Incomprensible comportamento de David Castro.

  • Nega ter coñecemento dunha importante avaría na rede de abastecemento de auga.
  • Lamentamos que o apoio de David Castro as posicións esaxeradas de Cambados Pode levase a un innecesario conflito co goberno de Cambados.

   O pasado fin de semana produciuse unha importante avaría na rede de abastecemento de auga. Un problema que provocou a perda de servizo en varias zonas dos polígonos industriais de Ribadumia e Cambados, e tamén nalgunha zona de vivendas de Vilariño. Por sorte, foi posible solucionar a parte máis grave do problema con certa rapidez e ao longo dos días a situación volveu á normalidade.

Tal como explica Oubiña “ a avaría foi o suficientemente importante como para que todos tiveramos coñecemento dela, aínda que a actuación técnica evitara un corte de auga prolongado ou que afectará a todo o noso concello. E precisamente por como se xestionou a situación – con plena colaboración entre os concellos de Cambados, Ribadumia e Meis – non ten xeito nin dereito que o alcalde diga que non tiña coñecemento da avaría”. Nós non imos entrar en debates estériles nin valorar se houbo chamadas entre concelleiros de ambos concellos, aínda que  “temos moito máis que constancia de que esas chamadas se produciron, como a temos de que técnicos do Concello de Ribadumia, que non son clarividentes nin viven pegados as chaves de paso, recibiron chamadas – como corresponde – da Concelleira de Urbanismo , para atender á situación así como do seguimento que o alcalde fixo da mesma”.

No que dende Somos Ribadumia queremos afondar é na actitude de David Castro, “ que agora resulta que non traballa os domingos, nin tampouco os luns. Que iso eu créollo ben, pero o que non se cree ninguén é que non fale coas súas concelleiras, e que non se entera de nada do que acontece”.

   David Castro está levando demasiado lonxe a súa táctica de agachar a cabeza cada vez que xorde un problema e de non querer asumir responsabilidades. Dende Somos Ribadumia consideramos que esta actitude, que significou abrir unha discusión co goberno cambadés, está totalmente fora de lugar. “É evidente que David Castro non está cómodo co goberno do concello veciño, porque PSOE e Somos Cambados están facendo unha xestión, en concreto no relativo á loita contra os efectos da crise da covid-19, digna de recoñecemento, mentres que el non está facendo nada, pero un alcalde debe ser responsable nas súas funcións”.

Tamén temos moi claro que David Castro, nesta cuestión, pretende axudar ao seu homólogo Cambadés, José Ramón Abal, pero non nos parece aceptable deixar quedar mal ao noso concello por axudar as posicións esaxeradas concelleiro de Cambados Pode.

Lamentamos profundamente que as actitudes infantís do noso alcalde nos leven a facer o ridículo ante os medios de prensa, negando o evidente, e a alentar posicións de enfrontamento cos concellos veciños.  Pola nosa banda comunicámonos esta maña cos dous partidos que xestionan o goberno cambadés “para amosar a nosa vergoña allea e desculparnos pola situación, pero tamén para agradecerlle ao concelleiro cambadés, Samuel Lago, a súa rápida actuación, pois de non ser polo bypass que inicialmente realizaron dende Cambados, en Ribadumia teríamos quedado sen auga”.

Mala imaxe das xaulas de contedores en Barrantes.

  • As illas de contedores están mal organizadas, e mesmo en lugares que non proceden, e con acumulación de lixo.
  • Contedores de papel e vidro onde deberían estar os contedores de lixo orgánico.
  • Mala xestión da recollida, con contedores continuamente saturados.

   “O goberno de David Castro volve darnos unha lección de como coller unha boa proposta e retorcela ata convertela nunha chapuza soberana”.  Así o expón o noso voceiro Enrique Oubiña logo de constatar que meses despois de  que no transcurso dun pleno ordinario, en concreto o do 4 de marzo,  expuxera a mala organización das illas de contedores en Barrantes  e da colocación dos contedores individuais no rural, a situación non se corrixira, coa consecuencia de que a imaxe que ofrecen a maioría desas illas é pésima, e non solucionan ningún dos dous problemas que se pretendían limitar coa súa colocación: o desprazamento dos contedores co mal tempo e fea imaxe das agrupacións de contedores.

