Proceso elección candidata/o.

Bases para a selección da persoa candidata

   Somos Ribadumia puxo en marcha na Asemblea do 7 de marzo de 2026 o proceso para elixir á persoa que será nomeada cabeza de lista do partido nas eleccións de 2027. En xuntanza Extraordinaria levada a cabo o 9 de marzo de 2026, a Comisión Executiva estableceu por mandato da Asemblea as bases e prazos que rexen este proceso, e designou a Comisión de Garantías que debe controlar o proceso.

O proceso para participar na elección é o seguinte:

  • Calquera persoa maior de idade e dentro dos condicionantes legais establecidos para participar no proceso electoral municipal, pode optar a ser nomeada cabeza de lista de Somos Ribadumia, pero debera aceptar as condicións recollidas no Documento Organizativo, entre as que se inclúe ter a denominación de “colaborador/a”. En aras de favorecer unha maior integración dos nosos veciños e veciñas no funcionamento de Somos Ribadumia, aceptaranse de xeito excepcional, aquelas persoas que non sendo colaboradoras, acepten pasar a selo no momento de presentar a súa candidatura, feito que queda establecido implicitamente coa sinatura da folla de presentación de candidatura.
  • Ata o día 12 de abril do ano 2026 poderán presentar a súa candidatura, cubrindo a pertinente folla de presentación de candidatura todas aquelas persoas que o desexen, e cumpran cos requisitos recollidos nos Documentos Organizativos de Somos Ribadumia e nas bases aprobadas na xuntanza do7 de marzo.
  • A folla de presentación de candidatura podeselle solicitar a calquera membro da Comisión Executiva, ou chamando ós   teléfonos 696 696 730  e 659 968 000. Tamén se pode descargar a folla de inscrición na web de Somos Ribadumia ou (aquí). Unha vez cuberta, pódese entregar en man ao secretario de Somos Ribadumia, Fernando Ruiz Padín, ou enviala por e-mail a somosribadumia@gmail.com.

   Unha vez cumprido o prazo de presentación de candidaturas, e logo de que a Comisión de Garantías designada para guiar o proceso, comprobe  que todas as persoas que optan a candidatura cumpren cos requisitos establecidos, iniciarase o proceso de elección, que establece tres vías:

  • Non se presenta ningunha candidatura: convocarase unha xuntanza extraordinaria, a celebrar durante o mes de maio, durante a cal, se deberá escoller entre as persoas presentes a que será cabeza de lista nas próximas eleccións.
  • Unha única candidatura: automaticamente quedará proclamada cabeza de lista para as próximas eleccións.
  • Dúas candidaturas ou máisconcederase un prazo de tres semanas, ata o 3 de maio, para que as candidatas e candidatos poidan expoñer as súas propostas, para o cal a Comisión Executiva facilitará o uso das redes sociais, o envio de e-mails, etc, en condición de igualdade  e respectando a lei de protección de datos. Pasado este prazo, convocarase unha xuntanza extraordinaria, a celebrar antes do 10 de maio, durante a cal,  as persoas presentes escolleran, ben sexa por  consenso ou votación, a persoa que será cabeza de lista nas próximas eleccións.

   Unha vez decidida persoa que será cabeza de lista, esta pasará automáticamente a formar parte da Comisión Executiva, e a asumir as responsabilidades que lle competan.