Category: Sen clasificar
David Castro oponse sen motivo á creación dun Plan de trampeo de vespa velutina .

- A moción para dotar un plan de trampeo de velutina non saíu adiante pola negativa de David Castro a asumir responsabilidades nos espazos verdes municipais.
- O trampeo de raiñas, primordial na loita contra a velutina, queda a espensas das accións voluntarias dos colectivos.
No último pleno ordinario debatéronse dúas mocións presentadas por Somos Ribadumia e defendidas polo noso voceiro Enrique Oubiña.
A primeira destas mocións logrou o acordo para que o Concello, entre outras cousas, instara ás entidades bancarias que operan en Ribadumia a mellorar a atención ao público, con especial énfase na atención ás persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade, unha atención que nos últimos anos, cos recortes nos tempos de atención e nas xestións en ventanilla, empeorou dunha maneira para nos inaceptable. Esta moción aprobouse por unanimidade e sen debate,
Por desgracia, non podemos dicir o mesmo da segunda moción debatida nese pleno. Esta, que pretendía a dotación dun plan de trampeo de velutina, que con criterios científicos establecera as pautas para realizar campañas de trampeo nas zonas verdes de responsabilidade municipal, favorecendo así a efectividade das accións que nos últimos anos acometen colectivos locais.
Neste caso o Concello si tiña que asumir responsabilidades e facer un traballo, “e David Castro en canto escoita falar de responsabilizarse dalgo que non sexan ancheamentos de pistas ou torneos deportivos, péchase en banda”.
Hai que dicir que os Independientes presentaron unha proposta alternativa á nosa moción, que eliminaba toda responsabilidade municipal na loita contra a velutina. Pola nosa banda entendíamos que o goberno debe responsabilizarse das actuacións que se levan a cabo nos espazos municipais, e polo tanto é imprescindible un mínimo de regulación, cando menos para establecer pautas de cara a campañas realizadas por outros colectivos, é evitar que se repita a situación actual, coas nosas sendas fluviais cheas de botellas de plástico colgadas sen uso nin servizo e que van rematar con toda seguridade no río, e por iso, aceptando a maior parte das súas propostas, presentamos finalmente ao pleno unha alternativa moito máis sinxela, pola cal o concello só tiña que elaborar un manual de trampeo, establecendo as zonas óptimas, as datas, e as responsabilidades en cada caso, tanto de colocar as trampas, como de atendelas e retiralas aí final do período de trampeo.
A última proposta, foi aceptada e mesmo defendida polo PP e o PSOE, pero os Independientes negáronse a aceptar esa proposta e a moción non puido saír adiante.
Para Oubiña “o acordo final, onde cedemos na maior parte do proposto inicialmente, era totalmente asumible, pero o problema non era ese, era que os Independientes non querían que no mesmo pleno se aprobaran dúas mocións nosas, e menos por unanimidade. É moi lamentable que a persoa ou partido que presenta unha moción teña máis peso para o goberno local que o contido da propia moción. Pero este é o goberno que temos: ademais de bastante vago, resulta ser un goberno irresponsable e rencoroso”.
A Somos Ribadumia danos moita tristura que un goberno local actue desta maneira tan pouco seria. E advertímoslle que se pensan que con esas actitudes prexudican á nosa formación, están moi errados. Á única prexudicada é a veciñanza de Ribadumia, e neste caso a veciñanza, a loita contra a velutina que é responsabilidade de todos, é a imaxe do propio concello, que de cara as visitas foránea, con esas botellas cheas de Lama colgadas ao longo da nosa contorna máis visitada, resulta bastante lamentable.
E mentres, aquí vos deixamos unha escolla do cento de botellas que nestes momentos decoran as arbores das nosas sendas fluviais:

































































































David Castro renuncia a 13.000 € do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

