Os protocolos definidos pola Xunta non se están cumprindo.
Nin grupos reducidos, nin separados por idades, nin con monitores suficientes, entre outras deficiencias.
A xestión do plan madruga e da escola de ocio é de competencia integramente municipal. Polo tanto responsabilidade de David Castro.
Unha das problemáticas en cuestións de xestión municipal derivadas pola pandemia da covid-19 ten relación cos protocolos que e o estado e a Xunta marcaron para poder facerlle fronte dende as institucións. En concreto a Xunta de Galicia, como entidade competente na nosa comunidade en cuestións sanitarias, estableceu varios protocolos no relativo a actividades culturais e de lecer, así como para as actividades relacionadas coa conciliación familiar, que en Ribadumia realiza o Concello, en concreto co plan Madruga e a escola de ocio. Son protocolos complexos, pero tamén moi claros, que se poderán compartir ou non, pero deben cumprirse.
No pasado pleno ordinario, o 5 de novembro, Enrique Oubiña preguntou á concelleira responsable da xestión das actividades de conciliación, Mar Rey, se estaban cumpríndose os protocolos estipulados pola Xunta de Galicia. A concelleira en cuestión non respondeu á pregunta pero o alcalde si o fixo asegurando que si se estaban cumprindo eses protocolos. Para Oubiña “o alcalde mentiu descaradamente. Calquera que se achegue á escola de ocio pode comprobar como os protocolos, que falan de grupos reducidos de nenos separados por idades, non se cumpren. Catro monitores -cando están todos, que tampouco é habitual – para medio cento de nenos resultan insuficientes. Tampouco se cumpren os protocolos en cuestións de uso dos espazos: os nenos entran e saen pola mesma porta cando deberían usar portas diferentes, os grupos non están separados fisicamente e nin sequera se cumpren as tarefas de limpeza impostas nesas aulas”.
Dende Somos Ribadumia somos conscientes de que os protocolos son complexos, e poden resultar cansiños ou mesmo algo incoherentes nalgunhas circunstancias. Tamén somos conscientes de que cumprir eses protocolos conleva un custe económico. Porén, se David Castro considera que os protocolos non son correctos, ou que o custe económico resulta inasumible para o Concello, o que debe facer é expresalo publicamente e dirixirse as autoridades pertinentes, pero o que non pode facer é deixar de cumprir coas súas obrigas, nin moito menos mentirlle á veciñanza e en concreto as nais e pais deses nenos.
Dende Somos Ribadumia pedímoslle ao goberno local que poña especial atención no respecto polas medidas de prevención da covid-19, que non é unha cuestión para tomarse a broma.
Preocúpanos a vida das persoas e a situación laboral dos traballadores de DomusVi e os trasladados do SERGAS.
O alcalde, que mantén o seu silencio cómplice, nin está nin se lle espera.
A situación no xeriátrico de Ribadumia é máis preocupante cada día que pasa. Os últimos datos aportados – no momento de redactar este artigo – falan de 73 residentes contaxiados e 29 traballadores. Esta semana reportáronse ademais, por desgracia, as primeiras 4 defuncións.
Dende Somos Ribadumia queremos deixar constancia da nosa preocupación por como se está xestionando a situación do xeriátrico ribadumiense. Unha vez que a Xunta se fixo cargo era de agardar un confinamento estrito que puxera coto aos contaxios, pero estes suben case cada día. Ademais os datos aportados pola Consellería chocan con outras informacións que aportan familiares e persoal sanitario e que fan sospeitar que posiblemente a situación sexa máis grave do que se están contando. Por ese motivo o primeiro que queremos pedir dende a nosa formación é que a Consellería clarifique a situación neste centro. Tamén nos gustaría que se explicara o motivo de que se trasladen persoas dende o xeriátrico ao hospital do Salnés, cando nese hospital non hai UCI, e cal é a situación dos pacientes trasladados a outros centros.
