Category: Sen clasificar

David Castro non quere asumir que a xestión da Festa do Tinto tivo erros importantes.

  • David Castro, unha vez máis, non sabe nada, non fixo nada, non é responsable de nada.
  • Nega ser responsable do operativo seguridade da Festa do Tinto.
  • Houbo altercados, algún moi grave, pero para David Castro a festa foi todo marabillas porque veu moita xente.

 As declaracións verquidas por David Castro no relativo á Festa do Tinto non teñen xeito nin dereito.

Pola nosa banda, vistas estas últimas declaracións de quen ostenta a alcaldía de Ribadumia, vémonos na obriga de facer unha serie de puntualizacións. De partida reafirmámonos, como xa dixemos, no noso agradecemento e boa valoración de todas e cada unha das persoas traballadoras ou voluntarias que participou na organización da Festa. Parécenos moi lamentable que David Castro pretenda usar a esas persoas como escudo, como nos parece moi lamentable o vitimismo do que fai gala tan alegremente. Quede claro que en ningún momento falamos do traballo feito por esas persoas, se non das actuacións de quen toma as decisións, que non é outro que David Castro, que como sempre pretende que el non ten nada que ver con nada do que acontece.

  Resulta do máis lamentable que David Castro defina como éxito a Festa do viño. Non pode ser un éxito unha festa onde acontece unha violación a unha menor, e tanto da canta xente viñera. E non pode considerarse un éxito unha festa onde quedou patente que a escasa presenza policial favoreceu que houbera altercados violentos. Como non pode valorarse positivamente a labor dun Punto Morado que ninguén sabía que estaba alí e que  por ese motivo, non porque non pasaran cousas, non atendeu a ningunha muller, con independencia de se o traballo das profesionais do mesmo foi adecuado, algo que se da por descontado.

Estamos sorprendidos porque David Castro afirme que el non pediu a presenza da Garda Civil. Non é algo menor, porque se pretende que el non ten nada que ver, entón está afirmando que a Festa non contaba con ningún operativo de seguridade coordinado coas forzas de seguridade do estado. Se fora así habería que pedirlle a dimisión porque unha festa deste tamaño non pode organizarse sen contar coa Garda Civil, máxime nun concello sen Policía Local. “obviamente non é así. A presencia policial e as actuacións da Garda Civil , que van moito máis aló de recordarlle os horarios de peche aos hostaleiros, coordínanse cada ano en cada festa. Decir outra cousa é absurdo, e por suposto que a Garda Civil fixo un control dos horarios de peche por petición de David Castro.E por suposto que aos postos ambulantes se lle deu liberdade horaria dende o Concello. Do mesmo xeito que por suposto que a escasa presenza de axentes este ano foi unha cuestión concordada co Concello, como outro anos se ten concordando unha presenza maior”.

  Pero é que aínda podemos falar máis da súa pésima xestión. David Castro e Mar Moimenta enfrontáronse, non só aos hostaleiros cuxo descontento é evidente e non algo que inventemos nós, senón que tamén se enfrontaron a toda a comunidade de veciños dun edificio que pretendían deixar illado sen acceso ao aparcadoiro do edificio sen nen sequera darlles alternativa, e colocarlles unha caseta de aseos pegadas as ventás, desprezando a eses veciños e veciñas cunhas actitudes máis que chulescas. “A base de presión o goberno medio baixou a orella corrixiu a colocación desa caseta e cedeulles aos veciños un aparcadoiro privado propiedade dun terceiro, aínda que sen ningún tipo de documento nin garantía legal, e vendéndollo aínda por enriba como un favor”.

   Non se pode dicir que o operativo de limpeza funcionou ben cando algunhas  paredes a escasos metros dos locais hostaleiros emitían uns cheiros mediado o sábado importantes, e seguiron con esa imaxe pouco soluble ata despois da festa. E non foi por mala actuación dos operarios, que fixeron o seu traballo perfectamente  tal, como, cando e donde lle mandaron, foi que o operativo de limpeza estivo mal  planificado e peor xestionado.

Podemos falar tamén de que o resultado de desprezar nos anos en que había viño a determinados produtores que querían ter un posto na carpa, deu como resultado que este ano que vez dos catorce postos habituais, só houbese dez, e deses algún duplicado, e ademais en vez de ir aumentando a presenza de viños autóctonos “legais”., vimos como se foi reducindo, pois este ano a diferenza das últimas dez edicións, non había ningún viño con etiqueta.