- O orzamentos non recollen a partida de máis de 13.000 € concedidos en setembro do 2021 para programas contra a Violencia de Xénero a desenvolver neste 2022.
- Estes fondos supoñen máis do dobre dos 12.000 € que dispón este ano o goberno para programas de loita contra a violencia de xénero.
- Outro exemplo dunha xestión neglixente que leva ao goberno a perder o fondos doutras administracións.
- A loita contra a violencia de xénero non é unha prioridade para David Castro.
- A concellería de igualdade leva perdidos case 130.000 € en axudas para programas de integración e loita contra a violencia de xénero.
O escaso tempo do que dispuxemos para analizar a proposta de orzamento que os Independientes meteron pola vía da imposición neste último pleno, impedíronnos unha análise completa e fonda do documento antes do pleno, pero unha vez pasado este, e revisando o orzamento con calma, aínda topamos algunha sorpresa.
Unha particularmente grave é a falta dunha partida xa concedida polo goberno en setembro do ano pasado, que debería executarse antes de xullo deste 2022. Esta partida de 13.020,08 €, corresponderíase coa transferencia concedida aos Concellos nunha resolución do 8 de setembro de 2021, pola Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, resolución que supuxo unha importante mellora no reparto duns fondos que anteriormente eran moi reducidos, rondando para o caso de Ribadumia os 1.500 €. De feito, nos orzamentos aprobados polos Independentes non hai nin partida que recolla o ingreso nin tampouco se consignan as partidas cos programas ou actuacións que deberían darlle saída, unicamente se vai gastar, sen que figure no orzamento, unha parte moi reducida en pequenas accións, que están ben pero non deixan de ser maquillaxe de cara á opinión pública.
Ao renunciar a estes fondos, que suporían duplicar os 12.000 € consignados polo goberno local este ano para programas de loita contra a Violencia de Xénero con cargo á fondos europeos, David Castro e a concelleira de igualdade renuncian de facto a realizar programas de calado social que na práctica poidan supoñer unha axuda real ás vítimas.
Para Oubiña “ resulta moi lamentable que o goberno local renuncie a investir estes fondos, tan necesarios en algo tan importante como é a loita contra a Violencia de Xénero, pero que ademais neste caso non terían ningunha repercusión nas arcas locais. Unha vez máis, prefírese perder os cartos antes que facer o traballo”.
Recordamos que esta non é a primeira subvención económica que o goberno perde pola súa completa desidia e desinterese. En marzo do ano pasado puxemos de manifesto a perda de 115.000 € para programas de integración, xa concedidos e co proxecto elaborado, aos que o goberno renunciou por que non podían usalos para contratar a persoas da súa corda política. A diferenza neste caso, máis aló da cantidade económica, é que os fondos ao ser de adxudicación directa xa se ingresaron nos concellos en decembro. Polo que ao final posiblemente, se o goberno local non rectifica a súa actuación, haxa que devolver a maior parte por non poder xustificar os gastos.
Con esta nova renuncia a usar fondos xa concedidos, este goberno leva acumulados case 130.000 de perda en investimentos nestas áreas, aos que hai que sumar os 529.000 € perdidos en dúas importantes liñas para desenvolvemento urbanístico, unha delas, a do Plan Ágora, perdida cando xa estaba concedida.
Para Oubiña “mais aló da mala xestión xeralizada, neste caso concreto ponse de manifesto os problemas que o goberno de David Castro ten coa loita feminista e contra a Violencia de Xénero. Como digo moitas veces, moito laciño pero poucas políticas, neste caso nin sequera tendo cartos dispoñibles para elas, o cal da moito que pensar de cales son as ideas reais do goberno local nestes eidos”.
Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados polo retroceso nas políticas locais a favor da loita feminista e contra a Violencia de Xénero, onde volvemos ás actividades de recheo e foto fácil sen políticas nin actuacións de calado que cheguen á cidadanía e ás vítimas, cando ademais eramos referentes nestes eidos gracias ao traballo na lexislatura pasada e deixamos en 2019 o camiño marcado. E estamos moi preocupados pola actitude de David Castro e dos Independientes. Aos discursos, que xa habitualmente resultan bastante ocos e mesmo rozan os argumentarios usados pola ultradereita, vénselle as costuras, cando por exemplo o alcalde nun pleno pon en valor aos equipos – masculinos – futbolísticos locais gabando a súa boa situación en ligas preferentes pero obviando que temos un equipo feminino en primeira nacional, ou coa polémica suscitada co cartel do 8M deste ano, que inclúe unha montaxe fotográfica e unha mensaxe pouco apropiadas, que provocou certa controversia e queixas nas redes. E dende logo, se aos discurso se lle miran as costuras, as políticas demostran que para o goberno de David Castro estas cuestións están moi lonxe de ser prioritarias, ata o punto de perder axudas directas por non elaborar e levar a cabo plans específicos.
Dende Somos Ribadumia temos a confianza que unha vez feito pública esta cuestión, David Castro rectifique a liña de actuación do seu goberno e aínda que só sexa por quedar ben, antes de xuño vexamos no noso concello un programa de calado que sirva para axudar ás vítimas se violencia.
David Castro e os Independientes dan por perdido o Concello.

