Estamos preocupados pola situación no xeriátrico.

  • Apenas  hai información e os datos son confusos.
  • Preocúpanos a vida das persoas e a situación laboral dos traballadores de DomusVi e os trasladados do SERGAS.
  • O alcalde, que mantén o seu silencio cómplice, nin está  nin se lle espera.

   A situación no xeriátrico de Ribadumia é máis  preocupante cada día que pasa. Os últimos datos aportados – no momento de redactar este artigo – falan de 73 residentes contaxiados e 29 traballadores. Esta semana reportáronse ademais, por desgracia, as primeiras 4 defuncións.

  Dende Somos Ribadumia queremos deixar constancia da nosa preocupación por como se está xestionando a situación do xeriátrico ribadumiense. Unha vez que a Xunta se fixo cargo era de agardar un confinamento estrito que puxera coto aos contaxios, pero estes suben case cada día. Ademais os datos aportados pola Consellería chocan con outras informacións que aportan familiares e persoal sanitario e que fan sospeitar que posiblemente a situación sexa máis grave do que se están contando. Por ese motivo o primeiro que queremos pedir dende a nosa formación é que a Consellería clarifique a situación neste centro. Tamén nos gustaría que se explicara o motivo de que se  trasladen persoas dende o xeriátrico ao hospital do Salnés, cando nese hospital non hai UCI, e cal é a situación dos pacientes trasladados a outros centros.

   Por outra banda estamos tamén moi preocupados –  e queremos ademais resaltar esta cuestión, posta en dúbida polo alcalde e algunha concelleira de IR nunhas moi lamentables e falsas afirmacións durante o pleno pasado –  pola situación dos traballadores e traballadoras do xeriátrico, tanto os habituais como o persoal trasladado polo SERGAS. Temos constancia de que a situación de saturación no centro é dramática, de que hai carencia de medios e persoal, con persoas dobrando quendas, co esgotamento acumulado e nunha situación médica moi lonxe de estar baixo  control. Queremos remarcar que as persoas que traballan nos centros xeriátricos, ao igual que o persoal do SERGAS ,non son responsables da situación que se está vivindo nin no xeriátrico de Ribadumia nin noutros do noso país. Os responsables son, nun primeiro momento as direccións das empresas xeriátricas e quen lles permite certas practicas – o goberno da Xunta -, e agora os xerentes  das áreas sanitarias e os responsables políticos,  que son os que dispoñen os medios humanos e materiais para facer fronte a esta situación, e son eses responsables os que deben dar as pertinentes explicacións e responder pola súa xestión.

  No que respecta a xestión  dende a política local, seguimos abertos a colaborar co goberno de David Castro naquilo que sexa preciso para, dende as limitadas capacidades municipais, poder axudar a mellorar a situación no noso concello. Pero non podemos obviar que  David Castro  segue mantendo un silencio cómplice coa Xunta do PP e coa dirección de DomusVi, e que se está gardando de  amosar publicamente a máis mínima preocupación por esta cuestión e por como se está xestionando dende a Consellería.  Lamentamos que a pesares das habituais conversas que se supón que mantén coa Xunta – ao igual que o resto de alcaldes da comarca – garde absoluto silencio e non aporte información actualizada nin á veciñanza nin aos voceiros das forzas políticas, aos que nin se molesta en convocar na mesa de seguimento da covid-19,  e todo mentres dedica o seu tempo a viaxar a outras comunidades para asistir a partidos de fútbol. Dende aquí queremos recordarlle que o feito de non ter competencias non quere dicir que non teña responsabilidades, e que a súa primeira obriga é estar do lado da veciñanza, o cal inclúe aos residentes do centro xeriátrico e aos seus traballadores así como do resto do Concello, e como mínimo requirir da Consellería de Sanidade que aporte datos fiables de cal é a situación da nosa veciñanza e do centro xeriátrico, situación que ademais nos mantén en código vermello, coa incerteza do que poida pasar nos próximos días. A este respecto os concellos veciños manteñen actualizados os datos municipais de xeito diario, mentres que o único que o noso alcalde aportou a esta cuestión foron caatro minutos nunha máis que discutible rolda de prensa,.

  Dende Somos Ribadumia queremos aproveitar para lanzar unha mensaxe de tranquilidade, pero tamén da necesidade de manternos dentro dos parámetros da responsabilidade colectiva, para poder permanecer  dentro dunha situación de relativa calma, e evitar que a situación derive en medidas máis estritas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s