  Podemos falar do caos circulatorio que se montou nas primeiras horas das noites do venres e o sábado por unha falla de previsión de David Castro, ou da mala sinalización dos aparcadoiros públicos.

  Medir unha festa desta importancia e organizada por unha administración pública unicamente pola afluencia de xente non nos parece nin adecuado nin correcto.  O éxito da festa mídese na organización e xestión dos recursos, da seguridade, e da limpeza, entre outros factores. En resumo, podemos decir que a festa tivo moita afluencia de xente, si, pero do mesmo xeito o goberno local, que é quen xestiona é organiza a festa, e David Castro, que é quen en calidade de alcalde toma as decisións pertinentes, non estiveron a altura.

A dobre vara de medir de David Castro na Festa do Tinto, desprezando a hostalería local en favor dos postos ambulantes.

  • Aos locais de Barrantes mandoulles á Garda Civil para que pecharan puntualmente, pero permitiu a barra da Comisión aberta ata as nove da mañá.
  • Prexudicou aos locais na fin de semana de maior facturación en favor dos postos de comida ambulantes e da barra da Comisión, subarrendada a unha empresa foránea.
  • O descontento da hostalería local, patente.
  • Importantes fallos de seguridade e de limpeza durante as festas.

  A alta afluencia de xente a Festa do Tinto deste ano non conseguiu tapar os desmáns e os exercicios de soberbia  e de irresponsabilidade do goberno local, que non tivo reparos en prexudicar aos locais hostaleiros en favor dos postos ambulantes e das barras alugadas polo concello, e que cometeu errores graves na xestión do tráfico no centro de Barrantes.

 No ano 2019, por primeira vez o goberno de David Castro solicitou a presenza da Garda Civil para pechar os locais de hostalería na hora establecida. Tal como explica Oubiña “esta medida imposta polo home que dixo nun pleno que había que ter certa flexibilidade coas normas, o mesmo home que montou unha festa en plena pandemia xusto fai un ano con visita da Garda Civil incluída, sorprendeu nese 2019 á hostalería e a nos mesmos, que non estabamos informados de que se fora tomar esa medida, pois ata ese momento en todas as edicións permitirase , sempre e cando non houbese altercados nin excesos, certa flexibilidade horaria -que non abuso- , co ánimo de favorecer o desenvolvemento da propia festa e aos negocios locais, que durante esa fin de semana teñen un pico moi importante de facturación”.

  Dende Somos Ribadumia non somos en absoluto contrarios ao cumprimento da lei e entendemos que obviamente ten que haber limites. Pero tamén hai que entender como funcionan as festas e actuar con criterio. Se David Castro quere facer vir a Garda Civil a pechar os locais nas noites nas que máis xente hai en Barrantes, porque o considere  necesario ou porque lle molesten, e obrigar a moita xente moza ou non tan moza  a irse para a casa ou ficar montando a festa nas rúas de Barrantes, pois el verá. Pero o que non pode ser é que as normas se apliquen a uns si e a outros non.

   O que pasou no 2019 , e outra vez este ano, foi que David Castro pediu a presenza da Garda Civil para asegurarse de que toda a hostalería pechara á hora estipulada, antes incluso de rematar a verbena, pero ao mesmo tempo permitiu que postos de comida ambulantes e a propia barra da comisión permaneceran abertas todo o tempo que quixeran.

  E moi chamativo foi o acontecido este ano, pois non só se permitiu que eses postos seguiran traballando logo de pechar todos os locais hostaleiros. Na propia Praza da Carballeira, onde ten lugar a cata final e as actuacións de maior importancia, unha vez rematada a verbena, na noite do venres e do sábado, alguén meteu un equipo de música, concentrando a moitas das persoas que viñan de ser expulsadas dos locais nesa praza sen que nin un só axente da Garda Civil se personara alí, co resultado de que a festa se alongou, con música a todo volume nun espazo público e coa barra da comisión servindo copas, ata máis aló das nove da mañá.

  Dende o noso punto de vista este desprezo aos negocios locais é totalmente inaceptable. Ademais cónstanos que xa antes da festa, nunha xuntanza co goberno local os propios hostaleiros pediron que se había que pechar os locais a determinada hora se obrigara tamén a pechar aos postos ambulantes, recibindo unha negativa por resposta. Esta semana mantivemos conversas con varios hostaleiros e o malestar é patente. .

Fallos nos dispositivos de limpeza e seguridade.