Por outra banda estamos tamén moi preocupados – e queremos ademais resaltar esta cuestión, posta en dúbida polo alcalde e algunha concelleira de IR nunhas moi lamentables e falsas afirmacións durante o pleno pasado – pola situación dos traballadores e traballadoras do xeriátrico, tanto os habituais como o persoal trasladado polo SERGAS. Temos constancia de que a situación de saturación no centro é dramática, de que hai carencia de medios e persoal, con persoas dobrando quendas, co esgotamento acumulado e nunha situación médica moi lonxe de estar baixo control. Queremos remarcar que as persoas que traballan nos centros xeriátricos, ao igual que o persoal do SERGAS ,non son responsables da situación que se está vivindo nin no xeriátrico de Ribadumia nin noutros do noso país. Os responsables son, nun primeiro momento as direccións das empresas xeriátricas e quen lles permite certas practicas – o goberno da Xunta -, e agora os xerentes das áreas sanitarias e os responsables políticos, que son os que dispoñen os medios humanos e materiais para facer fronte a esta situación, e son eses responsables os que deben dar as pertinentes explicacións e responder pola súa xestión.
No que respecta a xestión dende a política local, seguimos abertos a colaborar co goberno de David Castro naquilo que sexa preciso para, dende as limitadas capacidades municipais, poder axudar a mellorar a situación no noso concello. Pero non podemos obviar que David Castro segue mantendo un silencio cómplice coa Xunta do PP e coa dirección de DomusVi, e que se está gardando de amosar publicamente a máis mínima preocupación por esta cuestión e por como se está xestionando dende a Consellería. Lamentamos que a pesares das habituais conversas que se supón que mantén coa Xunta – ao igual que o resto de alcaldes da comarca – garde absoluto silencio e non aporte información actualizada nin á veciñanza nin aos voceiros das forzas políticas, aos que nin se molesta en convocar na mesa de seguimento da covid-19, e todo mentres dedica o seu tempo a viaxar a outras comunidades para asistir a partidos de fútbol. Dende aquí queremos recordarlle que o feito de non ter competencias non quere dicir que non teña responsabilidades, e que a súa primeira obriga é estar do lado da veciñanza, o cal inclúe aos residentes do centro xeriátrico e aos seus traballadores así como do resto do Concello, e como mínimo requirir da Consellería de Sanidade que aporte datos fiables de cal é a situación da nosa veciñanza e do centro xeriátrico, situación que ademais nos mantén en código vermello, coa incerteza do que poida pasar nos próximos días. A este respecto os concellos veciños manteñen actualizados os datos municipais de xeito diario, mentres que o único que o noso alcalde aportou a esta cuestión foron caatro minutos nunha máis que discutible rolda de prensa,.
Dende Somos Ribadumia queremos aproveitar para lanzar unha mensaxe de tranquilidade, pero tamén da necesidade de manternos dentro dos parámetros da responsabilidade colectiva, para poder permanecer dentro dunha situación de relativa calma, e evitar que a situación derive en medidas máis estritas.
Presentamos por rexistro unha batería de medidas de apoio ao comercio e hostalería.
Tamén solicitamos un plan para loitar contra a fenda dixital nos escolares.
Presentamos unha batería de case 30 propostas de cara aos orzamentos do 2021.
Pedimos ao goberno que abandone as posturas de confrontación e de ataque, e acuda á vía do diálogo.
A segunda onda da covid-19 e as restricións derivadas dela están tendo consecuencias directas no consumo, consecuencias que afectan moi particularmente ao pequeno comercio e a hostalería, e que están poñendo en perigo a continuidade deste tipo de negocios no noso concello, ao igual que noutros moitos. As escasas medidas aprobadas polo executivo local, que contaron con todo o noso apoio, ata o momento non tiveron aceptación, e os poucos axustes feitos nas taxas, sendo positivas, que tamén apoiamos, tampouco supoñen unha gran diferencia nos resultados contables.
Porén, nos non imos mudar a nosa liña propositiva, por ese motivo esta maña presentamos por rexistro unha solicitude para que o goberno local poña en marcha, con carácter de urxencia medidas de apoio a hostalaría e ao comercio local, así como aos nenos e nenas do noso concello, sen deixar de lado as familias que están en situación máis vulnerable. Propostas serias, razoables e necesarias.
Dende o noso punto de vista urxe apoiar ao comercio local ante a campaña de Nadal e os meses seguintes, para tentar revitalizar un sector moi maltratado pola situación actual. Por iso propoñemos que o concello tome exemplo de concellos veciños e impulse campañas de promoción e de apoio activo ao consumo local, por exemplo a través de vales desconto, sorteos ou medidas similares.
Tamén propoñemos que se cree unha liña economica directa para axudar aos custes fixos do comercio e en particular da hostalería, que co toque de queda viron moi mermada a súa actividade. E que isto se complete coa bonificación completa das taxas municipais para o ano 2021.
