Comunicado conxunto de Somos Ribadumia e da agrupación local do Psoe.
Dende a agrupación local do Psoe e dende Somos Ribadumia queremos comunicar que, como non podía ser doutro xeito, sumámonos ao apoio á campaña de SOS Sanidade Pública que pretende levar ao parlamento galego unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que pide medidas urxentes e recursos para recuperar e fortalecer a atención primaria.
Neste senso, este mércores Pepe Lede e Enrique Oubiña presentaron conxuntamente unha moción promovida pola plataforma SOS Sanidade Pública, onde se explica a situación lamentable pola que atravesa a atención primaria, facendo fincapé na situación caótica da nosa comarca, unha zona turística que multiplica varias veces a súa poboación no verán e onde no canto de reforzar os centros de atención primaria e os PAC, se reduce de forma significativa o persoal sanitario, non se cobren as baixas nin as vacacións, provocando, ademais da sobrecarga no persoal existente, unha gran merma na atención pola falla de recursos, e situación lamentables onde se pon en perigo a vida de persoas.
Ademais disto, en Ribadumia a situación de falta de atención ten chegado a ser especialmente grave no referente ao persoal de urxencias no PAC de Cambados, con xornadas nas cales non médico de garda durante moitas horas. Ademais, son recorrentes os problemas para cubrir as baixas das dúas facultativas actuais, sendo dende fai anos unha constante que nos meses de verán o noso centro de saúde conte cunha soa facultativa para atender a nosa veciñanza ou, demasiadas veces, ningunha. A isto hai que engadir os problemas derivados da ausencia de pediatra, obrigando a acudir ao centro de saúde de Cambados, onde tampouco se adecuou a plantilla as necesidades do servizo, que esta totalmente sobrecargado.
Recollida de sinaturas e manifestación 14 O.
Ademais de presentar a moción, que temos a confianza de que sairá adiante no próximo pleno, tamén puxemos esta semana pregos para a recollida de sinaturas a favor da ILP no concello, no centro de saúde e nas dúas farmacias que hai no concello, e non descartamos poñer outros puntos nos próximos días para favorecer á veciñanza sumarse a esta iniciativa. Dende aquí queremos pedir da veciñanza de Ribadumia a tan necesaria implicación nesta campaña, aportando a súa sinatura, e acudindo á manifestación prevista para o próximo día 14 de outubro en Vilagarcia. Ter unha sanidade pública de calidade non é so un dereito, senón tamén algo vital nas nosas vidas, e debemos como cidadáns sumar esforzos para lograr que a Xunta de Galicia mude a súa política sanitaria e dote os centros de atención primaria dos recursos necesarios.