As leas de poder entre IR e PP fanse públicas.

  • Unha “rebelión” dentro da agrupación local do PP confirma todo o dito por Somos Ribadumia sobre as conversas entre David Castro e o PP a nivel autonómico.
  • O PP negocia por arriba con IR, ocultándolle á cidadanía e mesmo á súa propia  militancia esas negociacións.
  • Luís López e David Castro mercadean cos votos da veciñanza de Ribadumia.
  • Pedimos respecto pola veciñanza ribadumiense, unha comunicación transparente, e acabar con este  ridículo público.

  O destape a través dos medios de prensa dunha “rebelión” dentro das filas do PP local, ven de por de manifesto e confirmar, todo o que dende Somos Ribadumia levamos advertindo dende fai meses, e que ademais é “voz populi”, que non é outra cousa que dende o PP están negociando a integración de David Castro e dos Independientes nese partido, ben sexa antes das eleccións, coa integración de IR de maneira directa, ben sexa a través dun pacto post-electoral, cun goberno negociado, que para Oubiña “é a posibilidade máis plausible politicamente falando, por unha cuestión de imaxe pública, e sobre todo se temos en conta que os de IR temen pagar  a súa mala xestión e perder a maioría absoluta, sostida por un puñado de votos. Ademais, vendo as declaracións na prensa,  agora resulta evidente que no seo local do PP esas negociacións non están moi ben vistas, e que unha parte dese partido non quere ver nin en pintura  nin aos de IR nin a David Castro. Agora sae na prensa, pero tampouco isto é novidade no noso concello, demasiado pequeno como para que estas cousas non as sépamos todos”.

   Dende a nosa formación, non temos o máis mínimo interese de interferir nos procesos doutros partidos, e antes de nada queremos amosar o noso respecto pola militancia do Partido Popular e dos independientes,  pero entendemos que con independencia de cómo se fagan as cousas, algo que debe prevalecer é o respecto pola veciñanza ribadumiense, un respecto que é evidente que o PP nacional e IR, e en particular determinadas persoas dentro deses partidos, non teñen.

   Esta maneira de mercadear cadeiras e salarios públicos a cambio de alcaldías, facéndoo ademais de maneira obscurantista, ocultándolle á cidadanía e a propia militancia e agrupacións locais esas negociacións para minimizar o dano electoral, parécenos totalmente lamentable e unha completa falta de respecto polas persoas que nas eleccións do ano 2019 votaron por esas formacións, que agora descubren que todo foi un paripé.

    Para Oubiña, “ a veciñanza de Ribadumia merece respecto. Merece un alcalde que non os engane, que estea no Concello para resolver os problemas da  cidadanía, non para buscar cadeiras con moito salario e pouco traballo. David Castro é evidente que non é ese alcalde, e que so busca vivir ben da política, ademais de usar o terreo político como campo de xogo para as súas vinganzas e cuestións persoais. Pero o que non entendo é que o PP entre nese xogo cando un partido desa dimensión debería ter persoas máis que capacitadas para pelexar pola alcaldía. Está claro que no PP cando falta o poder falta todo, e que  Feijóo marchou e deixou o partido feito un páramo”.

   É evidente que Luís López, presidente provincial do PP, está moi perdido no seu posto, e que pensa que comprando alcaldes de forzas disidentes vai lograr recuperar un espazo político que cada día merma máis. Pero que unha forza política de carácter nacional entre neses xogos de reunións en bodegas e pactos de mantel, negociando a costas das agrupacións locais e da cidadanía, regalando o que sexa que lle vaian regalar a David Castro a cambio de mudar a chaqueta parécenos  algo totalmente denigrante para a imaxe da política local, e para a política en xeral, que so serve para que a cidadanía perda a confianza  no sistema democrático. A pregunta é: onde esta Alfonso Rueda? Outra pregunta interesante é : Por que David Castro non nega que IR vaia integrarse no PP?

  Dende Somos Ribadumia, so podemos pedirlle aos partidos políticos que respecten a cidadanía, a súa militancia e as persoas que os votan, que eviten dar espectáculos públicos como este e, sobre todo, que sexan transparentes coa cidadanía, e deixen de usar a política como mecanismo para lograr intereses particulares. E dende logo, se o PP quere meterse nese tipo de prácticas mafiosas, que non o faga en Ribadumia.

  Por último, temos constancia de que dentro de IR e do PP local, hai persoas que non están cómodas con esta situación, da que son parte involuntaria, e queremos transmitirlle a nosa comprensión e ánimo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s