   Tal como se expresou no pleno, dende Somos Ribadumia sempre nos amosamos a favor de mitigar a mala imaxe das agrupacións de contedores nos núcleos de poboación, e tamén de buscar solucións para evitar que nos días de vento forte os contedores se desprazaran do seu lugar ou emborcaran, porque ademais dos problemas de salubridade créanse problemas de seguridade viaria. E por ese motivo estivemos a favor de que se investisen cartos na compra e instalación de illas de contedores e de amarres individuais.

  Co que non podemos estar de acordo é con que se fagan as cousas de maneira tan chapuceira como puidemos comprobar logo da colocación, non sen unha boa dose de propaganda por parte de David Castro, da primeira fornada destes elementos urbanos. Chega  con dar un paseo polo maior núcleo do Concello para comprobar o que decimos: ademais de que a construción das xaulas – de gusto estético máis que discutible –  se fixo de maneira xenérica provocando que nalgunhas non collan todos os contedores do grupo, e noutras sobre espazo, naquelas onde o espazo está limitado, no canto de deixar dentro das xaulas os contedores de RSU e de plástico, que ademais de ser os que peor imaxe ofrecen son os que teñen rodas e poden emborcar, meteron contedores de papel ou  vidro, que non quedan cubertos pola xaula, deixan unha imaxe peor que se non houbera xaulas e  dificultan a súa descarga no camión.  Por outra banda, os criterios do goberno local a hora de escoller a localización das illas de contedores resulta un tanto arbitraria e irregular,  de tal xeito que en pleno núcleo de Barrantes un grupo de dez contedores non conta máis que con amarres individuais para unha parte dos contedores, mentres que dun día para o outro nunha estrada sen apenas tránsito e nunha contorna rural apareceu unha illa protexendo a contedores de vidro e papel, algo que non ten xeito nin dereito, como tampouco o ten que non se priorizaran as zonas mais problemáticas, como grupos de contedoras en zonas de costa e con moito transito de coches e persoas.

   Pasa o mesmo cos amarres individuais colocados no rural. Somos moi conscientes de que non se pode dunha tacada económica poñer amarres en todos os contedores do concello, pero os que se poñan deben atender a criterios técnicos. Non pode ser que nun lugar con tres contedores de RSU e un de plástico se coloquen so tres amarres, pero ademais que se deixe sen amarrar o contedor do plástico, que é o máis lixeiro e o primeiro en desprazarse cando hai vento.

   Con todo, o máis lamentable, que nos deixa outra mostra da maneira de facer política de oposición á oposición de David Castro, é o feito de que case tres meses despois de pedirlle que se recolocaran os contedores nas xaulas e amarres para mellorar a imaxe e efectividade e tamén a xestión da recollida do lixo, non se fixo nada. Non so iso, senon que nin sequera se repararon algúns desperfectos ocasionados por golpes diversos, que non axudan na imaxe de sucidade que actualmente transmiten unhas instalacións que precisamente deberían transmitir todo o contrario.

Falta de reforzo na recollida do lixo

Toda a mala imaxe de sucidade que algunhas destas illas de contedores transmiten, vese reforzada polo abandono na xestión da recollida do lixo do goberno local, cuxos membros parecera que viven noutro concello”. Dende xa antes do inicio da pandemia, pero especialmente dende que esta chegou as nosas vidas, houbo certos cambios de hábitos que redundaron nun aumento do lixo xerado, ao que hai que sumar que nalgunhas zonas de Barrantes aumentou o número de vivendas habitadas. Como consecuencia disto, algúns grupos de contedores, con mais intensidade no núcleo de Barrantes, están constantemente saturados e co lixo acumulándose semana a semana por fora dos contedores, xerando mala imaxe pero tamén cheiros e outras incomodidades. É totalmente lamentable que o goberno local sabendo destas problemáticas, que se dan en puntos concretos do noso concello, non buscara fórmulas para solucionar estes problemas, ben aumentando a frecuencia de recollida, ben colocando máis contedores.