Porque non foi este o único desprezo verquido contra os locais hostaleiros. O operativo de limpeza viu retrasado o seu traballo  por mor da festa na Praza do Concello que durou ata pasadas as nove da maña, tanto o sábado como o domingo, e iso sumado a falta dunha persoa con responsabilidade que adecuara os traballos ás circunstancias, repercutiu nun retraso na limpeza das rúas, de tal xeito que varios locais queixáronse de que tiveron eles que varrer e baldear as rúas para poder montar as terrazas e abrir a súa hora. Ademais ao negarse o goberno local a poñer aseos de reforzo en determinadas zonas tal e como lle pediron os hostaleiros,  pasou o que tiña que pasar, e sumado aos atrasos nas labores de limpeza, había paredes que as once da mañá cheiraban a unha boa distancia, dando unha imaxe moi pouco hixiénica. De feito houbo xente que se queixou de mal cheiro durante a comitiva dos valedores que fixo o paseillo o sábado.

  Por outra banda, rúas do centro de Barrantes que normalmente  se pechaban por seguridade, o domingo quedaron sen pechar, permitindo o paso dos coches polo medio da xente, dos postos ambulantes, das terrazas e das actuacións á pé de rúa,  poñendo en risco as persoas nas horas de maior afluencia, e dando pé a varios sustos e altercados entre condutores, peóns e clientes das terrazas.

  Dende Somos Ribadumia somos conscientes do traballo que da organizar un evento destas características, e dende logo para todas as persoas voluntarias  que participan na organización da Festa do Tinto – que cada ano son menos por mor do sectarismo do goberno local –  e para os traballadores e traballadoras que fan moitísimas horas durante eses días e os previos, so podemos ter verbas de agradecemento. E por iso tamén nos entristece tanto que o goberno local, único responsable das decisións que se toman en todo o relativo á festa, enlame con estas e outras actuacións de soberbia e chularía cara a hostalería e tamén cara veciños e veciñas  e con erros de bulto unha organización tan difícil e complexa, e o traballo tanta xente.

David Castro usa recursos públicos para promocionar a súa carreira política.

  • Grava unha entrevista promocional usando recursos públicos, e falando en calidade de alcalde, pero para  facer campaña persoal e partidista.
  • Nesa entrevista David Castro confirma conversas “informais” co PP para integrar a IR nese partido.

  A semana pasada, unha canle de información  de carácter comarcal que opera nas redes sociais publicaba un video promocional de David Castro. Dito vídeo foi gravado en instalacións municipais, neste caso no auditorio,  e nel David Castro falou en calidade de alcalde, non como voceiro do seu partido, nin a título particular. Máis non falou de cuestión municipais, senón que dedicou a maior parte da entrevista a promocionarse facendo un exercicio de autobombo dun nivel poucas veces visto na nosa comarca.

   Dende Somos Ribadumia non podemos aprobar que o alcalde use os recursos de todos e todas as ribadumienses para facer campaña de si mesmo e do seu partido. “ Ese vídeo é outro exemplo máis do alcalde déspota que  está demostrando ser David Castro, pero non podemos aceptar que se queira rir da nosa veciñanza con tanta cara dura. O vídeo, anunciase como unha promoción da Festa do Tinto e para falar da situación do Concello. Ben, se non fora porque de nove minutos longos que dura o vídeo, onde só fala David, dedica a estas cuestións menos de tres minutos ao final da entrevista, de tal xeito que os primeiros seis minutos son un exercicio de autobombo e de promoción da súa figura e da do seu partido. E non teríamos nada en  contra se o fixera na súa casa, e se o vídeo o pagara el do seu peto, pero non podemos aceptar que a veciñanza cargue co custe dos despropósitos deste home”.

  Recordámoslle a David Castro que cando fala en calidade do seu cargo de alcalde, faino representando ao Concello de Ribadumia, non a si mesmo nin ao seu partido, polo que agardamos que de xeito inmediato pida desculpas públicas por este uso partidista e persoal do seu cargo e das instalacións da veciñanza, cuxo mantemento e factura da luz pagamos todas e todos, e aclare quen pagou esa entrevista e para o lamentable caso de que pagara a veciñanza, o custe que tivo.

O futuro político de David Castro, cada día máis claro.

