Pedimos ao goberno que reforce as axudas ás entidades e colectivos.

  • Na aprobación definitiva das axudas do 2020 ao redor do 15% dos fondos para entidades culturais quedaron sen distribuír polo parón da pandemia.
  • Pedimos que eses fondos se reinvistan nas partidas deste ano.
  • Dous meses despois de que a Deputación dotase 14.700€ para apoiar de deito inmediato ao comercio e hostalería, David Castro aínda non dispuxo ningún plan de axuda.

   No pasado pleno municipal, o goberno local levou para a súa aprobación o tramo final das axudas a entidades e clubs correspondentes ao ano 2020. Un mero trámite que puxo de manifesto o  evidente, que a paralización motivada pola covid impiden que a maioría das entidades desenvolveran a súa actividade con normalidade. A consecuencia disto varias das entidades, en particular as de carácter cultural viron reducida a axuda que percibiron do Concello ao non poder xustificar a realización das actividades previstas.

   Esta parálise, e así o expuxo o noso voceiro Enrique Oubiña no pleno “que non é responsabilidade de ninguén, só da situación que vivimos, pode ter consecuencias negativas para estas entidades. Todas elas existen é funcionan gracias ao traballo altruísta das persoas que as xestionan, e unha parada  nas actividades tan prolongada como a que estamos vivindo é posible que poña fin a algunha desas entidades, e dende logo, a vista da situación que temos, comentado con algunhas desas entidades,  vai costar recuperar o ritmo de actividade”.

   Dende Somos Ribadumia, que levamos anos pedindo un aumento das partidas para colectivos culturais e sociais e para as entidades deportivas conscientes de que son moi necesarias, entendemos que os cartos que no 2020 non se entregaron debido a falta de actividade, se deben repercutir na partida deste 2021, dando así un certo estímulo a reactivación das entidades cando a situación o permita.

   E iso foi o que propuxemos ao goberno no pasado pleno. Ademais eses fondos están dispoñibles pois había que telos dotados ata a aprobación final das axudas, que tivo lugar xa dentro deste ano 2021 e polo tanto non se puideron derivar a outras cuestións. Agardamos que máis aló desta cuestión, que tería case máis un valor simbólico que económico -falamos de pouco máis de 3.000€ – o goberno de David Castro, que se nega sistematicamente a aumentar as partidas as entidades deportivas, sexa comprensivo coa situación á que se enfrontan na actualidade e corrixa a súa postura nos próximos orzamentos, pois se xa antes eran necesario ampliar a axuda a eses colectivos, agora faise case imprescindible.

Axudas ao comercio e hostalería.

Tamén agardamos que no documento do orzamento, que supostamente está previsto que se aprobe na próxima semana pero ao que aínda non tivemos acceso, se inclúa por fin un plan de axudas directas aos comerciantes, a hostalería e as pequenas empresas. Non podemos esquecer que dende o inicio da pandemia o goberno de David Castro non foi capaz de presentar, nin moito menos desenvolver ningún plan de acción concreto, salvo unha liña de crédito que, tal como advertimos dende Somos Ribadumia que pasaría, non tivo repercusión , mentres os concellos da contorna destinaban miles de euros a paliar a situación dos seus negocios con plans específicos, inmediatos e, sobre todo, efectivos. Que dous meses despois de aprobarse, aínda non se mobilizaran os 14.700€ que a Deputación dispuxo para empregar no noso concello nestas cuestións, deixa moi claro que o noso goberno é calquera cousa menos áxil, e que non ten o máis mínimo aprecio polos problemas de ducias de familias que viven unha situación complicada, que posiblemente se alongue no tempo. Dende Somos Ribadumia “volvemos insistir en que este non é ano de poñer farolas nin de andar á facer o parvo polos camiños. Temos un concello de 5.000 habitantes, enfrontados a unha situación  extraordinaria que require dunha xestión á altura das circunstancias. Débense dispor axudas, axudas efectivas, para as empresas do noso concello”.

Pedimos que se solucionen os problemas da EDAR de Barrantes.

