Category: Sen clasificar

Perigoso estado do tellado do C.P.I. Xulia Becerra Malvar, e David Castro non fai nada.

  • O tellado de primaria presenta varias tellas soltas  a piques de caer.
  • Dende o colexio xa advertiron da situación en varias ocasións ao goberno local, que non fai nada.
  • O concello ten abandonado ao colexio: tellas soltas, material no pavillón degradado e perigoso, numerosas deficiencias sen resolver e a caldeira e os ascensores sen contrato de mantemento.
  • 900.000€ en obras, e unha das máis graves das deficiencias segue sen resolverse.

Este luns achegámonos ao C. P.I.Xulia Becerra Malvar para entrevistarnos coa dirección e ver como está o colexio. E o panorama que nos presentaron foi de todo menos positivo. 

De partida, o máis grave foi comprobar que o estado do tellado de primaria non só é lamentable,  cousa que ven de vello, se non que agora mesmo presenta varias tellas soltas que en calquera momento poden desprazarse e caer, co risco de que golpeen a calquera neno, mestre, ou a calquera persoa que pille entrando ou saíndo do colexio.

“O peor xa non só é iso. O peor é que dende a dirección do colexio  presentaron varias queixas no Concello,  que é quen ten a responsabilidade do mantemento das instalacións, e expúxose no Consello Escolar, pero dende o goberno local non lles fan ningún caso, algo totalmente inaceptable”.

 Ante a gravidade do asunto, na mesma mañá presentaremos un escrito no concello, para solicitar a inmediata actuación nese tellado, que se retiren as tellas soltas e se garanta a seguridade.

  Pero este non é o único expoñente do abandono do Concello das súas obrigas no mantemento do colexio. A lista é longa: o parque de xogos de primaria está nun estado lamentable, as porterías e outro material do pavillón de deportes, que usa o colexio para as súas clases de ximnasia, están deterioradas e nalgún caso supoñen un perigo para os nenos e nenas . Nin a caldeira nin os ascensores teñen os pertinentes contratos de mantemento, o cal nos leva a ter os ascensores desconectados -e nas últimas semanas houbo nenos con muletas que non puideron usalos- , e a caldeira da calefacción, que xa estivo varias semanas apagada polos probas derivados da falta de mantemento, deixada á súa sorte.

  Dende Somos Ribadumia “volvemos insistir en que o goberno local non está solo para entregar trofeos e brindar nas festas. As obrigas de mantemento deben ser unha prioridade, e non se poden ter as instalacións na situación na que están as do noso concello, e moito menos poñer en perigo a vida de nenos”.

As chapuzas da Xunta.

 Se o goberno local é o único responsable da súa desidia, a Xunta de Galicia tampouco se queda atrás. Hai que recordar que Educación, logo de moito loitar, e en gran medida gracias a presión da nosa formación, investiu preto de un millón de euros nunha reforma no colexio. Menos de catro meses despois de vir facerse a foto, as vergoñas dunha obra que non se fixo acorde ao que se expuxo no proxecto, quedan á vista. Nos xa o dixemos no seu momento. A renovación do tellado tiña que ser algo prioritario, e a actuación que máis precisaba o colexio,  como ben queda agora de manifesto.  Pero ademais aparece no proxecto de licitación. Así que a nosa pregunta segue sendo: que se fixo cos cartos?? Porque a renovación completa do tellado de primaria non é a única parte do proxecto que quedou sen executar, faltan outras, como o illamento completo da fachada do módulo de infantil, entre outras  cuestións”.

Iniciamos o proceso de elección de candidatura.

     Somos Ribadumia recuperamos logo de dous anos de limitacións forzadas pola pandemia o noso funcionamento asembleario presencial cunha xuntanza aberta que tivo lugar en Sisán.

   Nesa  xuntanza deuse conta do traballo do último ano e medio e presentáronse as contas do partido, tal como se establece estatutariamente. Ademais abriuse a participación á veciñanza, que como sempre estivo moi activa e expuxo varias cuestión sobre as que traballaremos nas próximas semanas, falouse da situación política do Concello e tomáronse decisións de cara o futuro inmediato da nosa formación.

  No relativo ao traballo de Somos Ribadumia, salientouse a importante e intensa actividade da nosa formación. En números, só no ano 2021 e nesta primeira metade do 2022 presentáronse 43 escritos ao concello e ante outras administracións -sen incluír as queixas ante a Valedoria do Pobo e o Defensor del Pueblo -, ademais de manter xuntanzas con administracións, entidades e colectivos. Isto, sumado aos case 80 comunicados de prensa, e os boletíns semestrais que mandamos as casas, fan de Somos Ribadumia o referente político do noso concello en todos ámbitos.

   Ademais disto, púxose en valor todo o traballo feito, tanto na  parte de controlar do goberno e expoñer os seus desmáns e malas políticas e reclamar as melloras que consideramos necesarias, como no menos visible que é o traballo en positivo de apoio ao goberno en determinadas cuestións ou de xestións con outras forzas politicas, entidades e administracións.