- Uns orzamentos pobres, coas partidas conxeladas, sen axuda ao comercio e hostalería e sen reforzos da emerxencia social.
- Sen partidas reseñables, sen rastro do proxecto do CPI, e o pouco que se vai facer, con tufo electoralista.
- Logo de anos de queixas, unhas pancartas provocan unha partida de 70.000€ para o punto limpo.
- Volven incluírse partidas falsas.
- Sen negociación sen diálogo coa oposición, os orzamentos aprobáronse pasando o rodillo da maioría absoluta.
O pasado xoves debateuse en pleno o orzamento para o presente ano. De partida a proposta do goberno chegou a pleno sen diálogo coa oposición de ningún tipo, e iso que dende Somos Ribadumia como cada ano presentamos a nosa proposta para os orzamentos fai tres meses, con tempo de sobra a poder negociar partidas. Unha vez máis, David Castro nega aquilo do que pretende presumir.
Indo ao documento, este ano o orzamento sube 119.000€ con respecto ao ano pasado, ata os 4.293.795,18 € . Pero se temos en conta que 70.000€ vanse a engordar a partida da Festa do Tinto e outros 70.800 € a unha obra no punto limpo metida con calzador a última hora, resulta que temos un orzamento máis baixo que no ano anterior.

Por partidas, resulta fácil de resumir: fican conxeladas todas as partidas de axudas a colectivos sociais, deportivos e culturais, e de política social. Só se inclúe a maiores unha axuda para o transporte escolar do CRA, coa que se pretende tapar as queixas polo uso de recursos públicos en favorecer a dúas familias usuarias do CRA que cada día teñen un servizo personalizado de transporte. Seguimos sen ampliar os servizos de conciliación, nin moito menos dotalos no CRA, como nós levamos propoñendo anos.

Non hai absolutamente ningunha partida de apoio ao comercio e á hostalaría locais. As partidas para plans de apoio a empresas e á contratación, que ano tras ano quedan sen usar por ter unhas bases inapropiadas, volven perder fondos. Un ano máis, o goberno de David Castro deixa as partidas para aparentar que hai algo, pero recórtalle fondos cando o que debe facer é modificar as bases de reparto deses fondos para que as empresas poidan acceder a eles. En resumo , apoio ao comercio, a hostalería e as empresas: 0 euros.
Logo de todo o teatro montado por David Castro co suposto proxecto que pretende levar a cabo na contorna co CPI e o campo de A Bouza, e de estragar a oportunidade de acceder a máis de medio millón de euros para esa zona, resulta que o orzamento non recolle fondos para facer fronte a ese proxecto.
En obras, de feito, os únicos investimentos que aparecen, son un lote de partidas pequenas para algúns saneamentos, ancheamentos de pistas e asfaltados. Obras que entran dentro do básico en calquera concello. Unha vez máis topamos que David Castro non ten proxecto para Ribadumia, de ningún tipo.
E outro ano máis dispáranse as partidas para parques e xardíns. O ano pasado subiron dos 5000€ aos 30.000€. E para este ano dispóñense 65.000€, atados á consecución dunhas subvencións, co cal os investimentos poderían ficar sen levarse a cabo. A estes hai que sumarlle 26.000€ en maquinaria. Máis de 90.000 € para os parques e zonas verdes, que non sabemos en que se van gastar, máis aló dun banco de pedra de 6.000€. E se os parques estiveran en boas condicións, igual poderiamos valorado en positivo, pero é que os parques e as zonas verdes levan anos nun estado moito máis que mellorable, ata o punto que non sabemos en que se meten os fondos.
No seu conxunto, os orzamentos teñen que interpretarse como o abandono antes se tempo polos Independientes do Concello. Desístese de abrir a coñecida como rúa do Día, de dotar prazas de aparcadoiro ao centro de Barrantes, de mellora das zonas públicas no rural.
De feito desístese de calquera mellora en calquera área, e unicamente se destinan fondos a dar unha capa se maquillaxe as zonas públicas de cara ás eleccións.
Está claro que a David Castro a lexislatura estáselle facendo longa, e xa só lle queda o recurso de ir aos plenos a dar mitins e a sinalar co dedo á Enrique Oubiña e Somos Ribadumia, ao resto de forzas da oposición, e agora tamén a Deputación.
Por último, non podemos aceptar un orzamento que expoña claramente partidas falsas, como as que neste caso se inclúen para o mantemento do centro se saúde, onde o Concello leva catro anos sen tres competencias. E o ano pasado podía pasar por un erro, pero ese ano é evidente que se inclúen a propósito, e ademais auméntandoas, seguramente co obxectivo de destinar eses fondos a outras cuestións que o alcalde oculta.
Sen diálogo, metendo pola vía da imposición uns orzamentos que non só non fan avanzar ao noso concello, se non que o fan retroceder, e falseando o documento. Obviamente non podiamos votar a favor, polo que nos opuxemos á aprobación destes orzamento, pero con todo, fixémolo propoñéndolle antes ao goberno que se retirasen da orde do día e se someteran a un proceso de diálogo que permitise cando menos realizar algunha corrección, pero o goberno ten demasiada soberbia como para facer algo así e pasou o rodillo da maioría, aprobando os orzamentos cos seus unicos votos favorables.
Levamos a pleno unha moción na defensa dunha atención adecuada ás persoas maiores e a consumidores vulnerables nas oficinas bancarias.