  • Temos constancia de que a Estación Depuradora de Augas Residuais de Barrantes leva semanas emitindo cheiros, que afectan a veciños de Cambados e Ribadumia, e as persoas que pasan pola senda fluvial.
  • O goberno local, a o tanto da situación dende o primeiro momento, declarou ter realizado xestións, preguntámonos cales, pois de momento o problema persiste.
  • Pedimos a intervención de Augas de Galicia.

   A situación de cheiros na contorna da Estación Depuradora de Augas Residuais de Barrantes, que se ven mantendo dende fai semanas e afectan a un radio de mais de 300 metros da mesma, o cal inclue vivendas de ambos lados do río Umia e gran parte da senda entre Barrantes e Cabanelas, chegou a un punto inaceptable. Dende Somos Ribadumia eramos conscientes de que se estaban producindo estes cheiros, pero tiñamos constancia de que xa varias persoas da contorna se habían posto en contacto co Concello. Tamén somos coñecedores de que o goberno de David Castro informou a esas persoas de que xa se habían feito as xestións pertinentes para resolver este problema. Pero semanas despois, os cheiros seguen presentes.

   Chegados a este punto, e logo de neste tempo darlle un voto de confianza ao goberno local e á propia adxudicataria da xestión da EDAR, non nos queda mais remedio que tomar cartas no asunto. Esta mesma maña mandamos un escrito a Augas de Galicia solicitándolle , como explica Oubiña “que interveña e se ocupe de que se poña solución inmediata a un problemas que salta a vista que está relacionado coa xestión da depuradora, e tamén que mellore as medidas de control dos diferentes parámetros ambientais e de calidade do aire, para minimizar estes problemas”.

Que fixo o goberno de David Castro?

  Para Oubiña “eu tiven que tratar coa adxudicataria da EDAR na lexislatura pasada e enfrontar varios problemas similares, e algún de gravidade, como un verquido no verán do 2018, sempre con bo trato e colaboración por ambas partes, e moita dilixencia e axilidade por parte da adxudicataria. Por iso que non entendo que se dende o concello se fixeron as xestións correctas, este problema persista, e nin sequera se teña comunicado, no caso de ser algo grave e que coste tempo resolver”. Por ese motivo está mañá presentamos tamén un escrito dirixido á alcaldía solicitando copias dos escritos dirixidos as entidades con responsabilidades neste asunto así como das xestións realizadas, “porque non tería ningunha gracia que o primeiro escrito presentado ante Augas de Galicia fora o enviado onte polo goberno de Cambados, e o segundo o noso desta mañá, cando David Castro leva meses dicindo que xa se está ocupando el do problema. De ser así sería lamentable, máis aínda porque recordamos que non fai nin quince días David andaba co delegado da Xunta facéndose fotos ao lado do bombeo de Cabanelas moi preocupado segundo el polo medio ambiente.”

   En calquera caso agardamos que este problema se solucione á maior brevidade posible. Os cheiros, que supoñen un tipo de contaminación medioambiental non so afectan á veciñanza que vive na contorna e persoas que pasan pola senda fluvial, turistas e pregrinos incluídos, tamén afectan á  contorna natural, e non debemos esquecer que esta EDAR encontrase e verque no último tramo do Rio Umia, a escasos metros do limite de protección medioambiental do Complexo Intermareal Umia-Ogrove, a zona húmida máis importante de Galicia, protexida por varias figuras administrativas e cun valor ambiental incalculable.

Traballo Social pide explicacións ao goberno de David Castro polo proceso de contratación para cubrir as baixas en servizos sociais.

  • Temos constancia de que o Colexio Oficial de Traballo Social presentou un escrito esta semana debido a como se cubriu a baixa da traballadora social.
  • Existe unha lexislación para este tipo de contratacións, que o propio David Castro admitiu en pleno que non se cumpriu.
  • A baixa do educador familiar, que xa acumula tres semanas, aínda non foi cuberta nin se realizou proceso de selección.

   O estado dramático que atravesa o departamento de servizos sociais do noso concello, non so non mellora, senón que empeora, e faino gracias á lamentable xestión do equipo de goberno de David Castro. Á situación xa denunciada de abandono das instalacións, de perda de axudas económicas importantes  e de inxerencias políticas na función do departamento ata puntos de puro populismo como a entrega a domicilio de material e alimentos por parte da concelleira da área,  que nos  levou a pedir a dimisión de Sofía Núñez, agora hai que sumar a mala xestión do persoal profesional, á hora de cubrir as baixas, tanto da traballadora social como do educador familiar.