  E recordamos que temos o verán á volta  da esquina, e que se estas deficiencias non se solucionan, remataremos por ter un problema sanitario de primeira orde, que quizais ao noso goberno non lle preocupe moito, pero a Somos Ribadumia e a todas as familias que pagan os recibos de recollida de lixo de maneira puntual, si que nos preocupa, e moito. Por iso pedimos que  de xeito inmediato o goberno local actúe e solucione todos os problemas que o lixo está xerando no  noso concello.

                                            

O goberno de Ribadumia esquécese do Día do Libro.

  • Mentres a maioría dos concellos organizou actividades de todo tipo para conmemorar esta data, Ribadumia non fixo nada.

   En Ribadumia o Día do Libro deixou de ser unha data a ter en conta.  Oubiña comentaba esta mañá que “mentres a maioría de Concellos celebraba o Día do Libro, David Castro reuníase coa garda civil”.

  En Galicia temos tres datas principais de fomento da lectura, o Dia Internacional do Libro que se celebra o 23 de abril, o Día das Letras Galegas  que se celebra o 17 de maio e  o Día Internacional das Bibliotecas que se celebra o 20 de Outubro, e en xeral as diferentes administracións do estado, dende os concellos ata o goberno central realizan actos nestas datas, e en particular os concellos realizan todo tipo de actividades, xeralmente orientadas a promover os beneficios da lectura e xerar hábito lector  entre os nenos e nenas.

   E así era tamén en Ribadumia, ata que pasaron dous acontecementos. Por un lado que Somos Ribadumia saíra do goberno no 2019, que sen pretendelo supuxo un recorte importante nas accións de promoción de cultura en todos os aspectos, salvo nas verbenas e na festa do tinto. Por outra banda a chegada da pandemia deulle a escusa perfecta ao goberno de David Castro para matar culturalmente falando o Concello.

“O recorte nas partidas orzamentarias deste ano en cultura, que foi dun 80% – que se di pronto – pois practicamente so se mantiveron as axudas para os colectivos, xa se está notando”.  

    Prodúcenos unha enorme tristeza que o goberno local non tivera nin o detalle máis básico, como colgar unha publicación celebrando este día nas súas redes, e que renunciara a realizar actividades nesta data. Tristeza, pero non sorpresa, pois este goberno dende o inicio da pandemia matou toda actividade cultural, mantendo o auditorio pechado a cal e canto, ao  igual que a biblioteca, que so abreu fai unhas semanas parcialmente e gracias a presión de Somos Ribadumia e as queixas das usuarias e usuarios, e sen realizar apenas ningún tipo de actividade en prol da cultura en ningún dos seus aspectos .

  Dende Somos Ribadumia pedímoslle ao goberno local que recapacite sobre esta liña de actuación, porque un concello non pode avanzar sen cultura. E recordámoslle que o 17 de maio este ano cae en luns, e que a homenaxeada é Xela Arias, que foi unha recoñecida escritora, poeta e tradutora.

O orzamento de Ribadumia (II): ingresos pola vía das multas, recortes en cultura e política social, mínimas axudas ás empresas e todo para obras.

  (Nota aclaratoria: este artigo contén capturas do documento orzamentario aprobado en pleno, así como datos dos orzamentos do 2019 e 2020 . Todos os datos son reais e públicos).

  • O goberno local aumenta os ingresos pola vía das multas de tráfico e  róubanos do orzamento deste ano 30.000€ das achegas do goberno central.
  • Pobre  liña de axudas a comerciantes e hostaleiros, metidas en plans de axuda que non chegan a eses sectores.