   Tal como o expuxo o propio Oubiña “ Tivemos que pedir a dimisión de Sofía Nuñez e de David Castro, porque é inaceptable que se manden de voltas subvencións de centos de miles de euros ou se presione  aos traballadores e traballadoras de servizos sociais como se está facendo, nin tampouco se pode aceptar que un alcalde xustifique o uso da violencia. E non esquezamos que David Castro leva perdidos nesta lexislatura máis de 1M de euros en liñas de axuda e que o estado xeral do concello é de abandono.. Pero do mesmo xeito, cando o goberno propón cousas positivas somos os primeiros en apoialos. Ese traballo mírase nas propostas aprobadas en pleno, moitas das cales levan aportacións da nosa formación que as melloran substancialmente. E cando temos que falar con outra forza política non temos reparos en facelo,  e se por algo destacamos é pola nosa capacidade para negociar e poder chegar a acordos con outras forzas políticas en beneficio da nosa veciñanza”.

   Outro ámbito a salientar foi o traballo supramunicipal, onde  a base de traballo e presión política conseguíuse entre outras cuestións, que se realizaran investimentos pendentes da lexislatura pasada, que se corrixiran problemas de cheiros na EDAR, ou a falta de pedagogo no colexio, ademais de lograr o terceiro médico para o noso centro de saúde. “E isto, feito dende a oposición, coas limitacións que iso supón e sen tan sequera ter o apoio dun alcalde durmido nos loureiros da maioría, demostra que somos un partido de goberno, que traballamos moi duro e que aportamos moito ao noso concello, tal e como nos comprometemos cando creamos este proxecto político”.

Camiño ao 2023.

   Ao fin, logo de analizar tanto o noso traballo como a situación actual no concello, a Asemblea decidiu por unanimidade que Somos Ribadumia debe presentarse ás próximas eleccións co obxectivo de gobernar e darlle a volta á pésima xestión destes últimos anos. Con esta decisión ponse en marcha o proceso de organización do proxecto electoral e elección de candidato, coa previsión de culminalo este outono coa escolla da persoa que nos represente como cabeza de lista, e do equipo que debe xestionar todo o proceso de actualización do proxecto político.

Queixas polo mal estado do pavillón de deportes de Ribadumia.

  • Problemas polo mal mantemento, a falta de renovación das canchas e pola condensación nos días de choiva.
  • Os usuarios levan meses queixándose, e as queixas xa chegaron tamén as rrss.

  O mal estado das instalacións municipais, do que levamos falando toda a lexislatura, sigue sumando queixas e malestar entre a veciñanza.

   Esta semana poñíase en contacto con nós un grupo de usuarios habituais do pavillón de Ribadumia, cansos de que o goberno local os ignore, porque a situación da cancha fai case imposible poder xogar un partido.

 Ao desgaste polo uso e o mal mantemento hai que sumar os diversos problemas de condensación e goteiras que encharcan o pavimento nos días de choiva e que o converten nunha perigosa pista de patinaxe.

Isto, tal como explica Oubiña, “ comprobámolo moi ben fai dúas semanas durante a celebración do AF7 Indoor , onde  chegou un momento en que os nenos  case non podían nin correr do resbaladiza que estaba a pista de xogo”. Polo que ao perigo para os deportistas, hai que sumar a pésima imaxe pública que se leva quen nos visita para este tipo de eventos.

 Os problemas dese pavillón non son novos. Xa na lexislatura anterior, con Oubiña de tenente de alcalde, se habían feito actuacións de mellora que solucionaron a maior parte dos problemas. Pero o paso do tempo, e non seguir con estas actuacións ata completar a solución dos problemas, acabaron por levar o estado do pavillón ao punto  moito peor que o de partida, de tal xeito que os días de choiva os habituais desa instalación están optando por non facer uso del.“David Castro debe estar agardando a que alguén rompa unha perna para actuar, ou igual a que a veciñanza lle colgue unha pancarta como pasou co punto limpo, pero é que a veciñanza non paga os seus impostos para que as instalacións estean abandonadas ou supoñan un perigo, nin o goberno local pode funcionar a golpe de pancarta”.

  Os usuarios levan meses queixándose, no concello e tamén nas redes sociais, sen que ninguén se digne nin a resolver o problema nin a dar explicacións. Así que á desidia no mantemento das instalacións hai que sumar a falta de respecto pola veciñanza.

   Pedimos a David Castro que de xeito inmediato xestione a reparación das deficiencias e actúe sobre o mantemento desa instalación municipal, así como do resto de edificios públicos, que están nun estado de abandono preocupante.

David Castro obrigado a asumir a xestión da gardaría municipal.