   No pasado pleno, que tivo lugar o 4 de marzo, o noso voceiro preguntou polo proceso de selección da persoa que está cubrindo a baixa da traballadora social. Tal como explica Oubiña, “o primeiro que respondeu a concelleira foi “non se puxo a dedo”, pero logo cando a concelleira de contas explicou o proceso resultou que contrariamente ao expresado por Sofía Núñez,  si foi escollida de maneira directa, o cal ademais é  ilegal”.

  E non é algo que digamos dende Somos Ribadumia. Esta semana tivemos constancia de que o Colexio Oficial de Traballo Social presentou un escrito no concello preguntando por como se realizou a contratación desa persoa, que xa leva no concello dous meses. Non é unha cuestión menor. “A selección de todo o persoal, sexa funcionario ou laboral, debe realizarse de acordo coa oferta de emprego público, mediante convocatoria pública e a través do sistema de concurso, e cando corresponda oposición ou concurso-oposición libre nos que se garantan, en todo caso, os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade. Ningunha destes principios se cumpriu na contratación da persoa que suple á traballadora social”.

Mentiras e malas escusas.

Ademais,  a suposta urxencia de non paralizar o servizo nin un día – como se ao longo do ano non se deran períodos de varios días sen todo o persoal presente, ben por outras baixas ou vacacións-  escusa coa que o goberno de David Castro xustificou  no pleno esta contratación irregular, non se sostén, nin sequera co suposto dun caso concreto que segundo o goberno houbo que atender de urxencia pola falta da traballadora social, algo que ademais resultou ser unha falsidade. “Si foi certo que ANTES  de que a traballadora social caera de baixa, houbo un caso que o goberno local , a través – oh casualidade – da secretaria do alcalde,  xestionou puenteando o departamento local de servizos sociais,  e pedindo axuda aos servizos sociais doutros concellos da comarca, axuda que rematou logrando gracias a intercesión de Gonzalo Durán en Vilanova, algo que hoxe sabemos gracias ao entorno da  propia familia afectada”. Pero se xa ese feito tal como aconteceu  é grave polo que da a entender da xestión de David Castro, tamén  resulta totalmente inaceptable como escusa. Non se pode de ningunha maneira nin con ningunha escusa  xustificar unha actuación ilegal, algo que o alcalde e encirra en non entender, á vista destes feitos e doutros denunciados en días pasados.

  A realidade, con todo, é que xa van dous meses dende que a traballadora social colleu baixa, e o proceso para cubrila de maneira correcta e, sobre todo, legal, non se realizou, estando ese posto ocupado por unha persoa designada a dedo, o cal coloca ao goberno local na ilegalidade. Se a iso sumamos que a praza de educador familiar tampouco se cubriu ,e que o departamento de servizos sociais está baixo mínimos, faise evidente  unha vez máis  que David Castro está totalmente desbordado polo goberno, e é incapaz de xestionar as cuestións máis sinxelas.

  Dende Somos Ribadumia imos seguir moi de preto este asunto, por se fora preciso tomar outro tipo de medidas. Pero “o noso ánimo e construtivo, por iso  pedimos a David Castro que se deixe de comportamentos infantís e de formatos políticos doutra época xa caducada, e asuma a xestión do concello atendendo a legalidade e aos principios de transparencia e igualdade imprescindibles na sociedade actual e que foron condición para que o apoiaramos no  seu momento. Ademais, non precisa da nosa axuda neste tema, o persoal municipal está perfectamente capacitado para xestionar correctamente as contratacións, e en caso necesario o propio Colexio de Traballo Social presta asesoramento e mesmo se ofrece a facilitar un modelo de bases de selección para facer un proceso garantista, público e transparente, que é como debe facerse, con máis razón nunha entidade pública”.

Pedimos que se realice unha posta a punto dos paseos fluviais do Concello.

  • Detectamos que hai moitos elementos de madeira deteriorados e nalgún caso con puntas metálicas ou aristas que poden provocar cortes e feridas.
  • Ante a proximidade da Semana Santa pedimos que se proceda de xeito inmediato á reparación e condicionamento do noso maior expoñente turístico.
  • Agradecemos á Marta Xiraldez a corrección dos taboleiros informativos colocados pola Mancomunidade.