Se deixamos de lado todo o dito no artigo anterior (accede a el premendo aquí) sobre a redacción do documento, en canto ao resto de partidas, en resume podemos facer a seguinte valoración:

  • A redución na factura eléctrica dun 70% que prometera David para este ano con respecto a 2019, de momento quedase nun 20%. Todo aforro esta ben, pero pensamos que o noso alcalde non está facendo todo o que pode, porque non era todo poñer farolas de baixo consumo.

  • A mala xestión do mantemento de parques, xardíns e espazos públicos pásalle factura ao alcalde, que se ve obrigado a disparar este ano as partidas para estas cuestións, ata o punto de que onde se mantiña todo por 3.000€ ao ano, agora fan falta 30.000€.
  • E desaparece a partida para a  compra estrela do goberno o ano pasado: a máquina de limpeza de equipos fitosanitarios, que queda no caixón.
  • A cultura baixa e o deporte queda conxelado. David Castro negouse incluso a engadir os sobrantes das partidas do ano anterior como nos lle propuxemos. É máis, desprazou 31.000€ de cultura a obras.   Volve deixar tirada á escola de música,
  • e nin sequera dotou partida suficiente para facer fronte ao descenso do Umia, nin quixo reforzar o apoio aos clubs deportivos, sabendo os problemas derivados da covid aos que teñen que facer fronte.
  • A mes e medio da festa do tinto, David Castro non sabe , ou non quere dicir,  se se vai celebrar, e bloquea 50.000€ do orzamento que poderían dedicarse a outras cuestións. Este é un exemplo claro de que o alcalde está máis preocupado polo que diga a veciñanza del que non da saúde desa veciñanza.

  • Baixan os investimentos de política social, . O goberno de David Castro reduce un 61% a partida de emerxencia social, un 50% o convenio con BATA, e a partida do CIM que tamén ve reducido o seu importe un 15%. Lamentable.

Un asunto que ocupou tempo no debate foi o reparto das axudas ás empresas e promoción económica. En Ribadumia este ano haberá tres liñas principais de axudas. Unha de apoio a empresas e emprendedores aprobada na lexislatura anterior, á que en tres anos só nos consta que se presentara unha empresa.  Pero no canto de facer modificacións, o goberno recortalle 10.000€, deixándoa en 20.000 €. En identica situación de inviabilidade está a  liña de axudas á actividade económica aprobadas no 202, que non solicitou ningunha empresa. Pero a pesar diso, sen cambiar nada nas bases de adxudicación, nin facer o máis mínimo esforzo por adaptarse aos problemas das empresas, o goberno colle os 10.000 euros que sacou da liña anterior, e sumallos a esta, para poder anunciar que pon 40.000€.  Oubiña pideulle ao goberno que deixara de enganar aos hostaleiros e comerciantes con programas de axudas que non axudan, e que sumara todos os fondos. 50.000€, á terceira liña, a de axudas da  Deputación, que so recibe 14.700€, e gracias as condición de uso exclusivo impostas polo goberno de Carmela Silva, e que son a única liña que pode ser interesante para os empresarios.

Algo que hai que remarcar é o bo traballo de recadación do goberno, que este ano ten previsto ingresar  polo concepto de multas e recargos varios 25.000€ . Só en concepto de multas o goberno ten previsto ingresar máis do dobre que no 2019.  Para Oubiña,

“Unha de dúas, ou en dous anos nos volvemos o dobre de delincuentes, ou o goberno local ten previsto colarnos un imposto revolucionario facendo  moitas chamadas ao cuartelillo. Porque esta subida normal non é”.

 Somos Ribadumia estamos dispostos sempre a colaborar e a apoiar ao goberno. Pero non podemos apoiar uns orzamentos dun goberno que engana con falsas promesas aos comerciantes, hostaleiros e empresarios do noso concello, que recorta as partidas en política social e cultura,  que so gasta cartos en obras e maquinaria e que lle rouba cartos á veciñanza. Así o expuxemos e así votamos.