismo de Ribadumia mantén unhas condicións deplorables.
- A técnica debe aguantar temperaturas de máis de corenta grados á sombra, sen auga corrente nin aseos.
- A Deputación subvenciona unhas instalacións que non cumpren os requisitos requiridos.
Nunha visita rutinaria feita polo noso voceiro á Oficina Local de Turismo para interesarse polos datos de visitantes do que levamos de verán, Oubiña declarouse nada máis chegar estupefacto, pois “encontrámonos cunha oficina que é un inferno na terra, coa traballadora aguantando temperaturas próximas aos corenta grados dentro do local xa antes do mediodía e sen tan sequera contar con acceso a auga corrente”.
Interesándonos máis a fondo pola situación da oficina de Turismo, que sabiamos que non era das mellores, pero que dende o goberno se nos había trasladado que se fixeran algunhas melloras, puidemos comprobar como esas melloras non chegaron a facerse e a instalación segue a manterse nun estado moi precario, tendo a traballadora unhas condicións case infrahumanas e coas propias instalacións – unha caseta de madeira que supera os dez anos sen apenas mantemento – en estado case de derrube, coa madeira apodrecida e chea de fungos.
Comezando polo máis básico, é totalmente inaceptable que David Castro manteña a unha persoa traballando nesas condicións, aguantando temperaturas de máis de corenta grados á sombra, sen apenas ventilación no local, nin auga corrente, nin aseos, ata o punto de que esa persoa depende para as súas necesidades máis básicas de que o bar do outro lado da estrada estea aberto, e da humanidade dos seus propietarios. .
“Calquera que entre estes días no despacho da alcaldía, notara caer a temperatura 15 ou 20 grados centígrados de golpe, gracias ao privilexio dun aire acondicionado. E aínda que David fai un uso moi irresponsable dos recursos ignorando a normativa estatal, eu non vou pedirlle que apague o aire acondicionado, pero si lle pido que trate ao persoal municipal coa mínima humanidade e coa dignidade obrigada”. Neste senso dende Somos Ribadumia estamos analizando que medidas tomar para evitar que esta situación se manteña xa máis tempo. Porque, e hai que remarcalo, esta cuestión non se está dando de maneira puntual con motivo da vaga de calor destes días. Debido ás características da caseta de turismo, a acumulación de calor é moi alta calquera día dende abril a setembro, e sen aire acondicionado, auga corrente e aseos, é imposible que unha persoa permaneza alí unha xornada laboral cun mínimo de dignidade.

Oficina subvencionada pola Deputación
Por outra banda, está a situación da propia instalación. A Oficina de Turismo de Ribadumia forma parte da Rede Provincial de Oficinas de Turismo “InfoRiasBaixas”, promovida pola Deputación, a través dun convenio do cal o Concello se beneficia a nivel de promoción pero tamén accedendo a axudas económicas, ata o punto que se beneficia dunha axuda do 60% do custe da persoa que está na Oficina.

E isto chama moito a atención, porque os requisitos para poder formar parte desa rede de puntos de información turística, que conta cun regulamento de funcionamento específico, son moi concretas e rigorosas. “Analizamos as bases da convocatoria e o regulamento, e comprobamos que a oficina de Turismo de Ribadumia non cumpre nin remotamente coas condicións requiridas, nin de condicións da instalación nin de imaxe pública. Por non ter, non ten nin un mostrador ante o cal atender aos visitantes dunha maneira minimamente profesional”.
Dende Somos Ribadumia xa nos diriximos á Deputación solicitando información sobre o estado desta oficina, e para tentar aclarar que foi o que pasou, se o Concello aportou a documentación xustificativa de maneira erronea ou ten algún compromiso de actuación pendente de executarse, ou se a propia Deputación non fixo as pertinentes corroboracións, porque o que é evidente é que esa oficina está nas antípodas do que promove a Deputación.
“E agardamos que esta cuestión sirva tamén para que entidades como a Deputación vaian caendo na conta de que hai que controlar o uso dos recursos en todos os aspectos, incluída a dignidade laboral das persoas”.