Por outra banda, hai que por un ollo na situación dos colexios. A fenda dixital é un problema que pode volverse moi grave no caso dun novo peche dos colexios, é o concello debe actuar con precisión. Ademais non podemos esquecer que este curso os custes escolares víronse incrementados polas normas de seguridade, é débense reforzar as axudas as familias con menos recursos.
Propostas orzamentarias.
Co ano 2021 a volta dunhas semanas, dende Somos Ribadumia non só pensamos no inmediato, se non tamén nos retos aos que terá que enfrontarse o noso concello no próximo ano. Por iso presentamos tamén outro escrito cunha batería de case trinta propostas orzamentarias, co obxectivos de facer fronte aos retos de futuro coa crise da covid moi presente, pero tamén asumindo que hai outras cuestións as que facer fronte. E isto ademais coa boa nova de que o remanente quedou liberado e se vai poder empregar. A este respecto, debemos amosar a nosa preocupación porque dito remanente vaia a parar a puntos de luz ou obras menores que poderían resolverse por outras vías no canto de enfocarse na mellora conxunta do noso concello. Dende logo, sería moi lamentable que o goberno local investise eses centos de miles de euros en favores políticos ou obras pensadas nos votos máis que nas necesidades do concello.
As batería de propostas está organizada en catro bloques nos que cremos o concello debe realizar avances: a política de conciliación familiar e política social, o apoio aos colectivos e desenvolvemento cultural, moi prexudicado pola crise actual, a promoción económica local, apoio ao comercio, turismo e á creación de emprego, e o desenvolvemento urbanístico e de medio ambiente, primordiais para cumprir cos obxectivos do Pacto de Alcaldes asinado no 2019. En concreto 27 medidas, entre as que podemos destacar como exemplo un plan de becas local, reforzar os plans de conciliación e estendelos ao CRA, axudas ao comercio e á creación de emprego, a apertura dun viveiro de empresas, plans de promoción turística ou a supresión dos semáforos en Barrantes acompañada dun cambio do modelo urbanístico.
Dende Somos Ribadumia queremos facer un chamamento ao goberno local para que abandone a postura de confrontación que mantén dende principio de lexislatura, e que nas últimas semanas se viu intensificada como puidemos comprobar con roldas de prensa fora de lugar, ou nos últimos plenos con posturas antidemocráticas, faltas de respecto continuas e actitudes chulescas, e que se sente a falar coa oposición para xuntos tentar buscar os puntos en común que tan bo resultado deron na lexislatura anterior. A nosa aposta foi sempre, e seguirá sendo, o diálogo.
A ordenanza municipal aprobada o pasado xoves incluía taxas de nova aplicación polo abastecemento da auga.
Haberá que pagar o mantemento do contador, de 6€ a 16€, e inda que non se consuma auga haberá que pagar igualmente.
David Castro non quixo incluír bonificacións de ningún tipo sabendo que este pleno era o último por prazos legais para facelo.
O pleno ordinario do pasado xoves era, por prazos legais, a última posibilidade de aprobar modificacións nas taxas municipais. Polo tanto, como explica Oubiña “ era a oportunidade, dado que non se fixo antes, de poñer enriba da mesa melloras ou exencións nas taxas municipais de cara a un 2021 que vai ser complicado. Sen embargo o goberno optou por facer xusto o contrario prevendo no regulamento e na actualización da ordenanza taxas de próximo cobro”.
Tal como Oubiña explicou no pleno dende Somos Ribadumia estamos de acordo en que os servizos municipais deben estar regulados, por iso valoramos como positivo que se elaboren e leven a pleno os regulamentos que polos motivos que foran non estiveran redactados. Tamén compartimos a posición de facer axustes cada certo tempo nos existentes, como xa se fixo con varias ordenanzas na lexislatura pasada.
O que non compartimos é a maneira de actuar do actual equipo de goberno que unha vez máis, presenta un regulamento, como fixo no caso da gardería municipal, a todo correr e sen marxe para poder facer unha avaliación correcta do que se propón nin plantexar alternativas. Algo que non tiña porque acontecer se, como explica Oubiña “cando comezaron co proceso de elaboración do documento, segundo eles fai seis meses, tiveran contado coa oposición para ir facendo aportacións ou traballando sobre un texto inicial”.