  • A concesión estaba vencida dende 2019.
  • En tres anos David Castro foi incapaz de xestionar, nin a inclusión na rede Galiña Azul da Xunta, nin un novo concurso nin a remunicipalización, e a empresa adxudicataria acabou por marchar.
  • O concello tivo que facerse cargo da gardería municipal pola forza e en precario, sen persoal e sen dotar recursos no orzamento. E ocultándollo ás nais e país ata o último día.
  • Outra vez máis, a desidia marca a xestión municipal.

  “Estabamos agardando a ver se David Castro de maneira voluntaria explicaba no último pleno os cambios na xestión da gardería municipal acontecidos nas últimas semanas.  Pero queda claro unha vez máis que a única maneira de que David Castro explique algo é que o forcemos dende a oposición”.

  A gardería municipal pasou a ser xestionada de xeito directo polo Concello o 1 de maio. E non foi por vontade de David Castro, senón por mor da súa desidia. A concesión da gardería, que levaba vixente dende o ano 2013, venceu todos os prazos e prorrogas no ano 2019. En todo este tempo a empresa que tivera esa concesión, por vontade propia seguiu realizando a mesma labor, pero en precario e sen seguridade xurídica, agardando con moita paciencia que David Castro solventara a cuestión, ben cun novo concurso, ben remunicipalizando o servizo, ou coa opción para nós ideal, que sería que asumira a Xunta a súa xestión. A solución, a que fora, nunca chegou, e a concesionaria, cansa das escusas do goberno local, logo de tres anos optou por renunciar a seguir na situación na que estaba.

  Non se pode decir que o goberno vivira no descoñecemento, nin da situación da gardería nin das intencións da adxudicataria, coa que se reuniu en varias ocasións, e que comunicou a súa renuncia con tempo suficiente e por rexistro municipal, como corresponde. “O que pasou foi que David Castro é un incompetente. Moito reunirse con altos cargos en bodegas privadas para falar do seu futuro político, pero despois de lograr beneficios  para Ribadumia, nada de nada. Foi incapaz de lograr que a Xunta asumira a gardería e a pasara á rede autonómica da Galiña Azul, unha solución coa que concordabamos todas as forzas políticas locais. Non quixo asumir como lle propuxemos dende Somos Ribadumia a xestión municipal, absorbendo de partida a todo o persoal, incluída a dirección que nese momento tiña a gardería, evitando así cambios drásticos e faltas temporais de persoal cualificado,  dándolle continuidade a un equipo que tiña unha gran valoración entre as nais e país, e que ademais  cónstanos que realizaban unha gran labor, na atención ás crianzas, pero tamén na  xestión da gardería, que non é algo menor. Non quixo tampouco realizar un concurso público e adxudicar novamente a xestión da gardería. Non quixo facer nada, deixou a gardaría abandonada pensando que a empresa adxudicataria non se movería de onde estaba, e claro, ao final pasou o que tiña que pasar”.

  A David Castro non lle quedou máis remedio que asumir a xestión da gardaría pola forza. E faino sen ter previsión nin económica nin de ningún tipo, e sen persoal cualificado para poder realizar a xestión como corresponde.

 É moi lamentable, e outro exemplo claro da maneira neglixente de gobernar que ten David  Castro, que sabendo como sabía que a empresa adxudicataria ía deixar a gardaría en maio, non incluíra nos orzamentos as partidas económicas necesarias para facer fronte a remunicipalización forzosa da gardaría, pois agora os gastos e ingresos, incluídos os de persoal,  deberán figurar nas contas municipais. Tampouco vimos que o goberno abrira un proceso de  selección de persoal cualificado, necesario para dirixir unha entidade destas características que non se pode por na man de calquera auxiliar administrativo sen experiencia. Porén, David Castro unha vez máis opta pola improvisación e sobrecarga ao persoal municipal coa xestión administrativa da gardería.

  Nós defendemos que os servizos públicos se xestionen directamente. Pero as cousas hai que facelas ben e con previsión e transparencia, como se fixo no mandato anterior coa remunicipalización da xestión dos impostos, que se traballou e mesmo se someteu a valoración do pleno. “Claro que na lexislatura pasada estabamos nós para poñer orde, e agora isto é unha desfeita continua, cun goberno inexistente salvo para crear problemas, que xa da a lexislatura por amortizada, e que xa só se preocupa das eleccións é das súas propias leas internas, quen queda quen marcha, quen cobra e quen non. E así non hai maneira a facer as cousas ben”.

  E dende logo, parécenos unha total falta de respecto á veciñanza, e en particular ás nais e país que deixan á diario na gardería aos seus fillos e fillas, que á única comunicación ao respecto fora unha breve nota emitida pola empresa adxudicataria da gardería no último día. É o goberno local o que debe dar explicacións públicas de todo o que aconteza cos servizos municipais, máis un como este. E as nais e país teñen que saber que pasa coa gardería, quen se fai cargo da xestión, e como, a quen lle están pagando polo servizo e quen se responsabiliza del e, en resumo, na man de quen deixan aos seus fillos e fillas.