  Con todo, David Castro aproveitou para ir definindo os camiños polos que vai transitar cara ás próximas eleccións municipais: admite que se produciron e se seguen producindo contactos -non formais-  co PP e que pode producirse a integración nese partido antes das eleccións do próximo ano. “David negou conversas “formais”, pero non informais. Claro, esas conversas non poden considerarse formais porque tiveron e seguen tendo lugar nunha bodega e non na sede do PP. E dende logo deixou ben claro que os Independientes non terían ningún problema en integrarse no PP, se a oferta é boa. Que pode ofrecerlle e que lle está ofrecendo o PP a David Castro, foi o único que non dixo, pero nós temos unha idea ben aproximada”.

  En todo caso, todo o expresado por David nesa entrevista pagada corrobora todo o feito público pola nosa formación. O único para o que non serviu esa entrevista foi para mellorar a imaxe pública dun alcalde que cada día está máis fora da realidade, que usa actos públicos como a entrega de premios da festa do Tinto para acariñar a amigos seus como Cores Tourís -que non pintaba nesta festa – e que non ten reparo en utilizar calquera ferramenta, fondos económicos e recursos municipais incluídos, na súa fuxida cara adiante.

Enrique Oubiña: “David Castro está xogando coa vida de nenos e nenas. É un completo irresponsable” .

 Logo de leer nun medio de prensa as indefinibles declaracións de David Castro ao respecto do mal estado do tellado do CPI Xulia Becerra Malvar, dende Somos Ribadumia queremos facer unha serie de apreciacións.

  A primeira é que literalmente “ficamos pampos” ao leer que David Castro admite que ten coñecemento dende o inicio do curso de que hai unhas tellas soltas que son un perigo, pero que non fixo nin vai facer nada porque segundo el non é competencia súa.

  De partida, tal como explica o noso voceiro “sexa ou non sexa competencia do goberno local, este e David como alcalde ten antes de nada que garantir a seguridade das persoas dentro dos espazos públicos. Se despois quere debater con outra administración, pois que o faga, pero a seguridade debe ser o primeiro sempre”.

  Ao permitir  con completo coñecemento e de maneira intencionada que a vida das persoas, neste caso nenos e nenas na súa maioría, estea sometida durante meses ao risco de que unha tella solta ocasione unha desgracia, David Castro está actuando cunha absoluta irresponsabilidade, que non podemos aceptar.

As competencias de cada quen.

Ademais disto, David Castro está moi errado. As competencias de mantemento son do Concello, cuestión que ademais el mesmo admite. Ou sexa que se rompe unha tella, ou un vidro, ou se se avaría a calefacción, debe ser o goberno local quen se ocupe de resolver a situación. No caso concreto do tellado, “é que nin sequera é a primeira vez. Houbo que subir ao tellado en 2016, no 2017 é en 2018, sendo eu o concelleiro responsable. En todos os casos actuouse para retirar tellas rotas e recolocar outras que estaban soltas. Nada fora do normal. O que está fóra do normal é arriscar desa maneira a vida da xente”.

  O feito de que o tellado en xeral estea moi deteriorado é asunto distinto, pero David Castro que asuma os seus feitos. “Cando o pasado inverno o delegado do goberno veu facerse a foto logo dunha actuación que definiu como “integral”, David Castro aplaudiu coas orellas e dixo que todo estaba moi ben. Unicamente Somos Ribadumia puxo en tea de xuízo a obra feita e reclamou que se completaran as partes que quedaron sen facer, incluído o cambio de cuberta. E se David Castro estivo de acordo co feito, agora que se faga responsable e actúe en consecuencia, ou sexa que atenda as súas obrigas e deixe de poñer escusas”.

Ademais, a día de hoxe David Castro non denunciou publicamente ningunha das deficiencias que ten o colexio, nin presentou ningunha moción no plen, nin fixo ningún tipo de actuación ou protesta. E máis, no pleno de abril Oubiña preguntou pola obra feita e para el todo está ben.

Dende Somos Ribadumia consideramos que esa cuberta debe ser renovada na súa totalidade e que ese investimento debe asumilo a Xunta. Esa si é a súa competencia.

Pero mentres iso non acontece, o goberno local debe atender ao seu mantemento, tal e como lle corresponde. Sen escusas.

Á vista dos feitos, e da desidia do goberno local e de David Castro, aínda que nos consta que dende a dirección do colexio están atentos a posibles desprazamentos das tellas, pregamos a nais e pais de que avisen as crianzas de que pasen por ese patio con moita precaución e cun ollo mirando para arriba. “que nunca pasa nada, ata que pasa, e despois veñen os desgustos”.