O goberno de David Castro non respecta os protocolos de seguridade nas actividades de conciliación.
- Os protocolos definidos pola Xunta non se están cumprindo.
- Nin grupos reducidos, nin separados por idades, nin con monitores suficientes, entre outras deficiencias.
- A xestión do plan madruga e da escola de ocio é de competencia integramente municipal. Polo tanto responsabilidade de David Castro.
Unha das problemáticas en cuestións de xestión municipal derivadas pola pandemia da covid-19 ten relación cos protocolos que e o estado e a Xunta marcaron para poder facerlle fronte dende as institucións. En concreto a Xunta de Galicia, como entidade competente na nosa comunidade en cuestións sanitarias, estableceu varios protocolos no relativo a actividades culturais e de lecer, así como para as actividades relacionadas coa conciliación familiar, que en Ribadumia realiza o Concello, en concreto co plan Madruga e a escola de ocio. Son protocolos complexos, pero tamén moi claros, que se poderán compartir ou non, pero deben cumprirse.
No pasado pleno ordinario, o 5 de novembro, Enrique Oubiña preguntou á concelleira responsable da xestión das actividades de conciliación, Mar Rey, se estaban cumpríndose os protocolos estipulados pola Xunta de Galicia. A concelleira en cuestión non respondeu á pregunta pero o alcalde si o fixo asegurando que si se estaban cumprindo eses protocolos. Para Oubiña “o alcalde mentiu descaradamente. Calquera que se achegue á escola de ocio pode comprobar como os protocolos, que falan de grupos reducidos de nenos separados por idades, non se cumpren. Catro monitores -cando están todos, que tampouco é habitual – para medio cento de nenos resultan insuficientes. Tampouco se cumpren os protocolos en cuestións de uso dos espazos: os nenos entran e saen pola mesma porta cando deberían usar portas diferentes, os grupos non están separados fisicamente e nin sequera se cumpren as tarefas de limpeza impostas nesas aulas”.
Dende Somos Ribadumia somos conscientes de que os protocolos son complexos, e poden resultar cansiños ou mesmo algo incoherentes nalgunhas circunstancias. Tamén somos conscientes de que cumprir eses protocolos conleva un custe económico. Porén, se David Castro considera que os protocolos non son correctos, ou que o custe económico resulta inasumible para o Concello, o que debe facer é expresalo publicamente e dirixirse as autoridades pertinentes, pero o que non pode facer é deixar de cumprir coas súas obrigas, nin moito menos mentirlle á veciñanza e en concreto as nais e pais deses nenos.
Dende Somos Ribadumia pedímoslle ao goberno local que poña especial atención no respecto polas medidas de prevención da covid-19, que non é unha cuestión para tomarse a broma.