Indo ao regulamento e ordenanza en cuestión, ambos documentos introducen modificacións sobre o funcionamento actual con novos tramos ou as relativas ao contador da auga, sobre o cal o goberno decidiu incluír un imposto, que vai supoñer entre 6€ e 16€ máis ao ano en concepto de alugueiro. Unha taxa que ademais penaliza aos comerciantes e as empresas, cando o contador é do mesmo tipo en todos os casos. Este imposto entrara en vigor proximamente, pois o regulamento tamén establece que a vida útil dos contadores se limita en 12 anos, co cal máis da metade dos contadores municipais van ter que ser modificados en breve, adaptándose as novas disposicións, e o resto vai ter que asumir igual o custe do cambio de contador, pois o goberno xa preveu na norma a actualización a contadores con sistema de telelectura, un avance positivo e necesario, pero que se lle vai cargar ao peto dos veciños e veciñas de Ribadumia.
A taxa de alugueiro dos contadores.
Por outra banda, o regulamento establece que aos contadores que non conten, ou sexa, que non teñan consumo de auga, se lles aplicará a media dos últimos doce meses ou no seu defecto a media dende a alta. Na práctica se unha persoa deixa o seu domicilio un tempo, ou se ten o servizo de auga municipal como apoio a unha traída particular, terá que pagar inda que non consuma. Máis grave vai ser no caso dos negocios de hostalería por exemplo, onde un bar que por calquera motivo estea pechado un varios meses sen dar de baixa o recibo, vai ter que pagar como se estivera funcionando a pleno rendimento, e para o caso de darse de baixa logo terá que pagar a alta. Isto é “unha barbaridade manifesta. Non chega con ter que pagar a conexión, polo contador e polo canón da Xunta, que ademais o noso alcalde pretende cobrar pola auga aínda que non se consuma”.
O documento está pragado de incoherencias, como que a taxa de enganche só se estableza para vivendas domésticas, é non se inclúa no documento a taxa de enganche para baixos comerciais ou empresas, nin para outros usos cando si se recoñece a obriga de pago no regulamento. Ou que se incluía a obriga de pagar o contador pero non a taxa correspondente, que de facto provocara que se poidan cobrar a cada veciño unha cantidade distinta. E así varias incoherencias entre o regulamento e a ordenanza.
Tampouco establece a norma ningún tipo de fórmula que avance no consumo responsable ou que recoñeza cuestións concretas coas que convivimos no noso concello, como as piscinas e os xardíns comunitarios das urbanizacións, ou mesmo privados. E isto é particularmente grave porque “ata o de agora non había regulamento, só a ordenanza de taxas. Pero agora hai regulamento e o concello está obrigado a actuar conforme a ese regulamento, que non permite que as urbanizacións nin os particulares usen a auga municipal para nada que non sexa o consumo de vivenda, ou sexa que só se pode beber, cociñar e lavar. Soa ridículo, pero con está norma tal é como a plantexou o equipo de goberno, non poden nin regarse as prantas dun balcón”.
O único que esta norma establece correctamente é a posibilidade de privatizar o servizo, abrindo así a porta a que empresas privadas xestionen o un ben primordial, o da auga, que ao noso entender nunca debería ficar en mans privadas. Ademais, esta maneira de favorecer posibles privatizacións supón un cambio de criterio con respecto ao goberno anterior, onde estabamos presentes, que era o da remunicipalización paulatina de servizos.
Nulo apoio ao comercio e hostalería local.
Ademais, debemos lamentar que o goberno local, na actual situación derivada da pandemia da covid-19, non tivera a sensibilidade de propoñer bonificacións de ningún tipo. No noso concello algún local de hostalería xa se viu obrigado a pechar temporalmente por non poder facer fronte aos custes de manterse aberto coas limitacións impostas pola Xunta, limitacións que non sabemos en que momento poden ir a máis e obrigar como noutros concellos ao peche total da hostalaría ou mesmo do comercio.
Isto demostra “a total falta de capacidade de xestión do goberno local, que non foi quen de poñer en marcha ningunha medida de apoio ao comercio local que fora efectiva nestes meses de pandemia, e que non solo iso, se non que tendo a oportunidade de establecer bonificacións para o ano próximo, que vai ser moi difícil, non solo non o fai, se non que coloca impostos novos”.