   En vésperas da Semana Santa, dende Somos Ribadumia realizamos un chequeo das nosas sendas fluviais, tanto da Ruta da Pedra e da Auga, como da senda fluvial do río Umia, que transcorre entre Barrantes e Pontearnelas. 

  A situación na que se encontran lamentablemente non é moi distinta da que denunciamos en xullo de 2019, fai máis de ano e medio, nin se nota que dende aquela se realizaran moitas labores de  mantemento, salvo cortes de herba e podas esaxeradas e innecesarias. De feito, parte do mobiliario deteriorado segue no mesmo punto que cando o denunciamos por escrito, aínda que en peor situación, e outra parte unicamente foi retirado, sen ser substituído por material novo. En verbas do noso voceiro “David Castro no canto de atender ao necesario fai perder o tempo dos traballadores municipais en accións innecesarias e negativas para o entorno, empeorando a mala imaxe que estes espazos acumulan dende o verán do 2019”.

Deste xeito, tal e como vimos denunciando ao longo destes meses, percorrendo todas as sendas encontramos elementos de madeira e taboleiros informativos rotos, vallas, papeleiras, mesas… algúns tirados de calquera maneira, outros supoñendo un perigo pola presenza de puntas descubertas ou bordes cortantes,  e en xeral unha falta de coidado do mobiliario urbano moi evidente para calquera que pase por esas sendas. “E pasa moita xente, pois o bo tempo está favorecendo a práctica do deporte ao aire libre entre a nosa veciñanza, así como a visita de persoas doutras concellos da contorna e do resto de Galicia, que xa esta pasada fin de semana deron moita vida tanto á ruta da pedra e da auga como a senda fluvial do Umia”.

 Mala imaxe para o turismo.

  Chama a atención que a pesar disto, David Castro “pretende dar unha imaxe irreal do noso concello, chegando a situacións algo surrealistas, como cando este pasado lúns o goberno local subiu ás redes do Concello unha foto da ruta da pedra e da auga feita fai anos, recén aberta ao público, e tan mal escollida que houbo veciñas que pensaron que se instalara mobiliario novo”. Detalles quizais sen importancia para os que vivimos en Ribadumia, pero que deixan mal sabor de boca na xente que nos visita, que agarda encontrar unha ruta bucólica, con espazos para o esparcemento coidados, pero encontra algo moi distinto, con evidentes signos non xa de abandono, senon de moi mal coidado, o cal é aínda peor.

  Resulta lamentable que ante o inicio da tempada turística, e sendo coñecedores da alta carga de visitas que reciben estas sendas dende o inicio da primaveira calquera ano,  o goberno local aínda non mobilizara as cuadrillas municipais para darlle unha revisión e poñer a punto o noso espazo máis turístico.

Por todo o exposto, pedimos a David Castro que se dea unha volta pola ruta da pedra e da auga, comprobe por si mesmo a situación na que se encontra, para que non lle pase como no pasado pleno que estivo mais de media hora dicindo que se habían retirado todos os restos de poda ata que Oubiña lle amosou fotos desa mesma tarde obrigándoo a rectificar, e que dedique recursos e persoal de maneira inmediata a por en valor o noso  ben turístico mais visitado.

Agradecemento á Marta Xiraldez.

  A quen debemos agradecer a súa boa actuación é á presidenta da Mancomunidade, Marta Xiraldez. Fai unhas semanas denunciabamos que un dos paneis colocados recentemente pola Mancomunidade non incluían a lingua galega. Vimos de comprobar como en días pasados o taboleiro foi cambiado por outro que si inclúe a lingua galega, ademais do castelán e o inglés.

Polo tanto debemos agradecerlle non so a corrección, senón a premura a hora de realizala e o coidado amosado polo uso da nosa lingua no taboleiro, non so nos textos, se non usando correctamente as denominacións tradicionais onde corresponde, axudando así á conservación da nosa cultura tradicional.

Deixamos aquí unhas escolma de fotos feitas o pasado martes, 23 de marzo de 2021, que deixan ben claro cal é a situación das nosas sendas fluviais.