• Propoñemos instar aos bancos con oficina en Ribadumia a dar servizos de calidade, especialmente ás persoas maiores.
• Queremos que se atenda á veciñanza durante todo o horario de oficina, e que se retiren as comisións, como mínimo para as persoas pensionistas ou en situación vulnerable.
As entidades bancarias están a impoñer unha forma de xestión dixital que está a derivar no que algúns organismos xa denominan “exclusión financeira”, unha exclusión que a nosa veciñanza, especialmente á de maior idade, está padecendo, ao igual que no resto do país. Péchanse oficinas, deixando a boa parte da cidadanía sen servizo bancario e obrigando a desprazarse as persoas usuarias a oficinas máis distantes, as cales vense así saturadas e, ademais, en moitas entidades néganse a permitir as xestións presenciais, ou limitan os horarios de atención ao público e para realizar moitas das xestións como o pago de recibía ou mesmo a retirada de cartos, obrigando a acudir ao caixeiro automático ou a internet. E eliminando ou reducindo drasticamente a atención presencial, provocando que unha grande parte do colectivo de persoas maiores deixen de recibir a mínima atención esixible e pasan a ser tratadas como clientes de segunda categoría. Pois, hai que ter en conta que moitas destas persoas non manexan estas novas tecnoloxías; de feito, segundo numerosos estudos, dous de cada tres maiores de 65 anos apenas poden manexar internet.
O concello de Ribadumia no ano 2021 contaba con 1.023 persoas con 65 anos ou mais, o 20% da nosa veciñanza, polo tanto, somos un concello moi afectado por toda esta situación. Ademais, o peche de oficinas no noso concello e outras en zonas limítrofes aumentou o número de usuarios que acoden as dúas únicas oficinas bancarias que temos en Ribadumia, provocando en determinados días do mes colas no exterior das mesmas, formadas maiormente por persoas de idade avanzada.
O pasado 19 de xaneiro de 2021 foi aprobado polo Consello de Ministros un Decreto Lei polo que se modifica a Lei Xeral de Dereitos dos Consumidores e Usuarios, no cal se incorporou a figura da persoa consumidora vulnerable, engadíndose á normativa estatal unha referencia expresa a estas persoas ou colectivos naqueles aspectos relativos ás relacións de consumo onde os seus dereitos requiran dunha protección reforzada. Unha norma que impón obrigas a entidades bancarias e da ferramentas ás administracións para desenvolver políticas de apoio ás persoas afectadas.
Dende Somos Ribadumia decidimos dar un paso á fronte na defensa da nosa veciñanza, e presentamos unha moción que se debatira este xoves co seguinte acordo:
- Instar ao conxunto das entidades bancarias que operan no Concello de Ribadumia a reforzar os recursos para ofrecer un servizo adecuado, durante todo o horario de oficina, para cubrir as necesidades dos seus usuarios e usuarias, en especial das persoas maiores que non poden acceder ás xestións en liña e vense abocadas a padecer situacións penosas á hora de acceder ás oficinas bancarias.
- Instar ao conxunto das entidades bancarias que operan no Concello de Ribadumia a prestar unha atención prioritaria ás persoas consumidoras vulnerables.
- Instar ao Banco de España, organismo regulador competente do sistema financeiro, a vixiar que os produtos financeiros das entidades bancarias non conteñan publicidade que poida resultar enganosa para as persoas consumidoras vulnerables.
- Instar ás entidades bancarias a non cobrar comisións aos pensionistas e a darlles información adecuada sobre os seus servizos e produtos.
- Instar á Xunta de Galicia a desenvolver as súas competencias exclusivas en materia de consumo, impulsando, ao abeiro do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, campañas colectivas de reclamacións bancarias, información ás persoas consumidoras e estudos propios sobre a vulneración dos seus dereitos.
- Trasladar o presente Acordo ao Banco de España, á Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia e ao conxunto das entidades bancarias que operan no Concello de Ribadumia.
Dende a nosa formación temos confianza en que o resto de forzas políticas representadas no pleno apoien a nosa proposta que vai en beneficio de toda a veciñanza de Ribadumia

